30/08/17

CARAVAGGIO, Enterro de Cristo




CATALOGACIÓN

Óleo sobre lenzo en formato vertical realizado por Michelangelo Merisi, coñecido como Caravaggio, nos primeiros anos do século XVII. Pertence pois á arte barroca italiana.
A obra foi encargada por Francesco Vittrici (sobriño dun dos amigos de San Filipe Neri) para a súa capela familiar na igrexa romana de Santa María in Vallicella ou Chiesa Nuova, pertence á orde dos Oratonianos de San Filipe Neri. Hoxe encontrase nos Museos Vaticanos.
Recolle o momento previo á deposición do corpo de Cristo. O tema do enterro de Cristo non deixaba de ser habitual, pero o tratamento de Caravaggio si resulta novidoso ó optar polo momento preciso da deposición do corpo de Cristo para ser perfumado e embalsamado antes de ser enterrado.
Tratase pois dunha obra de carácter relixioso con función devocional. Recibiu a admiración unánime dos contemporáneos que a contemplaron.
Rubens fixo desta obra unha copia, indicio da súa consideración polo traballo de Caravaggio.
..............


CONTEXTO


.........


ANÁLISE


San Xoán e Nicodemo van introducir o corpo de Cristo no sepulcro, acompañados de tres figuras femininas: María, a nai de Cristo, María Magdalena e María de Cleofás.
Desde un punto de vista moi baixo que deixa o espectador á altura da foxa aberta e sobre un fondo neutro sumido na escuridade, as figuras distribúense a través dunha marcada diagonal, da dereita arriba á esquerda abaixo, mentres que a sucesión de horizontais sitúanse escalonadamente en altura desde a pedra do sepulcro. Non se interesa pola perspectiva, a profundidade ven dada pola disposición diagonal e polo marcado escorzo do brazo de Nicodemo.
A presenza física das súas figuras resulta contundente, son poucas pero o seu carácter monumental, que moito ten que ver con Miguel Anxo, fanas impactantes para o espectador. O mesmo Nicodemo, o único que dirixe a mirada ó exterior, serve para introducirnos nos acontecementos que están a suceder.
A luz volve a ser decisiva, desde un punto descoñecido e como un poderoso foco dirixe a vista de abaixo arriba, facendo emerxer das sombras as figuras, os seus rostros e os signos da dor. O propio corpo de Cristo acompañado da luminosidade da tea branca que o sostén semella ser o verdadeiro foco de luz. Estamos diante do tenebrismo de Caravaggio, ese potente contraste de zonas fortemente iluminadas por unha luz branca e zonas en total penumbra, que non ten só finalidade estética senón selectiva para guiar a mirada e axudar á lectura da obra.
O tratamento destaca polo seu naturalismo, un xeito propio de Caravaggio que toma como modelos xentes da rúa, tipos físicos vulgares, o que ás veces lle valeu fortes críticas por ir en contra do decoro. Neste caso certos membros da curia romana protestaron alegando que a obra semellaba presentar uns bárbaros -particularmente por Nicodemo- enterrando o corpo do seu xefe morto en batalla.
Nin sequera renuncia á minuciosidade da vexetación do primeiro plano, recordo dos seus primeiros traballos con naturezas mortas, que con el cobran categoría por si mesmas.


A figura de Cristo morto, preséntase totalmente humanizado e realista. Destaca o verismo da carne branda e o peso do brazo caído en total abandono (recordar a Miguel Anxo na Piedade do Vaticano e, tempo despois, moito lle debe David na Morte de Marat) que parece sinalar a pedra en alusión a que El é a pedra sobre a que se asenta a Igrexa, a chaga do costado bastante pechada pois xa non sangra pese a que os dedos de San Xoán se introducen nela, as pegadas dos cravos dos pés e mans. O corpo non amosa sanguentas laceracións e non aparecen por ningunha parte elementos ou símbolos da Paixón. O pintor reflicte a súa mestría no perfecto estudo da anatomía humana a través deste espido, no que músculos e veas móstranse a través da pel. Realmente só o título do cadro identifica ao personaxe con Cristo, xa que nos mostra en toda a súa crúa realidade un corpo morto, sen ningún signo de divindade.
Outro dos trazos salientables é a gradación dos sentimentos e o distinto xeito de expresalos. Ben distinta é a actitude de María quen coñecedora do destino do seu fillo amosase chea de resignación, mentres María Magdalena chora con contención, e detrás María de Cleofás clama ó ceo cunha expresión moito máis rotunda.
Dentro da penumbra xeral destacan os brancos e as cores cálidas das carnacións xunto cos vermellos, os ocres, e os verdes das vestimentas.
Caravaggio pinta aínda por medio de delicadas veladuras en pinceladas que se funden coidadosamente nunha uniforme superficie pictórica.



CURIOSIDADES: UN BALLET
O interese pola súa figura continúa tan actual ata se converter no protagonista dun magnífico ballet. O bailarín ruso Vladimir Malakhov cunha coreografía de Mauro Bigonzetti e música de Bruno Moretti sobre variacións de Monteverdi, recrea o universo de claroscuros do pintor barroco italiano Michelangelo Merisi.
Protagonistas son a súa vida bohemia e sen regras que o levou a verse envolto en pelexas e, incluso, chegou a matar á espada un dos seus contrincantes polo que tivo que fuxir, e a súa obra caracterizada polas atmosferas tenebristas, a mestura de espiritualidade e de erotismo, complicadas composicións e o tratamento naturalista tan verista que provocaba rexeitamento.


 








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir