07/09/10

HERMES DE OLIMPIA- PRAXÍTELES

CATALOGACIÓN

Grupo escultórico, en mármore de Paros, de gran altura (2,13 m) exento ou de vulto redondo, constituído por dúas figuras masculinas espidas, un mozo de pé que suxeita co seu brazo esquerdo un neno.
Atribúese a súa autoría a Praxíteles,  sendo un posiblemente un orixinal, o único deste escultor. Representa un tema mitolóxico: o deus Hermes no acto de transportar a Dionisos neno, desde o Olimpo ata a mansión das ninfas encargadas da súa crianza protexéndoo da furia de Hera.
A súa descuberta entre os restos do templo de Hera en Olimpia, indica que se trataría dun exvoto e polo ten unha función relixiosa,
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.
Praxíteles foi un estudoso das obras dos seus antecesores, especialmente de Policleto, sen embargo ó acentuar a sensualidade das figuras coas súas formas brandas e cheas de fermosura está a anticipar formas manieristas.
Outras obras súas son: Afrodita de Cnido e Apolo Sauróctonos.


CONTEXTO 

Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles.
Os cambios políticos e sociais tiveron repercusións.
Se ate agora o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar. A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato.
Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis, de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos, de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquízanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo

ANÁLISE 


Hermes fai un alto no camiño para descansar e ofrecer ó neno un acio de uvas, que sostería na man dereita -hoxe perdida- e que o pequeno Dionisos trata de coller, en alusión á súa posterior vinculación co viño.
Como noutras obras, Praxíteles introduce o tema anecdótico dun momento fugaz, que outorga ó grupo unha humanidade característica das representacións praxitelianas, marcada tamén pola ausencia de atributos divinos ou heroicos. Hai pois un sentido narrativo pero sen conexión afectiva entre as figuras, Hermes semella ensimesmado á marxe do que acontece fronte a unha maior espontaneidade do xesto do neno.
Ambas figuras apoian no tronco dunha árbore da que pende un manto con fondas pregas curvas e oblicuas que case o oculta.
Hermes asenta o peso do seu corpo sobre a perna dereita mentres a esquerda queda flexionada e atrasada, paralelamente descende o brazo esquerdo para posar o cóbado na árbore mentres eleva e adianta o brazo dereito. Esta disposición en curva que culmina na inclinación da cabeza xera un marcado contraposto coas cadeiras moi inclinadas, é a configuración en "S" particular de Praxíteles, a denominada curva praxiteliana, un contoneo sinuoso que desequilibra o eixe da figura e fai preciso un punto de apio engadido, neste caso a árbore, pero que serve para acentuar a sensación de dinamismo.
A composición segue a ser pechada como era propio deste período clásico e, pese a romper a frontalidade, ningún elemento impide ver a parte frontal completa. Contrasta a marcada verticalidade do eixo dereito -a árbore có pano e o neno- coa sinuosidade da figura dcuando tenga
O coidado pulido, case brillante no torso e no rostro de Hermes, subliña o suave modelado sen que os músculos queden marcados, só insinuados baixo da pel, o que fai que a luz esvare limpamente sobre a superficie, a modo dun sfumato, e que a figura xuvenil adquira unha elegante sensualidade. Pola contra nas costas quedan trazos dos golpes do cicel.
Amosa unha clara tendencia ó naturalismo tanto no rostro como no cabelo. O rostro, punto de atención da escultura, debuxa beizos carnosos, marcadas comisuras, fronte lixeiramente empenada e ollos entornados con certo aire melancólico. Esa serenidade do rostro ven ser dinamizada polos guechos rizados do peiteado traballados a trépano e con maior volume. O pequeno Dioniso pola contra amosa unha faciana anódina cun peiteado pegado á cabeza. Quedan lixeiros restos da policromía que a recubriría
O dominio técnico que Praxíteles demostra fai pensar que se trate dunha obra de madurez.






CURIOSIDADES: NICIAS, DE STATUA PICTA
Temos afeito o ollo a que a escultura grega en mármore era dun branco impoluto. Pero a realidade era que o escultor non consideraba unha obra rematada ata recibir a decoración pictórica correspondente e o patinado de cera -gánose -que facía brillar as cores.
Korés
De feito sabemos que cando se lle preguntou a Praxiteles cal das súas obras de mármore era a súa preferida, respondeu, segundo conta Plinio o Vello na Historia Natural:
Aquela na que Nicias puxo a man 
De Nicias pouco máis sabemos que o seu nome. As fontes históricas falan da súa sona, "o mellor pintor do seu tempo" escribe Pausanias, aluden á perfección técnica, ós xogos de luz-sobra.
Mais toda esa labor se perdeu, o mesmo que os traballos dos outros grandes pintores gregos: Zeuxis, Parrasio, Apeles. Nalgún  caso contamos con descricións literarias e noutros con copias romanas. As trazas de policromía que conservan algunhas esculturas e especialmente a que conservan as tanagras, poden servir a facernos unha idea.

O románico e o gótico conservaron a policromía, pero o Renacemento ó tomar o modelo das obras da  Antigüidade grega e romana que perderan a cor, suprimiuna totalmente.
A cuestión é que hoxe pareceríanos arrepiante ver o Partenón ou o David de  Miguel Anxo pintados. Pero o primeiro si estaba policromado.
Fanse moitas hipóteses tomando a referencia dos datos obtidos con luz ultravioleta. Así lucirían







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir