CATALOGACIÓN
Cadro de xénero, un bodegón con figuras ou cociña, no sentido orixinal do término nas estampas nórdicas, moi usual na España do XVII e característico da etapa sevillana de Velázquez, que vai ata o seu traslado a Madrid no 1622 ó ser nomeado pintor de cámara por Filipe IV grazas ás influencias do seu mestre e sogro, Francisco Pacheco.
Trátase dun óleo sobre lenzo destinado ás minorías cultas, capaces de apreciar a novidade de unir os temas flamengos de cociñas coa técnica naturalista.
A mestría que demostra con tan só 19 anos, permite adiviñar o que será a súa traxectorica artística.
CONTEXTO
ANÁLISE
O que acontece é totalmente intranscendente. Nun interior, unha muller vella frite ovos nunha cazola de barro sobre un fornelo, mentres os revolve cunha culler de madeira sostén o seguinte na man dereita. Ergue a mirada con expresión de cegueira cara a un rapaz que, situado de pé á súa dereita, leva nas mans un melón e unha frasca de viño (¿ou de aceite?), ao tempo que mira cara ó espectador.
Recordemos que Velázquez, xa na Corte, entre retratos, mitoloxías ou cadros de historia, aínda reservou tempo para os retratos de bufóns, unha temática que conectaría con estas obras sevillanas en tanto que elixe como protagonistas a seres discapacitados ou das clases populares, sempre tratados con suma dignidade.
Ámbolos personaxes presúmese que corresponden á sogra do pintor e a un axudante do taller que serviron de modelo. A muller é a do lenzo, obra deste mesmo ano, Cristo en casa de Marta, e o rapaz o mesmo que aparece no Augador.
O espazo é pequeno e a profundidade mínima. O primeiro plano está ocupado, de dereita á esquerda, por unha mesa cunha ben ordenada natureza morta composta por dúas xarras de cerámica, unha cebola, un morteiro, un prato cun coitelo e uns pementos; a continuación, o fornelo onde se friten os ovos e un caldeiro no chan. O segundo plano vén dado polas dúas figuras de medio corpo, dispostas en diagonais contrastadas.
O fondo escuro, semella configurado por dúas paredes, nas penden unha canastra e dous candís.
O punto de vista elevado, nunha perspectiva distorsionada, facilita ver con claridade o proceso da fritura -a clara vai callando- ou a sombra do coitelo no prato.
A composición resulta asimétrica -o eixo vertical central vai da mesa ao canastro- organizada en torno do fornelo, centro de interese subliñado polas dúas grandes curvas que describen as figuras a ambos lados.
Pese ás outras curvas -brazos, obxectos- e ós escorzos -coitelo, brazo coa frasca, cabeza do rapaz- ou ás diagonais dos corpos e o contraste das miradas, que pretenden dinamizar a composición, o conxunto resulta bastante estático xerando unha sensación de quietude ou de tempo detido, que incluso a orde na distribución dos "cacharros" fortalece.
Seguramente o fundamental da obra é o tratamento lumínico, tratamento que o aproxima a Caravaggio aínda que o seu traballo só lle fora coñecido por copias ou gravados.
Un poderoso foco de luz, proxectada desde a esquerda ilumina de xeito contundente unhas partes mentres outras quedan en completa penumbra, tan só os seus reflexos fannos presentes. É a luz a que da coherencia, a que unifica todos os elementos cos seus contrastes de claroscuro, enfatizando o lado dereito e deixando na escuridade o resto, é dicir toda a zona central do fondo e a parte posterior do rapaz
Esa mesma luz serve para definir con total verismo os obxectos e as texturas. O perfeccionismo está presente no xeito de plasmar o brillo dos metais, a pesadez ou lixeireza dos tecidos, a transparencia do cristal, a rugosidade do melón ou a lisura da cebola, a relucente superficie das uñas coa suciedade baixo delas, a fendedura do prato ou o lume vivo das brasas, a tensión no pulso da man que suxeita a culler.
Malia que a luz destaca as formas, os contornos están nitidamente definidos polo debuxo, a luz non os esvaece. Compara o tratamento do rostro da vella e o da Infanta nas Meninas.
A gama de cor mestura pigmentos terrosos, ocres, pardos e negros, entre os que resaltan as notas brancas nos obxectos ou nas vestimentas, o amarelo do melón, ovos ou metais, e os toques vermellos dos beizos ou da cazola. Unha gama reducida aplicada en minuciosas pinceladas
Esta imaxe, en principio só naturalista, pode conter outras significacións: a relación das experiencias do pasado coas que esperan no futuro (vellez-mocidade); representación das sensacións do tacto e da vista.
En calquera caso, unha natureza morta no que o autor ensaia os efectos ópticos da luz a través do tenebrismo.