08/01/18

TEÑO UN TESOURO


2013, sae á luz o tesouro artístico almacenado nun piso de Múnic.


En novembro fíxose pública a descuberta -acontecida xa no 2011- de máis de 1.500 obras de arte almacenadas e ocultadas por Cornelius Gurlitt en dous pisos da súa propiedade.
As obras acumulábanse entre a vasoira e carecían de todo coidado.
Eran obras que os nazis consideraron arte dexenerado, concepto no que se incluían todas as tendencias de vangarda: Picasso, Renoir, Chagall, Klee, Dix, Rodin, Delacroix,....

A pregunta que nos facemos é ¿quen é Cornelius e de onde sacou tanta obra?. A resposta é complexa, Cornelius -de 80 anos e sen oficio en toda a súa vida- herdou o tesouro do seu pai, Hildebrand Gurlitt. Ó longo dos anos foi vendendo a contagotas cadros e esculturas, nunha destas ventas foi descuberto polos axentes de aduanas ó despertar sospeitas cando viaxaba a Suíza cunha grande cantidade de diñeiro en billetes de 500 euros.
A figura importante é a do pai, Hildebrand Gurlitt, asesor de Hitler na compra de obras para os renovados museos e logo, rexeitado polos seus antepasados xudeus, marchante de arte moderno. Mercou obra de familias xudías necesitadas ou exiliadas tanto en Alemaña coma nos países ocupados polo Reich así como as requisadas polo réxime a partir de 1937.
A Cámara de Cultura do Reich viña de recibir nese ano 37 a orde de requisar obras de arte dexenerada para unha exposición en Múnic organizada baixo o lema "tiveron catro anos" (para rexenerarse) e titulada Arte Dexenerado



Posteriormente unha comisión supervisada por Goebbels, foi encargada de continuar a requisa, ben espoliando museos de toda a Europa ocupada ou roubando a familias xudías. A finalidade era obter divisas vendendo as obras en poxa, pero posiblemente os marchantes da comisión, incluído Hildenbrand Gurlitt, aproveitaron para facer negocio propio pois tiña libre acceso ó monto de obra acumulada polo réxime nazi.
Tamén colaborou na compra de pezas para o Museo do Führer en Liz -museo que non chegou a construírse-, para outros museos alemáns e para particulares.
Xunto coas pezas confiscadas, habería outras que o marchante mercou aproveitando a baixada de prezos ó chegar Hitler ó poder ou que adquiriu de xudeus, necesitados de diñeiro para poder fuxir.
Tras do triunfo aliado, Gurlitt foi investigado e definido polos Monuments Men como "marchante de arte do Führer", pero soubo virar a situación pasándose por vítima do réxime -tivera que colaborar porque a súa avoa era xudía-, argumentando que o seu labor foi salvar obras da súa destrución e que nunca requisara ou roubara nada. Tras dun tempo en arresto domiciliario, foi deixado en liberdade no 1948. Absolto de todos os cargos e recuperadas as súas obras -gran parte da súa colección non fora descuberta-, pasou a ser un membro recoñecido e respectado da sociedade de Hamburgo.

Gurlitt -segundo pola esquerda-, director da Asociación de Arte de Renania e Westfalia (1952) 
Moitas das obras agora descubertas non están catalogadas, algunhas -unhas 200- son reclamadas pero outras non, a outras pode seguírselles o rastro pero non a todas. O difícil será que os lexítimos propietarios poidan demostralo e así recuperar as obras.
Estas son algunhas das pezas descubertas.
 
Beckmann, Domador de leóns; Franz Marc, Paisaxe con cabalos; Kirchner, Nena melancólica

Liebermann, Dous xinetes na praia; Chagall, Escena alegórica; Matisse, Muller sentada
Otto Dix, Muller con sombreiro de plumas vermello; Otto Gabriel, Muller velada; W.Lachnit, Home e muller na ventá







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir