Amosando publicacións coa etiqueta Escorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escorial. Amosar todas as publicacións

29/01/12

O ESCORIAL


- MOSTEIRO DE SAN LOURENZO DO ESCORIAL
JUAN DE HERRERA


CATALOGACIÓN


O Mosteiro do Escorial é unha obra de arquitectura, situada preto de Madrid ó pe da Serra de Guadarrama. Foi realizada a finais do século XVI (1563-83) no marco do Renacemento español por encargo de Filipe II, el mesmo supervisou as obras, a fin de homenaxear a San Lourenzo como conmemoración da vitoria de San Quintín contra os franceses no 1557 no día da onomástica do santo. Pero ademais na súa xénese había outras razóns: contar cun panteón real para dar digna sepultura ó seu pai Carlos V e á súa nai Isabel de Portugal, así como a el mesmo e ós seus descendentes; crear un centro monástico e un colexio seguindo ós principios do Concilio de Trento; dispoñer dunha basílica para asegurar a práctica do culto; habilitar unha biblioteca en resposta ás súas inquedanzas científicas; e por suposto desfrutar dunha residencia pacega para a familia real e a corte. O carácter monumental da construción debía responder ao esplendor do país, neste momento España era a primeira potencia económica e militar do mundo O proxecto foi encargado a Juan Bautista de Toledo, que colaborara con Miguel Anxo na basílica do Vaticano. Co traballo comezado e tras da morte do arquitecto, Juan de Herrera será o encargado de continuar as obras. Herrera formarase en Italia de onde ven a influencia de Vignola. A súa cultura científica e o seu coñecemento dos tratados italianos de arquitectura fixeron posible a materialización dun todo harmónico por medio da combinación matemática de volumes xeométricos. Resulta pois unha obra que non ten conexión co que se estaba a facer en España, como moito pode conectar cos Hospitais como o de Santiago que tamén tiñan a súa fonte en edificios semellantes italianos (o de Filarete en Milán)

CONTEXTO


O Renacemento chega a España a finais do século XVI, cando en Italia xa se estaba a desenvolver o manierismo, como resultado dos contactos comerciais e políticos con Italia. Tamén houbo intercambio de artistas nas dúas direccións e importáronse obras e libros de arte.
As novidades do estilo, desconectado da propia evolución, son un mero transplante de trazas italianas, de feito falase de construír “ó moderno”, pero foron ben acollidas pola Coroa para desenvolver unha arte oficial que a defina e sexa símbolo de unidade, e pola nobreza, caso dos Mendoza, para reafirmar o seu prestixio. A Igrexa sen embargo foi reticente ó cambio, manténdose aferrada á linguaxe gótica, particularmente na arquitectura, desconfiando dos modelos pagáns renacentistas.
Na evolución da arquitectura do Renacemento ó longo do XVI hai que diferenciar tres etapas estilísticas
  • Plateresco a finais do XV e no primeiro terzo do XVI. Coincide co reinado dos Reis Católicos. Combina estruturas góticas con elementos decorativos renacentistas (medallóns, columnas abalaustradas, grutescos, emblemas heráldicos, candelieri). Esta profusa decoración ao modo dos prateiros é a que lle da nome. Serva de exemplo a fachada da Universidade de Salamanca.
  • Purismo no seguinte terzo do XVI coincidindo co reinado de Carlos V. Agora impóñense os principios do severo deseño de Bramante onde prevalece o espacial e o construtivo de acordo con principios de proporción. A decoración perde en extensión pero gaña na intensidade do relevo cun volume que case a fai corpórea. Son exemplos a fachada da Universidade de Alcalá de Henares ou o palacio de Carlos V en Granada
  • Herreriano no derradeiro terzo do XVI en tempos de Filipe II. Constitúe unha resposta ó espírito da Contrarreforma servíndose dunha linguaxe manierista. Imponse a monumentalidade e o rigor xeométrico cunha marcada sobriedade decorativa. Juan de Herrera da nome o estilo.

