Amosando publicacións coa etiqueta Compostela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Compostela. Amosar todas as publicacións

09/11/17

Cat.Compostela. PÓRTICO DA GLORIA



Abrimos  boca con Peridis

 


CATALOGACIÓN

O Pórtico da Gloria, que formaba parte da fachada occidental realizada polo mestre Mateo, e os colaboradores do seu obradoiro, no derradeiro terzo do s. XII cando, no 1168, o rei de  León e Galicia Fernando II encárgalle levar a cabo as derradeiras obras da Catedral compostelá (consérvase o documento da pensión vitalicia  que o monarca outorga no 23 de febreiro de 1168).

Unha inscrición na parte inferior do lintel dános a data de 1188.

No ano da Encarnación do Señor, 1118, Era de 1226, no día primeiro das calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da igrexa do benaventurado Santiago foron colocados polo Mestre Mateo, que dirixiu a obra dende os cimentos destes portais
Resolve o mestre Mateo realizar un nártex monumental flanqueado por torres xemelgas de base cadrada. Para sustentalo e salvar o desnivel do terreo, construíu un grande baseamento conformado pola cripta, tamén coñecida como catedral vella. Iconograficamente a cripta simboliza o mundo terreal coa súa bóveda celeste –sol e lúa nas claves das bóvedas- sobre a que se asenta a Gloria do Pórtico. Na parte alta, unha galería que comunica coa tribuna e que se ilumina a través dos óculos abertos sobre os arcos laterais do Pórtico, na clave da bóveda o Año de Deus, a prefiguración do sacrificio de Cristo, a luz que iluminará e salvará o mundo. O conxunto que formaba esta portada occidental -coa fachada exterior desaparecida coa reforma barroca- evoca a Xerusalén Celeste.
O material empregado é granito e só mármore nalgún caso. Da policromía orixinal aínda se poden ver certos trazos da pintura.
Mateo é tamén autor do coro pétreo que foi destruído no s. XVII e cuxas figuras vemos hoxe na Portada de Praterías e no cerramento da cabeceira.
As máis 200 esculturas son a culminación do románico con personaxes maxestosos e severos, pero dotados dun naturalismo nas actitudes e nas facianas que está a anticipar o gótico. Por iso, se considera unha obra de transición. O Pórtico quedou cuberto pola superposición da fachada barroca do Obradoiro.

CONTEXTO

.........


ANÁLISE 


O nártex, de pequenas dimensións e cuberto por bóvedas de crucería, presenta na contraportada catro anxos trompeteiros chamando ao Xuízo Final, mentres que a portada que da paso ás naves estruturase en tres grandes vanos en arco de medio punto, en correspondencia coas naves, sustentados por piares con columnas adosadas. O arco central, o dobre de ancho que os laterais, é o único que posúe tímpano e está dividido por un parteluz coa figura de Santiago.
Esta idea de pórtico resulta herdanza dos arcos de triunfo romanos, engadindo á súa función propagandística a función didáctica.
A interpretación non é unánime, considérase que plasma a Apocalipse de san Xoán, segundo o cal o templo representa a Nova Xerusalén que descende do Ceo, insistindo na idea do fin do mundo, e para outros a alianza, simbolizada en Xesús, do pobo xudeu anterior a Cristo, á esquerda, e os xentís, á dereita, que tras da chegada de Cristo ascenden por medio del á Gloria, única vía de salvación. Tamén se dubida da orde en que debería lerse: de arriba abaixo, horizontalmente, partindo do tímpano central, ...
Un conxunto de 200 lastras con figuras que se recortan ou se solapan para o seu encaixe.

O arco lateral esquerdo reflicte temas do Antigo Testamento (cativerio das tribos de Israel, descenso de Xesús ó Limbo) baixo a idea xeral da espera dos xustos pola chegada do Salvador. No oposto, temas do Novo Testamento co Xuízo Final, onde os condenados reciben o castigo acorde ós seus pecados e os elixidos son levados á Gloria. No arco central, a Gloria da que desfrutan os salvados. Nos remates laterais, anxos trompeteiros en correspondencia cos da contrafachada.

Analizamos o conxunto desde abaixo.

PRIMEIRO E SEGUNDO NIVEL: SOPORTES
Os soportes do primeiro nivel son columnas adosadas de altas altas basas con figuras de monstros, as bestas apocalípticas vencidas. 
Sobre ese primeiro corpo de columnas, un segundo de estatuas-columna, coas figuras, á dereita, dos Apóstolos, de curtas e coidadas barbas, portando códices, na esquerda os profetas con largas barbas e portando rolo pois non son autores de escritos. Son os enviados de Deus para difundir a súa mensaxe, como demostra nos rótulos das cartelas que portan, ao tempo que actúan de intermediarios entre os peregrinos (abaixo) e Deus (arriba).
Na basa do parteluz, a figura dun home suxeitando dous monstros, pode interpretarse como Sansón; no fuste a árbore de Jessé simboliza a xenealoxía de Cristo; capitel coa Santísima Trindade en alusión á súa natureza divina. No alto, a figura de Santiago sedente acollendo o peregrino, leva o bastón de peregrino e un pergamiño no que se le Deus envíame. Por dentro, axeonllado en actitude penitente, o propio Mateo, popularmente coñecido como santo dos croques.



TERCEIRO NIVEL: ARCADAS
  • ARCADA CENTRAL. A arquivolta acolle os vintecatro Anciáns da Apocalipse afinando instrumentos musicais  e o tímpano presenta un Pantocrátor cun Cristo en Maxestade maxestático e hierático coroado como rei, en tamaño maior que o resto das figuras acorde coa perspectiva xerárquica, cos brazos abertos, mostrando as chagas, é un Cristo misericordioso, non ameazante, que ofrece a salvación. Rodéano os catro Evanxelistas en actitude de escribir apoiados cada un no seu símbolo (Lucas, touro; Marcos, león; Xoán, aguia; Mateo escribe sobre unha caixa en recordo do seu oficio de cobrador de impostos pois non sería propio facelo sobre o anxo que é o seu símbolo) e anxos portando os instrumentos da Paixón; ocupando o resto de espazo dispoñible, os benaventurados. Simboliza a Xerusalén celeste coa presenza dos elixidos, anxos e benaventurados.
  • ARCADAS LATERAIS. No arco esquerdo de tres arquivoltas, unha delas floral, Xesús baixa ao Limbo para liberar as tribos de Israel, tamén aparecen Adán e Eva, os patriarcas e antigos reis. No arco da dereita, da mesma traza, os condenados reciben o castigo mentres os xustos son levados á Gloria. Ambos arcos conectan co central por medio de anxos que levan desde cada lado as almas dos benaventurados, en forma de nenos espidos como imaxe simbólica do nacemento á vida eterna.

Estilisticamente, aínda dentro de tanta diversidade, a obra presenta unha homoxeneidade que resulta do deseño orixinal de Mateo, que os seus discípulos e seguidores admiraron e continuaron. O artista recolleu toda a rica tradición escultórica da arte prerrománica e románica, coñecía e admirara obras como a decoración da Cámara Santa de Oviedo, xa terminada cando el empezou a traballar en Compostela. Ó mesmo tempo sintetizou toda a escultura monumental realizada máis alá dos Perineos, que chega a Santiago polo Camiño de Peregrinación.
O Pórtico presenta unha perfecta proporción e serenidade clásicas, xunto coa elegancia do detalle. As figuras, de maior volume que ata entón dando un paso adiante na liberación do marco arquitectónico, adoptan posturas e xestos diferenciadores, cun canon estilizado, un tratamento bastante realista das anatomías que se adiviñan baixo a brandura das vestimentas, que se moven en múltiples pregas volumétricos de liñas suaves e menos xeometrizados. E por riba de todo esa sensación de vida, hai movemento, comunicación, sentimento, emocións, sensibilidade. Non se nos esconde a dozura de Santiago, o sorriso de Daniel ou a tormenta interior de Isaías.
Non todas as esculturas se deben á man de Mateo, senón que os seus colaboradores deixaron a súa pegada, pódese falar de a lo menos outros dous mestres. O estilo mateano sería máis visible nas figuras dos anciáns, no Cristo, en Santiago e nalgúns dos profetas. Un estilo marcado polas cabezas suavemente modeladas, cabelos e barbas en bucles de caracol, vestimentas de panos brandos que transmiten as anatomías, pregas que se proxectan lateralmente. Outras figuras de canon máis estilizado, con maior complexidade nas pregas e de  cabezas máis pequenas, serían obra doutro mestre.
É románico no seu planteamento xeral, tanto na estrutura (arcos de medio punto, con figuras nas arquivoltas dispostas radialmente) como na temática (un Pantocrátor cos evanxelistas), na composición con escenas xustapostas sen deixar baleiros –horror vacui-, adaptándose ao marco arquitectónico, con escala xerárquica e figuras en disposición frontal. Pero xa hai moito de gótico: o naturalismo, a proporción humana máis alongada, o incremento do volume de xeito que case chegan sa ser esculturas de vulto redondo, a perda da rixidez, a disposición corporal –os pes xa non quedan colgantes-, a individualización de cada unha das personaxes, especialmente amosada nos rostros, e a súa humanización a través da expresión. Igualmente novo é o emprego de bóvedas de crucería.
As cores, maioritariamente perdidas, contribuían a dar vitalidade e dinamismo ó conxunto.


Rematamos cunha revisión visual doutros aspectos

O Pórtico  e os seus músicos tiveron fonda repercusión fora e dentro de Galicia. Non se trata dunha iconografía nova -Moissac preséntaos no tímpano-, a disposición nas arquivoltas dos Anciáns aparece nalgunhas igrexas burgalesas.







CURIOSIDADES: POESÍA E MÚSICA PARA O PÓRTICO 
O primeiro é o ben coñecido de Rosalia de Castro, Na Catedral Follas Novas. Aquí un fragmento.

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria os ánxeles i o Padre Eterno.
Santos i apóstoles, ¡védeos!, parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros: i aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.
.. ¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios coa axuda,
de inmortal nome, Maestre Mateo:
xa que ahí quedaches homildemente
arrodillado, faláime de eso:
máis co eses vosos cabelos rizos
Santo dos croques, calas… i eu rezo.
.. Aquí está a Gloria, máis naquel lado,
naquela arcada, regresa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
donde as devoran todolos demos.
¡Cómo me miran eses calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Santos do ceo!
¡Cómo me firen!…Voume, sí, voume,
¡qué teño medo!

Gerardo Diego, en Ángeles de Compostela, dedica un soneto a cada un dos catro anxos -dálles nome a cada un: Uriel, Matiel, Urján, Racías- que tocando trompetas chaman ao Xuízo Final desde os catro puntos cardinais. Neste caso refírese a Uriel.
Gloria es la excelsitud -techumbre abierta-.
Escorzos de la música que pisa
sus sesgos torbellinos de cornisa,
gozo escandido de la planta experta

nos mides, oh Uriel. Franca la puerta
del paraíso está. Y se te irisa
de brasas y vislumbres la sonrisa
la túnica en tus vueltas se te injerta.

Salta, Uriel, destrenza tus trenzados,
brinca en la danza, olvídate en tu vuelo.
Tú eres la guía, el adalid del coro.

Que nosotros, a tu ímpetu raptados,
trenzamos ya las sílabas del cielo,
oh serafín del número de oro.
En YouTube podes ver un concerto e Berlín patrocinado pola Fundacióon Barié cos instrumentos do Pórtico.




01/09/14

Cat.Compostela. PORTADA PRATERÍAS




CATALOGACIÓN

Portada da fachada sur do transepto, realizada nos primeiros anos do século XII, a única das tres da catedral, verdadeiramente románica.
As tres portadas respondían a un planteamento iconolóxico conectado. A do Norte, dedicada á obra creadora do Pai, presentaba a caída e promesa da redención; a do Sur, dedicada a obra do Fillo, presentaba a redención; a do Oeste, sería a do Xuízo e a Gloria.
O que hoxe vemos na portada de Praterías resulta da obra orixinal, máis pezas engadidas procedentes da portada Norte, da Acibecharía ou Porta francíxena pois nela desembocaba o Camiño francés, que foi destruída por un incendio no século XVIII,.e do coro pétreo do mestre Mateo.
Non conta cunha autoría única, pola contra resulta da suma artistas (mestre do Cordeiro, mestre da Traizón, mestre das Praterías, mestre das Tentacións ou de Conques e mestre da Transfiguración) e temas diferentes dentro dun conxunto iconográfico común: a Redención, con escenas alusivas á dobre natureza de Cristo (humana e divina), e o seu triunfo sobre o pecado e a morte. Foi monumentalizada polo mestre Mateo na súa parte alta.

CONTEXTO

......
A escultura quedara desconectada da tradición clásica, os precedentes cos que conta son tan só as mostras prerrománicas, de pequeno formato, as herdanzas bizantinas, de onde ven o hieratismo e a disposición xerárquica, e paleocristiáns de onde retoma a representación de figuras humanas
As representacións conteñen un simbolismo de signos e alegorías entendido polos fieis, estas Biblia pauperum tiñan unha clara finalidade didáctica pois a través delas presentábanse acontecementos bíblicos e escenas celestes, sempre resaltando o temor da condenación e a necesidade do arrepentimento dun modo moi expresivo
Integrase na arquitectura e a ela se acomoda, por iso predomina o relevo e escasea o vulto redondo. Seguindo a lei do marco, as formas corporais e os obxectos non teñen estrutura independente do marco, senón que se dobran, alongan ou achican segundo a dispoñibilidade espacial, ocupándoo de cheo –horror vacui-. Aparece en capiteis, arquivoltas tímpanos, xambas, parteluz, sempre en distribución simétrica, con escenas xustapostas e a miúdo policromada

ANÁLISE

A fachada consta de dúas portas de dobre folla, abucinadas pola superposición das arquivoltas, alinteladas e con tímpanos semicirculares. Apóstolos ós lados de cada porta como gardiáns das mesmas. Segue un friso, a cornixa sobre canzorros, dous vanos con arcos lobulados de influencia musulmán e arquivoltas (a terceira foi alterada ó construírse o claustro) que abren á tribuna. Remata cunha balaustrada moi posterior
Os relevos, en placas de dimensión e grosor variado, concéntranse nos tímpanos e no friso pero tamén aparece nas columnas, nas xambas, nos contrafortes e nos muros. O conxunto resulta totalmente incoherente e desordenado por mor dos engadidos. Incluso as formas non se adaptan á forma semicircular dos tímpanos.
- Tímpano da dereita ou da Paixón, alude á natureza humana de Cristo: na parte superior a Natividade, o Anuncio ós Pastores, a Adoración dos Magos; no rexistro inferior, temas da Paixón: Coroación de espiñas, Flaxelación, Erección da Cruz, Bico de Xudas; e outros como a Curación do cego.


- Tímpano da esquerda resalta a natureza divina de Cristo por medio da súa vitoria sobre o pecado (as Tentacións) e pezas soltas como a muller adúltera.


- No friso e nas xambas, as áreas de maior desorde, mestúranse pezas de distintas procedencias e temáticas: a Tranfiguración, Cristo e os Apóstolos, escenas da Xénese (creación de Adán e Eva, expulsión do Paraíso), o rei David tocando un instrumento musical, sentado e coas pernas cruzadas nunha postura singular que rompe a frontalidade e conquista o espacio reservado para o espectador. Tamén se integran. pezas do derrubado coro pétreo de Mateo.

Diferénciase a man de distintos mestres, en sucesión cronolóxica:

Mestre de Eva ou de Praterías
Considerado o de mellor calidade. A hipótese de que fora Estevo, hoxe non se admite.
Características: figuras nun esquema xeométrico romboidal, coidadas anatomías, pregas paralelas en U, cabelo en mechóns soltos, grosos labios, ollos avultados e fazulas inchadas, pernas cruzadas en aspa.
- Muller adúltera, Creación de Adán, David, Apóstolos das xambas
Mestre do Cordeiro
Relacionado coa Porta do Cordeiro de S Isidoro de León.
Características: monotonía en panos e anatomías, volumes xeometrizados, formas pulidas, tendencia á frontalidade, rostros inexpresivos, aínda que trazos da faciana como ollos, labios e fazulas semellantes ós do mestre de Praterías, pero carentes de vida.
- Pantocrátor; Maiestas Domini; o anxo con libro (Mateo?); Reprensión de Eva.
Mestre da Traizón
Relacionado coa posterior Porta do Perdón de S Isidoro de León.
Estilo máis narrativo, tende ó vulto redondo –brazos e pernas poden estar exentos-, pregas grosas e cilíndricas que se cinguen á parte inferior do corpo; fisicamente, as figuras presentan grandes bigotes, pupilas escavadas, moi expresivas.
No tímpano dereito: Bico de Xudas, Expulsión do Paraíso, Curación do cego.
Mestre de Conques ou das Tentacións
Caracteristicas: cabezas cúbicas, pelo cortado á taza, canon curto, pregas aplastadas, figuras en perfil e variedade na disposición dos pes.
- A Flaxelación e a Coroación de Espiñas.
Mestre da Transfiguración

Habería un quinto mestre, da Transfiguración, cun estilo relacionado con Saint-Sernin de Toulouse, caracterizado por un rebuscado manierismo
- Centauro, a muller amamantando, a Transfiguración, San Andrés.



OBRAS DO MESTRE DE PRATERÍAS


a) DAVID
Situado na xamba lateral esquerda da fachada de Praterías, atribuído ao mestre do mesmo nome. Procede da fachada norte. Obra do mestre de Praterías.
David aparece como rei coroado, vestido con túnica e manto prendido no ombreiro, xira a cabeza a súa dereita, sentado nun trono con dosel e patas rematadas en garras de león, animal co que se identifica o propio David, coas pernas cruzadas en aspa, tocando un instrumento musical moi detallado nos seus elementos (máis medieval que bíblico pois a Biblia asígnalle un arpa). Os pes, vistos desde arriba, pisan un animal con garras, un demo, símbolo do triunfo sobre o mal
Cumpre a lei do marco que ven dado polo arco e polas molduras laterais. Por iso a posición resulta antinatural, excesivamente vertical aínda que xire a cabeza á súa dereita.
Non hai volume posto que pernas e laude ou viola, non se proxectan suficientemente. Pero a cabeza xira á súa dereita rompendo un tanto a frontalidade.
Cabeza: cabelos longos que caen sobre os ombreiros en bucles soltos, labios grosos, fazulas e ollos avultados, coidada barba traballada en pequenos mechóns individualizados que rematan en pequenos bucles e bigote en pequenos rizos que parecen trenzados. Amosa serenidade e altivez ao mesmo tempo.
Corpo: coidado estudio anatómico que se adiviña baixo da túnica que forma grandes pregas paralelas que configuran ondas en U, péganse en técnica de panos mollados
Compositivamente hai un claro eixe central cortado polas liñas en aspa das pernas cruzadas.

Moi semellantes son estas tres obras, todas en templos do Camiño. Repiten o modelo iconográfico -se ben no derradeiro aparece acompañado dos seus músicos-, pero observa ben cada imaxe para analizar o diferente tratamento escultórico
Mocheta da Porta Miègeville de Saint Sernin de Toulouse, pilastra do presbiterio de Santo Domingo da Calzada, capitel da catedral de Jaca e Porta do Cordeiro en San Isidoro de León.



b) MULLER ADÚLTERA


A mesma procedencia e autoría que David
Pensouse que representaba a Eva como símbolo do pecado orixinal. Sen embargo, seguindo o Codex Calixtinus, aludiría ó adulterio: a muller sostén a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, quen a obriga dúas veces por día a bicala.
Senta sobre unha cadeira de tesoiras que remata en garras de león abaixo e en cabezas do mesmo animal no alto.
Destacan as súas formas sinuosas, redondeadas, transmitidas a través da túnica que viste e que deixa á vista a perna e o peito esquerdos, engadindo unha nota de sensualidade.
Os mesmos trazos estilísticos que David












14/11/11

CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (obra arquitectónica)

Unha ollada inicial á historia do descubrimento da tumba apostólica e a súa significación



CATALOGACIÓN

Nave central da catedral de Santiago de Compostela, unha arquitectura con función relixiosa, datable entre finais do século XI e primeira metade do XII dentro do estilo románico, a primeira arte internacional da Idade Media. Responde ao modelo de igrexa de peregrinación, como veremos na análise
Santiago fora decapitado en Xerusalén, fóra da cidade como era habitual, e desde alí os seus restos serían recuperados polos seus discípulos e depositados nunha barca de pedra que guiada polos anxos chegaría ata Galicia. No ano 813, un ermitán, Pelaio, orientado polas luces e cánticos que saían do lugar chamado Campus Stellae, encontrou o sartego. Inmediatamente Teodomiro, bispo de Iria Flavia, identifícao como o do Apóstolo, así que ordena construír nese lugar unha capela para venerar as reliquias. A finais dese mesmo século, Afonso III, apoiado pola Igrexa, transforma a capela en basílica seguindo os trazos da arte prerrománica asturiana, a cuxo reino pertencía Galicia. Así mesmo promove e difunde o culto xacobeo como feito relixioso e polítoco fronte ó Islam (Santiago Matamouros desde a batalla de Clavijo). A basílica será destruída por Almanzor primeiro e refeita despois- Hai que esperar ao século XI para que comecen as obras da actual catedral.
A catedral románica de Santiago, señorío eclesiástico neses tempos, proxectouse desde os cimentos para responder a unha dobre necesidade: constituírse nun relicario digno de albergar as reliquias do apóstolo e dispor dun espazo que dese cabida ao elevado número de peregrinos que se congregaba para veneralas. As obras, dilatadas no tempo cerca de cento cincuenta anos –a consagración data de 1211-, teñen tres momentos fundamentais nos que se suceden os mestres e os comitentes:
  • En 1075, co padroado de Afonso VI e do bispo Diego Peláez, inícianse as obras baixo a dirección do mestre Bernardo o Vello. Comezase pola cabeceira como era habitual. Realiza a capela central, as dúas laterais e empeza a xirola. Quedan interrompidas ó desaparecer Peláez, acusado de intrigar contra a Corte.
    Na entrada da capela do Salvador, a central da cabeceira, dous capiteis representan o bispo Diego Peláez e o rei Afonso VI acompañados de anxos  con cartelas e inscricións.
  • No 1100, o bispo Diego Xelmírez impulsa as obras, agora dirixidas polo mestre Estevo e polo mestre Bernardo o Xove. O primeiro realiza as dúas capelas poligonais e o cruceiro, e amplía as dimensións xerais do edificio. O segundo, levanta o transepto e a portada occidental
  • En 1168, o cabido da catedral encarga ao mestre Mateo o remate da construción e a realización da chamada Catedral Vella ou Cripta, soporte do Pórtico da Gloria. Tamén mellora a entrada occidental.

Baixo a dirección destes mestres traballaban cuadrillas de canteiros que deixaron as súas marcas, principalmente nos soportes (as marcas de canteiro). Nin sequera os mestres son considerados artistas, son recoñecidos por realizaren un traballo ben feito.
A imaxe actual do edificio oculta en gran medida a construción románica debido a todos os engadidos e transformacións, principalmente barrocas, habidas ao longo do tempo.

CONTEXTO

A partir do s. XI os pobos invasores son culturalmente asimilados e os musulmáns detidos. O románico vai ser agora o primeiro estilo común da Europa Occidental e cristián, pois é unha arte ao servizo da Igrexa, aínda que con particularidades rexionais, que se corresponde coa sociedade feudal e a Alta Idade Media.
Recibe este nome polas súas similitudes coa arte romana, pero cun sentido pexorativo en tanto que era unha dexeneración do romano, o que realmente non é así. Sen embargo asimila influencias dos estilos anteriores, desde as romanas pasando polas bizantinas ata as islámicas, e aproveita as conquistas técnicas das artes prerrománicas.
A uniformidade do estilo ven determinada por varias as circunstancias. Dunha banda o terror do ano 1000 pola crenza do fin do mundo nese ano (ou no 1033 = morte de Cristo) desencadeou un sentimento de culpa seguido, ao ver que non se producira o fin da humanidade, dun sentimento pietista de acción de grazas. Pola súa banda as ordes monásticas, custodias de reliquias, coñecen unha forte expansión que está marcado pola reforma beneditina de Cluny no s. X. O culto ás reliquias incrementou os movementos de peregrinación, con tres destinos principais Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela, servindo de vehículo ás tendencias culturais, planes arquitectónicos e programas decorativos. Tampouco se pode esquecer o papel das Cruzadas que uniron Occidente baixo o nexo común do cristianismo e serviron de vía de entrada das influencias bizantinas. E todo isto no marco do feudalismo cunha mesma sociedade dominada pola clero e a nobreza, mecenas patrocinadores de mosteiros e igrexas, os prototipos construtivos do período, aínda que co desenvolvemento urbano, a Catedral convertese en símbolo da cidade.
No románico peninsular hai que diferenciar dúas correntes: unha máis antiga de influencia lombarda e do sur de Francia (Languedoc e Provenza), que se desenvolve no Perineo catalán e aragonés; a outra corrente ten a súa orixe en Francia, concretamente en Borgoña e baixo a influencia de Cluny, é a que se infiltra a través do Camiño de Santiago como un estilo máis evolucionado que se expande por Aragón, Navarra, León e Castela. A este románico borgoñón e cluniacense pertence a Catedral de Santiago.
Do mesmo período da Catedral de Santiago son San Isidoro de León, a Catedral de Jaca e San Martín de Frómista, entre outras.


ANÁLISE (ver en LIBRO DE PIEDRA)


Realizada en granito de cantería, presenta planta de cruz latina cun nártex na entrada, tres naves, a central máis ancha e alta que as laterais e un transepto ben desenvolvido igualmente con tres naves e dúas capelas en absidiolas en cada brazo, remata en fachadas monumentais (Praterías no Sur e Azabachería no Norte). A cabeceira, orientada ao Leste, remata nunha ampla ábsida semicircular con capelas radiais: semicircular no interior e rectangular ao exterior, a central; semicirculares as dúas seguintes e poligonais as outras dúas. O altar maior levantado sobre a cripta coas reliquias dos restos do Apóstolo, está rodeado da xirola ou deambulatorio que ven ser unha especie de nave que facilita a circulación dos fieis a redor das reliquias.
A planta de cruz latina, característica das igrexas románicas, simboliza a  Cristo crucificado (ver vídeo) e o sentido lonxitudinal subliña a idea de camiño a Deus. Pero aquí engádense os trazos das igrexas de peregrinación derivados da necesidade de acoller as multitudes que visitan as reliquias e facilitar a súa circulación, realizar procesións no interior e celebrar oficios simultaneamente, o que se facía nas distintas capelas, todo sen alterar a celebración dos oficios. Por iso desenvolve unha cabeceira con absidiolas tamén presentes no transepto (estaba prohibido celebrar misa no mesmo altar nun mesmo día) e un deambulatorio rredor do altar maior. É o modelo tomado de San Sernin de Toulouse e Santa Foy de Conques, entre outras, pero que ten na súa raíz na igrexa conventual do mosteiro bieto de Cluny.



O interior destaca en primeiro lugar pola verticalidade da súa altura,  cunha proporción de 1:2,75,unha grandeza que debía provocar a emoción relixiosa diante do sublime, non son as súas dimensións grandes só por razóns funcionais ou como mostra do poder da Igrexa, que tamén, senón que o peregrino ha sentirse asombrado diante da arquitectura para a través da beleza humana, acadar a beleza divina. É a maior igrexa de peregrinación do Camiño, cun carácter monumental sen precedentes hispánicos.
O alzado articúlase en dous niveis: as arcadas que dividen as naves e a tribuna que se continúa sobre as naves laterais, o transepto e a xirola. Os arcos do primeiro nivel, os formeiros que separan as naves, son de medio punto peraltado e dobrados apoiando nos piares románicos formados por catro columnas adosadas, alternativamente, a un piar ou a unha columna central; as columnas que dan á nave central prolónganse ata o arranque das bóvedas, cargando nelas os arcos de faixa, outras dúas cargan os arcos formeiros que separan as naves e a cuarta sostén o arco que separa as bóvedas da nave lateral. A arcada configura os dez tramos nos que se dividen as naves. A ampla tribuna, que aumenta a capacidade da catedral, abre en arcos de medio punto xeminados sobre columnas pareadas, acubillados nun gran arco tamén de medio punto. Comunicaba directamente coas dependencias privadas do palacio episcopal.


As cubertas son todas pétreas con grande variedade de bóvedas: de canón reforzada por arcos de faixa  na nave central, de arestas nas naves laterais, de cuarto de canón con arcos diafragma na tribuna, de forno nas absidiolas e semiesférica sobre trompas no ciborio. Nas esquinas dos brazos da cruz, na intersección dos cuartos de canón de cada lado prodúcese unha bóveda de unha sola aresta.
O tellado pétreo, co seu peso, serve a asentar o edificio.



O ornamento escultórico resérvase para as fachadas, no interior só hai labra nos capiteis, vexetais, con animais e algúns historiados, e na liña de comezo da tribuna con taqueado jaqués, ou axedrezado.
O muro, principal elemento sustentante do edificio, é groso e reforzado por contrafortes en correspondencia aos arcos de faixa do interior do mesmo modo que na arte asturiana. Nel ábrense as fiestras que iluminan o interior, directamente nas naves laterais e indirectamente, a través da tribuna, na nave central. A cabeceira conta con iluminación propia pois tanto as absidiolas coma o deambulatorio posúen as súas propias fiestras. En todo caso, os vanos son pequenos e abucinados, de xeito que domina o macizo sobre o vano e os interiores resultan umbros favorecendo o recollemento.

Portadas. Nos pes, a fachada principal que da á Praza do Obradoiro, hoxe oculta pola grande fachada-telón barroca, estaba estruturada por un corpo central flanqueado por torres de base cadrada que sobresaen en planta. Similares serían as outras dúas, a do norte pola que entraban os peregrinos pero que foi totalmente transformada, e a de Praterías ao sur, a mellor conservada e na que hai que destacar a presenza na parte de arcos lobulados de orixe islámica.
En total había nove torres: dúas en cada unha das fachadas, outras dúas menores no ángulo do pao maior da cruz e o transepto que contiñan as escaleiras de acceso á tribuna, e outra no ciborio.
En conxunto, a Catedral de Santiago coas súas perfectas proporcións, constitúe un compendio de solucións arquitectónicas e de innovacións que outorga ao edificio unha grande harmonía, solidez e grandiosidade.

Revisa a información que segue para coñecer un pouco mais sobre os avatares do edificio






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir