29/08/17

PRAXITELES: Afrodita de Cnido




CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que representa a Afrodita, deusa da beleza e do amor, nacida da espuma do mar despois de que Cronos cortase os xenitais de Urano e caeran ó mar.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.Estaba destinada ó culto, dentro dun templete aberto da illa de Cnidos.
A obra orixinal realizada por Praxíteles en mármore de Paros non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas múltiple copias romanas que dela se fixeron, signo do enorme éxito da escultura.
É o primeiro nu da historia da arte, rompe pois Praxíteles a contumaz convención de representar as figuras femininas sempre vestidas. Posiblemente teña sido Friné, a cortesáa coa que tiña relacións, quen serviu de modelo.
Praxíteles foi un estudoso das obras dos seus antecesores, especialmente de Policleto, sen embargo ó acentuar a sensualidade das figuras coas súas formas brandas e cheas de fermosura está a anticipar formas manieristas. Outras obras súas son: Hermes con Dioniso e Apolo Sauróctonos.



CONTEXTO

Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles. Os cambios políticos e sociais tiveron repercusións.
Se ate agora o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar.
A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato. Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis, de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos, de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquízanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo.

ANÁLISE


Afrodita está representada no momento do baño ritual, razón pola que aparece espida, só porta o brazalete do brazo, e depositando a súa roupa sobre unha hidria. Hai detrás da figura un feito anecdótico, Paxiteles é mestre en introducir un sentido narrativo nas súas obras, neste caso a deusa é sorprendida no momento íntimo do seu aseo persoal, polo que se cobre o sexo ca man dereita. É pois un tema moi cotián, pero un trazo que humaniza os deuses como ata entón non se fixera.
É o primeiro nu feminino ha historia da arte, recordemos que os nus masculinos eran habituais desde o período arcaico nos kuros pero non en figuras femininas.
Está de pe, inclinada cara adiante, a cabeza lixeiramente virada á esquerda e a mirada dirixida ó lonxe. Descarga a maior parte do peso do corpo sobre a perna dereita que se mantén firme mentres a perna dereita flexiona levemente, adquirindo así unha disposición de contraposto moi acentuado coas cadeiras moi curvadas. É esta unha configuración particular de Praxíteles: curva praxiteliana, un contoneo sinuoso que desequilibra as figuras e fai preciso un punto de apio engadido.
A pesar da colocación da hidria-ánfora para auga- separada da figura servindo de soporte estrutural, a composición segue a ser pechada como era propio deste período clásico
Como outras obras do mesmo autor está pensada para ser vista de fronte pois esa é a única perspectiva que fai posible aprehender toda a graza, a charis, da escultura
A man dereita sostén un pano con flocos (toalla ou manto), a esquerda cobre o sexo nun xeito instintivo de pudor como se tentara ocultarse ó ser sorprendida. É un antecedente das posteriores venus púdicas -proba a escribir isto no buscador de imaxes- que ademais de cubrir o sexo cobren coa man dereita o peito (por exemplo no Nacemento de Venus de Botticelli ou na Expulsión do Paraíso de Masaccio).
O corpo resulta sobrio e macizo, con volumes contundentes de formas suavemente redondeadas, con amplas cadeiras, musculatura relaxada, lonxe dos intensos contrastes de Fidias. O pulido final do mármore e o verniz de cera acentuaría a sensualidade e incluso un certo punto de erotismo.
Leva o pelo, de leves rizos, recollido nun moño que suxeita cunha cinta, de modo que toda a fermosura dese rostro idealizado queda totalmente visible destacando nel un leve sorriso que a achega aínda máis ós mortais.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir