05/05/19

SONS DESDE A IMAXE


HINDEMITH

O músico alemán foi recoñecido polo rexime nazi, sen embargo a súa colaboración con músicos xudeus, as criticas de xuventude a Hitler e o modernismo das súas composicións, acabaron por provocar que se lle clasificara como autor de Música dexenerada (Entartete musik). No 1940 estableceuse nos Estados Unidos.
  • Sinfonía Matías el Pintor, estreno 12 de marzo 1934 baixo a dirección de Furtwängler

  • Matias GRÜNEWALD, Retablo de Isenheim, 1512-1516
Do mesmo modo que Grünewald se debatía entre luteranismo e papismo, Hindemith encóntrase ante a presión do nazismo. Se o primeiro se refuxiou na pintura, e o segundo refuxiouse na música.
Partindo dun inicial ballet, seleccionou tres movementos para a sinfonía homónima: Concerto dos anxos, Enterro de Cristo e Tentacións de San Antonio

O retablo, un políptico cun total de nove paneis, ofrece varias aperturas con distintas representacións
- Primeira visión: na predela o Queixume sobre o corpo de Cristo, a Crucifixión nos paneis centrais, e na as ás laterais San Sebastián e San Antonio. Cristo é a imaxe plena da dor, co seu corpo ferido polos lategazos, os beizos azulados -síntoma de morte por asfixia-, os pés deformados polos cravos, as mans crispadas.


- Ó abrirse as ás da Crucifixión: Anunciación, Concerto de anxos e Natividade no panel central, no á dereita a Resurrección e a Ascensión




O primeiro movemento, Concerto de anxos, consta de catro temas: unha introdución con canto coral, o segundo dedicado ao canto dos tres anxos, séguenlle un terceiro de desenvolvemento e, pechando, unha reexposición.
O concerto de anxos, que tocan instrumentos de corda, acompañan en escena continua a Natividade. Interprétanse como:
1-Anxo Gabriel cun gran violón ou unha viola de gamba. É o anxo invocado ante o temor á morte.
2- Anxo Rafael cun baixo viola. O seu nome significa"Deus Salvou, polo que se lle identifica como o sanador de enfermidades
3- Un estraño anxo con plumas verdosas e creta de pavo real que algúns interpretan como Lucifer e outros como o anxo Miguel ou alma guía, non mencionado na Biblia. Acompáñase dunha viola.
Os tres tañen os seus instrumentos en estrañas disposicións, especialmente na suxeición do arco. Algúns apuntan que é un modo de remarcar que tocan música celestial.

O segundo movemento recibe o nome de Enterro, en relación á imaxe da predela que se mantén visible coa apertura, aínda que se trata realmente dunha Lamentación sobre o corpo de Cristo. Melodicamente é unha marcha fúnebre cargada de solemnidade.


Coa última apertura móstranse dous conxuntos escultóricos na táboa central e na pedrela, e nas ás laterais Visita de San Antonio a San Pablo, á esquerda, e As tentacións de San Antonio, á dereita. Ó dobrarse as ás quedan as dúas unidas na parte posterior


A visión pictórica é verdadeiramente tremendista, cruel e aterradora. O santo tirado no chan, pisado e arrastrado,vese atacado polos demos, criaturas híbridas que atacan con picos, garras, dentes, paus,... Aos seus pés, unha cartela de súplica á Deus, que acode na súa axuda desde o alto enviando anxos contra quen loita os demos


Iconografiamente interprétanse como símbolos dos sete pecados capitais -gula, avaricia, ira, preguiza, envexa, soberbia, luxuria- pola súa semellanza co gravado de Hans Baldung.


Máis enigmática resulta a figura con carapucha vermella, situada no ángulo inferior esquerdo. Sentado no chan suxeita coa man esquerda o breviario que arrincou ao santo e coa dereita tira do seu manto. Parece un ser humano pero o seu pés están palmeados, o seu corpo de ventre inchado mostra todo tipo de lesións: pústulas purulentas, grandes costras, chagas sanguentas, enormes bubóns a piques de estalar, o brazo esquerdo gangrenoso perdeu algúns dedos, o nariz está carcomida. Todos estes síntomas poden corresponderse coa peste, a sífilis e o denominado mal de San Antón -ergotismo- causado polo cornizó do centeo. 
Lembremos que o encargo da obra débese aos Irmáns Hospitalarios de San Antonio, que en Isenheim contaban cun mosteiro e un hospital para atender aos enfermos de ergotismo. Así pois esta figura pode interpretarse como aquel que roga desesperadamente a intercesión do santo para lograr a súa curación.
É ás tentacións de San Antonio a quen Hindemith dedica o terceiro movemento. Musicalmente é o punto máis tráxico


  • Suite Nobilissima Visione, estreada na Fenice de Venecia 13 de setembro de 1938

    Giotto, Vida de San Francisco
En maio de 1937, Hindemith visitou na igrexa de Santa Croce de Florencia. Os frescos de Giotto nas capelas Bardi con historias da vida de San Francisco e a capela Peruzzi con escenas das vidas de San Juan Evanxelista e San Juan Bautista. Foran realizados polo pintor entre 1320 e 1325, con case sesenta anos de idade.
Hindemith quedou impresionado polas imaxes da vida de Francisco de Asís e elixiunos para escribir unha representación dramática e coreografiada por Massine. Desa obra primeira extraeu logo tres movementos para a suite: introdución e rondó; marcha e pastoral; pasacalles



RESPIGHI

Este músico post-romántico compuxo no 1927 o Tríptico Botticelliano inspirado por tres obras do artista renacentista
O resultado é unha peza orquestral colorista en tres movementos dedicado cada un a unha das obras de Botticelli seleccionadas da Galería Uffizi de Florencia: A primavera, Adoración dos Magos e Nacemento de Venus.

Ritmo de alegre danza campestre, que se desenvolve entre o murmurio dos mananciais e a brisa do bosque

Sentido de marcha lenta e cerimoniosa, mestura toques orientais e sons pastorais.

Suxire o movemento das ondas do mar




MARTINU

Composición do que el mesmo denominou "pinturas sinfónicas" no sentido de plasmar as sensacións diante dos frescos realizados por Piero della Francesca na capela Bacci (1452-1466) na Basílica de San Francisco en Arezzo, con escenas da Lenda Dourada que narra o milagre da Veracruz. Titulada como Frescos de Piero della Francesca para gran orquesta, foi estreada no 1956
O primeiro movemento toma como referencia A visita da raíña de Saba ó rei Salomón. Á esquerda a raíña axeónllase diante dunha ponte de madeira ó ter a visión de que o Salvador será crucificado neses madeiros, e á dereita  é recibida polo rei no seu palacio
O segundo movemento describe O sono de Constantino. Mentres dorme na súa tenda o día anterior a enfrontarse con Maxencio na batalla da Ponte Milvio, un anxo lle amosa unha cruz e lle dí: con este signo vencerás.
O terceiro movemento conéctase á visión xeral do ciclo pictórico con seccións que semellan aludir ás diferentes escenas


Andante pouco moderato

Adagio

Pouco allegro




RAJMANINOV

No 1907 o compositor ruso viu en París unha reprodución da Illa dos mortos (1883), obra do simbolista suíza Arnold Böcklin. Era unha imaxe do orixinal realizada en branco e negro, o pintor faría ta cinco versións, todas as catro seguintes en cor.
O lenzo resulta inquietante, unha barca cun ataúde na proa e unha figura de pé, interpretable como Caronte, avanza cara á unha illa rochosa delimitada por fortes cantís. Na parte interior, cipreses e diversos hipoxeos funerarios. O tema da morte é recorrente na obra do pintor quen veu morrer oitos dos seus catorce fillos.
A Illa dos mortos tivo amplo recoñecemento, o mesmo Hitler contou cunha das versións, a terceira.
O poema sinfónico homónimo comeza cun ritmo balanceante suxerindo o movemento dos remos que fan avanzar a barca.







MUSORGSKI

No 1873 morre de xeito repentino o seu amigo, artista plástico e arquitecto, Viktor Hartmann. No ano seguinte a Academia de Belas Artes de San Petersburgo réndelle homenaxe cunha exposición de máis de 400 obras
Mussosrsky, o gran defensor da música rusa fronte ás influencias occidentais, impulsado por un dos organizadores, fai a súa propia homenaxe musical: Cadros dunha exposición. Un conxunto de dez pezas para piano que tomaban como referencia outras tantas obras de Hatmann presentes na exposición, intentando plasmar en sons as imaxes debidas ó seu amigo.
Das dez obras que inspiran a composición, tan só se conservan  seis.
O conxunto evoca a visita á mostra, e as sensacións diante de cada unha, intermediadas por un Promenade, como símbolo do deambular do visitante.


A peza de Mussorsky foi orquestada por distintos músicos, aquí servímonos da realizada por Ravel no 1922


1-Debuxo dun crebanoces en forma de gnomo coas pernas tortas
2-Acuarela dun  vello castelo cun trobador
3-Acuarela do Xardín das Tullerías con nenos xogando
4-Un debuxo de Bydlo (gando), un pesado carro tirado por dous bois

5-Bosquexos para o Ballet dos pitos nas súas cascas

Evoca o piar e os movementos saltaríns dos pitiños

6-Dous retratos, simples esbozos, de dous xudeus polacos

Atribúelle un significado propio: conversa entre un xudeu pobre e outro rico que revelan o seu contrastado carácter. O primeiro marcado polo chelo e o segundo polo estridente son da trompeta.

7-Debuxo do O mercado de Limoges con dúas mulleres discutindo

8-Acuarela As catacumbas. 

 A solemnidade, grandeza e quietude do lugar, onde se alza unha poética melodía


9- Debuxo da Cabana sobre patas de galiña. O que era un reloxo, Mussosorsky interprétao como a casa da bruxa Baba-Yaga que come os nenos que se perden no bosque
 Sons trepidantes que comezan coa alusión ó voo da  maléfica bruxa

10-A Gran Porta de Kiev. Un bosquexo arquitectónico de Hartman para o concurso de erguer unha porta conmemorativa na cidade de Kiev
 Ritmo lento e maxestoso que leva á evocación das campás










  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir