22/09/19

RETABLOS


Do latín retro tabularum -tabla que se coloca detrás-, é unha obra que cobre o muro das igrexas por detrás do altar, habitualmente feita en madeira. Semella unha arquitectura na que se combinan escultura e pintura
Constituíron un instrumento fundamental para difundir o dogma dun xeito monumental e teatral (recorda que esta mesma finalidade tívoa a escultura románica).
O seu antecedente está nos antipendios en tela, ou táboa que decoraban o frontal do altar maior ou doutros altares importantes.


Cando a arte gótica substituíu os frescos murais polas grandes fiestras, a pintura pasou a ser sobre táboa e ó temple. Neste novo contexto, os antigos antipendios, pasan á parte posterior do altar como retablos, primeiro como sinxelas táboas que logo se irán complicando ó aumentar o número de paneis (dípticos, trípticos, polípticos), podendo ser ríxidos ou abatibles, ou enriquecendo con materiais preciosos (Pala d’Oro da Catedral de Venecia).
A medida que se fixeron  máis complexos deixaron de ser pezas de mobiliario e ficaron fixos tras do altar polo que acabaron facéndose curvos para adaptarse á ábsida.
A súa semellanza coa arquitectura fai que asuman a mesma estética. Encontraremos retablos góticos, platerescos, manieristas pero sobre todo barrocos.



PARTES

Estruturalmente diferéncianse catro partes de arriba abaixo:
  • ático, coroamento ou cima;
  • corpo, subdividido en rúas e pisos
  • predela ou bancal
  • zócolo, sotobanco ou pedestal
Todo o conxunto se rodea do gardapó ou polsera, un saínte que o protexe.
Pasa o rato sobre a imaxe para ler os nomes das partes
partes retablo


Rúas separadas por entrerrúas (simples soportes arquitectónicos ou formas máis elaboradas) Corpos ou pisos en sentido horizontalCasas cuadrangulares ou rectangulares para as pinturas ou esculturas


ICONOGRAFÍA

  • RÚA CENTRAL, por ser a de maior relevancia acolle a imaxe sagrada a quen se dedica o retablo
  • ÁTICO, no punto culminante adoita representarse o Calvario -a Crucifixión é símbolo de Redención- ou a Trindade. 
  • CASAS: presentan escenas secundarias relacionadas co tema principal, ou outros santos e mártires. Fíxate como neste exemplo procedente do Mosteiro de Sigena (Huesca), Retablo da Virxe do Comendador, o tema principal é a Virxe nai de Deus, polo que os temas das casas narran, momentos da vida de María
casas
  • PREDELA, poden aparecer os comitentes (desde a propia Igrexa ós comitentes privados sexan nobres, cóengos ou burgueses enriquecidos) ou os seus brasóns. Ás veces o comitente está situado a carón da imaxe principal, se volves mirar o retablo anterior verás o Comendador axeonllado á dereita da Virxe -cunha escala xerárquica-.
Retablo dos Reis Magos, Valladolid.
Os donantes axeonllados e acompañados dos seus santos protectores
Retablo Maior, Cartuxa Miraflores
Nos laterais, os donantes: Xoán II e Isabel de Poertugal
Coa heráldica do Reino de Aragón no zócolo
CONSTRUCIÓN
Son unha obra de arte pero tamén exemplifican unha tradición artesanal e un traballo colectivo que comezaba polo contrato entre o artista e o comitente -persoa ou institución-, perfectamente estipulado e firmado ante notario ou escribán, cun deseño totalmente definido en dimensións, materiais, figuras, prezo, formas de pago, .... Unha vez rematado, tasábase a obra para constatar que era acorde ó asinado no contrato.
Anónimo español , século XVIII, traza dun retablo dedicado a San Benito. As condicións aparecen manuscritas no ángulo inferior dereito

Na execución traballaban mestres de moitos oficios e distintos gremios, principalmente do gremio de carpinteiros -ensambladores, entalladores, tallistas-, do de pintores -pintores, douradores, estofadores, encarnadores- e do de escultores e arquitectos, pero tamén ferreiros, canteiros, comerciantes,....
O proceso era longo e complexo.
  • Elaboración do soporte que se ancorará ó muro e construción da estrutura da armazón -as caixas que acollerán as imaxes- 
  • Preparación das táboas que habían quedar perfectamente lisas, sen greta algunha.
  • Talla -ferramentas: gubias, escofinas, limas- dos elementos ornamentais e das esculturas que se van incluir
  • Aplicación  sobre a madeira de varias capas finas de xeso mesturadas con auga e cola, e, se vai haber policromía e dourados  unha capa de arxila vermella moi untuosa -o bol arménico- disolta en cola. O proceso denomínase estucado.
  • Colocación do pan de ouro onde se desexe contar con dourados, labor moi delicada dada  a delgadez das láminas. Xa colocadas, brúñense
  • Finalmente, aplícase a policromía -mesturando pigmento e ovo- e, nas imaxes a carnación. Nos lugares que se precisa ráspanse as capas de pintura  para que asomen os dourados. Esta técnica denomínase estofado (ver vídeo).

Unha vez rematadas as distintas pezas só queda ensamblar o conxunto na forma desexada.
No caso das imaxes escultórica adoitan engadirse postizos para incrementar a sensación de realismo: ollos e bágoas de vidro, dentes de marfil, uñas de asta de touro, pestañas e cabelo de pelo natural, corcho e coiro para as feridas. Por último ornábanse con coroas, telass,...

Volvendo á historia dos retablos, a finais do século XVI por influencia do Escorial a táboa foi substituida polo lenzo, de feito foi O Greco o primeiro en utilizar en España este sistema que xa se empregaba en Venecia.
O mantemento resultaba custoso, habitualmente eran as confradías as encargadas de aportar as remesas de diñeiro obtido a través dos donativos dos fieis.

Retablos da igrexa de San Nicolás de Bari en Pobeña (Bilbao)
En España, tiveron un fondo arraigo como o demostra a súa presencia nos nosos templos, sen embargo o racionalismo dos ilustrados e a súa crítica contra dos excesos barrocos amosouse contrario a estas obras considerandoas do gusto do "populacho", excesivamente custosas e contrarias ó decoro dos templos polo que no 1777 Carlos III firma un documento, redactado polo secretario da Real Academia de San Fernando, prohibindo a realización de retablos, mobiliarios e teitumes de madeira e o dourado dos mesmos, recomendando o emprego de pedra e estuco.
Aínda así seguiron a facerse retablos servíndose de trampatollos arquitectónicos, quadrattura se denominaban no momento, ata que finalmente Carlos IV dictou o decreto de prohibición no 1791
Quadrattura no altar maior da Igrexa de Santa Eulalia de Murcia







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir