30/08/17

LE CORBUSIER


CAPELA DE NOTRE DAME DU HAUT, RONCHAMP (Francia)
LE CORBUSIER


CATALOGACIÓN

Capela construída entre 1950 e 1955 no alto dun pequeno outeiro na localidade francesa de Ronchamp, un edificio pois de función relixiosa, antigo centro de peregrinación católica.
Se nun primeiro momento Le Corbusier seguiu formulacións funcionalistas e racionalizadoras (vila Saboia), agora sen abandonar o funcionalismo decántase polo organisimo, unha arquitectura humanizada fronte ó mundo da tecnoloxía, que fuxe da monotonía, busca a orixinalidade e quere facer dos edificios organismos vivos, favorecedores de sensacións. Neste mediados do século, na posguerra, desaparece a mentalidade cartesiana, programática e normativa dos cinco puntos e da “máquina para habitar”, substituída por unha concepción lírica materializada nas formas voluptuosas e na liberdade formal.

CONTEXTO


....

ANÁLISE


Vista en planta pode parecer en principio simple aínda que irregular: unha nave curvada, dúas entradas laterais e tres capelas no costado norte. Pero cando nos centramos nos paramentos que pechan o espazo e nas cubertas, vemos que todo se curva nun xogo de distintas alturas, a edificación adquire un carácter escultórico, ata tal punto que probablemente sexa o edifico máis plástico xamais construído.
As liñas curvas e soltas teñen o seu precedente na terraza da vila Saboia, están máis conectadas coa sensualidade mediterránea que estaba a dominar tamén na pintura por medio do cubismo do seu contemporáneo Picasso.
Os muros exteriores inclínanse ó interior, e o do lado leste adquire forma cóncava para acubillar baixo a esaxerada cuberta, un altar, púlpito e tribuna do coro para celebrar misa ó aire libre. No muro oeste perfóranse numerosos vanos de formas e tamaños variados con vidros de cores que recordan as vidreiras góticas.
Sobre os grosos muros brancos e curvos elévase a pesada e escura cuberta. Semella a quilla dun barco, ou segundo o propio arquitecto coma unha cuncha ou unha frecha, curvada en sentido contrario da ondulación do terreo e invertida respecto dunha bóveda pois a súa parte central é a máis baixa. Conforma uns beirados enormemente voados.
Non se define unha fachada principal, pois a vista de fronte e de perfil conflúen nunha visión única na que se suma o enorme campanario
O interior é un espazo unitario no que xoga coa luz que penetra a través dos vanos abucinados distribuídos aleatoriamente, o que lle permite crear un ambiente misterioso, íntimo, místico, moi apto para a meditación e a oración. Certo que esa luz coloreada ten o mesmo simbolismo que nas catedrais góticas: a luz divina. Deste xeito Le Corbusier reconcíliase coa arquitectura tradicional e amosa o seu respecto polo pasado pero lonxe de ser monumental, ó modo medieval, o edificio ten unha calidade de etérea ingravidez considerable, favorecida pola franxa de vidro continuo no alto dos muros. En certa medida suxire unha arquitectura cartón-pedra.
As paredes, carentes de función construtiva, están núas, sen decoración algunha, pois son os elementos construtivos o único ornato. Resulta así unha obra de máxima austeridade e sinxeleza, concibida como unha escultura ó aire libre, relacionada có espazo natural.
Os materiais empregados son sinxelos: para a estrutura, aceiro e formigón armado; para a cuberta, formigón visto; xeso, para revocar os muros; vidros de cores na porta e fiestras; madeira no interior. Aproveita as calidades expresivas destes materiais e a súa cor: branco nos muros, escuro na cuberta, colorista nas vidreiras.
Resulta unha obra de grande orixinalidade: un volume compacto sobre unha planta irregular, grosos muros brancos, curvados e lixeiramente inclinados, e unha enorme cuberta curva.
Nela reflíctense os trazos máis característicos do organicismo: a función como punto de partida; predominio de liñas curvas e dinámicas; combinación de materiais industriais, prefabricados (abarata e permite construción rápida) e naturais; planta libre e flexible; relación có entorno no que se inserta adecuándose á paisaxe.





E para unha visita virtual seguide este fío





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir