CATALOGACIÓN
Lenzo de gran tamaño orixinalmente titulado A compañía militar de Franz Banning Cocq e o tenente Willem van Ruytemburch, mais o oscurecemento co paso do tempo o oscuremento do verniz e as restauracións que incrementaron o contraste de luz e sombra fixeron que se interpretara como un ambiente nocturno, cando realmente é diurna, polo que no XIX pasou a denominarse como Rolda nocturna.
Trátase dun retrato colectivo - doelen- da Corporación de Arcabuceiros de Ámsterdam -a garda cívica do distrito II de Amsterdam- ó mando do capitán Cocq, acompañado dun bó número de membros da milicia, algúns ben recoñecibles -os que pagaron polo seu retrato- e outros no fondo como figurantes non identificados.
A propia Corporación encarga o retrato para colocar na súa sede. Cando as milicias cidadáns pasaron de moda, o lenzo foi reubicado no Concello pero como espazo asignado a tl fin era menor que o lenzo, recortouse en tres lados. Coñecemos a forma completa por copias que se fixeron no seu momento.
Esta obra barroca de 1642, responde ás características do estilo: composicións dinámicas; predominio de liñas diagonais e curvas; colorido rico e variado, cunha cor unificadora, o dourado; contrastes de luces e sombras; desvalorización da liña de contornos; realismo e gusto polo detalle; falta de claridade, etc.
CONTEXTO
A república burguesa e protestante de Holanda, escindida dos Países Baixos, abandona a temática relixiosa tan só presente por medio de temas do Antigo Testamento, tratados como escenas de xénero, e descende o interese pola mitoloxía, limitada a encargos de corporacions, municipios ou hospitais.. Pola contra o retrato, individual ou colectivo -doelen-, os bodegóns, as paisaxes ou as escenas de interior, constitúen os referentes que busca a burguesía, o principal cliente, para adornar as paredes das súas vivendas. Aquelas partes da realidade propiedade do individuo -a casa, a taberna, a cidade,..- son agora obxecto da arte.
Deste feito deriva que os pintores holandeses comecen a producir para o mercado, sen encargo previo, actuando con maior liberdade en temas da vida cotiá (bodegóns, interiores,..) ou en paisaxes.
Deste feito deriva que os pintores holandeses comecen a producir para o mercado, sen encargo previo, actuando con maior liberdade en temas da vida cotiá (bodegóns, interiores,..) ou en paisaxes.
A produción pictórica é altísima cun verdadeiro proletariado artístico en forte competencia na procura de encargos, particularmente dos retratos ou na venta das súas obras no mercado directamente ou a través de marchantes.
Os enriquecidos comerciantes querían transmitir o seu semblante á posteridade e amosar o seu ascenso social lucindo as insignias dos seus cargos nas distintas institucións.
Cando se trataba dun grupo era preciso reflectir coidadosamente a xerarquía e que todos e cada un dos integrantes se vexan correctamente. Tal necesidade limitaba a miúdo a liberdade de actuación do pintor repetindo esquemas compositivos ríxidos. Frans Hals primeiro, e Rembrandt despois rompen eses modelos preestablecidos (compara o lenzo de Keyser e o de Hals)
ANÁLISE
Na obra de Rembrandt non estamos diante dun grupo que posa para o retrato, pola contra os personaxes móvense cunha liberdade tal que parecen non ser conscientes de que os están retratando, actúan con absoluta naturalidade, as diferencias dos rostros, dos xestos, das miradas e das actitudes fálannos das súas personalidades. Recordemos que todos se coñecen, habitan na mesma zona, son burgueses ricos socialmente recoñecidos e poderosos.
Recolle o momento preciso -como se dunha fotografía se tratase- no que o grupo desordenado sae da súa sede. Nese instante o capitán, vestido de negro con banda vermella, apoia o bastón no chan, da un paso e coa man libre da luva nun claro escorzo indica ó seu tenente que dea a orde de iniciar a marcha. Entón todo o caos inicial comeza a organizarse: o abandeirado enarbola a enseña, recollen e alzan as picas, o tambor comeza a soar, o can ladra, unha rapaza atravesa correndo, á dereita un membro avisa que xa se deu a orde. No segundo plano tres arcabuceiros mostran as tres fases canónicas do uso da arma que da nome á milicia: o da esquerda carga a pólvora que un neno porta nun corno, o do medio, detrás do capitán Cocq, dispara apuntando o pano vermello que pende dunha pica e o derradeiro elimina os restos de pólvora soprando.
Toda esta esta sensación de ruído, movemento e confusión, no que cada quen actúa ó seu xeito, cesará no instante seguinte cando o grupo emprenda o desfile.
E aínda así, se analizamos a composición observamos que Rembrandt introduce orde e racionalidade. A verticalidade das figuras que se distribúen en torno das dúas principais, os que se mostran calmose sabedores da súa posición, ven compensada por toda unha serie de diagonais que se entremezclan como nun enxame.
Partindo do plano arquitectónico do fondo o lenzo queda estruturado en catro planos de profundidade, desde un primeiro que centra a atención na man do capitán ata o plano final no que as figuras se esvaecen na penumbra. Consíderase que o personaxe tocada cunha boina pode ser un autorretrato do propio Rembrandt.
Pero posiblemente o verdadeiro protagonista da obra sexa a luz, a luz dourada de Rembrandt, e a cor. A primeira entra diagonalmente desde fora do lenzo, partindo de arriba á esquerda esvara entre as figuras, ilumina máis nunhas partes, xera claroscuros, fai brillar os metais dos cascos e dos escudos, e dirixe a atención ata a man en escorzo que deixa a súa sombra sobre o refulxente traxe amarelo e banda branca do tenente Ruytenburch.
Outra figura sorprendente resulta fortemente iluminada, a nena (hai outra vestida de azul detrás dela) que atravesa de esquerda a dereita. Case parece que ela mesma é luz. A súa presenza e o galo que leva pendurado do cinto resultan misteriosos. Pode aludir á idea de vixilancia, propia desta milicia que tiña unha pata de galo no seu estandarte.
Trátase dunha luz tenebrista e selectiva xa que o claroscuro, seguindo a Caravaggio, adquire valor compositivo e dinamizador, pero tamén serve para crear perspectiva ó contrastar un primeiro plano moi realista e minucioso nos detalles mentres nos planos seguintes van diluíndose as formas perdendo definición, nelas aplica pinceladas moi soltas (comparar n as dúas figuras de abaixo).
A gama cromática resulta rica, chea de matices e contrastes; dominan as cores cálidas de ocres e marróns entre os que resaltan os toques vermellos, amarelos e verdes xunto cos brancos das golas.
É a cor quen define as formas, o pintor prescinde practicamente do debuxo, aplicado en pinceladas anchas e pastosas.
En síntese, estamos diante dun lenzo que reflectindo un acontecemento intranscendente o converte nun feito grandioso. O pintor reivindica a súa liberdade creativa, mantén os trazos barrocos pero rompe coas representacións tradicionais dos retratos de grupo característicos do momento. E sobre todo, o mesmo que Velázquez, case contemporáneo, supera o pechado encadre estilístico da historia da arte.