ANÁLISE


A planta resulta un modelo de simetría e unidade, é un rectángulo reticulado no que os espazos se organizan en torno dunha serie patios distribuídos simetricamente, máis a parte pacega sobresaínte. Nos ángulos catro torres destacan en altura. Tradicionalmente se ten atribuído a esta planta un simbolismo relixioso, pois a súa forma recorda unha grella invertida, instrumento onde foi martirizado San Lourenzo.
Un claro eixe central parte da fachada principal pasando pola biblioteca, o Patio dos Reis e a Igrexa ata as estancias privadas de Filipe II (unión do poder real, a relixión e a sabedoría). Flanquean este eixo con accesos independentes desde o exterior, dúas partes diferenciadas funcionalmente pero simétricas en organización espacial: un patio maior e catro patios menores. No lado norte, a parte pública co palacio para a Corte ó redor do patio maior, e o seminario e colexio en torno dos catro patios menores. No lado sur, o mosteiro distribúe as súas dependencias en torno do gran Patio dos Evanxelistas e dos outros catro patios menores. A simetría detéctase en toda a configuración do espazo.
Pero seguramente onde mellor se fai realidade a nova linguaxe clásica é no exterior, un exterior dominado pola austeridade e a ausencia de ornamento segundo os principios de Bramante, o que lle outorga un carácter sólido, hermético e pechado que enmascara o conxunto, un trazo moi manierista
Os paramentos murais espidos en granito de cantería amosan unha total pureza de liñas, dominando as horizontais, e un dominio da xeometría que crea un ritmo de certa monotonía só roto polos centos de fiestras rectangulares e cadradas, sempre adinteladas e sen molduras, polas pilastras, polas bólas que culminan os piramidóns situados en lugares significativos, polos chapiteis das torres e polas torres angulares.
En alzado unha moldura percorre todo o muro sen se corresponder cos pisos interiores, de novo o manierismo entra en xogo.
Por razóns climáticas, a fin de evitar a acumulación da neve, os tellados de lousa contan cunha marcada pendente. As bufardas abertas neles serven de elemento dinamizador.


A fachada principal, na que se mitiga un tanto a austeridade, conta con tres portadas, sendo a central a máis destacada e curiosamente, un toque outra vez manierista, da paso a un patio non ó interior das dependencias do edificio. Este portada de corpo lixeiramente sobresaínte organízase en dous niveis con ordes xigantes superpostos, toscano no corpo inferior e xónico no superior. Este último máis estreito conectase ó inferior por medio de molduras curvas e de piramidóns con bólas, e coroase por un frontón rematado tamén con bólas. No intercolumnio central ocupan un lugar privilexiado a figura de San Lourenzo e o escudo real de Filipe II, no corpo inferior sobre a porta dúas grellas en recordo do martirio do santo. As portadas laterais son máis sinxelas e non sobresaen pero tamén rematan en frontón
A Igrexa, punto nuclear do conxunto arquitectónico, ten planta de cruz grega, modelo de Bramante para San Pedro do Vaticano, se ben se prolonga por medio dun nártex, e cúpula sobre tambor no cruceiro sobresaíndo por riba de toda a edificación para deixar clara a súa vocación relixiosa. A fachada en orde toscana con seis semicolumnas de orde xigante que teñen continuidade nos pedestais cos reis de Israel, de aí o nome do patio. Culmina nun frontón coa base interrompida por un gran vano en arco de medio punto.

No interior situase o presbiterio elevado, e baixo deste, o Panteón Real, de planta octogonal
Por último facer referencia ó Patio dos Evanxelistas no que o templete central resulta plenamente bramantiano pola grande similitude con San Pietro in Montorio.
A construción complementase polos xardíns en dous dos seus lados e a grande explanada nos outros dous.
Foi unha obra inxente que se serviu de grandes equipos de artistas, tanto pintores como escultores, que procedentes de toda Europa contribuíron á maxestosidade da obra. O propio Greco veu a España sabedor de que se precisaban artistas, se ben non obtivo importantes encargos por non coincidir co gusto de Filipe II.
En resumo, o conxunto monumental do Escorial responde a un ambicioso programa, contempla múltiples funcións, constitúe unha síntese da linguaxe renacentista e manierista, ó tempo que que se configura como imaxe dunha monarquía absoluta suxeita ós principios ideolóxicos da Contrarreforma.
Modificando o proxecto orixinal, Herrera fai do Escorial unha imaxe de solemne austeridade perfectamente acorde ó concepto de Estado e de Imperio que tiña Filipe II.


Unha boa explicación visual nesta páxina da UNED

CURIOSIDADES: DISPENDIOS DUN REI AUSTERO
Conservamos a imaxe dun Filipe II austero, prudente, frío e reservado, pero era tamén un home elegante, cortesán, culto e moi relixioso. Mais a austeridade non casa cunha edificación base do popular refrán "isto dura mais que as obras do Escorial". Foron 21 anos para un ambicioso proxecto con 150.000 m construídos, 2.000 dependencias, 2.675 fiestras, 89 escaleiras, 16 patios, 88 fontes... A derradeira pedra colocouse o 13 de setembro de 1584, pódese ver no Patio dos Reis: un perpiaño marcado cunha cruz, enriba as tellas dispóñense formando tamén unha cruz. Tempo despois engádironse as Casas de Oficios para cubrir necesidades de servizo e almacenaxe. 
E sempre baixo a supervisión directa do propio monarca -silla de Filipe II- e os correspondentes encontros con Herrera como o xenerado pola bóveda plana baixo do coro da basílica: Filipe II insistía, en contra dos criterios de Herrera, que precisaba un columna central para darlle soporte; o día da inauguración, o rei ve no centro a columna que esixía, pero Herrera deu unha patada a columna que era falsa: "xa vos dixen que non caería". O custo da obra foi descomunal, algunhas estimacións indican que o equivalente actual rondaría os 600 millóns de euros, o que sen dúbida contribuíu a quintuplicar a débeda herdada de Carlos V.O edificio sufriu dez incendios, ataques das termitas, humidades por infiltración de augas subterráneas, o chumbo dos tellados deterioráronse pola neve e as choivas. Non é baixo o eu mantemento compensado pola importante cantidade de visitantes.
Son moitas as curiosidades do Escorial desde o pudridero ata a sala dos secretos, e, por suposto as case 7.500 reliquias que Filipe II reuniu de forma obsesiva para lograr contar co relicario máis grande do mundo. 
O asunto xa comezara na primeira métade do século IV, cando Elena, nai do emperador Constantino, emprendeu con oitenta anos unha "campaña arqueolóxica" no Gólgota na procura das reliquias, parra o que foi preciso derrubar o templo de Venus erixido por Adriano. E, claro está, encontro as tres cruces -a verdadeira sería a que curou un leproso traído ad hoc-, os cravos, a coroa de espiñas, e xa de paso os restos dos tres reis Magos. Parte da Vera Cruz rompeuse en pequenos anacos, os lignum crucis, que se hoxe os reuniramos teríamos un verdadeiro bosque. No lugar do achado levantouse a Basílica do Santo Sepulcro.
Toda a Idade Media viviu un intenso tráfico de reliquias, intensificado no 787 ó dictar o Concilio de Nicea que todas as igrexas deberían contar con reliquias para poder ser consagradas.O seu efecto milagroso e obtención de indulxencias atraían fieis e con eles os cartos, así que as falsificacións multiplicáronse exponencialmente ata crear unha verdadeira "burbulla de reliquias". As reliquias teñen categorías, en primeiro lugar os restos do santo/santa, seguidos polos instrumentos de martirio e polos obxectos que estiveran en contacto coa persoa. Todo este trapicheo deu lugar a todo un surrealista mundo de dedos, sangue, cabelos, brazos, cabezas enteiras -17 do Bautista-, fragmentos óseos de todo tipo, dentes -hai case 500 de santa Apolonia-, plumas do Espírito Santo, prepucios de Cristo -¡dos únicos posibles restos corporais!-, moedas de Xudas, ... en fin... 
O Concilio de Trento houbo de facer fronte ós desafíos de Lutero, e logo de Calvino, na súa crítica ós santos e as reliquias, esixindo a certificación das mesmas e limitando o seu valor. 



Pero Filipe II, fervente católico, empecinouse en contar co maior relicario do "mundo", recolectando entre 1575 e 1598, reliquias por todo o Imperio. Comezou por obter as que resultaban dos datos das Relacións Topográficas, o primeiro censo de España realizado no 1575. Unha das preguntas incluía a relación das reliquias que había en cada igrexa, e, claro, se as había esixía que se lle remitiran. Para o resto dos territorios enviou xentes da súa confianza para adquirir, a calquera prezo, miles de restos e así salvalos dos pérfidos heréticos. Eso si, sempre habían ser restos con certificado de autenticidade. A expedición de compra percorreu uns dazasete países e realizou oito entregas enviadas por barco a Barcelona. ¡Unha fortuna gastada na súa teima persoal! 
Así con seguiu compilar 7.420 reliquias -inventario do XVII-, as veneraba e acodía a elas para curar as súas dores, incluso no leito de morte ordeou poñelas ó se carón.
Hai reliquias de santos e mártires (12 esqueletos completos, 144 cabezas e 4.168 restos óseos), pero tamén outras máis curiosas: o pano que secou as lágrimas de María, follas da figueria onde descansou a Sagrada Familia na fuxida a Exipto, un pedazo de muslo queimado de San Lourenzo.
Para acoller debidamente todos eses restos construíronse relicarios e retablos nos altares das naves laterais, unha para reliquias de mulleres e outro para as de homes. Pero como a afluencia continuaba foi preciso habilitar novos acomodos ata tal punto que podemos dicir que no Escorial hai reliquias por todas partes.








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir