TIPOLOXÍA
A técnica do mosaico, ornamentación arquitectónica que se realiza xustapoñendo pequenas pezas de cores, ten unha orixe moi antiga. Incluso a terminoloxía pode crear confusión, vexamos os tipos principais dun xeito simplificado ssegundo os materiais empregados e o tamaño das teselas:
- Opus sectile: consistente nun recubrimento de placas de mármore ou outros materiais lápideos, cortados en forma xeométrica, vexetal ou figurada. Similar ao traballo de taracea. Os litóstratos helenísticos corresponderían a este tipo
- Opus signinum: incrustacións de pezas formando debuxos bastante sinxelos.
- Opus tessellatum: realizado con teselas cúbicas todas iguais con tamaño superior a 1 cm.
- Opus vermiculatum: con teselas non regulares de menor tamaño. Adaptase mellor para as decoracións figuradas. A miúdo combínase o vermiculatum para os contornos e o tessellatum para o recheo. Literalmente significa traballo de verme, pola formas curvas que adopta.
- Opus musivum: aplícase este término cando se empregan teselas de pasta vítrea.
BREVE REVISIÓN HISTÓRICA
- Mesopotamia. O templo de Uruk (entre o 4000 e o 3100 a.C.) estaba decorado con debuxos xeométricos elaborados por medio de pequenos conos de arxila que se incrustaban no adobe brando dos muros.
- Grecia. Os primeiros pavimentos en mosaico elaborábanse con cantos rodados polo que reciben o nome de litóstratos. Emprega poucas cores e adopta formas sinxelas. Este é o caso destes pavimentos pertencentes á cidade de Gordión (s. VIII a.C.).
- Helenismo. Continuou a elaborar litóstratos pero mellorou as técnicas, así para marcar os contornos ou sinalar pequenos detalles empregouse chumbo en finas láminas, e ampliou a temática con representacións figuradas en escenas mitolóxicas, históricas ou da vida cotiá. O seguinte exemplo, Dionisos cabalgando unha pantera, corresponde ao palacio da cidade de Pella en Macedonia no s. IV a.C.
Alexandría ou Pérgamo forn centros moi importanters de producción. Agora empréganse pequenas pezas cúbicas talladas ex profeso, teselas, sexa en opus tessellatum ou en opus vermiculatum.
A esta etapa, concretamente ao s. II a.C., corresponden dous famosos mosaicos atribuídos a Sosas de Pérgamo: o das pombas, coñecido só por unha copia romana, e o da "casa sen barrer" (os restos dun banquete tirados polo chan) no que o detalle chega ata plasmar as sombras. A súa calidade fixo que Plinio o Vello describira esta arte coma "pintura en pedra".
- Roma, como non, asume a técnica e vaina empregar en todos os ámbitos, incluso os xenerais contaban con mosaicos móbiles para as súas tendas de campaña. Pode dicirse que non houbo casa, domus ou villa, ou edificio público que non contara con mosaicos. Xunto aos pequenos cambios técnicos, por exemplo ampliar a gama cromática ou dispoñer as teselas en arco, Roma enriquece o repertorio que se completa cos motivos cristiáns e, sobre todo, busca a tridimensionalidade o que subliña o seu carácter pictórico. Queríase contar con pavimentos que estiveran en consonancia coa pintura mural das paredes.
De Pompeia, da chamada "Casa do Fauno", unha das máis luxosas da cidade, procede o gran mosaico de "Alexandre na batalla de Issos", unha copia romana a partir dun orixinal helenístico, realizada en opus vermiculatum.
Co tempo o mosaico comezou a ascender polos muros e as bóvedas (incrementándose a dificultade), esta é unha aportación orixinal romana, sen precedentes helenísticos. De feito os romanos diferenciaban o encargado dos mosaicos murais, musivarius, e o artesán de pavimentos, tessellarius. Parece que a súa orixe está no gusto das clases acaudaladas, no s. I a.C., de adornar as grutas das súas vilas, especialmente se contiñan fontes ou estanques, con incrustacións de motivos mariños coma cunchas. Nestas estancias celebrábanse banquetes nun ambiente moito máis fresco.
Pouco despois a decoración foise separando das grutas mariñas para introducir composicións máis variadas e complexas nas que xa se empregaban teselas de vidro.
- Bizancio continuou a tradición musivaria enriquecéndoa co uso de teselas recubertas de láminas de ouro e acadando altísimas cotas de calidade.
Sen embargo, pronto se vai notar a decadencia artística musivaria. É unha arte custosa, que require moito tempo e un coidadoso traballo, polo que será a pintura quen a substitúa.
Hai un certo reverdecer no ámbito islámico e na Italia renacentista, pero haberá que esperar séculos para que artistas coma Gaudí e os seus trencadís, impulse novamente o mosaico.
TÉCNICA
A autoría non adoita ser coñecida, os mosaicistas non tiñan o mesmo recoñecemento que os pintores, se ben os salarios do musivarius eran máis altos que os do artesán tessellarius. O Edicto do Maximo, 301 d.C., establecía para o primeiro 60 denarios por día, mentres o segundo non podía superar os 50, o mesmo que un obreiro da construción ou un panadeiro, mentres que un pintor de imaxes podía chegar aos 150.Na realización dun mosaico interviña un número elevado de persoas, por iso, na maioría dos casos, a firma indica ex officina ..., é dicir, do taller de...
A documentación romana diferencia entre o pictor imaginarius, deseñador dos patróns, e o lapidarius, encargado da parte técnica (talla das teselas, preparación da base e montaxe do mosaico).
Os materiais das teselas eran diversos: mármores de cores, pedras semipreciosas (cornalina, lapislázuli) e pasta de vidro, esmalte ou cerámica. Unha vez talladas, pulíanse con pó de mármore, area ou cal, para facelas lisas, compactas e brillantes.
O proceso dos pavimentos mosaicos comezaba pola preparación da base sobre a que se superpoñen tres capas:
- statumen (un conglomerado de pedra)
- rudus (capa de morteiro de grava e cal)
- nucleus (cerámica triturada e cal)
Sobre esta derradeira capa vanse colocando as teselas.
Para os mosaicos murais, era preciso comezar por impermeabilizar a parede cunha capa de betún, resina ou alquitrán, logo superpoñíanse ata tres capas de morteiro deixando endurecer unha antes de colocar a seguinte.
O deseño, paradeigma en grego, facíase a tamaño natural sobre un cartón coas cores que recibiría, é a sinopia.
Nos seguintes debuxos ves un esquema da execución
Para facerse unha idea do proceso: este video .
E, por se non te das de conta, hai moitas formas de utilizar mosaicos, taraceas ou incrustacións, algunhas con éxito e outras non tanto.