07/09/10

APOXIÓMENOS- Lisipo



CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que representa un atleta que, despois do exercicio, limpa co strigilis, un cepillo metálico, a pel cuberta de po e aceite.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.
A obra orixinal realizada por Lisipo en bronce non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas múltiple copias romanas que dela se fixeron.
Lisipo foi un artista prolífico, dise que realizou máis de 1500 esculturas de gran tamaño; traballou na corte de Alexandre Magno, de quen era escultor predilecto e do que realizou diversos retratos (ver).
Recoñecía como único mestre a Natureza e a Policleto e o seu Doríforo, o que demostra o seu afán de someter a escultura a uns principios, a un canon. Neste sentido pode ser considerado, por tanto, como o derradeiro dos escultores clásicos.
Foi un artista prolífico, dise que realizou máis de 1500 esculturas de gran tamaño, a maioría en bronce. Os seus temas preferidos eran atletas (Hagias), heroes e deuses (Eros atando o arco, Hércules Farnesio)


CONTEXTO


Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles. Os cambios políticos e sociais tiveron repercusións
Se ate agora o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar
A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que da esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato. Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis, de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos, de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquízanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestuosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo.

ANÁLISE


O atleta, a tamaño natural, está representado no momento posterior á actividade atlética, é pois un momento nada heroico, nada importante, un acto cotián sen maior relevancia
Isto en si xa é novidoso, en continuidade coa liña de Praxitles, pero hai outras de gran interese. En primeiro lugar o novo canon de proporcións: reduce o tamaño da cabeza e da maior altura ó atleta, se Policleto establecera unha altura de sete cabeza, Lisipo pasa a oito cabezas, o que fai que a figura resulte moito mais estilizada. Ademais acentúa o volume e a gravidez muscular que favorece a sensación de corporeidade dunha anatomía máis naturalista.



Compositivamente tamén rompe coa clásica disposición frontal, pois tanto o brazo esquerdo que corta o outro en ángulo recto, impedindo a visión total do plano principal, como a extensión cara ó espectador do brazo dereito, nun escorzo inconcibible no ámbito clásico, multiplican os puntos de vista. Deste xeito rompe o efecto de relevo, crea espazo e profundidade, obrigando ó espectador a xirar en torno da escultura. Hai tres puntos de vista predominantes: frontal, de costado e tres cuartos.
A posición, en marcado contraposto, resulta pouco estable: o corpo semella oscilar sobre as pernas, e a perna dereita, un tanto atrasada e dirixida a un lado, non afinca firmemente no chan como sucedía no Doríforo.
O pulimento e a suavidade das formas atenuando as diartroses, tan marcadas en Policleto, fan que a luz esvare sobre a obra sen provocar claroscuros. As formas brandas recordan a Praxíteles.
Psicoloxicamente xa non estamos diante dun "Home idealizado", hai un tratamento realista de actitude, de xesto e de expresión. Aínda sen tratarse dun retrato, somos conscientes de observar un atleta concreto: canso, taciturno (ten unha enrruga moi marcada na fronte) e co pelo revolto. O rostro é fermosos, nin a boca nin os ollos amosan a paixón de Scopas nin a graza soñadora de Praxíteles
Está claro o avance cara ó realismo que terminará por triunfar no período helenístico.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir