01/11/11

SANTA MARÍA DO NARANCO


CATALOGACIÓN

Obra arquitectónica coñecida como Santa María do Naranco, na ladeira meridional do Naranco, nas inmediacións de Oviedo, capital do reino astur e da corte. Foi construída como parte dun complexo arquitectónico como palacio de descanso, no centro dun bosque no que abundaba a caza. Incluía sala de festas, baño e capela. Logo reconvertese en igrexa (ver imaxe) e con este fin se utilizou durante moito tempo. A igrexa de San Miguel de Lillo, nas inmediacións, formaría parte do conxunto.
Pertence á arte astur, un dos estilos artísticos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica, que abrangue do s. V ao s. XI cando se produce a unidade estilística do románico.
Data concretamente de mediados do século IX durante o reinado de Ramiro I, o período de plenitude do reino e da arte, polo que tamén se fala de estilo ramirense. Foi tamén promotor doutras obras próximas no marco dunha actividade construtiva que non responde a obxectivos relixiosos senón á finalidade de deixar constancia da grandeza e boato da corte asturiana.

CONTEXTO
Cando os pobos xermanos invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política, a fractura da unidade artística que se materializa na rexionalización da arte.
En España aséntanse os suevos e os visigodos, pero no século VIII, no 711, unha nova invasión, neste caso musulmán, trastoca a situación. Mentres gran parte da península é ocupada, no Norte crease un foco de resistencia, concretamente en Asturias (Pelayo e a batalla de Covadonga marcan o inicio no 718 da reconquista).
Asturias evoluciona de xeito independente. Incomunicada, coa Corte asentada en Oviedo, a monarquía asturiana aínda que se sinte continuadora da monarquía visigoda, non se identifica con ela, senón que tenta constituír unha monarquía independente e renovada cunha arte novidosa impulsado polos monarcas e, en menor medida, pola Igrexa.
É ante todo unha arte aúlica. Artisticamente enlaza coa tradición romana, pero recibe as influencias doutras cortes europeas (carolinxio), así como as visigodas e musulmáns, pero sempre empregándoas con gran singularidade Abarca do século VIII ao século X, sendo, como dixemos, o período de esplendor o do reinado de Ramiro I, presentando solucións arquitectónicas que se adiantan dous séculos á arte románica. O estilo tamén chegou a Galicia como vemos na remodelación de Santa Comba de Bande en Ourense.

ANÁLISE

O material empregado é a pedra traballada en cantería con perpiaños de distintos tamaños, irregulares nos muros e perfectamente labrados nos esquinais, nos arcos ou nos contrafortes exteriores. Presenta planta rectangular, moi alongada (20 m de largo por 6 de ancho), articulada en dúas plantas, con accesos nos dous lados maiores. Levantada sobre un alto zócolo, para compensar as irregularidades do terreo, destaca a gran desenvolvemento vertical do edificio, común a outros do mesmo estilo.


O piso inferior dividido en tres espazos, o central de maior tamaño, posiblemente utilizado como oratorio palatino, está cuberto por unha bóveda de canón reforzada con arcos de faixa que parten dun zócalo que percorre todo o perímetro. Os dous laterais teñen cubertas de madeira; un deles só ten acceso desde o exterior, a súa utilización énos descoñecida; o doutro extremo conta cun pequeno baño con acceso tanto desde o exterior como desde o interior, queda nun nivel máis baixo que os outros dous espazos.
O segundo andar repite a distribución inferior, pero a dobre altura, con dous miradoiros a xeito de belvederes nos extremos e unha gran sala central.
O acceso realízase por unha escaleira exterior de dobre derrama situada no centro do lado Norte, un dos lados maiores do rectángulo, e pórtico. Os restos da estrutura do lado oposto, indican a existencia doutro acceso similar ou ben podería tratarse doutro miradoiro.
O espazo central, denominada Salón Real ou Aula Rexia, foi sen dúbida o epicentro do edificio. Un dos máis destacados aspectos puramente construtivos é sen dúbida o sistema de cubertas e o xeito de contrarrestar o seu peso. A longa bóveda de canón, en toba, vai reforzada por arcos de faixa, apeados en ménsulas sobre nunha liña de impostas continua, que levan o peso ata o muro perimetral, moito máis groso na planta baixa, reforzado por unha arquería cega de sete arcos por cada lado coa clave tallada en T e compartindo a primeira doela. O empuxe vai contrarrestado no exterior por potentes e estreitos contrafortes correspondentes con cada tramo. Este sistema construtivo parece ter os seus referentes en modelos romanos de salas de termas e mausoleos e terá continuidade na arte románica.
A arquería cega, de arcos de medio punto lixeiramente peraltados e de dimensións decrecentes nos extremos, é soportada por pares de columnas xeminadas con basa prismática e montadas sobre un pequeno zócolo que percorre o muro.
A iluminación da sala lógrase por medio de dúas fiestras en arco de medio punto en cada un dos lados maiores.
Igualmente sorprendentes resultan as dúas balconadas, que se converteron na imaxe característica e máis fermosa do monumento. Abren á sala central a través de tres portas alinteladas baixo arcos de medio punto peraltados, sendo a central algo máis ancha e alta cás laterais. Os miradoiros propiamente ditos, abertos ó exterior polos seus tres flancos, contarían en orixe con antepeitos calados dos que só quedan restos. Cóbrense ambos miradoiros con bóveda de canón reforzada por un arco de faixa. Os seus vans, moi amplos, divídense en tres grandes arcadas de medio punto peraltado, sendo tamén a central máis ancha e alta cás laterais. Apoian os arcos en columnas sogueadas e capiteis de tradición corintia.
O programa ornamental, exclusivamente escultórico e cinguido á arquitectura, a pesares da primeira sensación de austeridade resulta no interior variado e enriquecedor. As columnas constan de fustes sogueados, capiteis de modelo corintio –nos miradoiros- ou troncocónico invertido moi novidosos, decorados con sogueados, ou labras vexetais moi sutís de pasado visigodo, representando motivos animados como son aves, cuadrúpedes, xinetes, figuras humanas, etc., sempre moi esquematizados. Nas enxutas das arquerías da sala central e dos miradoiros colgan faixas con medallóns labrados con temas de orixe oriental formados por aves e cuadrúpedes afrontados, cabalos e cabaleiros en actitude de combate. Tanto o soguedo coma os clípeos son moi característicos da arte astur.
Exteriormente parece contar con tres pisos, os dous primeiros corresponde á planta baixa e nobre, mentres que o terceiro, sen correspondencia co interior, está insinuado pola xaneliña tripartita de arquiños de medio punto peraltados, que a pequena escala repite a estrutura da arcadas da balconada. Corresponderíase coa chamada cámara do tesouro, tamén moi particular desta arte, se ben a súa función segue sen estar clara.
Nos lados maiores son os dous grupos de contrafortes, que dende o zócolo chegan innecesariamente ata a cornixa, e os vanos distribuídos de xeito simétrico, os que rompen a severidade do muro. Todo moi monumental, aínda que tamén moi sinxelo, sobre todo á vista da aparencia exterior, limpa, lisa, sen molduras nin cornixas levantadas, e onde só destacan como detalles primorosos os medallóns sobre as arcadas, de relevos sucintos, e as liñas incisas que percorren arcos e contrafortes, xunto coa marcada verticalidade. A cuberta faise a dúas augas sen aleiros.
Santa María do Naranco sintetiza os trazos da arquitectura astur (arcos de medio punto peraltados, abovedamento con arcos de faixa, cámara secreta, medallóns, cintas e sogueado) nunha obra de gran pureza de formas e enormemente interesante polos seus alardes técnicos, a súa elegante concepción espacial e a beleza do seu volume exterior nunha contorna paradisíaca.

Un repaso visual e unha visita virtual






31/10/11

SANTA COMBA DE BANDE




CATALOGACIÓN

A igrexa de Santa Comba de Bande, na provincia de Ourense, é unha obra arquitectónica de carácter relixioso edificada como parte dun mosteiro, recordemos que o monacato en Galicia tivo nestes tempo un gran desenvolvemento por impulso de San Fructuoso.
Resulta ser unha das poucas mostras da arte visigoda en Galicia, datada no século VII. Como obra visigoda, con engadidos astures posteriores -s.IX-, representa un dos estilos artísticos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica, que abrangue do s. V ao s. XI cando se produce a unidade estilística do románico.
O material construtivo e a pedra  de granito e o ladrillo para o abovedamento.

CONTEXTO

Cando os pobos bárbaros invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política a fractura da unidade artística que se materializa na rexionalización da arte. Fronte á unidade estilística anterior, agora entrase nunha etapa de diversidade.
Os visigodos, procedentes do sur de Francia de onde foron expulsados polos francos, fundan no s. VI un reino na Península Ibérica con capital en Toledo (abarca centro e oeste da península). Debido aos numerosos contactos con Roma, foi o pobo xermano máis romanizado, o que facilitou o tránsito entre a Hispania romana e o Reino visigodo. O único punto de fricción estaba a nivel relixioso dado que practicaban o arrianismo. Cando Recaredo se converte ao cristianismo a finais do s. VI, e tras del todo o reino, a integración consolídase. O dominio visigodo remata coa invasión árabe no 711.
En Galicia, por obra de Leovixildo, puxeron fin ao Reino Suevo no século VI, se ben xa desde o século anterior quedara na órbita de dependencia visigoda.
O século VII será o período de esplendor da arte visigoda, fundamentalmente na arquitectura pese a ser un pobo sen tradición construtiva, que resulta da da herdanza romana á que se suma a aportación cristiana nos temas relixiosos, as influenzas orientais asumidas a través de Bizancio e os elementos ornamentais xermanos.
Entre os trazos arquitectónicos salientables convén destacar o emprego de arcos de ferradura -distinto do califal-, grandes cimacios e repetidas cenefas decorativas.
As obras principais xunto coa que se analiza, proceden do ámbito rural pois as de cidades de maior relevancia foron destruídas polos musulmáns. Compre citar como exemplos os de San Juan de Baños e Quintanilla de las Viñas. 
Na ourivería encóntranse as mostras máis persoais deste pobo sen tradición edilicia pero con ela na elaboración de pequenas xoias engastadas de pedras preciosas. Os obxectos máis coñecidos son as coroas votivas.


ANÁLISE

A igrexa, de reducidas dimensións, realízase en perpiaños de granito de gran tamaño dispostos en fiadas irregulares, colocados a oso, con frecuentes engastallos (recortes en ángulo).

A planta, dentro da súa complexidade, responde ao gusto visigodo polas formas cruciformes inscritas nun rectángulo, con espazos interiores compartimentados, ábsida recta interior e exteriormente, e un  pórtico nos pés con tres vanos.
No caso que nos ocupa, existen seis dependencias anexas, todas cadradas: dúas nos lados do atrio con acceso desde el, outras dúas adosadas a elas con acceso desde o cruceiro, e outras dúas na zona da cabeceira con entrada desde a nave central. Sobre a súa función, admítese que as conectadas ao pórtico serviran de refuxio de peregrinos, mentres que as outras catro conectadas co interior do templo serían celdas dos monxes.
Destas seis dependencias só se conserva unha, a do lado norte da cabeceira, o que deixa a edificación cun aspecto máis sinxelo e rural.
Todo o interior, agás as estancias, é abovedado descargando sobre os muros: bóvedas de canón en ferradura nos catro brazos da cruz e bóveda de arestas no ciborio do cruceiro que se levanta sobre arcos de ferradura enxarxados. Todas realizadas en ladrillo coa técnica de espiña de pez ao modo romano. A liña de impostas do seu arranque é unha estreita moldura sogueada.



A ábsida queda separada da nave do cruceiro por un arco toral de ferradura peraltado, sen doela clave, con doelas moi irregulares e de trasdós recto –ambos trazos propios do arco de ferradura visigodo, distinto do musulmán-. 
Columnas pareadas exentas a cada lado, soportan cimacios sogueados dos que parte o arco, son columnas con fuste monolítico de mármore negra reaproveitados de obras romanas -posiblemente do cercano campamento de Aquis Querquennis-, como indica a súa distinta altura e as diferenzas das basas, con capiteis de tipo corintio de tosca labra, tamén de influencia romana.

 Sobre a bóveda da ábsida existiu unha pequena cámara á que só se podía acceder por unha fiestra interior situada sobre o arco toral (foi algo moi habitual na arquitectura astur). Hoxe queda aberta ao exterior porque se rebaixou o tellado da ábsida.
A decoración resulta sinxela e escasa, centrándose no capiteis, cimacios e impostas. Unha cinta sogueada percorre toda a liña de impostas do cruceiro e o arranque das bóvedas de aresta; unha orla a bisel formando de roelos de racimos, flores e espigas de trigo percorre a ábsida e rodea a fiestra, está claramente conectada simbolicamente coa Eucaristía. A edificación viviu sucesivas restauracións, e esa cinta sogueada conecta coa arte astur do s. IX, mentres os roleos seguen o estilo visigodo. Tamén é de destacar a celosía da fiestra de mármore da ábsida, formada por semicírculos que cabalgan uns sobre outros a modo de escamas. As pinturas datan do XVI

A iluminación lógrase por pequenas fiestras con arco de medio punto na ábsida, hoxe parcialmente cegada, e outras catro nos lados do ciborio. 
No exterior os volumes aparecen claramente xerarquizados, van escalonándose desde o elevado ciborio ata os brazos do cruceiro e á ábsida, creando un efecto proporcionado e harmónico.
O muro en  grandes perpiaños , moitos reutilizados, un tanto irregulares amosa a perda da perfecta técnica romana pero son de gran fortaleza o que, xunto co pouco peso das bóvedas, evitou o emprego de contrafortes.
Os tellados son a dúas augas agás no ciborio que se realiza a catro augas e o pórtico a unha.
Este singular exemplar da arquitectura visigoda en Galicia sufriu a perda de partes da construción, engadidos como a espadana e as pinturas medievais da ábsida.



A arte visigoda en vídeo






SAN MIGUEL DE CELANOVA





CATALOGACIÓN


Obra arquitectónica de carácter relixioso, se ben hai dúbidas da súa función exacta polo que se teñen barallado outras hipóteses: oratorio privado, construción funeraria, albergue de peregrinos ou aloxamento de monxes de paso polo mosteiro.
En calquera caso, a denominada Capela de San Miguel en Celanova (Ourense) está dedicada ao Arcanxo San Gabriel para honra de Froila, irmán de San Rosendo que foi bispo de Mondoñedo e de Santiago, e reformador da vida monástica. Está dentro do xardín do mosteiro bieito de San Salvador, detrás da igrexa abacial.
Constrúese en cantería de granito, empregando tellas na cuberta. No interior encontramos ladrillo recuberto con xeso.
A autoría énos descoñecida.
Pese ás súas pequenas dimensións, tanto en planta -22 m2- coma en alzado –case 6 m-, é o mellor exemplo da arte mozárabe na Galicia do século X e, como tal, clasificable dentro do conxunto da arte prerrománica que inclúe estilos con herdanzas do pasado romano e bizantino ao que se suma o substrato visigodo, o gusto polo ornamental dos pobos bárbaros e a asunción de elementos musulmáns, como veremos nesta obra.

CONTEXTO


Cando os pobos bárbaros invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política a fractura da unidade artística. O período que vai ata o s. XI, no que se inicia a arte románica, vai caracterizarse pola rexionalización da arte, de xeito que son varios os estilos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica.
Desaparecida a monarquía visigoda coa invasión árabe a principios do s. VIII, gran parte da poboación hispano-visigoda quedou baixo o seu dominio aínda conservando a súa relixión e empregando tamén o latín xunto co árabe. Son estes cristiáns, en parte islamizados pola convivencia, e a súa cultura aos que se denomina mozárabes.
Coa Reconquista, a partir dos núcleos de resistencia organizados no norte peninsular (Asturias), moitos daqueles cristiáns mozárabes abandonaron Al-Andalus, fundamentalmente desde a segunda metade do s. IX, para repoboar as terras recuperadas polos reis cristiáns (ao norte do Douro), movidos polas persecucións que se deron en determinados momentos e polas promesas que se lles ofreceron. É por iso que tamén se denomina arte de repoboación.
Durante o s. X, Galicia, integrada dentro da monarquía astur-leonesa, mantén unha actitude máis ben pasiva diante destas novas circunstancias e a calma que aquí se vivía atraeu os mozárabes, pese a que moitos menos que noutras zonas da Meseta norte. Os edificios galegos mozárabes son mais tardíos que os leoneses, o que explicaría a tardía penetración do románico.
Esta arte mozárabe ou de repoboación introduce na arte cristiá occidental, técnicas e formas de orixe árabe.

ANÁLISE


A edificación, realízase en aparello de perpiaños de granito de gran calidade, disposto, aínda que irregularmente, a soga e tizón asentada a oso.
Non presenta a habitual planta basilical da arte mozárabe, senón que resulta cruciforme pola maior anchura do cruceiro, o que favorece a compartimentación de espazos ou, o que é o mesmo, a sucesión de unidades espaciais illadas entre si, unha fragmentación característica que impide abarcar a totalidade do espazo nunha primeira ollada. Domina pois unha configuración común da arquitectura mozárabe: a formulación xeométrica, tanto en planta coma en alzado.
Componse de tres espazos aliñados e claramente diferenciados. O primeiro, rectangular, exerce a función de vestíbulo; un segundo corpo cadrado a modo de nave e destacando en altura polo ciborio (6 m) coma se dun cruceiro se tratase; e a ábsida, cadrada ao exterior e en ferradura no interior, seguindo o modelo propio das igrexas mozárabes. Neste caso, a forma interior resulta un arco de ferradura moi pechado, o que fai que semelle máis o mihrab dunha mesquita que unha ábsida cristiá.
Os tres espazos quedan transmitidos no exterior amosando unha volumetría diferenciada en alzado, así o cruceiro presenta unha altura superior, seguido do corpo do vestíbulo e do corpo da ábsida. A mesma xerarquización se da no ancho de cada corpo e a mesma idea de espazos aditivos se reflicte nas cubertas internas e nos tellados exteriores.
Accédese polo lado sur a través dunha porta lateral alintelada, que impide a visión inmediata do eixe principal do edificio, onde figura a inscrición de dedicación a Froila
As cubertas son diferentes para cada espazo. No vestíbulo emprega bóveda de canón de ferradura apoiada nunha sinxela imposta. O ciborio da nave porta unha bóveda de arestas, realizada en ladrillo pero simulando perpiaños pola pintura, apoiada sobre arcos formeiros murais de ferradura peraltados que apean en modillóns de rolos. Recorrer a unha bóveda de ladrillo que descarga o peso nas esquinas permitiu alixeirar os muros e abrir vanos na parte alta.
O pequeno espazo da ábsida cóbrese cunha bóveda gallonada de oito plementos e sección de ferradura, en ladrillo e xeso, que arranca dunha sinxela imposta na que se abre a estreita fiestra central.
A comunicación entre as tres partes realízase a través de vanos con arcos de ferradura, dobrado o primeiro e enmarcado en alfís o que da á ábsida. Ambos con despece radial das doelas e diferente trasdós-intradós, o que os separa do arco de ferradura visigodo.
A iluminación lógrase a través de estreitos vanos de ladrillo recuberto de xeso, abucinados en arco de ferradura peraltado colocados a niveis distintos en cada corpo. As catro fiestras do cruceiro proporcionan unha excelente iluminación que enfatiza a relevancia deste espazo central.
Fronte á complexidade interna, o exterior resulta máis claro, destacando sobre todo o seu ritmo graduado e a ausencia de fachada, algo propio da arquitectura deste século X.. O muro está reforzado por catro  contrafortes, dous na ábsida e outros dous no cruceiro, que recordan as construcións asturianas anteriores. Remata nas cornixas a modo de listeis de pedra, liso no corpo central, onde apoian os modillóns da bóveda interior, en chafrán na nave e con dentes de serra na ábsida (similar en Santa María de Mixós), un elemento moi característico da decoración en ladrillo califal.
Combina tellados de tellas a dúas e a catro augas, este no ciborio, que apoia nun beirado de grandes laxas de granito sobre modillóns de rolos de gran voo seguindo a tradición cordobesa. Os modillóns, a maioría de oito rolos, están situados entre campos cadrados, de cachotería enfoscada, que recordan as metopas da orde dórica grega. As súas caras laterais están labrados alternativamente con rosetas e rodas helicoidais. Un dos modillóns, no lado norte, amosa unha figura humana, caso único da arte mozárabe.
Finalmente convén facer referencia á existencia dunha grande rocha inmediata que está asociada con rituais precristiáns.
Así pois, estamos diante dunha obra do que algúns denominan arquitectura de fusión, profundamente hispana na súa planificación herdeira da técnica visigoda pero cunha estética visual califal como se amosa no emprego de arcos de ferradura, alfís e modillóns de rolos, así como na concepción espacial. 


Tres corpos en planta, tres volumes en alzado, tres dimensións en anchura = cruciforme.
Porta de aceso lateral alintelada.
Vanos internos: arcos de ferradura dobrados e de ferradura con alfís.
Aleiros en granito sobre modillóns de rolos entre placas a modo de metopas.
Rolos con talla a bisel de rosetas e rodas helicoidais. Apoian nu listel liso.

Dentes de serra no corpo da ábsida. Cornixa achaflanada no pórtico.

Aparello de perpiaños en granito colocados a soga e tizón e asentados a oso.
Contrafortes no corpo da nave para suxeitar a bóveda.
Ciborio con tellado a catro augas; pórtico e ábsida tellados a dúas augas.
Pequenas fiestras en arco de ferradura peraltado; interiormente abucinadas en ladrillo e xeso
Bóveda de arestas en ladrillo, no cruceiro. Apoia en arcos de ferradura murais que arrancan de modillóns de rolos.
Bóveda gallonada na ábsida, en ladrillo recuberto de xeso.
Bóveda de canón no vestíbulo.



Algo mais sobre a arte mozárabe en vídeo








09/11/10

MÚSICA E CORES




Un proxecto dun alumno da Universidade de Waikato, en Nova Zelanda, amosa a combinación de música e cores ou cores e música, segundo queiramos, pero o resultado é certamente fermoso. A narrativa visual denomínase Just Colour e a peza músical é The Sound is Magic de DJ Dreamland.
¿Recordas a conexión que establecía Kandisnsky entre a música e a pintura?. Son artes que, ó final, non están tan lonxe.






O mesmo fai Esteban Diácono coa peza musical de Olafur Arnalds, un músico islandés. Esta montaxe ten como base Eulogy for Evolution (disco de 2007). Hai que relaxarse e disfrutar.






Matthias Dittrich, deseñador alemán, visualiza a música (podemos velo en Narrative 2.0) descopñendo os canais que contén. Mira o exemplo





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir