Amosando publicacións coa etiqueta Apropiación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Apropiación. Amosar todas as publicacións

26/10/16

REGRESO Ó PRESENTE: APROPIACIÓN


 "Un bo artista copia, un gran artista rouba", Picasso

O emprego de obxectos preexistentes ou de imaxes do pasado para xerar unha nova ou simplemente copiala con outro/mesmo estilo, é unha tendencia denominada apropiacionismo que se desenvolve desde os 80 do pasado século no marco da postmodernidade. Enmárcase na ruptura do vangardismo entendido como unha dinámica continua de innovación. Xa que todo está feito non se pode continuar nunha carreira sen tregua cara adiante,  hai que cuestionar o pasado reinterpretándoo con novos significantes acordes ó momento presente.
É unha das tendencias -como o Land art, por exemplo- que cuestionan o obxecto artístico para centrarse na idea e  nas intencións do artista- neste senso son neoconceptuais- e polo tanto non ten que ser orixinal.  Importa o que elixe e como o presenta.Se o mercado capitalista e as institucións son os que revisten o obxecto dunha aura de xenialidade e orixinalidade,  ó se apropiar deses obxectos artísticos suprimen a tan excepcional aura que os reviste. En definitiva, os desmitifican restándolle o seu carácter "sublime".
O xogo consiste en descontextualizar un orixinal -ás veces chocando cos dereitos de autor- en combinacións imposibles, por exemplo imaxes do barroco e do pop art coa street art e a publicidade, dos medios de comunicación, dar un tratamento diferenciador ou, simplemente, parodiar.. A miúdo subxacen presupostos reivindicativos como o feminismo ou ou propostas críticas como contra da sociedade de consumo.
Por suposto non se trata de algo totalmente novidoso, as formulacións dos ready-made, do object trouvé, dos fotomontaxes, dos collage, do ensamblaxe ou do reciclaxe (disto temos falado nesta entrada) son igualmente modos de apropiación. O mesmo significado poden ter as interpretacións e variacións que uns autores fan de outros, por exemplo Picasso e as Meninas, se ben nestes casos o autor procura reinterpretar a mesma obra cun estilo persoal, non hai imitación.
Podemos encontrar obras baseadas na apropiación en todos os campos, desde a fotografía (Vogue Like a Painting) ó cine (Ken Jacobs presentou Perfect Film como obra propia cando realmente se trata dun metraxe -encontrado nun contedor- de declaracións sobre Malcon X feitas na televisión), desde a música (o Dies irae gregoriano repítese en variadas composicións) á publicidade (exemplos) e por suposto no campo que nos ocupa, nas artes plásticas.
Cando no libro de Borges, Pierre Menard autor del Quijote, este non quere imitar ou copiar o libro orixinal senón escribir un texto da súa autoría e desde a súa experiencia que coincida exactamente coa obra de Cervantes, estamos diante dunha reescritura "orixinal" que se asemella ós presupostos apropiacionistas.
As fórmulas escultóricas e pictóricas son moi diversas, como vemos nestas obras elixidas a título de exemplo.


Kathleen GILJEEEE, formada en Italia no campo da restauración, optou polo apropiacionismo nos seus propios traballos Comezou coa introdución de pequenos petimenti, seguiu coas restauracións e revisións contemporáneas -actualización da imaxe con trazos culturais do presente- e coas investigacións e comentarios históricos -reinterpretación do que a obra podería ocultar presentado a través da radiografía do lenzo orixinal-. En conxunto a súa obra está sustentada por unha reivindicación feminista, así na serie de 48 mulleres tomadas dos retratos de John Singer Sargent, as protagonistas perden as súas elegantes roupaxes para presentarse, con lixeiras variacións, espidas e amosar o seu ser.
Na imaxe da esquerda, na obra de Artemisia Gentilleschi (Judit decapitando a Holomernes) substitúe a Judit polo seu propio autorretrato e a Holofernes por un gran galo, ¿toda unha declaración de intencións!
Pasa o rato polas imaxes que seguen para ver as s´ùas fontes.


Un gran salto adiante deuse coas técnicas de photoshop (ver Bénédicte Lacroix) e a distribución das composicións a través das redes sociais. Xa non se precisa un gran dominio técnico para reproducir os grandes mestres, tan só imaxinación e creatividade para mutar os contextos nos que se desenvolvían as figuras clásicas. Os resultados son distintos, pero encontramos mostras interesantes e divertidas.


ALEXEY KONDAKOV é un artista ucraniano que realiza, por medio de photoshop ou similar, unha xustaposición entre o pasado e o presente. A serie denomínase Historia da arte na vida de cotío (ver en Facebook) pois os protagonistas de cadros clásicos saen do lenzo orixinario para presentarse en espazos actuais. O resultado é unha especie de collage sorprendente e divertido: deuses ou mortais desenvolven as mesmas accións que calquera cidadán de Kiev que é de donde toma o marco da escena. Así vemos unha Magdalena aburrida nunha cafetería (fig 7), os Embaixadores que van de copas (fig 8), Diana de compras nun supermercado (fig 11), A Virxe viaxando en autobús (fig 1 e fig 9). Se pasas o rato pola imaxe verás a obra orixinal.

1 2
3 4
5 6
7 8
9 10
11 12  
13 14
   15 11


GABRIEL NARDELLI, segue o mesmo esquema. As figuras incorpóranse ós espazos públicos, agora de calquera lugar do mundo, de Nova York a Barcelona ou de Londres a Rio de Janeiro. Podes ver máis exemplo do  The Canvas Project  en Instagram ou en  Facebook. Ó pasar o rato verás o autor da obra da que toma a figura



MARCO BATTIGLINI  interactúa a arte clásica coa cultura pop e arte urbana, engadindo estéticas contemporáneas como os tatuaxes.  Eclecticismo estilístico e divertimento, arte elitista e arte popular, alteración de significados, convivencia de opostos ou quizá un pastiche postmoderno. Na imaxe 1 xustapón partes de obras distanciadas no tempo: a Venus de Urbino (1538) de Tiziano -agora con tatuaxes e cabelos tinguidos- e Os románs da decadencia (1847) de Thomas Couture, engadindo un muro de graffiti;  imaxe 2 tomada da Alegoría do triunfo de Venus de Bronzino; imaxe 3, do Arcanxo san Miguel e os anxos caídos de Luca Giordano, aquí o santo coa insignia de Superman; imaxe 4, da Alegoría das artes de Pompeo Batoni e o retrato de Marilyn de Warhol.




Leo Caillard  leva a cabo  un proceso de fotomontaxe fotográfico con fotos de esculturas clásicas do Louvre e fotos  de persoas -normalmente amigos- adoptando a mesma disposición, e vestidos á moda. ¡Todo un new look!, de feito a serie leva o nome de Hipsters in Stone.
 


Así locen Meleagro e o deus Aristeo (a partir das  obras de Boizot e Bosio)


Por suposto, tamén magníficas apropiacións na street art




A música non queda á marxe desta tendencia con mellores ou peores resultados. Aquí quede unha boa mostra de adaptación, a música de Bach (a suite orquestal Badinerie) tomada por Noa para a peza No, Baby, unha das doce que do disco Letters to Bach.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir