Amosando publicacións coa etiqueta Cristo xacente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cristo xacente. Amosar todas as publicacións

30/08/17

G.FERNÁNDEZ, Cristo xacente





CATALOGACIÓN

Unha das múltiples versións que Gregorio Fernández, nacido en Sarria (Lugo), realizou nas primeiras décadas do século XVII sobre o tema do Cristo Xacente. Presenta a Cristo morto despois de ser baixado da cruz e antes de ser purificado, só cuberto polo pano de pureza e amosando con claridade as chagas da paixón.
Corresponde á arte barroca española.
É unha talla en madeira policromada. A imaxinería é un xeito de escultura de forte tradición renacentista en España, agora incorpóranse as tallas para pasos procesionais de Semana Santa.
O modelo de Cristo morto xa aparecera no gótico, Gregorio Fernández retoma o modelo para crear un tipo iconográfico de grande éxito no mundo cristiá. Creou tamén outros tipos: a Inmaculada, o Crucificado (morto e con tres cravos), a Piedade e o Ecce Homo.
O obxectivo destas imaxes relixiosas é mover a piedade do crente que contempla a obra, un ideal derivado da Contrarreforma. Os encargos son realizados sempre desde o ámbito eclesiástico: parroquias, confrarías, conventos.
O taller de Gregorio Fernández, pertencente á escola castelá de Valladolid, acadou unha fama considerable. Nun primeiro momento estivo influído polo manierismo e polos modelos flamengos dos que herda a angulosidade dos panos. Desenvolverá logo un estilo moi persoal marcado polo patetismo e o dramatismo.

CONTEXTO

Igual que na arquitectura, o Barroco na escultura enraíza tardiamente en España, de feito a influencia de Bernini non penetra ata o cambio de dinastía (Borbón).
Escasea a escultura exenta civil (estatuas ecuestres en bronce: Filipe III e Filipe IV), preferíndose a temática relixiosa en madeira (retablos e tallas) ó servizo da sensibilidade contrarreformista. Así a principal característica é o tratamento realista e o fondo dramatismo expresivo pois a súa finalidade é “persuadir os homes á piedade e levalos a Deus”, por iso ha de empregar a linguaxe do verosímil para emocionar e conmover ós fieis.
En principio mantívose a técnica do estofado con fondos de pan de ouro que logo se irá abandonando, si se mantivo o emprego de elementos postizos: lágrimas e ollos de vidro, pelo natural, coroas e espadas de metal -ouro, prata-, dentes de marfil, ricas telas nas vestiduras, ... Todo un xeito de teatralizar a representación de xeito que a imaxe chegue ó espectador a través dos sentidos.
Débense diferenciar tres focos escultóricos con trazos propios. Neste século XVII dominan dúas escolas: a escola castelá, caracterizada polo patetismo, con centros en Valladolid (Gregorio Fernández) e, en menor medida, Madrid; a escola andaluza, de formas máis idealizadas, con centros en Sevilla (Martínez Montañés) e Granada (Alonso Cano). Xa no século XVIII destaca a escola levantina con centro en Murcia, máis colorista e amable, (Salzillo, introdutor dos beléns).

ANÁLISE

Cristo repousa nunha especie de leito formado por unha tea branca, o sudario, e unha almofada. A talla, aínda sendo posible a contemplación desde calquera punto de vista, está pensada para ser vista lateralmente, concretamente mirando o lado dereito, pois deste lado está a chaga do costado, a cabeza de Cristo está ladeada a e perna esquerda monta lixeiramente sobre a dereita. A elevación da cabeza e do torso axudan a romper as liñas horizontais, dominantes nun corpo tendido sobre un leito.
As telas forman drapeados de pregas duras, ríxidas xerando claroscuros. Son a herdanza flamenga.
Os signos do sufrimento son claros: as feridas sanguentas, os ollos con profundas olleiras, a boca entreaberta en expresión agónica, os negróns das mans, o pelo mollado polo suor e dividido en mechóns.
Anatomicamente presenta un canon estilizado cun tratamento delicado, de gran perfección formal e beleza clásica. Pero o significado clásico do espido desaparece baixo o drama e o horror do sufrimento, de xeito que de humano pasa a ser divino.
Serven á mesma finalidade o engadido de elementos postizos como os dentes, a cortiza nas feridas e a policromía que, renunciando ó estofado, faise por medio do óleo para as carnacións mates e os detalles.
O maior interese estriba no rostro, enmarcado entre os bucles do peiteado que se estenden sobre a almofada e a barba dividida simetricamente en dúas puntas. Nese rostro acada o cumio dunha expresión agónica ben verista.
Certamente, Gregorio Fernández logra que os crentes se sintan verdadeiramente diante de Cristo morto, se centren nese cadáver pálido e só para ser o espectador o que se converta en protagonista do duelo. Estamos diante da retórica da persuasión.

















  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir