29/11/2012

O PASATEMPO DE BETANZOS, O ALEMÁN DE CAMELLE E OUTROS ESCULTECTOS


XARDÍNS DO PASATEMPO
 




Juan García Naveira, emigrara á Arxentina xunto co seu irmán Xesús, no ano 1870. Fixeron unha importante fortuna que empregaron en obras altruístas para a súa cidade natal, Betanzos. Aquí impulsaron unha residencia para a terceira idade, escolas gratuítas, varios lavadoiros públicos, refuxios para discapacitados e colaboraron sempre con axudas sociais ás persoas desfavorecidos.
Pero seguramente a obra máis orixinal promovida e dirixida persoalmente por Juan García Naveira foi este conxunto construído a principios do século XIX coa fin de amosar o aprendido a través da lectura ou ó longo das súas viaxes.
Era un Parque Enciclopédico segundo o definiu Luís Seone, un libro de pedra, que ocupaba uns 90.000 metros cadrados e incluía arquitectura, escultura, cerámica e xardinería.
As obras iniciadas entre 1893 e 1895, serviron para dar traballo a ducias de obreiros -en momentos de máxima actividade, chegou a contar con 200 traballadores- que a cambio do contrato estaban obrigados a aprender a ler e escribir, o que engadía un valor cultural para a poboación.
O conxunto organizouse en dúas partes: o xardín e o Pasatempo, propiamente dito.
  • O primeiro, na parte inferior e chá, incluía vexetación variada, un labirinto vexetal, fontes, paseos, e estanques. Accedíase a través dun portalón custodiado por dous leóns en mármore tallados en Italia, un durminte e outro ó axexo (foron vendidos ó Santuario de Covadonga onde hoxe custodian a súa entrada). O paseo continuaba pola Avenida dos Emperadores Romanos, con bustos que os representaban, e a Avenida dos Álamos, dedicada a grandes literatos.


  • O Pasatempo, ocupaba a aba do monte ó longo de cinco terrazas sucesivas conectadas por escaleiras ou por grutas artificiais. No Estanque do Retiro do primeiro nivel, hai un templete oriental sobre unha illa artificial e cos muros de cunchas de moluscos. Enmarcan o estanque diferentes relevos ilustrativos de feitos históricos: o sacrificio do indio Tupac-Amaru (ver abaixo), os mártires cristiáns no circo, o fusilamento de Torrijos, .... E unha graciosa representación dun buzo traballando debaixo do mar.




Tamén pervie outro pequeno estanque cunha balea e coa  boca de Hades, unha copia do Bosque Sagrado de Bomarzo (magnífico xardín do Castelo dos Orsini, construído no século XVI, e magnífica a novela homónima de Mujica Laínez)


Nas paredes do segundo nivel repítense os murais: o canal de Panamá, a muralla de China, a árbore xenealóxica do capitalismo, un dirixible, unha locomotora. E o máis curioso, a viaxe a Exipto dos García Naveiro.





A través de pasadizos chegábase a un xardín no terceiro nivel, presidido por un xigantesco león en cemento, mirando á cidade.

No cuarto e quinto nivel, un zoolóxico acollía animais exóticos como llamas ou un iac, xunto con outros comúns: ocas, cisnes e patos.
A morte do seu promotor e a Guerra Civil provocaron a decadencia do conxunto, que se fixo maior co recheo de zonas, a construción da estrada que o atravesa, a edificación de naves, a división en hortas, etc. Hoxe entrouse en proxectos de recuperación.
Mira á dereita (imaxe tomada de Celtiberia.net), a liña vermella sinala os terreos que orixinalmente pertencían ó conxunto do Pasatempo, a zona sombreada en rosa indica o que queda na actualidade.



O ALEMÁN DE CAMELLE

No 1962 chegou a Cemelle un alemán, de nome Manfred Gnädinger, era un home culto e educado, fora profesor de debuxo pero seu interese polo medio ambiente tróuxoo ata a Costa da Morte e aquí quedou ata a súa morte, coincidindo co desastre do Prestige.
Se nun principio conectou coa xente da vila, despois volveuse anacoreta, deixou de vestirse, só se cubría cun taparrabos, e fíxose vexetariano.
Comprou un terreo, levantou unha pequena casa e comezou a desenvolver o seu traballo escultórico para facer un museo ao aire libre.   

Recollía todo o que o mar arrastraba a terra, coas pedras de cantos rodados apiladas e coloreadas en vivas cores creaba esculturas de formas orgánicas de gran beleza. Do mesmo modo pintaba con círculos as mesmas rochas, é dicir interviña na paisaxe cos mesmos elementos da paisaxe engadindo a cor ao granito.
É unha forma de land art.



¿Porqué comezamos por revisar este traballo do Pasatempo e o de Camelle?, pois porque nos enfronta a unha disxuntiva: ¿é arte ou non é arte?. É esta unha cuestión que sempre queda no aire, que foi cuestionada ó longo do tempo (recordemos a Duchamp) e que seguramente nunca chegará a concitar unanimidade na resposta.
Neste caso podemos dicir que se trata de arte marxinal ou outsider, é dicir aquela feita por non profesionais, persoas autodidactas que traballan seguindo exclusivamente o seu propio criterio á marxe dos estándares culturais. Curiosamente estes outsider remataron, por unhas ou outras razóns, por facerse famosos. A denominación foi creada no 1972 polo crítico de arte Roger Cardinal para superar á de Art Brut, un término co que Dubuffet se refería á arte das persoas con deficiencias mentais. 
Na arte marxinal non se procura a beleza formal clásica, as obras resultan do impulso interior creativo do seu autor e adoitan empregar todo tipo de materiais mesturados e a miúdo de reciclaxe.
Resulta máis estraño ver a obra arquitectónica marxinal, ou a escultura a gran escala, porque os seus autores son persoas que constrúen sen coñecementos específicos de técnicas edificatorias e, sen embargo, as súas construcións seguen a estar en pé.
A publicación do libro Escultecturas margivagantes: la arquitectura fantástica en España, serve para definilos como a suma de arquitectos e escultores, marxinais e extravagantes.


MÁIS ESCULTECTOS
a) En España


- Justo Gallego e a súa Catedral, en Mejorada del Campo. Comezou no 1963, despois de deixar os hábitos de monxe, a construír unha catedral no seu pobo natal en terreos herdados dos seus pais. Emprega materiais reciclados -ladrillos rotos, rodas de bicicleta, cartóns,..-, non hai un proxecto previo senón que vai seguindo a inspiración en cada momento. Por suposto non hai un estilo definido se ben poden detectarse fundamentalmente trazos románicos e góticos.



Todo é obra súa, agás certas colaboracións temporais. Con autofinanciamento e donativos continúa traballando todos os días, excepto os domingos.
Para obter cartos participou nun anuncio de Aquarius que vemos neste vídeo


Podes ver aquí unha estupenda colección de imaxes e ler unha descrición completa


- Josep Pujiula i Vila. Durante máis de 20 anos, este home coñecido como "o home das cabanas" foi construíndo un conxunto que hoxe forma o parque de Can Sis Rals
Inclúe pontes, pasadizos, torres, pasarela, fontes,..., todo realizado con ramas  e madeiros entrelazados con cravos ou fíos de ferro, chegando a acadar os 25 metros de altura.
Gran parte dos elementos foron der derrubados ó se construír a autovía.

 




- Máximo Rojo, un agricultor e o seu  Xardín escultórico universal, na provincia de Guadalaxara, no que representaría os seus coñecementos adquiridos despois de aprender a ler ós 20 anos e as súas experiencias vitais. Inclúe máis de 400 esculturas figurativas modeladas en cemento sobre unha estrutura de arame.
Está en proxecto converter a casa e o xardín en museo.
     

En Rojo e na súa obra está basada a película El jardín imaginario (2011), do que podes ver o trailer







- Serafín Villarán, soldador de profesión comezou no 1978 a construír a súa propia casa en Cebolleros (Burgos), pero non unha casa calquera, decidiu construírse un castelo empregando cantos rodados do río Nela.O edificio coñecido como Castillo de las Cuevas, consta de cinco plantas e 300 metros de superficie, foi levantado pouco a pouco no seu tempo libre de vacacións se ben contou co asesoramento dun arquitecto
Morreu antes de velo rematado pero os seus fillos continuaron a obra e hoxe pode visitarse.





- Juan Antonio Martínez Moreno, denominado o Gaudí manchego, constuiu en Rillo del Gallo  -Guadalaxara- unha vivenda que recorda -¿ou imita?- a obra de Gaudí , concretamente o Capricho na cidade de Comillas, por iso moitos denominan a casa como o Capricho de Rillo.








b) Fóra de España



- Ferdinand Cheval. É un clásico, empregou máis de trinta anos da súa vida como carteiro rural nun pobo de Francia recollendo pedras na súa ruta diaria para facer da súa casa o Palacio Ideal, cunha mestura de estilos que inclúe o hindú, sempre segundo el mesmo dicía por visóns e sonos que se lle repetían.
O conxunto rematou por ser declarado Monumento Nacional.
 



- Neck Chand Saini (India). Despois de se establecer na cidade de Chandigarh no 1947, comezou a desbrozar parte da selva e a facer esculturas con todo tipo de materiais configurando un parque, o Rock Garden. Cando foi descuberta a súa obra, recibiu apoio oficial e converteuse nunha Fundación.
Son destacables as súas esculturas feitas con anacos de cerámica sobre unha estrutura de ferro e cemento
 



Bota unha ollada á Fundación e desfruta das imaxes.




-Sam Rodia e as Watts Towers de Los Ángeles. Este albanel de orixe italiana pasou máis de trinta anos, des os 20 ata a súa morte, construíndo 17 xigantescas esculturas-torre de ata 30 metros, con materiais de derrubo.
Nos terreos da súa casa, sen apoio de maquinaria nin estadas, constrúe un armazón de metal e cemento  -formigón armado- ao que ía engadindo, a modo de mosaico, todo tipo de restos atopados na rúa: azulexos, cristais, louzas, latas, pedras, cunchas, ...
Rodia e as súas torres son os protagonistas do documental I Build the Tower. Abaixo podes ver o trailer.







A piques de ser derrubadas, salváronse despois de demostrar que non había risco de caída. Hoxe son Monumento Nacional e un importante foco de atracción turística.
Sam Rodia rematou por se converter nunha icona da arte pop, así o podemos ver reflectido na carátula do disco dos Beattles, arriba á dereita a carón de Bob Dylan.




- Guerino Galzerano e os revestimentos de pedra, en Salerno (Italia).
Agricultor na súa mocidade e emigrante en Alemaña, comezou tras do reu retorno por recubrir as paredes da súa casa con pequenas pedras redondeadas a modo dun mosaico. Logo continuou coa mesma técnica nun xardín, na súa tumba e practicamente en todo un pobo.
Non só reviste paredes tamén levanta arcos, columnas, fai esculturas,... Aquí podes ver un vídeo.




E moitos outros que fixeron xardíns, fontes, casas.....    
 




Tressa Prisbey e a Bottle Village en California. Comezou por facer un almacén para a súa colección de lapis, e ... xa non parou
Karl Junker e a casa tallada en madeira, todo  o exterior e todo o do interior. Lemgo, Alemaña
Edward James e o seu Xardín surrealista en Xilitla, México
De orixe escocés e millonario, mercou un antigo cafetal no que ergueu no medio da xungla todo un conxunto escultórico de formas orgánicas realizadas en cemento .
Mecenas e amigo de artistas como Picasso ou Man Ray

Grover Cleveland e o seu Garden Rock, en Phoenix, Arizona
                 
Adolphe Julien Fouré e as rochas esculpidas na Bretaña francesa. Despois de quedar xordo, este monxe  fíxose anacoreta e nas rochas dos acantilados tallou figuras  con narracións de piratas e contrabandistas.
Un templo budista en Khun Han, a 600 km ó nordeste de Bangkok, feito con botellas de cervexa. O proxecto iniciouse no1984 e levouse a cabo unindo as botellas de cervexa por medio de cemento, tamén se empregaron as tapas para crear mosaicos.


 






LOCALIZACIÓNS



Ver Escultecturas margivagantes en un mapa más grande

Despois de ollar a obra destes escultectos margivagantes, dámonos de conta das semellanzas: a maioría ponse mans á obra despois de se xubilar, nunca antes tiveron contacto co mundo da arte pero moitos estiveron empregados no ámbito da construción, sérvense de materiais de refugallo que seleccionan e clasifican con gran coidado pero tamén materiais naturais do entorno, traballan con verdadeiro afán dun xeito incansable, comezan a pequena escala pero logo continúan ata a súa morte sen un respiro durante 20 ou 30 anos, a improvisación inicial é substituída por unha planificación que só está na súa mente, seguen unha técnica repetitiva, actúan de xeito individual coa dedicación dun anacoreta, alleos a toda crítica ou reticencia, a creatividade convertese nunha obsesión.

Agora observa estas imaxes











¿Máis outsiders?. Non, son obras de artistas de recoñecemento mundial. As catro primeiras son obra de Gaudí e as dúas últimas de Christo, un artista representativo de land-art que cobre con enormes lonas paisaxes como neste caso na costa de Australia ou empaqueta árbores en Suíza. Da que pensar, ¿hai tanta diferencia?, ¿que che parece?.
De feito cóntase que cando a Sam Rodia lle amosaron fotos das torres da Sagrada Familia, dixo "¿Tivo axudantes?, eu fíxeno so".



0 comentarios:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir