Técnica pictórica que emprega pigmentos de orixe mineral diluídos en auga. Por un proceso de carbonatación o muro, coa súa capa de enlucido, absorbe os pigmentos que pasan a formar parte del.
O proceso comeza pola preparación do muro para regularizar a superficie. Normalmente aplícanse dúas capas, unha primeira de area e cal (en relación 3:1) denominada arriccio, e unha segunda máis fina -revoco ou intonaco- tamén de area e cal, pero neste caso cunha area máis miúda e con maior proporción de cal.
Ha de pintarse sobre a superficie de revoco húmida, de aí a denominación da técnica, o que esixe rapidez e impide refacer. Por iso só se revocan as superficies que se planifica pintar nunha xornada.
Para pasar o boceto ó muro, realízase unha sinopia ou sanguina que reproduce o boceto a grande escala en silueta de cor vermella.
A denominación de sinopia ven pola arxila vermella procedente da localidade de Sinope (actual Turquía), un pigmento de alta calidade para delinear as formas en detalle.
Coa sinopia pasada sobre a capa do primeiro revoco, o arriccio, aplícase a segunda fina capa de revoco, o intonaco. Sobre ela iranse picando as formas cun punzón para espoldrexar a través o tisne dun saqueto de tela e así deixar como guía marcas das formas no muro. En ocasións tamén podía facerse o debuxo directamente.
Restos do picado na Lenda da Veracruz. Piero della Francesca |
Picados nunha preparación de Rafael |
Picados nunha cabeza de Verrocchio |
Nesta obra de Giotto na Capela Scrovegni, Matanza dos inocentes, o manto da muller da dereita perdeu a capa de cor polo que queda visible a sinopia.