Amosando publicacións coa etiqueta Bramante. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bramante. Amosar todas as publicacións

06/01/12

BRAMANTE-SAN PIETRO IN MONTORIO




CATALOGACIÓN


O pequeno templo romano de San Pietro in Montorio é unha arquitectura de carácter conmemorativo ó ser construído sobre o lugar no que, segundo a tradición, fora martirizado San Pedro, no patio do convento franciscano do mesmo nome.
Foi encargado e financiado polos Reis Católicos, neste momento tamén monarcas do reino de Nápoles, como medio de facer patente a súa presenza en Italia.
Data dos primeiros anos do século XVI, o Cinquecento, realizado por Donato Bramante. Corresponde pois ó período clásico do Renacemento italiano, cando Roma se converte no centro da vida artística grazas ó mecenado dos papas e á decadencia de Florencia tras da morte de Lourenzo de Medici.
Bramante, tras dos seus primeiros traballos en Milán na corte dos Sforza, chega no 1500 a Roma chamado polo Papa Xulio II. Aquí estuda os restos arqueolóxicos creando o estilo clasicista caracterizado pola solemnidade e a ausencia de ornato. Foi tamén o encargado do proxecto da basílica de San Pedro do Vaticano, que non chegou a realizar.
As súas pequenas dimensións e a ubicación nun pequeno patio que case ocupa por enteiro, non impiden que se convertera na exemplificación da estética do XVI que terá clara influencia na obra de Miguel Anxo en San Pedro do Vaticano e que veremos imaxinado en obras de Perugino e de Rafael.

CONTEXTO

....
O Cinquecento supón a síntese das exploracións e investigacións iniciadas no Quattrocento en Florencia. Agora o protagonismo artístico pasa a Roma grazas ó mecenado dos papas como Xulio II e Sixto V. Tamén Venecia se ha converter en centro artístico con peculiaridades propias.
É o século dos máximos xenios da creación artística: Leonardo, Miguel Anxo e Rafael. Representan a culminación do Renacemento


ANÁLISE


Trátase dun edificio centralizado cunha planta circular, períptero e monóptero, claramente inspirada no templo romano de Vesta en Roma, e nos tholoi gregos (Delfos). Todas estas planificacións centralizadas que se mantiveron nos primeiros martyria cristiáns (mausoleo de Santa Constanza), desapareceron na Idade Media cando se impuxo a planta de cruz latina, pero agora volven ser os preferidos pola súa harmonía e equilibrio.
Doutra banda de acordo co neoplatonismo de Marsilio Ficino que concibe a Deus como a Mente Cósmica que adopta a forma esférica na que se contén todo o universo, a planta centralizada reflicte perfectamente tal simboloxía e como tal é a fórmula de beleza ideal.
A planta circular organízase de xeito concéntrico:
  1. o círculo exterior da plataforma
  2. o círculo do perístilo de doce columnas
  3. o círculo da cella con catro portas
En alzado, tres corpos superpostos
  1. a cripta subterránea do martirio
  2. o cilindro da cella -5 m de diámetro- rodeada do pórtico columnado de orde toscana sobre plinto
  3. o corpo do tambor -realmente continuación da a cella-  e a cúpula, rodeada dunha varanda
Análise do alzado exterior
Sobre o basamento escalonado e o plinto arrancan as columnas con basa ática, fuste liso rematado nun colariño e capitel con equino e ábaco. 
Corre por riba o entaboamento con arquitrabe de dúas bandas, friso dividido con tríglifos e metopas -con relevos de signo litúrxico- e cornixa. 
Se toda esta configuración responde exactamente á máis pura tradición clásica, a parte superior rompe o clasicismo coa novidosa balaustrada que sobre a cornixa rodea ese corpo que contén a cúpula que cobre a cella.
A varanda cumpre a función de unir visualmente os dous corpos que polo seu distinto diámetro podían parecer desconectados.
Os paramentos do cilindro dinamízanse por medio de piastras ornamentais que dividen os paramentos para separar os vanos das portas, as fiestras adinteladas e as hornacinas en arco de medio punto con veneras. Interiormente esas fiestras e os vanos das catro portas crean un espazo transparente que resta pesadez á edificación.
O corpo superior repite o mesmo esquema do inferior a menor escala
A cuberta do pórtico é alintelada con casetóns decorados con floróns, e a da cella unha cúpula nervada con óculo central.



Pero diante de todo, San Pietro in Montorio destacada pola rigorosidade da súa xeometría de xeito que os elementos ornamentais foron reducidos ó máximo en favor dos elementos estruturais. O círculo é a forma dominante, a forma máis perfecta xa desde o mundo grego e que se asocia a Deus: circular é a planta en círculos concéntricos, circular había ser o patio no que se ubicaría (non se chegou a realizar), semicircular é a cuberta, do círculo parten as proporcións (imaxe da esquerda). Círculo e esfera en tanto formas perfectas, constitúen o xeito neoplatónio de acadar beleza

Conciliando o pasado pagán greco-romano e o presente cristián, Bramante engade todo un xogo de contrarios: edificio centralizado cun marcado eixe vertical que vai da terra ó ceo; espazo pechado do edículo central e espazo aberto do pórtico; vanos alintelados e nichos en arco de medio punto; cuberta plana no pórtico e cúpula central; o mundo terreal e o mundo celeste.
Os materiais empregados son mármore travertino e granito.
En síntese, un templete cheo de harmonía nas súas proporcións e monumental pese ás súas pequenas dimensións, que se converte en símbolo dos ideais estéticos do Renacemento.

Street view exterior e interior


CURIOSIDADES: O TEMPIETTO ADMIRADO 
A admiración pola obra de Bramante levou a que moitos pintores o incluísen como elemento arquitectónico de fondo, con maior ou menor protagonismo, pero sempre cunha significación simbólica: o triunfo do catolicismo sobre o protestantismo (Vasari, Asasinato do almirante Coligny), o renacemento sobre as ruínas da antigüidade (Barocci, A fuga de Eneas de Troya),  os fundamentos da unidade católica (Rafael, San Pablo predica ós atenienses). Incluso José de Ribera o inclúe como elemento alegórico unido a un principio dogmático, a Inmaculada Concepción.

Mais sen dúbida a obra que inmediatamente relacionamos coa edificación de Bramante é Os desposorios da Virxe (Rafael). Se ben o edificio amosa notables diferencias con San Pietro in Montorio, a relevancia que adquire na pintura é síntoma claro da relevancia dos templos centralizados

E se miramos moitas das bóvedas e ciborios neoclásicos ......... Abaixo, San Pablo de Londres, Panteón de París e Capitolio da Habana.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir