06/05/12

LICHTENSTEIN, Nu con pirámide

Exposición da Fundación March. O caballete xiratorio inventado polo propio autor

CATALOGACIÓN

Lenzo realizado por Lichtenstein en 1994, uns anos antes da súa morte. Emprega óleo e acrílico, da marca Magna que sempre utilizou, xunto con resinas e vernices. Nos anos 90 traballa na serie de interiores baleiros (Interior) sacados de páxinas de publicidade e a mediados da década nos nus femininos, como nesta obra que nos ocupa, tomados de  cómics románticos dos anos 60.

Deconstrúe a  imaxe e desnuda as mulleres, pois loxicamente no cómic a muller aparecía vestida (mira o exemplo). Recordemos que o tema do nu é un tema emblemático dende o Renacemento na arte occidental.
Aínda que tamén realiza esculturas e murais, Lichtenstein é fundamentalmente coñecido como pintor e debuxante. A súa obra enmárcase dentro do movemento Pop americano, sendo con Warhol un dos artistas mais significativos.
Nos seus comezos como artista, achegárase ó Expresionismo Abstracto para abandonalo nos anos 60 polo Pop Art. Look Mickey é a súa primeira obra pop, na que xa amosa o gran protagonismo que terán a publicidade e as viñetas de cómics. El mesmo chegou a afirmar:
O debuxo é un xeito de describir os meus pensamentos da forma mais rápida. Os cómics parecen ter todo o que preciso para facer debuxos modernos
Construirá a súa imaxinería apropiándose e reproducindo a grande escala viñetas -de feito comezou inspirándose nas dos papeis de envolver goma de mascar-, publicidade e obras clásicas de artistas de renome (Hommage à Picasso, A habitación de Arlés de Van Gogh ou a serie da Catedral de Rouen de Monet). Inclúe tamén na súa iconografía as mulleres -nunca empregou modelos, son mulleres inventadas-, as paisaxes de solpor, as pinceladasindividualizadas no centro do lenzo, como una especie de revisión irónica do Expresionismo Abstracto, e as habitacións baleiras. Case todos os motivos son copia doutros de distintas procedencias, polo que en certa medida se pode falar de que a súa obra é un ready-made elaborado a partir de reproducións bidimensionais non de obxectos reais.
Dende o primeiro momento incorporará os puntos, que realiza cunha plantilla de metal (técnica do estarcido) na busca da impresión de reprodución feita por medios industriais.

CONTEXTO

......


ANÁLISE

A obra representa un interior abigarrado, supoñemos que un dormitorio porque vemos algúns dos mobles: un escritorio e unha cama. Nas paredes hai unha pintura con dúas pirámides sobre o cabeceiro da cama, posiblemente obra do propio Lichtenstein, e un espello no lado dereito. No ángulo superior dereito, un bocadillo de cómic invertido e parcial que imposibilita a súa lectura. Podería estar en relación coa serie de reflexos que empezara a facer nestes anos 90 ou tamén é posible que todo o conxunto sexa unha ilusión ou o reflexo nun espello, tema este ben tradicional da historia da arte (revisa o tema nesta entrada).
Nese apertado espazo dúas mulleres, unha case de corpo enteiro e espida porta na man esquerda un floreiro, da outra só vemos un fragmento do seu rostro no ángulo inferior esquerdo, mirando ó espectador. Están tratadas coma se fosen esculturas, especialmente a muller da dereita: hierática, nun movemento detido e sen expresión. Malia que habitualmente renunciou ao claroscuro, nestas derradeiras obras suxíreo por medio da diferenciada saturación dos puntos que transgreden os contornos das figuras (mira o debuxo preparatorio co sombreado). A súa idea non é simular as sombras con precisión, senón simbolizar a convención do claroscuro, sen pretender dar lugar a un efecto escultórico crible, mostrándoa para falar dos problemas da percepción. Un motivo que en realidade está presente en toda a súa obra:
Nos meus nus quería mesturar as convencións artísticas que parecen incompatibles, como o claroscuro e as cores locais, e ver que era o que acontecía. (...) Os meus nus son en parte sombra e en parte luz, e tamén o son os fondos, con puntos para indica-la sombra. Os puntos tamén son graduais, de mais grandes a mais pequenos (...) Non sei porque elixo corpos espidos. Nunca os fixera antes, pero pensei que o claroscuro quedaría ben sobre un corpo. E nos meus nus tamén existe unha pequena suxestión á carne e ás tonalidades da pel que ca súa irrealidade tratan de suxerir a separación entre o real e a convención artística. En lugar de nus, as imaxes poderían ser naturezas mortas (...). De feito, o primeiro traballo nesta liña foi unha natureza morta.

Esta sensación de irrealidade consciente, que incide na bidimensionalidade do cadro sen procurar a ilusión de profundidade, ten que ver por un lado coa elección dos motivos dos temas a partir de representacións da realidade, que non da realidade, (dende revistas a todo tipo de reproducións en dúas dimensións) e tamén co seu interese pola pintura abstracta, como a de Frank Stella, que buscaba a linguaxe pura da arte en si mesma, descartando toda procura de ilusión de realidade:
Tódolos meus temas son bidimensionais ou polo menos, veñen de medios en dúas dimensións. É dicir, incluso cando pinto unha habitación, é unha imaxe dunha habitación que teño dunha revista de mobles ou dunha guía telefónica, que son medios bidimensionais. Isto ten sentido a partires de pinturas de artistas abstractos como Frank Stella (...) nos que o importante era a pintura en si mesma convertida en obxecto, en cousa, como unha escultura e non como unha ilusión de algo mais. E todo o que tentei dicir ata agora na miña obra é moi semellante: incluso se o meu traballo parece describir algo, é esencialmente a imaxe dun piso en dúas dimensións, un obxecto
Delimita as formas por liñas negras moi definidas e con distintos grosores -diferencia entre os beizos e o cabelo-, do mesmo xeito que trazos negros definen os detalles internos das figuras e dos obxectos. En consecuencia as figuras quedan contidas entre bordes nítidos o que acentúa o seu carácter inanimado.


Pinta servíndose de recursos gráficos diferenciados, fundamentalmente puntos, os máis visibles, e raias. A técnica das tramas de puntos, coñecidos como puntos benday, foi un método de sombreado rápido creado no ámbito da imprenta por Benjamin Day para reproducir ilustracións con cores intermedias e sombreados de xeito económico porque emprega só catro cores. 



Lichtenstein gradúa a tonalidade da cor dos puntos para suxerir luz e sombra, e volume, engadindo as liñas diagonais e paralelas para reforzar o modelado por claroscuro.
Só determinados elementos, como as flores ou os mobles, están coloreados por igual en cor plana dentro das liñas que os configuran. Así sucede co vermello, amarelo -ámbalas cores primarias- e branco das tres flores, que destacan limpamente en medio do entramado de puntos e raias. A sensación cromática dominada polos azuis xunto cos grises, negros e marróns, reforza a frialdade da obra, pese ós únicos toques de cor vibrante do floreiro e dos cadros da parede. Trátase sempre de cor plana cun acabado liso e brillante, conseguida grazas ós pigmentos industriais e sintéticos utilizados.
Se a temática resulta intranscendente, a técnica é verdadeiramente novidosa e orixinal. Partía dunha imaxe seleccionada que logo proxecta e copia no lenzo, para conformar por adición de tramas coloreadas un collage xigante. Resolta a composición e os encadres ó seu gusto, volve a fotografar e proxectar, para agora elaborar manualmente coa axuda de plantillas a obra final. Mestura pois, técnicas industriais e artesanais, as máquinas e a man do artista combínanse nu proceso artístico verdadeiramente laborioso.
Esta laboriosa técnica define o seu persoal estilo que o fai moi recoñecible a simple vista xunto cos motivos da cultura pop,  e a súa imitación consciente dos acabados propios do deseño industrial. Mais, a diferenza de Warhol que emprega medios semiautomáticos como a serigrafía, o traballo de Lichtenstein xoga coa falsidade da linguaxe das reproducións, non quere representar o obxecto en si senón amosar a súa representación. Estanos a dicir que a nosa cultura visual xa non se conforma polos orixinais, por experiencias reais do que acontece, senón pola súa reprodución nos medios de masas. En definitiva é a representación do representado.
Tres fases: debuxo preparatorio, collage e obra definitiva


Entender o proceso (reelaborado desde Fundación March)
- Debuxa o motivo en papel con lapis de cor e fai unha fotografía en diapositiva dese debuxo
- Proxecta a diapositiva sobre cartón (aínda a menor escala do que será a obra final, habitualmente a metade) e debuxa esa imaxe proxectada, contornando en negro ou con cinta negra os contornos
- Con papel de calco, calca e recorta as zonas de cor obtendo unha especie de collage. Proba con pezas de distintas cores. Unha vez definidas as pezas de cor, pégaas con cinta adhesiva de dobre cara. Quedan encaixadas entre as liñas de silueta negras
- Fotografía en diapositiva o collage resultante da suma de pezas
- Prepara un lenzo a dobre escala que o collage. A superficie recibe varias capas de xeso e pintura branca. Vai montado sobre un cabalete xiratorio de deseño propio
- Proxecta sobre o lenzo a diapositiva do collage transferindo o debuxo cun lapis
- Pega cinta negra nos contornos
- Prepara as plantillas de puntos para as zonas determinada. Cada plantilla ha de adaptarse a unha zona mesturando incluso plantillas de puntos máis e menos grandes.
- A cinta negra que delimita as zonas a pintar, cóbrese con cinta de pintor e adhírese a plantilla. Cun pincel de estarcir pinta a óleo os puntos e as liñas diagonais. Para os puntos aplica a pintura directamente do tubo e en pouca cantidade para que non queden restos pegados nos bordos dos da plantilla. Retira a plantilla e deixa secar
- Pinta as áreas de cor con pintura acrílica brillante, habitualmente tres capas diluídas con augarrás interpoñendo entre elas capas de verniz acrílico diluído en alcol desnaturalizado
- Nas contornas emprega tamén pintura acrílica e verniz delimitando a zona con cinta de pintor






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir