09/06/17

PALACIOS FLORENTINOS




   - MICHELOZZO: PALACIO MEDICI RICARDI



CATALOGACIÓN 

O Palazzo Medici-Riccardi foi deseñado por Michelozo, escultor e arquitecto italiano da 2ª metade do século XV, ou sexa no Quattrocento, por encargo de Cosme de Medicis.
Debería ser unha residencia personal e o seu tamaño servirá para poñer de manifesto a súa preeminencia e da súa familia na rica vila de Florencia. 
Michelozzo será un dos creadores das novas formas utilizadas no Renacemento para a arquitectura civil (bibliotecas, vilas, palacios). Nesta obra en concreto, Cosme de Medicis se beneficiará dunha modificación na lexislación municipal que anteriormente limitaba o tamaño e a altura dos palacios particulares, como mecanismo para protexer á vila de exhibicións ou ostentación da riqueza e o poder individual. A nova lexislación non limitará o tamaño destes edificios có que Cosme vai poder construír un palacio que excede en tamaño ó do propio Palazzo della Signoria, o símbolo do poder comunitario de Florencia. Como detalle recordar que para asúa construción foi necesario demoler 40 vivendas 

CONTEXTO 

(...) 

ANÁLISE 

En principio o Palazzo Medici Ricardi parte dunha planta cadrada cun gran patio central que non se atopará no centro do edificio, senón lixeiramente descentrado. Esta forma cadrada e maciza do palacio será o modelo que triunfe á hora de realizar este tipo de edificios. 
A fachada organizase en tres pisos separados por molduras e nas que se observa unha gradación escultórica -conseguida polo tipo de aparello- no tratamento da fachada, cun primeiro andar realizado cun almofadado duro e violento que se vai suavizando a medida que ascendemos, cun segundo andar menos volumétrico e cun último andar practicamente liso. 

Probablemente o tratamento áspero e arcaico do almofadado tería como obxectivo recordar os restos arqueolóxicos que se conservaban do mundo romano, sendo así que hai constancia de que os bloques de pedra deste piso foron retocados para que pareceran máis vellos do que realmente eran. Non esquezamos que Cosme era eloxiado e se lle comparaba cós célebres políticos romanos, sendo eloxiado polos autores humanistas “como se houbera nacido en Roma ou Atenas”. 
Destaca tamén neste tratamento en altura o enorme beiril da cornixa, cun tamaño sen parangón dende época romana. 
A fachada está organizada dun xeito regular. A planta baixa organízase con 5 vanos para as portas con grandes arcos de medio punto -tres deles foron tapiados nunha reforma posterior de Miguel Anxo con pequenas fiestras pareadas intercaladas entre as portas. Nos pisos superiores a sucesión de fiestras xeminadas -un só arco dividido en dous por un elegante e delgado parteluz que neste caso é unha pequena columna corintia- subliña a horizontalidade . 

Á esquerda, as fiestras de Miguel Anxo

Hai un gran contraste entre o sentido ascendente do tratamento da fachada en altura có marcado sentido horizontal que aportan a cornixa, as molduras e os corpos de fiestras... 
Pero é no interior onde se atopa un dos elementos máis destacado deste edificio, o gran patio central porticado. Estamos diante dun gran espazo cadrado cunha gran loxia con arcos de medio punto sostida sobre 12 elegantes columnas de estilo composto. Este espazo está completado por un gran programa escultórico tanto en relevo como en vulto redondo. Un friso con medallóns, grilandas e esgrafiados elaborados polo taller de Donatello dá paso a un piso con fiestras xeminadas como as da fachada.





   - PALACIO PITTI



CATALOGACIÓN

Obra arquitectónica de carácter civil, unha residencia urbana pacega da familia Pitti en Florencia. Considerase deseñada por Brunelleschi se ben faleceu antes de comezaren as obras polo que a súa autoría adoita circunscribirse ó esquema central.
Realizado no Quattrocento italiano, na segunda metade do século XV, serve de exemplificación do movo modelo de residencia renacentista dos nobres e ricos burgueses florentinos que, renunciando ós edificios fortificados, constrúen as súas ricas vivendas integradas na cidade e abertas a ela.

CONTEXTO

......

ANÁLISE

A dificultade para inspirarse na Antigüidade clásica no caso dunha edificación habitable situada nunha rúa da cidade, era grande posto que non existían modelos romanos, e aínda que houberan sobrevivido non servirían xa que as necesidades e os costumes cambiaran; tampouco se podía edificar ó modo dos templos. Había que buscar unha solución na que confluíse a funcionalidade e as formas clásicas. A resposta estivo no repertorio decorativo.
O Palacio Pitti, neste caso situado no extrarradio, exemplifica os trazos que definen estas residencias:
-volume pechado organizado en torno dun patio central, pois a vida concíbese cara a dentro. Se ben se eliminan as torres defensivas, o carácter pechado crea unha masa con aspecto de fortaleza que deixa constancia do poder económico e político dos seus donos.
- articulación horizontal marcada pola división en tres pisos subliñada polas marcadas cornixas e balaustradas que os separa así como polas fiestras
-a gradación do aparello almofado, xa empregado na arquitectura romana: na planta baixa os sillares sobresaen de xeito moi marcado e desigual, nas plantas superiores o almofado é menos alto e perfectamente regular
- sucesión rítmica das fiestras e os arcos de medio punto doelados que as enmarcan
- a decoración limítase ós elementos construtivos, o mesmo aparello e os ventanais
A este esquema responden outros palacios florentinos: Medici-Ricardi, Rucellai e Strozzi
Os Pitti ó se arruinar venderán o edificio ós Medici que o ampliaron considerablemente.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir