06/05/16

ENTRE LIBROS


¡Cantas historias nun libro!. Entramos nelas cando o lemos pero tamén xorden do propio libro cando se emprega artisticamente como esta escultura en metal de David Kracov, A árbore da vida, adicado ós nenos salvados do desastre nuclear de Chernóbil (1986).
Se botamos unha ollada sobre o panorama da arte contemporánea, onde tantas novas fronteiras se teñen aberto, encontramos artistas que non só empregan os libros como fiestra da imaxinación, os utilizan como soporte das súas obras ou os reinterpretan engadindo outros materiais.
Nestes tempos do ebook, o libro físico transformado adquire outras significacións nestas reciclaxes artísticas. 

Admirable resulta o traballo de Lorenzo Perrone. Tratando o libro con xeso, auga, pegamento, pintura e distintos elementos engadidos o transmuta nunha materia prima da que desaparece o peso das palabras e da súa semántica, mantendo sen embargo a forma primaria.
Con esta materia configura unha escultura simbólica e significativa á marxe da escrita baixo a denominación de Libros Blancos. A significación non deriva pois da escrita senón do concepto esculpido, unha historia sen palabras




Un xeito ben diferenciado é o empregado por Alicia Martín, neste caso os libros compoñen a escultura, ubicados  nun lugar descontextualizado. Non importa o contido, é dicir que o libro resta coma un obxecto recoñecido universalmente pola súa carga simbólica pero agora reducido a un elemento construtivo das súas instalacións. O resultado é, diante de todo, de carácter conceptual: forman cascadas, inundan as rúas, arremuíñanse, brotan polas fiestras ... 
O libro é testemuña do paso do tempo, das ideas, son símbolo da memoria, da acumulación do saber que desborda calquera límite da razón





Se nas esculturas de Alicia Martín semella dominar o caos, nas obras de Matej Kren predomina a orde, sexa nas obras de pequeno formato sexa nas grandes instalacións realizadas con centos de libros empregados como perpiaños. As combinacións de luz e de espellos,  amplían o espazo ata o infinito -caso da torre Idiom- ou o fragmentan -Gravity Mixter-


Outro modo de empregar os libros é esculpíndoos. Se o tradicional era a escultura en madeira, mármore,  ferro, terracota, bronce,..., agora é o mesmo libro ou o conxunto de libros o que recibe a talla

Guy Laramée sérvese dos libros como materia prima para esculpir paisaxes de marcadas formas topográficas. Os libros, habitualmente grosos tomos de enciclopedia, permanecen pechados, non interesa o seu contido nin o seu significado, o que o artista procura é un soporte desde o que dar forma, tallando coma se dun madeiro se tratara, por subtracción, a toda unha serie de formacións naturais: montañas, vales, illas, covas,.. Pero que tamén actúan como un símil segundo el mesmo explica " son montañas de coñecemento que retornan a ser o que realmente son: montañas". De feito adoita empregar libros vellos, abandonados, que fisicamente desaparecen reconvertidos en realistas esculturas.




Kyle Kirkpatrick, talla o libro para compoñer paisaxes que completa con figuras en miniatura

 
Brian Dettmer, coñecido como o ciruxián de libros polos instrumentos que utiliza, esculpe minuciosas e complexas esculturas, fantásticas creacións.


Algo parecido resulta o traballo de Kiylie Stillman. Sobre libros ordenadamente colocados en pía e polo lado das follas esculpe de xeito invertido delicadas figuracións, habitualmente árbores, plantas e aves, cun punto de conexión coa arte xaponesa. En certa medida conteñen unha metáfora, os libros volven acoller aquelo que foi a súa orixe: as árbores e con elas as aves que os visitan..




Mike Stilkey emprega os libros de expurgo -os lombos e as tapas- coma un lenzo sobre o que pinta directamente. O primeiro paso ha ser configurar o lenzo -os libros- de acordo coas imaxes a pintar ... Observa que os libros non se ocultan, as pías quedan visibles, sen transformar, tal e como se foran en si mesmas unha escultura.
As súas obras precisan dun longo proceso de montaxe pois algunha das súas instalacións destas pintura-esculturas acada os 7 metros e mais de 3.000 libros. As pinturas teñen un punto surrealista e onírico conectas co Expresionismo alemán


Stephen Doyle conserva a palabra escrita nos fragmentos de liñas extraidos das páxinas para as súas esculturas de papel. Toda unha combinación de corta e pega para construír unha metáfora visual do contido do libro, un documento hipertextual



Ragnhildur Johanns, recortando e recompoñendo traballou dúas series con libros como material primario, as denominadas Poemas esculturais e Poesía visual. O poema non está no texto, estamos diante da súa visualización, se ben os fragmentos extraidos do libro teñen tamén significación, distinta da orixinaria, non se trata de facer unha lectura textual, é o propio obxecto o que transmite a poesía.



Unha técnica empregada por moitos artistas do papel é a dobraxe das follas do libro, como nos origamis, para configuras formas escultóricas. Luciana Frigerio e Isaac Salazar dobran as follas para realizar palabras e formas simbólicas




Daniel Lai emprega unha técnica similar pero cun obxectivo diferente:construír unha escena onde aparece un característico e simplificado personaxe en barro. As situacións representadas teñen que ver co contido do libro, que é utilizado, dobrado do xeito adecuado, como marco e soporte da acción







Cara Barer traballa igualmente alterando os libros de xeito poético e formas estéticas. Os libros transfórmanse en esculturas fermosamente fotografadas -pois é unha mostra efémera-. Tamén realiza esculturas de libros en bronce e cera



Para ir rematando, debemos tamén facer referencia a aquelas obras que fan saír os personaxes dos libros, como se fose un pop-up en papel. Por medio do recorte, ilustracións e palabras forman un collage que como se escaparan do seu soporte transmite visualmente o contido textual do libro, habitualmente contos clásicos.

Agora si, pechamos con suxerentes pinturas nas que o protagonista é o libro.
Surrealistas e fantásticos lenzos de André Martins de Barros. Son os libros os que conforman a figura, como se os libros se humanizasen (¡boa conexión con Arcimboldo!). Son figuras de libros que len libros, todo un paradoxo.


Igualmente surrealista, Vladimir Kush, con claras referencias dalinianas, constrúe verdadeiras metáforas, neste caso co libros como protagonistas.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir