02/06/2009

TEMPO DE NADAL




Neste tempo que celebramos o nacemento de Xesús, estamos acostumados á representación deste feito por medio dos beléns, tanto no ámbito pública como no ámbito privado. ¡Como adiantabamos os Reis Magos a ver se chegaba a noite do día 5!
Por certo, a introdución destas representacións ten a súa orixe en Nápoles, e foi Carlos III -antes rei de Nápoles_ quen impulsou entre a aristocracia estas representacións. Artista destacado na elaboración das figuras foi Salzillo a quen pertence o misterio da imaxe superior. 
Pero agora imos centrarnos nas iconografías pictóricas dos temas relacionados có nacemento e infancia de Xesús que teñen sido moi habituais na pintura occidental. Tratan os distintos episodios: Anunciación, Encarnación, Anuncio ós pastores, Natividade, Adoración do Neno, Adoración dos Reis Magos, Fuxida a Exipto, Presentación no templo, etc.
Existen, sen embargo, dous modelos iconográficos pouco empregados, quizá porque resultaban demasiado "humanas". Foi a partir do Concilio de Trento, gran impulsor do culto mariano, cando ambas representacións se prohibiron de xeito que as existentes nos altares houbo que retiralas.
  •  As Virxes encinta, denominadas Virxe do Parto ou coas advocacións de Nosa Señora da O, da Esperanza, da Cinta, da Espera, da Expectación. Moitas igrexas teñen tallas da Virxe con esta advocación de orixe medieval.
Adoita estar acompañada de anxos e sinalar coa man dereita o seu ventre. Aquí tes dous exemplos de pintura italiana, a primeira de Piero della Francesca e o segundo de Tadeo Gaddi.




En España aparecen a miúdo en tallas como imaxe devocional, como esta da dereita, que se encontra en Baiona e a quen se encomendan as mulleres que desexan quedarse embarazadas.
Existe outra iconografía moi curiosa, procede dos iconos e mosaicos bizantinos, a Virxe Blachernitissa cunha aureola no ventre presentando o Neno como signo da súa maternidade. Abaixo podes ver un mosaico da basílica de San Salvador de Cora en Turquía.


Deste xeito encontramos imaxe da Virxe encinta que presenta no seu ventre unha pequena imaxe do Neno (abaixo á dereita, imaxe de Castilleja de la Cuesta, Sevilla9. Noutras ocasión alúdese a el por medio dun disco solar en alegoría de que será quen vai iluminar o mundo (abaixo á dereita, Catedral de Valencia).



  •  As Virxes aleitando o Neno, ou Virxe do Leite. É un modelo iconográfico de orixe bizantina denominado Galaktotraphousa
Estes exemplos que seguen corresponden a Jan van Eyck e a Miguel Anxo.

Ademais de imaxes illadas, aparece inserta en representacións evanxélicas como na Sagrada Familia ou na Fuxida a Exipto que inclúe a denominada Virxe do repouso -abaixo, obra de Patinir-, ou en compañía de santos


O Concilio de Trento que impuxo a idea de pudor nas imaxes, non impediu que a advocación iconográfica se mantivera pero si que se amosara o peito. Tal é o caso desta representación de Luís de Morales ben distinta da de Bartolomé Bermejo.



Pero volvamos ó tema que nos ocupa, a celebración do grande episodio que se conmemora no Nadal: a Natividade. As fontes son os Evanxeos, particularmente o relato de San Lucas, e, sobre todo, os Apócrifos dos que proceden elementos como: a cova e o pesebre (o que fai pensar nunha corte non nunha cova); o boi e o asno; a luz celestial (primeiro como estrela no ceo e logo emanando do propio Neno, o que lle da un significado engadido: Xesús trae a luz ó mundo); os anxos que entoan o Gloria; os pastores coidando o gando e acercándose a ver o prodixio e as parteiras que foi buscar Xosé.

 Se ben as representacións escultóricas son escasas, as pictóricas son moi abondosas
Nosa Señora de Poitiers

San Trófimo de Arlés

En calquera caso hai trazos que se repiten dentro dunha iconografía moi estable e tamén variantes, miremos algunhas dentro dos compoñentes básicos.
  •  O Neno, pode estar espido ou envolvido en cueiros dentro dun pesebre ou no chan, sempre centrando a composición. En todo caso o que se subliña é a pobreza. A luz que emana, ou ás veces a aureola que o rodea, é simbólica pero serviu a moitos pintores para o tratamento do claroscuro.


  • A Virxe, nova e doce, adoita estar de xeonllos en actitude orante ou sentada, co Neno en brazos, se ben houbo representacións nas que aparece deitada na cama (fórmula siríaca, a única que amosa a incidencia do parto). Pero son as dúas primeiras as que remataron por impoñerse a partir do s. XV, pois así se facía fincapé en que o nacemento non produciu danos físicos en María. Este modelo que se configura como Adoración no pesebre, arranca das visións de Santa Bríxida de Suecia. Compara estas dúas imaxes.
  • San Xosé, moito maior que María, queda en lugar secundario ou o seu tamaño se ve reducido por mor da perspectiva xerárquica. Incluso non estaba presente nas primeiras representacións. Pode aparecer ademais durmido, pois será no soño cando o anxo o avisa sobre o perigo de Herodes. Outras veces está pensativo cunha actitude melancólica nunha esquina ou coas parteiras, que non chegaron a ser necesarias, sorprendido diante do que acaba de suceder.
    A partir da Contrarreforma adquire un papel mais relevante.

Mais raras son aquelas representacións nas que Xosé participa nas tarefas do que acontece, pero encontramos algúns casos nos que o vemos colaborando coas parteiras na preparación do baño, portando unha vela para iluminar a noite, entregando ó Neno á súa nai ou moi raramente atendendo a María, coma neste capitel do claustro da catedral de Tarragona.




  •  As parteiras, que segundo os evanxeos apócrifos, particularmente o Pseudo Mateo, foi chamar Xosé cando viu que se producía o parto. O seu papel limitouse ó baño do Neno recén nacido. Serían suprimidas das representacións da Natividade ó  se impoñer o modelo de Adoración e ser suprimidas polo Concilio de Trento.

  • O lugar do nacemento é un alpendre, gruta ou cortes habitualmente medio derruído como símbolo da decadencia do mundo antes do nacemento de Cristo. Co tempo os artistas adoptaron construcións da propia época dentro dun marco máis urbano.
    É común que sexa de noite polo que ás veces San Xosé aparece cunha vela ou un candil como xa comentamos.
  •  
  • E como complemento os dous animais, o boi e a mula que deron calor ó Neno. Certo que se trata tamén dun elemento tomado dos apócrifos e que como nos di o papa Benedito XVI non estaban presentes no lugar. Dun lugar próximo ó Neno e case tamén en  actitude de adoración pasarán a ser relegados a un segundo plano alleos ó que acontece.
  • Os pastores que durante a noite coidan do gando, son sorprendidos pola luminosidade do anxo que lles anuncia a boa nova. Acoden adorar o Neno, en moitos casos xa de día pois a Luz xa chegou ó mundo.

Con todos estes elementos, personaxes e motivos, cada artista recrea a escena ó seu xeito de modo que paisaxes, arquitecturas ou vestimentas non teñen nada que ver coa Palestina de comezos da nosa era.



Outro dos temas clásicos é a Epifanía ou Adoración dos Reis Magos basado no relato ¡unhas tres liñas!- de San Mateo e nos Apócrifos. Epifanía significa a manifestación de Deus encarnado, a primeira de todas, por iso tivo especial difusión a partir do século V.

A representación máis antiga é a a que vemos arriba, nas catacumbas de Priscila datables no  século III a.C.. Como podes ver aínda non se presentan coma reis, serían magos que portan ofrendas. Aínda non se diferencian as idades

Os Reis serían astrólogos, seguramente persas, que seguiron aquela estrela (¿conxunción de Saturno e Xúpiter que tivo lugar no 7 a.C.?). O primeiro artista en representar a estrela é Giotto na representación da escena na Capela Scrovegni -á esquerda-.
Das ofrendas que se citan deduciuse que eran tres, pero nos primeiros tempos o número aínda non estaba fixado polo que moitas veces aparecen só dous e nalgunha ocasión son catro. Os Apócrifos citan os nomes de Melchor, Gaspar e Baltasar e no s. XV atribuíronse as idades de 60, 40 e 20 anos. Tamén é tardía a representación de Baltasar como negro, ben entrado o s. XIV. En todo caso, este número de tres, enlazaba moi ben coa idea da Trindade, coa tres idades do home, coas tres partes do mundo entón coñecidas (Europa, Asia e África), polo que o valor simbólico quedaba claro. Observa que houbo logo algunha representación con Gaspar como amerindio.
Inicialmente visten roupas orientais e gorro frixio, como neste mosaico de San Apolinar Novo do s. VI -á dereita-, onde xa se marcan as diferencias de idades mais ningún é negro, a partir da arte románica comezan a levar coroa.
Van acompañados dun luxoso e exótico séquito no que a imaxinación dos artistas voa en liberdade, e fan entrega de tres presentes: ouro (realeza de Xesús), incenso (a súa divindade) e mirra (a súa morte). Poden ser portados en bandexas, cofres ou copas que son depositados ós pes do Neno que repousa nos brazos da Virxe e os bendice.
Nun  principio figuraban de pé, mais cando se asimilaron a reis e non tanto a magos, van coroados e, o primeiro xa axeonllado, mentres os demais esperan o seu turno cos seus presentes nas mans. O feito de axeonllarse é moi relevante simbolicamente, pois a pesar de ser reis coroados aceptan o Neno como Rei de Reis e a el se someten.
Se este tema domina na pintura, tamén a encontramos na escultura coma neste relevo dun capitel da igrexa de Santo Tomén en Zamora: un espazo reducido pero no que o canteiro logra adaptar todas as figuras. 
¡Ah! de novo resulta divertida a actitude de Xosé. Mira como nesta representación de Luca di Tomme -Trecento italiano- o pobre carpinteiro está especialmente intrigado polo que poida conter o regalo, ábreo para curiosear, ¡seguramente nunca vira tales cousas!






 Non podía deixar de escribir sobre os reis Magos sen engadir esta peza, un capitel no que un anxo ven espertar os Reis para que sigan a estrela. Pertencente á  San Lázaro de Autum, resulta un verdeiro prodixio de creatividade e de inxenuidade na súa representación que debemos ó mestre Gislebertus que o labrou a principios do século XII. Observa a delicadeza da man do anxo tocando cun só dedo a man dun dos magos.


Un dos derradeiros temas introducidos foi o Anuncio ós pastores, se ben temporalmente o feito é anterior á chegada dos Reis Magos. En todo caso, non foi demasiado utilizado como tema separado. Aquí vemos dúas mostras: Jacopo Bassano (1533) e Rembrandt (1634).





0 comentarios:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir