18/09/19

KOSUTH, UNHA E TRES CADEIRAS


ARTE CONCEPTUAL






CATALOGACIÓN


Autor: Joseph Kosuth
Arte conceptual
Cronoloxía: 1965
Categoría: escultura
Materia: Fotografía en blanco e negro, cadeira de madeira
Localización: Museo Reina Sofía
Joseph Kosuth (1945-), artista estadounidense formado no campo artístico así como nas disciplinas da filosofía e antropoloxía. O seu traballo abraza as ideas artísticas de Duchamp, pero tamén as teorías dos filósofos Ludwig Wittgenstein (na súa homenaxe titulou as súas obras máis coñecidas como “Investigacións”) e A. J. Ayer.

CONTEXTO


A arte conceptual, coñecida como idea art, information art ou software art, é un movemento artístico no que a conceptualización da obra é máis importante que o obxecto ou a súa representación real. A idea acerca da obra prevalecen sobre os aspectos formais ou sensibles.
O movemento conceptual na arte aparece a finais dos anos 60 con manifestacións moi diversas. A idea principal que subxace en todas elas é que a verdadeira obra de arte non é o obxecto físico producido polo artista, senón que consiste en conceptos e ideas.  Herda un forte compoñente tomado dos ready-made de Marcel Duchamp.
Na arte conceptual, a idea, o concepto, prima sobra a realización material da obra, e o mesmo proceso (notas, bocetos, maquetas, diálogos …) pode ser exposto para mostrar a orixe e desenvolvemento da idea inicial. Outro elemento a resaltar desta tendencia é que require unha maior implicación do espectador non só na forma de percibilo senón coa súa acción e participación.
En definitiva, a arte  conceptual pretendeu demostrar que se podía facer arte sen necesidade de desembocar en cousas (artísticas), que existe experiencia estética sen estar mediada por la obxectualidade. Non se apela ao goce inmediato derivado da contemplación, senón ao xuízo e a contemplación reflexiva.
Desta maneira, a exhibición final da obra carece de valor respecto ao proceso creativo e á elaboración da obra. É esta unha forma de expresión onde os obxectos presentados invitan á estimulación intelectual de quen os observan, destacando na obra de arte esta capacidade de estimulación sensorial. Os medios utilizados para levar a cabo esta tarefa son o texto, a fotografía, e o vídeo, os cales presentan todas as características necesarias para levar a cabo a misión de que a idea tras da obra é máis importante que a obra en sí.
Entre os seus máis importantes representantes atópanse artistas como Joseph Kosuth, Laurence Weiner, Dennis Oppenheim, Walter de María …

ANÁLISE


Obra formada por unha cadeira de madeira, a fotografía da mesma e a ampliación fotográfica da definición da voz “silla” no dicionario. É considerada unha obra emblemática da arte conceptual.
Na obra hai tres cadeiras: a definición dunha cadeira (dereita), a foto dunha cadeira (esquerda) e, por último, a cadeira (no centro).
O artista pon de manifesto que non é necesaria a creación dos obxectos, chega coa definición dos mesmos. A través dun obxecto non artístico como unha cadeira, crea un concepto, unha idea, a idea da cadeira amosándonos o obxecto, a súa representación (fotografía) e a súa definición (texto). É un único elemento ou son tres elementos diferentes?
Ver a cadeira como obxecto fai que irremisiblemente pensemos en Duchamp. A obra de Kosuth remite á descontextualización de obxectos, que tanto desenvolvera Duchamp durante os ano 1913 e 1921 cos seus “ready-made” ou “xa feitos”.
Ante obras como "unha e tres cadeiras" non cabe máis que preguntarse que é a arte, que é o artista, que é o que debe facer, e ata onde todo pode entrar no terreo do artístico. Asistimos así a un traballo autorreflexivo cuxo centro de atención non é o obxecto alí presentado. O foco está na arte mesma.
Todo na obra é un acto de representación – trátase diso- de algo que é inmaterial e que ten moitas formas de manifestarse: a idea da cadeira. Trátase dun intento de aproximarse á totalidade dun concepto mediante multiplicidade de representacións.
Kosuth, a través das súas indagacións nas teorías dos filósofos Wittgenstein e A. J. Ayer, descobre que a realidade atópase na linguaxe, que é o único que permite a posibilidade de coñecer e comunicar a realidade. Desta maneira,  Kosuth aplicou as teorías da linguaxe á arte; as ideas e significados dos obxectos pasaban a formar parte da propia obra, adoptando o paso da apariencia ao concepto e reivindicando o proceso mental para chegar a un resultado artístico, destacando que a arte é moito máis que a presentación de obxectos decorativos.
Unha obra como “Una y tres cadeiras” logra: unir o artístico co lingüístico, xuntar os obxectos coas palabras, articular a imaxe co discurso
Esta obra de Kosuth de 1965 é un exemplo claro da evolución intelectual que sufriu a arte, sobre todo na segunda metade do S.XX. Dende a arte gremial da Idade Media ata o impresionismo, a obra final era a gran protagonista, e a ela asociábase o proceso técnico. Pero coa chegada dos dadaístas, e fundamentalmente, de Marcel Duchamp, empeza o verdadeiro cuestionamento de “que é a arte?.   
O que nos ven dicir Kosuth é que a arte é un estado mental. Tan importante, ou máis, é o proceso intelectual como a plasmación do mesmo. Situar a idea por riba de nocións como beleza ou estilo, intocables ata o século XX, era revolucionario. A Arte, con maiúsculas, é unha forma de pensar o mundo.  
"Soy un artista en una época en la que la filosofía ha muerto"
Joseph Kosuth



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir