16/02/12

CARAVAGGIO, VOCACIÓN DE SAN MATEO


Caravaggio from Asun on Vimeo.






CATALOGACIÓN

Óleo sobre lenzo en formato case cadrado -algo máis alto que ancho- realizado por Michelangelo Merisi, coñecido como Caravaggio, entre o 1599 e o 1600. Pertence pois á arte barroca italiana.
O cardeal Mateo Contarelli comprara na igrexa de San Luís dos Franceses en Roma unha capela, capela Contarelli, coa intención de ser enterrado nela. A decoración tanto escultórica coma pictórica debía ter como referencia a vida de San Mateo. Contarelli morreu sen que a capela estivera rematada, pero deixou instrucións claras sobre as pinturas que quería: un San Mateu escribindo o evanxeo, a chamada de Xesús ó apostolado e o martirio do santo.
Caravaggio, grazas á influencia do seu mecenas, o cardeal del Monte, recibiu o encargo de pintar os tres lenzos (Martirio, Inspiración e Vocación), este que nos ocupa é un deles. Era un encargo de grande importancia tanto pola súa envergadura como por ser a primeira vez que a súa obra se presentaría nun lugar público onde toda Roma podería vela.
Se ben comezou pintando o martirio, deixou este lenzo sen rematar para pasar a executar A vocación que narra o momento no que Cristo entra nunha taberna en busca de Mateo, o sinala coa man e o chama. Así se conta no Evanxeo de San Mateu:
Xesús viu un home chamado Mateu, sentado á mesa de recadación de impostos, e díxolle: «Sígueme», e Mateu levantouse e seguiuno.
Era pois unha obra de carácter relixioso que Caravaggio vai tratar como obra costumista de xénero. Habituado a traballar escenas con poucos personaxes, sen fondos nin contexto, agora estaba obrigado a narrar unha historia nun marco contextual concreto e con máis figuras.
O seu estilo tivo que cambiar aínda que sen renunciar á súa personalidade artística definida por un rotundo naturalismo inspirado directamente na Natureza e que o leva a tratar co mesmo primor un bodegón ou unha escena bíblica. A introdución de tipos vulgares, desde vagabundos a prostitutas, como modelos para personaxes sagrados fixo que rompera o principio do decoro segundo cal só deben elixirse para a representación os elementos acordes á dignidade do tema. Certo que os resultados podían ser tidos por irreverentes pero tamén é certo que facían máis cribles as historias dos Evanxeos ós ollos do pobo. Para resaltar certos aspectos dispón de espazos escurecidos, onde a luz, como un potente foco oculto pero convenientemente dirixido, ilumina parcialmente as formas, é o que se denomina tenebrismo.
A súa obra supuxo unha profunda renovación na pintura italiana do século XVII. A súa influencia será moi importante, así o demostra a existencia dos denominados caravaggistas, seguidores do seu estilo, entre os que se encontran Carlo Saraceni ou Artemisa Gentileschi ou os españois Ribera e Murillo, e incluso Velázquez na etapa sevillana, Rubens ou Rembrandt.


CONTEXTO


A arte barroca .................................. o desequilibrio e a conxugación de todas as artes.
A pintura barroca resulta de grande variedade en canto á xéneros, escolas, temáticas e solucións formais. De xeito vemos convivir a tendencia naturalista de Caravaggio co clasicismo dos Carracci e co decorativismo de Cortona. O punto común, como na arquitectura ou na escultura, segue a ser o movemento, a teatralidade, o efectismo. Plasticamente son trazos da pintura: o dominio da cor aplicada en grandes manchas; a profundidade continua por escorzos, planos de luz e de sombra, converxencia de liñas; as composicións asimétricas, abertas e organizadas a través de diagonais que cruzan violentamente o lenzo; os estados de ánimo apaixonados e as esaxeradas expresións para subliñar o dramatismo; xeneralízase o emprego do óleo sobre lenzo. Xunto coa temática relixiosa e mitolóxica, estendese o bodegón, as naturezas mortas, os retratos colectivos e os autorretratos, a paisaxe e as escenas da vida cotiá.


ANÁLISE


Habitualmente o tema representábase con Xesús convocando a Mateu desde fora través dunha fiestra, mais Caravaggio opta por unha escena de interior, dentro dunha taberna. Unha actividade rutinaria de acotío vese interrompida polo milagre, un acontecemento amosado como un instante, pero un instante cheo de verosimilitude que o espectador comprende con facilidade.
Mateu, recadador de impostos, está sentado á táboa con catro axudantes facendo as contas do recadado, todos vestidos á moda da época. Pola dereita entra Xesús acompañado de San Pedro -símbolo da Igrexa Católica-, estende o brazo e sinalando a Mateu co seu dedo fai o chamamento ao tempo que xa xira os pes para saír -non precisa repetir o chamamento-. 
No grupo dos recadadores as reaccións son diversas, mentres os dous da esquerda ó non se dar conta da entrada de alguén, continúan coa cabeza baixa absortos nas moedas a contar, os dous da dereita viran de inmediato diante da aparición, incluso o que está de costas semella disposto a se erguer, no medio Mateo mira sorprendido e inquire, dubitativo, sinlándose coa man se esa persoa que lle da unha orde se refire a el.
Ese xesto da man de Xesús, o máis significativo de todo o cadro, recorda claramente a man de Adán na Creación de Miguel Anxo na Capela Sixtina.


O naturalismo do tratamento resulta patente en todos os personaxes, son tipos físicos tomados das xentes que poboaban as tabernas, ás que o pintor era tan aficionado. Visten con claro anacronismo á moda da época, moi elegantes cos seus sombreiros de plumas, pero as uñas sucias destes empregados públicos parecen convertelos en tahures repartíndose as ganancias. Xesús, como Pedro cos pés descalzos e vestidos con humildes túnicas, só resulta recoñecible como figura sagrada pola sinxela aureola sobre a súa cabeza, o seu corpo queda tapado polo do apóstolo en primeiro plano. O autor quere amosarnos acontecementos sagrados como se estiveran suceder nas proximidades das nosas casas, un xeito de achegar o feito relixioso ás masas populares.
A acción sucede en medio do silencio, sen movemento físico e dentro dunha escuridade xeral, só o foco de luz branca diagonal, de dereita a esquerda, fai saír das sombras as formas sumidas na penumbra, traelas ó primeiro plano e outorgarlles volume. A fiestra da parede queda opaca, son Cristo e o seu apóstolo os que traen a luz, o que hai que interpretar non só como luz física senón tamén como a graza divina.
Esa luz tenebrista remarca o que máis interesa, os rostros e os xestos que dan significación -man de Xesús que sinala e a de San Pedro que semella dubidar da elección, a man do que se interroga, as mans que contan os cartos-. Paralelamente outras partes quedan sumidas na escuridade: toda a parte esquerda e toda a parte inferior. É pois esa luz a que desde un punto indeterminado crea a tensión dramática e guía a mirada do espectador desde o xesto de Cristo ata a cabeza de Mateu, lectura de esquerda a dereita.
A composición resulta bastante estática, horizontal, e sorprendente en tanto que as figuras principais, Cristo e Mateu, non ocupan un lugar primordial senón que se sitúan nos dous extremos. Sobre un fondo neutro e pechado diferenciamos unha parte alta baleira, só coa fiestra vertical, e unha parte inferior con dous grupos de figuras compactas conectadas pola man de Xesús e a luz. Se a primeira vista destacan as liñas horizontais (a mesa, a liña de cabezas dos sentados no seu redor) e verticais (Cristo e Pedro na dereita, fiestra no alto, banco no primeiro plano), vemos que logo entran en xogo todo un complexo de diagonais secundarias (espada e pernas dos cabaleiros) que dinamizan a composición.

Partindo dunha gama cromática moi reducida -cores terra, marróns e negros-, a luz fai destacar sobre eles a vivacidade dos vermellos e marelos, tratados ó modo veneciano. En contra do que se puidera pensar, Caravaggio é colorista, pero a profundiade das sombras absorbe as cores.
No tema subxacen os ideais da Cotrarreforma expresados a través da elección que Cristo fai dos seus seguidores, independentemente do seu pasado. É o chamamento vocacional conectado co sacramento da orde sacerdotal, sacramento rexeitado polo protestantismo, pero igualmente o chamamento da humanidade á conversión, a seguir os principios do catolicismo.










  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir