30/11/14

COCIÑ-ARTE


Faustino Cordón asentaba a importancia da cociña no seu libro Cocinar hizo al hombre, de xeito que a transformación dunha materia prima comestible nun produto moito máis elaborado, fixo dun ser preeiro a un home gourmet cada vez mais refinado. Comer deixa de ser a resposta a unha mera necesidade para acadar un sentido estético que supera o obxectivo inicial.
Non entramos no debate se a cociña é arte ou non, se o cociñeiro é un artista (para Gombrich non hai arte, só hai artistas), sen embargo vemos que existe unha conexión entre o que tradicionalmente entendemos coma arte e a labor culinaria.
Na Historia da arte están presentes, e con ben variados tratamentos e finalidades, os distintos momentos da proceso gastronómico: as materias primas en bodegóns e natureza mortas; os traballos preparatorios dos carniceiros, dos agricultores ou dos pescadores; a elaboración culinaria, normalmente da muller na cociña; o feito de comer -como celebración, necesidade, alimento espiritual; en grupo, en familia, en soidade; no interior ou no exterior-; os utensilios da cociña,.... Vexamos unha mínima mostra.


E tamén produtos alimentacios formaban parte da composición dos pigmentos: ovo, aceite, mel. As receitas para a súa elaboración seméllanse ás recitas de cociña.
Pero hai unha tendencia artística denominada Eat Art, na que os alimentos e a nutrición mudan en obxecto artístico cargado de simbolismo.
Daniel Spoerri, un artista plástico de vangarda de orixe romanesa, clasificado dentro do movemento Nouveau Realisme francés e conectado a Fluxus, é considerado o pai deste movemento do Eat ArtSpoerri practica unha técnica de ensamblaxe de obxectos de cociña, ou o que queda despois de comer, suxeitos a un soporte no que denomina tableaux pièges -cadros trampa- que simulan unha mesa vista desde arriba pero colocada verticalmente.


Neste mesmo marco pero dando un paso adiante, en verdadeiras performances de esculturas comestibles, estarían as creacións comestibles de Sonja Alhäuser, Dorothée Selz ou a colaboración entre Damien Hirst e o cociñeiro  Blumenthal (un ascensor revestido de galletas).


Tampouco esquezamos que o alimento foi empregado por algúns artistas como unha transgresión provocadora e irreverente: Manzoni e a Merde d'artiste, a Full-up -lata de sardiñas chea de lixo- de Armand,  o conceptualismo de Jana Sterbak  e o vestido de carne que levou Lady Gaga e Sarah Lucas (Bragas de polo), a descontextualización inquietante de Mona Hatoum ou a lúdica de Richard Hamilton, a viaxe gastronómica das fotografías de Hannah Collins, os time-lapse de Sam Taylor-Wood (mira este a partir dunha natureza morta de Caravaggio), o dadaísmo de Fischli and Weiss -os  embutidos de Na tenda de alfombras-, as explosións de Ori Gersht (explosión dunha granada a partir dunha natureza morta de Sánchez Cotán), as Love Letter de Wim Delvoye escritas con pel de pataca, Vik Munik e o seu Pollock con sirope de chocolate, Mr Kern que mestura os pigmentos con paté de foie deixando unha grata fragancia, as tostadas queimadas de Lennie Payne, as instalacións provocadoras de Joan Brosa (Invitado) cun garrote vil, as esculturas con utensilios de cociña de Subodh Gupta ou a significativa pata e porco de Barceló, a perfecta ordenación de Adam Hamilton, as esculturas de poliestrileno nque semellan froitsas putrefactas de  Kathleen Ryan, ua pornografía gastronómica de Estabrook.
.... Vemos estas obras nas imaxes que seguen.

No campo da fotografía, unha especialidade é a do fotógrafo gastronómico. Son eles os que logran que o prato pareza aínda máis apetitoso, amosan a beleza dos ingredientes ou compoñen paisaxes coas materias primas (imaxes por esta orde: Sergio Coimbra, Francesc Guillamet, Carl Warner).

Neste emprego de materiais comestibles para compoñer imaxes, non podemos esquecer o precursor: o italiano Arcimboldo e os seus orixinais retratos, reais ou imaxinarios, fusionando verduras, flores, animais, froitas e obxectos. Estes bodegóns-retratos -teste composte- realizados no XVI foron admirados polos seus contemporáneos tanto polo enxeño que amosaban como pola minuciosidade do tratamento. Pero logo caeron no esquecemento ata ser postos en valor no século XX, particularmente polos surrealistas e dadaístas.
Verán
Aire
Rodolfo II
Flora

Amante da cociña foi Leonardo da Vinci, posiblemente pola influencia do marido da súa nai que era reposteiro.Cando se estableceu en Florencia para comezar a súa aprendizaxe artística no taller de Verrocchio, traballou nunha taberna, Os tres caracois, a carón do Ponte Vecchio a fin de completar os seus escasos ingresos. Foi alí onde practicou  a cociña, con pouco éxito entre os clientes xa que en lugar de grandes pedazos de carne, os pratos contiñan diminutas porcións. 
Cando a taberna ardeu, montou unha casa de comidas con Botticelli, Le tre rana di Sandro e Leonardo, que houbo de pechar pola falta de clientela que non chegoua a comprender a súa proposta de" comida coma pracer". Sen embargo, xa en Milán, o encargo de Ludovico Sforza da organización de festas e banquetes, abriulle novas portas á creatividade. Se este amor pola cociña foi verdadeiro, non o é o recollido no falso Códice Romanoff, un divertimento ideado para o día dos Santos Inocentes, 1 de abril no ámbito anglosaxón, ideado por dous historiadores británicos no 1987. O libro segue a venda con gran éxito.
Espremedor do falso Códice. Realmente un deseño de máquinas voadoras de Leonardo 
O libro en edición española
Dise que posiblemente fose vexetariano. Nin sequera na Última Cea respectou a tradición, no lugar de cordeiro vemos unhas exquisitas anguías con anacos de laranxa e granadas.


En fin ¡canta sorte que non tivera na cociña o éxito que tanto buscou!
Tamén Jackson Pollock foi un bon afeccionado ás perolas, un experto en reutilizar sobras e armar receitas a redor de certas cores, empregando produtos dos que cultivaba no seu horto. Chegou a gañar un concurso no seu pobo de Long Island cunha tarta de mazás. O libro Dinner with Jackson Pollock, contén máis de 50 receitas desde salsa de spaghetti a meatloaf, o pudding de lemón e o pé de ameixas Long Island. Vendo as imaxes do libro, parece que o pintar cociñaba como pintaba, algo ben distinto do que facía Warhol quen pintaba o que comía (as sopas Campbell's que tomaba a diario)


O polifacético Dalí gustaba da gastronomía, segundo parece ós 6 anos quería ser cociñeiro, e do emprego de alimentos descontextualizados -ovos, carne, queixo, pan, peixe- nas súas obras: Gala con costelas de cordeiro en equilibrio sobre o ombreiro, Pan francés con dous ovos fritos, Autorretrato brando con bacon á prancha, Ovos fritos ó prato (sen prato). Os ovos están tamén presentes no Museo de Figueres xunto coó pan catalán que recubre os muros exteriores.

Afirmaba que "Cociñar e pintar son artes afíns. Cando cociño, engado un pouco disto e un pouco daquilo. É como se mesturase cores". 
Establecía unha asociación de ideas entre guisar, comer e amar, o que entrañaba un significado erótico da gastronomía e en ocasións un significado relixioso. De feito cando publica no 1973 un libro de cociña, o seu título, As cenas de Gala, está dedicada á súa musa de quen dixo gustaríame empequenecela e tragala como unha oliva . Os 12 capítulos -un deles dedicado ós afrodisíacos baixo o nome de je mange Gala- inclúen 136 receitas, moitas ilustradas polo artista (mirar abaixo) e algunhas elaboradas por grandes chefs da cociña francesa do momento, con nomes ben sonoros: Congro do sol nacente, Casanova cóctel, Ovo centenario.



Roland Topor, que pertenceu ó grupo Pánico, mutou o significado da gastronomía baixo dunha premisa: o home é o mellor alimento para o home. No seu libro de receitas ilustradas Cociña caníbal, prologado por Fernando Arrabal, propón macabros pratos, non exentos de humor, como: Misioneiro picado con pan rallado, Financeiro ó forno, Puré de cabeza de xefe, Miope gratinado, Home en sal gorda, Gardabosques ó viño de Madeira, ... 
-....... Unha receita simple
y
y........... El gilipollasy
y
y........El gilipollas se sirve con un poco de
.......... aceite y chorrito de vinagre y
y

y
y

Dieter Roth dalle a volta ó asunto. Agora a serie Salchichas de literatura, están elaboradas literalmente con follas de novelas e revistas -queridas ou odiadas- triturados e mesturados cos produtos propios do embutido, para dar forma final a unha salchicha. Un recheo literario nun produto comestible e, consecuentemente, efémero. Hai 20 salchichas dedicadas a Hegel a quen odiaba. Outra serie é a dos traballos con chocolate, leite,  queixo, pan,.... para subliñar a inexistencia da obra eterna e inmutable.

E agora imos á cociña actual. As novas técnicas culinarias de vangarda da coñecida como cociña de autor, creativa, nova, molecular,... súmanse coa creatividade dos cociñeiros e o seu afán innovador nas receitas e na presentación dos pratos, un soporte a modo de lenzo onde se sitúan os produtos de xeito que estimulen a vista, teñan un valor estético e produzan emocións.

El Bulli

Vexamos algúns paralelismos de pratos que na súa elaboración ou presentación recordan estilos, técnicas, modos ou temas evocan á arte, desde as paisaxes, pasando polas pinceladas, os puntos, ata as combinacións cromáticas e as composicións, as descontextualizacións, sen esquecer os pratos nos que o comensal recibe a comida. 
A maioría destas composicións gastronómica tenden á planitude por iso a súa semellanza coa pintura, pero parece ser que agora os empratados buscan a terceira dimensión para tentar un efecto mais escultórico.

Aire de cenorias e tamarindo. El Bulli
Constable, Nubes
Ferrán Adriá, Tortilla deconstruída
Frank Gehry, Museo Guggenheim de Bilbao. Deconstructivismo
Olas de plancton. Ángel León
Kanagawa, A gran ola
Ferrán Adriá, Esferificación de aceitunas
Jeff Koons, Gazing Ball
Gastrogenómica. Mario Sandoval
Monet, Lilas
El Bulli
Robert Smithson, Spiral Jetty
Subijana, Xardín mariño
Xardín zen
Jordi Roca, Cromatismo laranxa
Rotkho, Orange and yellow
Malevich, Composiciòn suprematista
Pedras de parmesano. Quique Dacosta
Richard Long, Red Slate Circle
Franz Kline, Sen título
Ramón Freixa, Cebiche de atún
Joan Miró
Diverxo
Sam Francis
Quique Dacosta, Litchis
Manzoni, Achrome 1
La Alquería, Parrillada de verduras
Donald Judd, Sen título
Joël Robuchom Langostino en papillot

Christo, Empaquetado en Suiza


E temos a inspiración directa, unha homenaxe no mesmo plato. Mira e pasa o rato.
Ruscalleda, Tartar de langostinos (segundo obra de Riera i Aragó)

Avatar
Quique Dacosta, Salmonetes Mark Rotko

Ferrán Adriá, Salmonetes Gaudí

Quique Dacosta, Ópera de Calatrava

Torreblanca, Arquitectura de azucre

Arzack, Mondrian de ostras

Andrea Dopico, Arbore seca (Petrus Christus)

Lucía Freitas (Georgia O'Keeffe)

Juan Manuel de la Cruz (Miró)

Roberto Martínez Foronda (Dalí>)



Un caso particular de inspiración na arte é o de Caitlin Freeman que leva a cafetería do Museo de Arte Moderno de San Francisco. A súa repostería, un total de 100 receitas de momento, está inspirada en obras dos grandes da plástica moderna e contemporánea coas que conta o Museo. Verdadeiramente son magníficos e semellan ben apetitosos.
Incluso podemos aprender a facer Mondrian Cake

Cake Lichtenstein
Xeados, John Zurier
Sandwich de xeado, Katharina Fristsch
Cake, Damien Hirst
Chocolate blanco, Jeff Koons
Cake Thiebaud
Queixos e galletas, Bradford
Xeado Tony Cragg
Richard Diebenkorn
Pollock
Rothko
Xeado Warhol
Modigliani
Galletas Barnett Newman

Tamén desde o mundo da arte, as performances (definición), co espectáculo da presentación dos pratos, pasaron á mesa

Piña pomposa. Arzak (mellor ver o espectáculo en vídeo)
Froitas e xeado. El Serbal
Restaurante Calima, Alloblanco (o nitróxeno líquido sae polos furados da cuberta transparente)
Restaurante Sambal, Chocolate afumado
Club Allard, Chocolates con nitróxeno líquido

E por suposto os trampantollos (aquí tes a definición). Neste caso o nome do prato responde o que vemos pero en realidade estamos diante dunha simulación deses alimentos que veñen de ser substituídos por outros que os imitan. O cociñeiro está a nos enganar provocando un choque entre a información que nos facilita a vista e o sabor que obtemos cando catamos.

Dani García, Tomate
Viaxe a A Habana. Celler de Cam Roca
Ovo poché (sen nada de ovo). Diego Guerrero

Falso ovo frito. Etxanove
Embutidos mariños. Ángel León
Pedras comestibles. Mugaritz
Xabón La Antoñita
Puntillas de calamares, Ángel León
El Bohío, Flan
Club Allard, Peixeira
Ramón Freixa, Pedra e papel

¿Está esta cociña ó alcance de todos?. Seguramente non, o que a convirte nunha cociña elitista na que comer é algo mais que alimentarse.



¡Esquecía! os bodegóns multiplicáronse na actualidade, ¿cantas imaxes non recibimos por WhatsApp dos platos que comen ou veñen de facer os nosos amigos ou cantas encontramos en Instagram?

Podemos quedar escoitando esta composición sinfónica de Bruno Montovani Le Livre des Illusions,homenaxe a Ferrán Adriá. No 2007 visitou o Bulli para degustar os 35 pratos do menú degustación, as sensacións gastrónomicas quedan plasmadas nesta composición tamén de 35 movementos.







18/11/14

De Parga á Nova Iork, no gremio da falsificación


Hay un gallego en la luna, cantaban os galegos de Zapato Veloz alá polos anos 90 -autores tamén de aquel Tengo un tractor amarillo-. Non sei se haberá galegos na lúa, aínda que é habitual que en calquera parte encontres un galego por aquelo da emigración. Seguramente, supoño que o mesmo dirán os andaluces por exemplo.
Mais non esquezamos que en América denomínase galego a calquera español independentemente do seu lugar de procedencia.
Ben, admitamos que hai galegos en todos os ámbitos -cultura, ciencia, tecnoloxía, política, ...- fora do noso territorio. Pero ata agora non tiñamos un galego na elite dos grandes falsificadores da arte. Pois xa, ¡temos a Juan Carlos Bergantiños, natural de Parga! e o seu irmán Jesús Ángel.
Marchou a facer as américas desde a súa casa natal, a de Isolina do capataz, en Parga -uns 500 habitantes-, e despois de pasar por un gran número de traballos, acabaría introducíndose nos círculos artísticos neoiorquinos despois de montar unha galería de exposicións en Broadway. Parece que o seu traballo como asistente dunha sobriña neta de Gertrude Stein, foi o primeiro escalón do seu meteórico ascenso.
Un día dos primeiros anos 80 vendo as pinturas que Pei Shen Qian amosaba na esquina dunha rúa de Queens, decatouse que tiña ademais unha habilidade especial para reproducir a pintura dos expresionistas abstractos americanos.
Parece que acabaron chegando a un acordo polo que o pintor faría obras imitando a artísticos recoñecidos, e Bergantiños, xunto co seu irmán, tras de envellecelos con con bolsas de te ou deixándoos a intemperie pero protexidos da luz, engadiría a firma do suposto autor e os poría á venda.
Obra de Pei Shen na que inclúe o texto isto non é un cabalo, imitando isto non é unha pipa de Magritte
Certo que el non era o artista plástico pero si o artista do proceso de falsificación.
A encargada da negociación era a súa esposa por aqueles tempos, a mexicana Glafira Rosales. Presentábase nas galerías como representante dun coleccionista de arte do leste de Europa que viña de herdar tales obras e agora desexaba vendelas. Trataríase dun legado ata entón descoñecido no mundo da arte.
O mecanismo funcionou perfectamente, se o artista só cobraba uns centos de dólares, Bergantiños e a súa dona vendían por millóns: un suposto pollock acadou os 17 millóns de euros. Agora habitaban unha luxosa mansión de Long Island.
Pero no 2011 cando a prestixiosa sala de subastas Christie's rexeitou por falsa unha obra de Pollock que lle ofrecía un coleccionista belga, o negocio estoupou.
A investigación puxo de manifesto unha trama de falsificación que vendía obras ós multimillonarios de Manhattan que pagaban a tocateja cantidades astronómicas para poder presumir diante das amizades.
Importantes e recoñecidos artistas, particularmente expresionistas abstractos, eran os copiados. O fiscal cita a Mark Rothko, Jackson Pollock, Willem de Kooning, Robert Motherwell, Barnett Newman, Franz Kline y Sam Francis. Pero parece que tamén a Basquiat ou Keith Haring, entre outros. Todos teñen en común que visualmente o seu estilo é moi doado de falsificar. 
Investigado pola Fiscalía de Nova York e perseguido polo FBI, Berganiños foi detido durante unha estadía en Sevilla. Está acusado de fraude, lavado de diñeiro e ocultación de contas.





31/10/14

COLUMNA SALOMÓNICA


O seu nome deriva da crenza de este tipo de soporte era o empregado no Templo de Xerusalén  que ordenou construír o rei Salomón. Trataríase de dúas columnas en bronce situadas no pórtico, o seu fuste en espiral sería símbolo do carballo, o material co que se construíra a Arca da Alianza.
Hipotética reconstrución do I Templo, Templo de Salomón, no alto do monte Moriá en Xerusalén. Construído a redor do 960 a.C. e destruído por Nabucodonosor no 587 a. C.



En realidade o I Libro dos Reis non indica o tipo de columnas, o sentido helicoidal acaso se poda concluír da decoración do fuste se ben hoxe se interpreta como o diámetro do mesmo. Cando explica os utensilios realizados para o templo ( Libro dos Reis 7-13) sinala:
Trouxo Salomón de Tiro a Hiram, fillo dunha viúva  da tribo de Nefatlí e de pai natural de Tiro, que traballaba o bronce. Estaba Hiram cheo de sabedoría, de entendemento e de coñecemento para facer toda sorte de obras en bronce; e veu ó rei Salomón, e foi quen fixo para el toda a obra. Fundiu dúas columnas de bronce. Tiña cada unha dezaoito cóbados de alto, e daba volta a cada columna un cordón ou moldura de doce cóbados . Non eran macizas, senón ocas; o groso das súas paredes era catro dedos. Fundiu os capiteis de bronce por riba das columnas, de cinco cóbados de alto un e de cinco cóbados de alto o outro. Fixo para os capiteis de riba das columnas reticulados e trenzados, de trenzas a modo de cadeas, un para cada capitel. Fixo granadas todo ó redor do reticulado e do trenzado en dúas filas.Os capiteis que había no extremo das columnas do pórtico estaban moldeados en forma de lirio e eran de catro cóbados. Había en cada capitel sobre as columnas duascentas granadas, arredor de dúas ordes no alto de cada capitel, xunto ó trenzado. Alzou a primeira ó lado da dereita, e chamouna Jaquin; logo a do lado esquerdo, e chamouna Boaz. Sobre o extremo das columnas había molduras de lirios. Rematou así a obra das columnas.
Non se ten encontrado resto algún deste primeiro templo, pese a que no Muro das Lamentacións os xudeus pregan pola súa perda, aquel en realidade é parte do muro de contención ordenado por Herodes o Grande no 20 a.C., ou incluso máis tardío, para soster a explanada superior do Segundo Templo.
Entón hai que buscar noutro lugar a súa orixe, concretamente na tradición de que Constantino o Grande no século IV trouxo do Imperio Romano de Oriente seis grandes columnas salomónicas que doou á primitiva Basílica de San Pedro. Posiblemente procedían do Templo de Herodes en Xerusalén ou ben dalgún outro edificio do Imperio Romano de Oriente. Tempo despois sumáronse outras seis doadas polo exarca bizantino de Rávena.En calquera caso habería que datalas no século II ou III, relacionándose co culto a Baco pola presenza de vides e putti.
Certamente no iconostasio diante do altar maior da primitiva basílica existían columnas salomónicas, como testemuñan as obras que seguen.
Taller de Rafael, posiblemente Giulio Romano. Estanzas de Constantino, Doazón de Roma (no fondo, sobre a cripta de san Pedro, as catro columnas salomónicas), 1520-24
O mesmo tema neste gravado de Giovanni Battista Franco (1523-24)
Arca de marfil (400-430) que amosa o santuario constantinián coas seis columnas salomónicas
Eran columnas monolíticas con cinco xiros alternando catro seccións decorativas de estrías helicoidais e amoriños entre vides, o imoscopo vai recuberto tamén de follas de parra. Estes elementos decorativos do culto dionisíaco remarcan a súa orixe pagá, agora transmutados en símbolo da eucaristía e anxos.


Columna constantinián coñecida na Idade Media como Columna Santa, pois segundo a tradición nela apoiábase Xesús mentres predicaba no templo
Representación da Columna Santa por Francisco de Holanda no Album dos desenhos das antigualhas,1538-40
Estas columnas, agás unha que se perdeu e outra que se encontra no Museo, seguen a estar presentes na actual Basílica de San Pedro pero en ubicacións ben diferentes.
Reutilización de oito  das columnas constantinianas nos machóns centrais que sosteñen a cúpula
Capela do Santísimo Sacramento con outras dúas 



Agora ben, e volvendo á súa orixe oriental helenística, non perviven moitos exemplos deste tipo de soporte. Unha mostra é este fragmento de fuste que ves á esquerda  procedente de Efeso.
Si en cambio se conservan in situ columnas torsas como as que recollemos nas seguintes imaxes.


Efeso (Turquía)
Columnata do cardo de Apamea (Siria)

Termas e ximnasio de Sardes, capital da antiga Lidia (Turquia)
Casa das Columnas, Volubilis (Marrocos)





Doutra banda tamén existiron columnas ofídicas, aquelas que se forman ó enroscar dous fustes. 
O máis claro exemplo é esta columna, á esquerda, realizada en bronce como soporte dun trípode, unha ofrenda a Apolo procedente de Delfos para conmemorar o triunfo na batalla de Platea e traída a Constantinopla -actual Istambul- por Constantino o Grande - ¡sei que gustaba da curva!- para ser colocada no Hipódromo. Dataría do século V a. C.



Outra formulación foi a romana columna historiada en espiral,como a columna comemorativa de Traxano do século II d. C.)






Na arte paleocristiá perviviron as columnas torsas xunto con columnas de fustes decoradas de vides e amorciños, tal é o caso do sarcófago de Xunio Basso (s. IV d.C.) do que vemos abaixo un  fragmento
Pero volvamos ás columnas de Constantino. Cando o Concilio de Trento deu un pulo ó culto dos santos e das reliquias, as antigas columnas foron consideradas reliquias -entendíase que procedían dun templo deseñado por Deus- ó mesmo nivel que os restos arqueolóxicos de Xerusalén. Deste xeito pasaron a converterse en modelo para a arte occidental.
Sen embargo e pese á súa función tectónica, non foi na arquitectura senón na pintura onde comezaron a verse. Será o Renacemento quen con maior interese revise o pasado artístico e cultural retomando del elementos como a columna torsa -xa nos pintores do Trecento- e a columna salomónica.
Simone Martini, Retablo da Anunciación
Giotto, Presentación de Xesús no templo
Cando os pintores renacentistas representan sucesos que acaeceron no Templo de Xerusalén, recorren sempre á tradición das columnas salomónicas inspirándose directamente nas columnas constantinianas do Vaticano coas estrías helicoidais e os amoriños entre follas de vide. Serán eles os que difundan a súa imaxe por toda Europaç
 Jean Fouquet. Ilustración das Antigüidades xudías (1470-76): toma de Xerusalén polo rei Herodes o Grande e as tropas de Pompeio no interior do Templo.

 
Rafael, Curación do paralítico -feito que segundo a tradición cristián tivo lugar no interior do Templo-. Cartón para tapís, 1515-16
 
Giulio Romano, Circuncisión, 1522

Vasari emprégaas nos seus frescos como un elemento moi protagonista para conformar as grandes arquitecturas finxidas que xa non se corresponden co templo de Xerusalén e se afastan do modelo orixinario.
Vasari, Pablo III nomea cardeais e distribúe beneficios. Pazo da Chancelería, 1546
Ata aquí só vemos as columnas representadas como enmarque pictórico ou escultórico, para velas aparecer na arquitectura como elemento verdadeiramente sustentantes haberá que esperar.
Os artistas do Renacmento revisando o pasado clásico, retomaron como vimos o modelo pero quedaba unha dúbida ¿estaban diante dunha nova orde arquitectónica?.
Vai ser Vignola quen codifica o seu deseño e construción no seu tratado Regole delli cinque ordini dell'arquitettura (Venecia 1562) sen se atrever a establecer o capitel que lle debe corresponder e sen incluílo nas ordes clásicas (dórica, xónica, corintia, toscana e composta).Aumenta a seis espiras nun perfil xiratorio, non ondulante como as vaticanas.
Pese a todo, e tempo despois, outros tratadistas coma Ricci no Epitome architecturae de ordine salomonico integro ou Caramuel, que o denominou Mosaico porque "gardaba a lei de Moisés",  apoiaron a premisa da nova orde arquitectónica. Tamén a emprega na portada do seu libro "Arquitectura civil recta e oblicua" e a relaciona con  templo de Salomón.
Guarino Guarini no seu tratado Architettura civile, publicado en 1773, faino derivar da orde corintia polo que a denominou Corinto Terzo ou Ordine Corinto Supremo. A diferencia dos anteriores o fuste só se reviste de estrías helicoidais sen follas.


Vignola
Caramuel
Caramuel

Guarino Guarini



Sen dúbida quen lle deu o pulo definitivo e a empregou con valor construtivo foi Bernini no baldaquino de San Pedro do Vaticano. Conservando o modelo constantiniano de cinco espiras e capitel composto, se ben substituíu as vides por loureiro e os putti por anxos.O conxunto evoca o vello templo de Salomón e o iconostasio da vella Basílica
A importancia artística e a súa carga simbólica foron dunha enorme influencia no barroco pois encaixaba ben na súa teatralidade e maxestuosidade.
Veremos columnas salomónicas por todas partes. Proliferan nos retablos, reinterpretánse como marco arquitectónico na pintura e, finalmente pasan á mesma arquitectura con valor sustentante.
O Baldaquino da Catedral compostelana trazado polo coengo Vega e Verdugo -pioneiro das reformas catedralicias- e executado por varios mestres da talla e escultores mais a definitiva participación de Domingo de Andrade, deixa claro que o referente é o modelo de Bernini, aínda que houbo de reducir o tamaño por razóns de espazo. 



Federico Zuccaro, Oratorio del Gonfalone (1573)

Rubens, Caída do maná (1625)

Rubens, Triunfo da Eucaristía. Serie de cartóns para tapís, Mosteiro das Descalzas Reais, Madrid, 1625-26
Veronés, Martirio de S. Sebastián, 1558


Catedral de Siracusa
Giulio Romano, Palacio de Mantua
Proxecto de Guarino Guarini para a Igrexa de Sta María da Divina Providenza en Lisboa


En España, o perdido retablo das reliquias da Catedral de Compostela realizado por Bernardo Cabrera en 1625 está considerado como a primeira mostra do seu emprego seguindo o modelo de Vignola, fronte ó deseño de Alonso Cano inspirado en Bernini.
Na pintura da Purificación (1560) de Luís de Vargas, á dereita, pasa por ser unha das primeiras representacións pictóricas.
E na arquitectura difúndese con gran forza na arte barroca, a través de España pasará a Nova España cunha grande carga de carnosidade na follaxe.
A primeira columna salomónica en pedra no exterior aparece en Galicia na fachada do mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes, no segundo corpo enmarcando o nicho que acolle a imaxe da Virxe da Asunción. Unha obra de Pedro Monteagudo.


Santa María de Caldas de Montbui (Barcelona)

Capela da Terceira Orde, Toluca (México)



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir