01/09/14

Cat.Compostela. PORTADA PRATERÍAS




CATALOGACIÓN

Portada da fachada sur do transepto, realizada nos primeiros anos do século XII, a única das tres da catedral, verdadeiramente románica.
As tres portadas respondían a un planteamento iconolóxico conectado. A do Norte, dedicada á obra creadora do Pai, presentaba a caída e promesa da redención; a do Sur, dedicada a obra do Fillo, presentaba a redención; a do Oeste, sería a do Xuízo e a Gloria.
O que hoxe vemos na portada de Praterías resulta da obra orixinal, máis pezas engadidas procedentes da portada Norte, da Acibecharía ou Porta francíxena pois nela desembocaba o Camiño francés, que foi destruída por un incendio no século XVIII,.e do coro pétreo do mestre Mateo.
Non conta cunha autoría única, pola contra resulta da suma artistas (mestre do Cordeiro, mestre da Traizón, mestre das Praterías, mestre das Tentacións ou de Conques e mestre da Transfiguración) e temas diferentes dentro dun conxunto iconográfico común: a Redención, con escenas alusivas á dobre natureza de Cristo (humana e divina), e o seu triunfo sobre o pecado e a morte. Foi monumentalizada polo mestre Mateo na súa parte alta.

CONTEXTO

......
A escultura quedara desconectada da tradición clásica, os precedentes cos que conta son tan só as mostras prerrománicas, de pequeno formato, as herdanzas bizantinas, de onde ven o hieratismo e a disposición xerárquica, e paleocristiáns de onde retoma a representación de figuras humanas
As representacións conteñen un simbolismo de signos e alegorías entendido polos fieis, estas Biblia pauperum tiñan unha clara finalidade didáctica pois a través delas presentábanse acontecementos bíblicos e escenas celestes, sempre resaltando o temor da condenación e a necesidade do arrepentimento dun modo moi expresivo
Integrase na arquitectura e a ela se acomoda, por iso predomina o relevo e escasea o vulto redondo. Seguindo a lei do marco, as formas corporais e os obxectos non teñen estrutura independente do marco, senón que se dobran, alongan ou achican segundo a dispoñibilidade espacial, ocupándoo de cheo –horror vacui-. Aparece en capiteis, arquivoltas tímpanos, xambas, parteluz, sempre en distribución simétrica, con escenas xustapostas e a miúdo policromada

ANÁLISE

A fachada consta de dúas portas de dobre folla, abucinadas pola superposición das arquivoltas, alinteladas e con tímpanos semicirculares. Apóstolos ós lados de cada porta como gardiáns das mesmas. Segue un friso, a cornixa sobre canzorros, dous vanos con arcos lobulados de influencia musulmán e arquivoltas (a terceira foi alterada ó construírse o claustro) que abren á tribuna. Remata cunha balaustrada moi posterior
Os relevos, en placas de dimensión e grosor variado, concéntranse nos tímpanos e no friso pero tamén aparece nas columnas, nas xambas, nos contrafortes e nos muros. O conxunto resulta totalmente incoherente e desordenado por mor dos engadidos. Incluso as formas non se adaptan á forma semicircular dos tímpanos.
- Tímpano da dereita ou da Paixón, alude á natureza humana de Cristo: na parte superior a Natividade, o Anuncio ós Pastores, a Adoración dos Magos; no rexistro inferior, temas da Paixón: Coroación de espiñas, Flaxelación, Erección da Cruz, Bico de Xudas; e outros como a Curación do cego.


- Tímpano da esquerda resalta a natureza divina de Cristo por medio da súa vitoria sobre o pecado (as Tentacións) e pezas soltas como a muller adúltera.


- No friso e nas xambas, as áreas de maior desorde, mestúranse pezas de distintas procedencias e temáticas: a Tranfiguración, Cristo e os Apóstolos, escenas da Xénese (creación de Adán e Eva, expulsión do Paraíso), o rei David tocando un instrumento musical, sentado e coas pernas cruzadas nunha postura singular que rompe a frontalidade e conquista o espacio reservado para o espectador. Tamén se integran. pezas do derrubado coro pétreo de Mateo.

Diferénciase a man de distintos mestres, en sucesión cronolóxica:

Mestre de Eva ou de Praterías
Considerado o de mellor calidade. A hipótese de que fora Estevo, hoxe non se admite.
Características: figuras nun esquema xeométrico romboidal, coidadas anatomías, pregas paralelas en U, cabelo en mechóns soltos, grosos labios, ollos avultados e fazulas inchadas, pernas cruzadas en aspa.
- Muller adúltera, Creación de Adán, David, Apóstolos das xambas
Mestre do Cordeiro
Relacionado coa Porta do Cordeiro de S Isidoro de León.
Características: monotonía en panos e anatomías, volumes xeometrizados, formas pulidas, tendencia á frontalidade, rostros inexpresivos, aínda que trazos da faciana como ollos, labios e fazulas semellantes ós do mestre de Praterías, pero carentes de vida.
- Pantocrátor; Maiestas Domini; o anxo con libro (Mateo?); Reprensión de Eva.
Mestre da Traizón
Relacionado coa posterior Porta do Perdón de S Isidoro de León.
Estilo máis narrativo, tende ó vulto redondo –brazos e pernas poden estar exentos-, pregas grosas e cilíndricas que se cinguen á parte inferior do corpo; fisicamente, as figuras presentan grandes bigotes, pupilas escavadas, moi expresivas.
No tímpano dereito: Bico de Xudas, Expulsión do Paraíso, Curación do cego.
Mestre de Conques ou das Tentacións
Caracteristicas: cabezas cúbicas, pelo cortado á taza, canon curto, pregas aplastadas, figuras en perfil e variedade na disposición dos pes.
- A Flaxelación e a Coroación de Espiñas.
Mestre da Transfiguración

Habería un quinto mestre, da Transfiguración, cun estilo relacionado con Saint-Sernin de Toulouse, caracterizado por un rebuscado manierismo
- Centauro, a muller amamantando, a Transfiguración, San Andrés.



OBRAS DO MESTRE DE PRATERÍAS


a) DAVID
Situado na xamba lateral esquerda da fachada de Praterías, atribuído ao mestre do mesmo nome. Procede da fachada norte. Obra do mestre de Praterías.
David aparece como rei coroado, vestido con túnica e manto prendido no ombreiro, xira a cabeza a súa dereita, sentado nun trono con dosel e patas rematadas en garras de león, animal co que se identifica o propio David, coas pernas cruzadas en aspa, tocando un instrumento musical moi detallado nos seus elementos (máis medieval que bíblico pois a Biblia asígnalle un arpa). Os pes, vistos desde arriba, pisan un animal con garras, un demo, símbolo do triunfo sobre o mal
Cumpre a lei do marco que ven dado polo arco e polas molduras laterais. Por iso a posición resulta antinatural, excesivamente vertical aínda que xire a cabeza á súa dereita.
Non hai volume posto que pernas e laude ou viola, non se proxectan suficientemente. Pero a cabeza xira á súa dereita rompendo un tanto a frontalidade.
Cabeza: cabelos longos que caen sobre os ombreiros en bucles soltos, labios grosos, fazulas e ollos avultados, coidada barba traballada en pequenos mechóns individualizados que rematan en pequenos bucles e bigote en pequenos rizos que parecen trenzados. Amosa serenidade e altivez ao mesmo tempo.
Corpo: coidado estudio anatómico que se adiviña baixo da túnica que forma grandes pregas paralelas que configuran ondas en U, péganse en técnica de panos mollados
Compositivamente hai un claro eixe central cortado polas liñas en aspa das pernas cruzadas.

Moi semellantes son estas tres obras, todas en templos do Camiño. Repiten o modelo iconográfico -se ben no derradeiro aparece acompañado dos seus músicos-, pero observa ben cada imaxe para analizar o diferente tratamento escultórico
Mocheta da Porta Miègeville de Saint Sernin de Toulouse, pilastra do presbiterio de Santo Domingo da Calzada, capitel da catedral de Jaca e Porta do Cordeiro en San Isidoro de León.



b) MULLER ADÚLTERA


A mesma procedencia e autoría que David
Pensouse que representaba a Eva como símbolo do pecado orixinal. Sen embargo, seguindo o Codex Calixtinus, aludiría ó adulterio: a muller sostén a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, quen a obriga dúas veces por día a bicala.
Senta sobre unha cadeira de tesoiras que remata en garras de león abaixo e en cabezas do mesmo animal no alto.
Destacan as súas formas sinuosas, redondeadas, transmitidas a través da túnica que viste e que deixa á vista a perna e o peito esquerdos, engadindo unha nota de sensualidade.
Os mesmos trazos estilísticos que David












  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir