09/11/17

Cat.Compostela. PÓRTICO DA GLORIA



Abrimos  boca con Peridis

 


CATALOGACIÓN

O Pórtico da Gloria, que formaba parte da fachada occidental realizada polo mestre Mateo, e os colaboradores do seu obradoiro, no derradeiro terzo do s. XII cando, no 1168, o rei de  León e Galicia Fernando II encárgalle levar a cabo as derradeiras obras da Catedral compostelá (consérvase o documento da pensión vitalicia  que o monarca outorga no 23 de febreiro de 1168).

Unha inscrición na parte inferior do lintel dános a data de 1188.

No ano da Encarnación do Señor, 1118, Era de 1226, no día primeiro das calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da igrexa do benaventurado Santiago foron colocados polo Mestre Mateo, que dirixiu a obra dende os cimentos destes portais
Resolve o mestre Mateo realizar un nártex monumental flanqueado por torres xemelgas de base cadrada. Para sustentalo e salvar o desnivel do terreo, construíu un grande baseamento conformado pola cripta, tamén coñecida como catedral vella. Iconograficamente a cripta simboliza o mundo terreal coa súa bóveda celeste –sol e lúa nas claves das bóvedas- sobre a que se asenta a Gloria do Pórtico. Na parte alta, unha galería que comunica coa tribuna e que se ilumina a través dos óculos abertos sobre os arcos laterais do Pórtico, na clave da bóveda o Año de Deus, a prefiguración do sacrificio de Cristo, a luz que iluminará e salvará o mundo. O conxunto que formaba esta portada occidental -coa fachada exterior desaparecida coa reforma barroca- evoca a Xerusalén Celeste.
O material empregado é granito e só mármore nalgún caso. Da policromía orixinal aínda se poden ver certos trazos da pintura.
Mateo é tamén autor do coro pétreo que foi destruído no s. XVII e cuxas figuras vemos hoxe na Portada de Praterías e no cerramento da cabeceira.
As máis 200 esculturas son a culminación do románico con personaxes maxestosos e severos, pero dotados dun naturalismo nas actitudes e nas facianas que está a anticipar o gótico. Por iso, se considera unha obra de transición. O Pórtico quedou cuberto pola superposición da fachada barroca do Obradoiro.

CONTEXTO

.........


ANÁLISE 


O nártex, de pequenas dimensións e cuberto por bóvedas de crucería, presenta na contraportada catro anxos trompeteiros chamando ao Xuízo Final, mentres que a portada que da paso ás naves estruturase en tres grandes vanos en arco de medio punto, en correspondencia coas naves, sustentados por piares con columnas adosadas. O arco central, o dobre de ancho que os laterais, é o único que posúe tímpano e está dividido por un parteluz coa figura de Santiago.
Esta idea de pórtico resulta herdanza dos arcos de triunfo romanos, engadindo á súa función propagandística a función didáctica.
A interpretación non é unánime, considérase que plasma a Apocalipse de san Xoán, segundo o cal o templo representa a Nova Xerusalén que descende do Ceo, insistindo na idea do fin do mundo, e para outros a alianza, simbolizada en Xesús, do pobo xudeu anterior a Cristo, á esquerda, e os xentís, á dereita, que tras da chegada de Cristo ascenden por medio del á Gloria, única vía de salvación. Tamén se dubida da orde en que debería lerse: de arriba abaixo, horizontalmente, partindo do tímpano central, ...
Un conxunto de 200 lastras con figuras que se recortan ou se solapan para o seu encaixe.

O arco lateral esquerdo reflicte temas do Antigo Testamento (cativerio das tribos de Israel, descenso de Xesús ó Limbo) baixo a idea xeral da espera dos xustos pola chegada do Salvador. No oposto, temas do Novo Testamento co Xuízo Final, onde os condenados reciben o castigo acorde ós seus pecados e os elixidos son levados á Gloria. No arco central, a Gloria da que desfrutan os salvados. Nos remates laterais, anxos trompeteiros en correspondencia cos da contrafachada.

Analizamos o conxunto desde abaixo.

PRIMEIRO E SEGUNDO NIVEL: SOPORTES
Os soportes do primeiro nivel son columnas adosadas de altas altas basas con figuras de monstros, as bestas apocalípticas vencidas. 
Sobre ese primeiro corpo de columnas, un segundo de estatuas-columna, coas figuras, á dereita, dos Apóstolos, de curtas e coidadas barbas, portando códices, na esquerda os profetas con largas barbas e portando rolo pois non son autores de escritos. Son os enviados de Deus para difundir a súa mensaxe, como demostra nos rótulos das cartelas que portan, ao tempo que actúan de intermediarios entre os peregrinos (abaixo) e Deus (arriba).
Na basa do parteluz, a figura dun home suxeitando dous monstros, pode interpretarse como Sansón; no fuste a árbore de Jessé simboliza a xenealoxía de Cristo; capitel coa Santísima Trindade en alusión á súa natureza divina. No alto, a figura de Santiago sedente acollendo o peregrino, leva o bastón de peregrino e un pergamiño no que se le Deus envíame. Por dentro, axeonllado en actitude penitente, o propio Mateo, popularmente coñecido como santo dos croques.



TERCEIRO NIVEL: ARCADAS
  • ARCADA CENTRAL. A arquivolta acolle os vintecatro Anciáns da Apocalipse afinando instrumentos musicais  e o tímpano presenta un Pantocrátor cun Cristo en Maxestade maxestático e hierático coroado como rei, en tamaño maior que o resto das figuras acorde coa perspectiva xerárquica, cos brazos abertos, mostrando as chagas, é un Cristo misericordioso, non ameazante, que ofrece a salvación. Rodéano os catro Evanxelistas en actitude de escribir apoiados cada un no seu símbolo (Lucas, touro; Marcos, león; Xoán, aguia; Mateo escribe sobre unha caixa en recordo do seu oficio de cobrador de impostos pois non sería propio facelo sobre o anxo que é o seu símbolo) e anxos portando os instrumentos da Paixón; ocupando o resto de espazo dispoñible, os benaventurados. Simboliza a Xerusalén celeste coa presenza dos elixidos, anxos e benaventurados.
  • ARCADAS LATERAIS. No arco esquerdo de tres arquivoltas, unha delas floral, Xesús baixa ao Limbo para liberar as tribos de Israel, tamén aparecen Adán e Eva, os patriarcas e antigos reis. No arco da dereita, da mesma traza, os condenados reciben o castigo mentres os xustos son levados á Gloria. Ambos arcos conectan co central por medio de anxos que levan desde cada lado as almas dos benaventurados, en forma de nenos espidos como imaxe simbólica do nacemento á vida eterna.

Estilisticamente, aínda dentro de tanta diversidade, a obra presenta unha homoxeneidade que resulta do deseño orixinal de Mateo, que os seus discípulos e seguidores admiraron e continuaron. O artista recolleu toda a rica tradición escultórica da arte prerrománica e románica, coñecía e admirara obras como a decoración da Cámara Santa de Oviedo, xa terminada cando el empezou a traballar en Compostela. Ó mesmo tempo sintetizou toda a escultura monumental realizada máis alá dos Perineos, que chega a Santiago polo Camiño de Peregrinación.
O Pórtico presenta unha perfecta proporción e serenidade clásicas, xunto coa elegancia do detalle. As figuras, de maior volume que ata entón dando un paso adiante na liberación do marco arquitectónico, adoptan posturas e xestos diferenciadores, cun canon estilizado, un tratamento bastante realista das anatomías que se adiviñan baixo a brandura das vestimentas, que se moven en múltiples pregas volumétricos de liñas suaves e menos xeometrizados. E por riba de todo esa sensación de vida, hai movemento, comunicación, sentimento, emocións, sensibilidade. Non se nos esconde a dozura de Santiago, o sorriso de Daniel ou a tormenta interior de Isaías.
Non todas as esculturas se deben á man de Mateo, senón que os seus colaboradores deixaron a súa pegada, pódese falar de a lo menos outros dous mestres. O estilo mateano sería máis visible nas figuras dos anciáns, no Cristo, en Santiago e nalgúns dos profetas. Un estilo marcado polas cabezas suavemente modeladas, cabelos e barbas en bucles de caracol, vestimentas de panos brandos que transmiten as anatomías, pregas que se proxectan lateralmente. Outras figuras de canon máis estilizado, con maior complexidade nas pregas e de  cabezas máis pequenas, serían obra doutro mestre.
É románico no seu planteamento xeral, tanto na estrutura (arcos de medio punto, con figuras nas arquivoltas dispostas radialmente) como na temática (un Pantocrátor cos evanxelistas), na composición con escenas xustapostas sen deixar baleiros –horror vacui-, adaptándose ao marco arquitectónico, con escala xerárquica e figuras en disposición frontal. Pero xa hai moito de gótico: o naturalismo, a proporción humana máis alongada, o incremento do volume de xeito que case chegan sa ser esculturas de vulto redondo, a perda da rixidez, a disposición corporal –os pes xa non quedan colgantes-, a individualización de cada unha das personaxes, especialmente amosada nos rostros, e a súa humanización a través da expresión. Igualmente novo é o emprego de bóvedas de crucería.
As cores, maioritariamente perdidas, contribuían a dar vitalidade e dinamismo ó conxunto.


Rematamos cunha revisión visual doutros aspectos

O Pórtico  e os seus músicos tiveron fonda repercusión fora e dentro de Galicia. Non se trata dunha iconografía nova -Moissac preséntaos no tímpano-, a disposición nas arquivoltas dos Anciáns aparece nalgunhas igrexas burgalesas.







CURIOSIDADES: POESÍA E MÚSICA PARA O PÓRTICO 
O primeiro é o ben coñecido de Rosalia de Castro, Na Catedral Follas Novas. Aquí un fragmento.

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria os ánxeles i o Padre Eterno.
Santos i apóstoles, ¡védeos!, parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros: i aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.
.. ¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios coa axuda,
de inmortal nome, Maestre Mateo:
xa que ahí quedaches homildemente
arrodillado, faláime de eso:
máis co eses vosos cabelos rizos
Santo dos croques, calas… i eu rezo.
.. Aquí está a Gloria, máis naquel lado,
naquela arcada, regresa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
donde as devoran todolos demos.
¡Cómo me miran eses calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Santos do ceo!
¡Cómo me firen!…Voume, sí, voume,
¡qué teño medo!

Gerardo Diego, en Ángeles de Compostela, dedica un soneto a cada un dos catro anxos -dálles nome a cada un: Uriel, Matiel, Urján, Racías- que tocando trompetas chaman ao Xuízo Final desde os catro puntos cardinais. Neste caso refírese a Uriel.
Gloria es la excelsitud -techumbre abierta-.
Escorzos de la música que pisa
sus sesgos torbellinos de cornisa,
gozo escandido de la planta experta

nos mides, oh Uriel. Franca la puerta
del paraíso está. Y se te irisa
de brasas y vislumbres la sonrisa
la túnica en tus vueltas se te injerta.

Salta, Uriel, destrenza tus trenzados,
brinca en la danza, olvídate en tu vuelo.
Tú eres la guía, el adalid del coro.

Que nosotros, a tu ímpetu raptados,
trenzamos ya las sílabas del cielo,
oh serafín del número de oro.
En YouTube podes ver un concerto e Berlín patrocinado pola Fundacióon Barié cos instrumentos do Pórtico.




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir