16/02/12

BARROCO EN GALICIA


- ANDRADE. TORRE DO RELOXO, CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA


CATALOGACIÓN

A Torre do Reloxo ou a Berenguela, pertencente á Catedral de Santiago, está situada no lado sur facendo esquina entre a fachada de Praterías e a Praza da Quintana. Como todas as obras da catedral foi un encargo do Cabido da mesma.
Domingo de Andrade, xa nomeado mestre maior, foi o encargado de rematar a torre sobre unha preexistente do século XIV, coñecida como Berenguela. Foi realizada en granito no derradeiro terzo do século XVII, correspondendo por tanto ó período ornamental do barroco tras dunha primeira fase clasicista.
Andrade é o primeiro autor que emprega unha linguaxe plenamente barroca incrementando a ornamentación, como demostra esta obra ou a famosa escaleira de triplo arranque do Convento de Santo Domingo de Bonaval.

CONTEXTO

España foi incorporando con reticencias o novo estilo barroco, pois que a súa arquitectura era cativa das formas anteriores, en concreto do gran peso exercido polo Escorial que mantivo a súa influencia durante a primeira metade do século XVII. Hai que esperar á segunda metade do século para que se desenvolva un estilo moi ornamental que acabará por derivar nun barroco movido, o rococó, no seguinte século con dous centros importantes: Madrid e Salamanca. A realización urbanística máis importante foi a Praza Maior, un novo concepto de espazo urbano .
Pero é en Galicia, e especialmente en Santiago de Compostela, onde encontramos as mellores mostras da arquitectura barroca. As razóns do auxe construtivo estriban nas boas condicións económicas do momento: expansión agrícola, aumento de poboación, aumento das rendas percibidas pola fidalguía e o clero. Isto permitirá a restauración de vellos edificios relixiosos ou a construción doutros novos, do mesmo modo que os fidalgos levantan pazos e vivendas urbanas de grandes dimensións. Toda unha pléiade de arquitectos e escultores traballan engalanando a cidade de Compostela, arcebispo e cabido catedralicio, coinciden en promover o engrandecemento artístico da catedral, nun momento de decadencia das peregrinacións.
Así, Xosé Peña de Toro levou a cabo o peche da cabeceira na Praza da Quintana cunha fachada en granito na que deseñou a Porta Santa e a Porta Real, levantou o ciborio e erixiu a Torre das Campás. Tempo despois das obras de Andrade, será Casas Novoa quen realice a obra cume catedralicia: a fachada do Obradoiro.
Son trazos comúns deste Barroco galego: o emprego do granito; as fachadas-telón superpostas a modo de pantallas visuais; a procura de efectos teatrais a través da luz con xogos de vans e masas, entrantes e saíntes; ornamentación de tipo estrutural por medio de grandes volutas, esaxerados entabaoamentos, frontóns curvos e partidos; a suma de acios e froitos, grilandas, escudos e, na última fase, recortes de pedra con formas xeométricas (Barroco de placas).


ANÁLISE

No corpo medieval inferior existente abriu un vano cara á Praterías e unha gran balconada cara á Quintana, a fin de reducir a sensación de masa. Encima tres corpos superpostos que se alixeiran e estreitan a medida que ascende.
Sobre a cornixa levanta o primeiro corpo: unha estrutura cúbica con catro templetes circulares cupulados nos ángulos e rodeada dunha balaustrada, como fixera Peña de Toro no peche da cabeceira. Nos templetes abre vanos rectangulares entre pilastras, no corpo central un gran vano de arco de medio punto entre dobres pilastras de orde composto. Por riba do entaboamento discorre unha nova cornixa voada e quebrada sobre a que se alza o segundo corpo, agora octogonal con máis vanos tamén de medio punto entre pilastras, e novamente con catro templetes nos ángulos similares ós inferiores e unha balaustrada.
O terceiro e último corpo volve a estar rodeado dunha balaustrada agora octogonal. Componse dun tambor sobre o que apoia un gran toro que constitúe a base da cúpula lixeiramente cebolada. No alto unha lanterna circular co seu correspondente cupulín e un pináculo rematado en bola.


Se orixinal resulta a organización dos corpos, máis o é a decoración que se superpón por todas partes: sartas de froitas como símbolo de recompensa aos vencedores, eses, volutas, máscaras, trofeos militares (a Igrexa triunfante) e motivos xacobeos (cunchas, estrelas, cruces).

En conxunto recorda unha arquitectura efémera, un xogo de artificio, que amosa unha forza ascensional conectada có espírito gótico pero a decoración que a recobre, a claridade de volumes e o dinamismo que a anima responden á fábrica barroca e fan dela un modelo de rotundo éxito que ha servir de inspiración para moitos outros campanarios galegos e de fóra de Galicia.
Consérvase o debuxo da torre feito por Simón Rodríguez no 1731.




- CASAS NOVOA, FACHADA DO OBRADOIRO NA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

CATALOGACIÓN

Entre 1738 e 1750 acométese a obra da fachada oeste do edificio máis emblemático do Románico español e estandarte do catolicismo, magnífico exemplo de igrexa de peregrinación: a Catedral de Santiago. Entre as propostas que se barallaron existía unha, absolutamente disparatada, que propoñía derribar o Pórtico da Gloria e construír unha nova fachada. Tal idea, por sorte, foi totalmente descartada. A solución definitiva que levará a cabo Fernando de Casas Novoa, mestre de obras da catedral desde 1711 en substitución de Andrade, consistiu en superpoñer unha fachada, marcadamente barroca, á que en orixe tiña a catedral. Iso si, debía respectar todo aquelo que non se podía tocar, é dicir, a Torre das Campás e os corpos laterais engadidos como reforzo. Así pois era preciso conservar elementos alleos representativos de etapas anteriores e conxugalos harmonicamente có novo sentimento artístico. Ademais debería integrar o edificio na estrutura urbana da cidade.
Casas Novoa é o primeiro mestre que sabe fundir de xeito maxistral a decoración vexetal de época anterior (recordemos a Andrade e as súas sartas de froitas) coas novas formas xeométricas que se impoñen no XVIII, o barroco de placas. Anteriormente fixera a fachada do mosteiro bieito de Vilanova de Lourenzá (Lugo) considerada un antecedente directo da do Obradoiro, algo así como un ensaio previo a menor escala.

CONTEXTO

.............

ANÁLISE

Responde ó gusto do barroco galego polas fachadas escenográficas, as fachadas-telón que teñen como única finalidade pechar espazos ou prazas a fin de embelecer a cidade e lograr deste xeito as máis fermosas perspectivas urbanas. A obra de dimensións colosais, a súa recargada decoración e o contraste coa nudez da praza, provoca o impacto buscado: estamos diante dunha magnífica escenografía, cume do barroco galego.
O material construtivo é o granito gris, abundante en Galicia, e empregado na maioría das construcións barrocas galegas, o que condicionou notablemente a execución dos motivos decorativos, moito máis xeométricos e anquilosados (placas) que os de outros edificios barrocos do país. O fundamental será a masa, o granito dominando a esencia da arquitectura.
Enmarcada polas dúas torres de basamento medieval, unha, a das Campás, rematada por Peña de Toro e a outra, a da Carraca, rematada recentemente por el mesmo, a fachada está concibida coma un enorme arco de triunfo que acolle ós fieis que chegan a visitar o Apóstolo. Pero se temos en conta os dous laterais que se adiantan sobre as torres, tamén pode semellar un tríptico coas fornelas cubrindo os basamentos das torres. Divide claramente a superficie en pisos e rúas, translucindo a estrutura interna do edificio coas súas tres naves e o triforio, conectadas as laterais á central por enormes volutas, e sen que se busque recrear unha arquitectura románica, introduce elementos estruturais que a evocan para non discordar coa obra medieval á que se superpoñen. Desta maneira, o vano de ingreso recorda unha portada románica ó recorrer ó arco de medio punto, o delimittar un espazo que evoca un tímpano e manter o parteluz.
Había outra dificultade a solventar: a iluminación do interior que coa nova fachada quedaba totalmente oculto. A solución ven dada pola apertura de ventanais, o espello, especialmente grandes na rúa central, que tratou de disimular o máximo posible pero que case desmaterializan o muro. Pero os ventanais, uns dos maiores vidros anteriores á revolución industrial, obrigaban a establecer unha articulación que lle servira de soporte. Esa articulación créaa a estrutura de dobre andar acubillado baixo arco e remárcana as liñas verticais debuxadas polas columnas de orde xigante levantadas obre altos podios e os remates en pináculo, có que se imprime un sentido ascensional reforzado desde o segundo corpo e dilúense os panos das vidreiras. A verticalidade, case gótica, ven tamén subliñada polo claro eixo central que vai dende o parteluz pasando polos ventanais superpostos e o escudo, a hornacina ata rematar no alto no cupulín.
En superficie busca o dinamismo xogando con distintos niveis de profundidade, adiantando notablemente a liña de soportes, o que tamén produce fortes claroscuros. Todo se recubre de elementos decorativos, tanto coas formas ríxidas propias do barroco de placas como as grandes volutas, os escudos ou os trofeos militares, como a ornamentación minuciosa, por exemplo sobre as columnas, que aproximan a obra ó estilo recargado e artificioso dos irmáns Churriguera pero ó non desbordar a estrutura arquitectónica non chega a resultar excesiva. Sobre o relevo da urna sepulcral rodeada dunha coroa de anxos e sinalada por unha estrela radiante, o corpo central remátase cunha especie de camarín calado, a maneira de grandioso transparente ou peineta calada, onde se recorta sobre o ceo a imaxe de Santiago peregrino, introducíndose deste xeito unha nota de cor no conxunto.

Outro elemento singular que contribúe á incrementar a monumentalidade da fachada é a peculiar escaleira (realizada en 1606, homenaxe a outra das grandes obras da nosa arquitectura, a Escaleira Dourada de Gil de Siloé, de similar estrutura, na catedral de Burgos) e que Fernando de Casas conservou tal e como estaba.



- SIMÓN RODRÍGUEZ, FACHADA DO CONVENTO DE SANTA CLARA. SANTIAGO DE COMPOSTELA





CATALOGACIÓN


Fachada barroca executada por Simón Rodríguez nos primeiros anos do século XVIII por encargo do convento.
Rodríguez foi seguramente discípulo de Andrade de quen toma non o sentido decorativo que o caracterizaba senón o interese polos volumes e as estruturas arquitectónicas. Nas súas manas o granito se xeometriza en placados e adquire unha categoría volumétrica que semella desafiar a estática da propia construción. Resulta o mellor representante do denominado barroco de placas

CONTEXTO

.......

ANÁLISE

Responde ó gusto do barroco galego polas fachadas escenográficas, as fachadas-telón que teñen como única finalidade pechar espazos ou prazas a fin de embelecer a cidade e lograr deste xeito as máis fermosas perspectivas urbanas. Neste caso ademais é unha fachada ficticia pois non se trata senón da portería do convento que da a un pequeno xardín desde o que realmente se accede ó recinto conventual.
O conxunto resulta totalmente anticlásico: retrae a fachada con respecto ó muro do convento para conseguir un efecto de sorpresa e proxecta a escaleira en busca do paseante.
Organízase entre pilastras de festón vertical refundido (evocación do almofado) que chegan ata a cornixa, pero nun lado está o lenzo non a pilastra de modo que rompe a simetría. Divídese en tres rúas, moito mais decorada a central, especialmente na parte alta, e en tres corpos e altura separados por molduras.
Na rúa central, moi destacada, sitúase a porta enmarcada por un groso baquetón con enorme molduraxe e orelleiras, nos lados dúas placas de molduras elípticas de gran volume. Remata o primeiro nivel unha moldura.
Ascendedo pola rúa central, un nicho rectangular cegado (posiblemente proxecto dun balcón) seguido doutro de medio punto coa imaxe da Santa titular, detrás dela unha fiestra, a modo de transparente, unha solución moi barroca. Ambos elementos quedan encadrados entre grandes volutas, en forma de C ou grampas, conectadas unhas coas outras e sobrepostas a un conxunto de placas rectangulares e circulares dispostas en distintos planos. Volutas e placas substitúen ás pilastras. Remata cunha especie de asas que semella un frontón semicircular partido. Nas rúas laterais ábrense fiestras rectangulares
O terceiro corpo sobre unha voadísima cornixa rompese para dar cabida ó escudo de San Francisco coas cinco chagas. O derradeiro nivel ven dado por un frontón quebrado curvo sobre dúas enormes pilastras nas que contrastan as pequenas sartas de froitas colocadas no fuste. No alto asentan cilindros apoiados sobre rectángulos en marcada sensación de inestabilidade. O feito de ser tres posiblemente sexa unha alusión á Trindade.






En síntese, hai que subliñar o carácter xeométrico dos elementos ornamentais, a concentración dos mesmos na rúa central e o incremento da súa volumetría no alto, os xogos dos distintos planos do relevo, os contrastes de vanos e macizos e a sensación de movemento e de inestabilidade xerada polos cilindros.
Posiblemente a fonte de inspiración veña dalgún gravado manierista, de feito Serlio presentaba os tres cilindros e as elipses, pero como molduras sen tanto volume.










  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir