29/08/17

CHARTRES, Pórtico occidental




CATALOGACIÓN


Pórtico da fachada occidental da Catedral de Chartres, en Francia, datable a mediados do século XII e exemplo escultórico da transición do románico ó gótico.
A fachada está constituída por tres portadas acordes á estrutura construtiva propia da arte gótica:  abucinamento, arquivoltas oxivais,  vanos con linteis, tímpanos. A decoración escultórica recobre estes elementos.
Tematicamente o fío condutor é a historia da salvación. Na arcada central, no friso do lintel os apóstolos, o tímpano está dedicado ao Xuízo Final cun Pantocrátor na mandorla, rodeado do Tetramorfos; a portada da dereita está dedicado a María e na da esquerda preséntase a Ascensión. Nas arquivoltas da arcada central, os 24 anciáns do Apocalipse e anxos, na da esquerda os signos do zodíaco e meses do ano a través das labores agrícolas, na da dereita anxos e a representación das artes liberais. Nas xambas, estatuas-columna con figuras de reis, raíñas e patriarcas do Antigo Testamento, como símbolo da harmonía entre o goberno temporal e o goberno espiritual


CONTEXTO

....

ANÁLISE


As figuras das xambas están talladas en pedra, cada figura e a súa columna nun bloque independente monolítico. Apean sobre pequenas columnas de fuste tallado con motivos xeométricos. Carecen de función arquitectónica, son puramente ornamentais.
Representan reis, raíñas, mártires, santos e patriarcas do Antigo Testamento, non claramente identificables.

Responden ó canon formal e estético desta etapa inicial do gótico: rixidez e hieratismo, frontalidade, alargamento ata un  canon de sete cabezas, pernas paralelas, brazos aínda que suxeitando libros ou rolos mantéñense pegados ó corpo, pés colgantes sobre as peanas que as soportan, visten longas túnicas que caen en pregas ríxidas e paralelas, altura por xerarquía (as figuras bíblicas teñen maior altura que as figuras reais).

En comparación ao corpo, as cabezas resultan pequenas pero gañan en volume. Osa rostros amosan unha expresión serea, cheos de maxestade, nunha quietude intemporal que aínda mantendo o hieratismo se rompe pólos tenues xestos. Pera as figuras non se relacionan entre si, son independentes física e psicoloxicamente, nin se dirixen ó fiel que as contempla, a súa mirada semella mirar ó infinito, do mesmo xeito carecen de expresión só un lixeiro sorriso aparece nos fino beizos.



Estamos pois diante dunha obra protogótica, que avanza lentamente na procura do naturalismo con formas máis individualizadas e humanizadas e unha estética máis amable, ó tempo que se comeza a separar dos elementos arquitectónicos que as soportan.


  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir