Amosando publicacións coa etiqueta Jardín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jardín. Amosar todas as publicacións

26/06/18

XARDINEIROS E XARDÍNS


Con motivo da exposición Xardíns impresionistas, celebrada no Museo Thyssen no 2010 revisamos este tema da natureza partindo da visión  dos románticos e a posterior evolución.
A sensibilidade romántica se mostraba no ámbito da paisaxe en xardíns pintorescos próximos á formulacións clasicistas, os pintores reflectiron tan só a paisaxe como marco do asunto do cadro, é dicir o espazo físico no que algo acontece. Tan só algúns o converteron no centro da súa pintura. En calquera caso era unha paisaxe natural aínda que idealizada xa que servía a mostrar o sentimento diante da sublime natureza na que o ser humano se ve empequenecido (Friedrich) ou máis próxima a realidade como punto de partida para estudar os efémeros efectos da luz (Constable).

A tradición do bodegón floral que tanta relevancia tivera no Barroco e que fora desdeñada polo clasicismo académico ó consideralo un xénero menor, mantívose escasamente entre os románticos.

Sen embargo Delacroix, despois do 1844 interesouse pola natureza e polas flores que vía nos seus paseos diarios e no seu pequeno xardín. Desas observacións derivan os apuntamentos no seu diario, tomados coa minuciosidade dun botánico -á dereita anémona e amapola-, e descricións formuladas desde unha perspectiva estética: "arquitectura sutil dun lirio amarelo".
A partir das anotacións  executa no taller composicións florais coloristas, exuberantes, imaxinativas, decorativas. Nunha carta ó pintor Constant Dutilleux, afirma que:
...a essayé de faire des morceaux de nature comme ils se présentent dans des jardins, seulement en réunissant dans le même cadre et d’une manière un peu probable la plus grande variété de fleurs
É dicir recrea a natureza exterior, inventa unha nova mesturando todo tipo de fores campestres nunha explosión  de cores e texturas


Serán os pintores da Escola de Barbizon (T. Rousseau, Corot, Daubigny, Huet) os que, seguindo a estela de Constable, incidan na visión persoal da paisaxe tratando de captar directamente do natural un momento irrepetible da natureza que os rodea, preferiblemente unha natureza pouco humanizada. No lugar de xardíns, encontramos bosques, arboredos de ribeira, fenómenos atmosféricos,... e o traballo campesiño, todo revestido dun certo romanticismo. Incluso cando Millet pinta o seu xardín, o que vemos é un horto, e cando pinta un floreiro de flores silvestres non prescinde de resaltar o traballo da muller por medio dos utensilios de costura: as tesoiras e o alfineteiro.



Na Francia de mediados do XIX tivo lugar un cambio transcendental na concepción da cidade que podemos constatar claramente na remodelación de Haussman en París e os grandes bulevares. A  cidade debe contar con espazos para o encontro e o lecer de todas as clases sociais. A tales fines -paseo, xogo, merendas,...-  abríronse ó público os parques reais, deseñáronse alamedas e parques con  xardíns nos que se cultivaron milleiros de plantas.




O interese pola xardinería converteuse nunha moda tamén entre os particulares. A introdución  de novas especies florais traídas de Asia, África ou América, abriu un campo de exploración persoal, cultivar e gozar das flores converteuse nun  pasatempo, xa non interesaba tanto o deseño do xardín -desaparecen os coidados parterres- senón as mesmas plantas, prímase o contido no lugar do contedor, agora organizado en función do seu valor artístico
Por suposto que tan só os particulares de certo nivel económico poden adicar tempo o seu xardín ou a aristocracia a través dos empregados, mentres as clases populares e campesiñas continuaron en principio o cultivo produtivo de horta.
Moitos pintores impresionistas compartiron a paixón da xardinería, intercambiaban investigacións, estudan publicacións especializadas, acoden xuntos a exposicións, trataban sobre abonos, experimentaban novas sementes e, sobre todo, pintaban o resultado da súa labor admirando os cambios xerados polas variacións estacionais.
He recibido su envío de plantas, pero temo que no prendan, de lo seco que está todo y del calor que hace aquí. Está siendo un año desastroso para mi pobre jardín, porque además de la sequía tengo gusanos blancos que me devoran todo.
Claude Monet a Gustave Caillebotte.
Flores, parques e xardíns eran motivo artístico e fonte de inspiración que encaixaba á perfección  co seu interese pola cor, o traballo au plein air e os efectos de luz.
Aspiraban a contar cunha casa ás aforas de París que lles permitira crear o seu propio paraíso vexetal, locus amoenus, e algúns conseguíronno: Caillebotte, Monet e Pissarro. Son os xardíns de artista, xardíns decorativos convertidos en fonte de inspiración para os seus lenzos.


CAILLEBOTTE
O seu inicial achegamento á natureza tivo lugar na residencia de verán familiar en Yerres que contaba cun amplo xardín de estilo inglés e unha horta, onde puido iniciarse na pintura ó aire libre, aínda que para o traballo a casa contaba con persoal de servizo
Vendida a finca familiar, acabou por adquirir unha propiedade en Petit Gennevilliers á beira do Sena fronte de Argenteuil, que ampliou comprando parcelas veciñas ata contar con mais dunha hectárea de terreos.


Alí cultivou, con verdadeira paixón, o seu xardín e a súa horta. Construíu un invernadoiro, con calefacción para o inverno,  no que cultivaba diversidade de orquídeas, montou sistemas de rega automática,  e centrouse case exclusivamente en pintar os seus logros florais: dalias, margaritas, crisantemos, capuchinas, gladíolos.
Escribe a Monet en 1890
Mi querido amigo, estoy pintando una «Stanopea aurea» que ha florecido esta mañana, y no puedo dejarla porque la flor no dura más de tres o cuatro días y no vuelve a salir hasta el año que viene. Preséntele por tanto mis excusas a Mirbeau
Son composicións tomadas do natural, unhas coa proximidade dun botánico, outras con maior distancia e perspectiva como se o espectador estivera dentro do propio xardín





MONET
Desde moi pronto e especialmente desde que vira no Salón dos Rexeitados a obra de Manet, Almorzo campestre, Monet empeñouse en pintar ó aire libre. Primeiro foron paisaxes con figuras (Mulleres no xardín), para rematar coas paisaxes soas. Na procura do instante, saía cos seus lenzos, coma un cazador á caza desa imaxe efémera feita de luz e cor.
O seu primeiro xardín privado foi o da vivenda alugada en Argenteuil (1871-1878). Unha vivenda non moi grande pero cun amplo xardín, protagonista xa de moitas obras. Ademáis, ó estar preto do Sena, acondicionou un pequeno barco como taller para pintar directamente no río.


Tempo despois chegará a Giverny, en Normandía a uns 70 km de París. Lugar deflinitivo de residencia que reunía dúas condicións: auga e campo. 
Alí se instalou no 1883 xunto con Alice Hoschedé, que sería a súa segunda esposa, e os fillos habidos nos matrimonios de ambos -un total de oito-. Alugou unha vivenda cunha horta de patacas e legumes, ademais de árbores frutais. Alí podía recluírse lonxe do ruído da cidade e pintar. Pouco despois no ano 90 converteuse en propietario por uns 22.000 francos da época, e mais tarde ampliou a propiedade con terreos ó outro lado da vía férrea, sumando en total arredor dunha hectárea.

  • A parte inicial incluía a edificación da vivenda e do taller, acorde ó estilo burgués. Muros en rosa e verde para a carpintería, cunha pérgola recuberta de plantas trepadoras e roseiras

Os terreos, nos que incluíu tres invernadoiros, transformáronse nun deseño claramente xeométrico e racional adaptado ás propias necesidades de cultivar e pintar. Creou un espléndido xardín, primeiro con flores locais (dalias, gladíolos, peonías, roseiras, lirios), logo incorporando plantas exóticas como as durmideiras orientais ou as anemones xaponesas, sempre en pretas ringleiras para producir efectos de masas densas de cor. É o esquema propio dun clos normando, cheo de cor mesturando macizos de flores, árbores frutais e arbustos, e datas de floración diferentes.

Distribuía as plantas por tonalidades e por alturas, plantaba  por harmonías pensando xa no lenzo: non fago máis que mirar o que me ensina o universo e  mostralo a través do pincel. Segundo a estación do ano, o xardín era azul ou malva ou rosa, nunha continuidade de floración que non cesaba. Traballou arreo como un verdadeiro xardineiro, "oficio que aprendín na miña xuventude" no que denominaba "a miña obra de arte máis fermosa"





  • A ampliación, comunicada a través dun túnel baixo das vías, destinouse a un xardín de auga. 
Comezaría por un estanque para o que tivo que desviar o curso do río Epte, seguiríanlle logo outros dous. Planta salgueiros choróns e árbores de orixe asiática como o bambú enviado desde Indochina por un primo da súa muller -os primeiros que se viron en Europa- e nenúfares nos estanques. Unha pequena ponte xaponesa de madeira, atravesa sobre o estanque. 
Coidar este xardín converteuse nunha das súas obsesións,podía pasar tempo e tempo observando as paisaxes feitas pola auga e os seus reflexos. Xunto coa ponte, os nenúfares foron o tema predilecto:
Levoume un tempo entender os meus nenúfares. Cultivábaos por puro pracer, sen pensar en pintalos. Ata que de repente, tiven unha revelación e tomei o pincel. E desde entonces, non tiven outro modelo
O esencial do tema é en realidade o espello de auga cuxo aspecto se modifica todo o tempo, grazas ás porcións de ceo que alí se reflicten, e que espallan vida e movemento. A nube que pasa, a brisa que refresca, a neve que ameaza e que cae, o vento que sopra bruscamente, a luz que mingua e renace, e tantas outras cousas imperceptibles para o ollo do profano.






No 1900 expuxo 13 cadros de cabalete do estanque das ninfeas; entre 1903 e 1908 realizou outros 48 lenzos de diferente formato. Pero aínda mantiña un obxectivo
Nalgún momento tiven a tentación de empregar na decoración dun salón este tema dos nenúfares: levado ó longo dos muros, rodeando todas as paredes coa súa unidade, proporcionaría a ilusión dun todo sen fin, dunha ola sen horizonte e sen ribeiras; os nervios esgotados polo traballo relaxaríanse alí seguindo o exemplo calmante das augas estancadas, e a quen a habitara, esta sala ofreceríalle o asilo dunha meditación apacible no centro dun acuario florido.
Xa enfermo de cataratas, e pese a depresión pola morte da súa muller e do seu fillo maior, fixo construír un gran taller co tellado de vidro. Alí emprendeu a labor de realizar, un tras doutro, máis de corenta lenzos da mesma altura, concibidos para ser contemplados como unha verdadeira serie (así se poden contemplar no museo da Orangerie). Crea así unha visión panorámica na que o espectador se mergulla física e mentalmente.





En Giverny Claude Monet estivo feliz ata o final da súa vida, ós 84 anos. No cemiterio de Giverny repousan os seus restos e os da súa familia.
Hoxe, a Fundación Monet, abre a finca ás visitas tanto da vivenda coma da finca. A mesma páxina permite unha visita virtual da colorista vivenda.
asun

RENOIR
As constantes penurias económicas non lle permitiron contar cun xardín en propiedade, sen embargo cando se instalou en Montmartre alugou un pequeno terreo con xardín preto do seu taller, un espazo que semellaba un fermoso e abandonado parque, en palabras dun amigo. Pero o pintor estaba encantado de abandonar o centro de París
 "Las calles eran estrechas; el arroyo que corría por en medio no siempre olía muy bien, pero detrás de cada casa había un jardín. Un montón de gente todavía sabía lo que era disfrutar de una lechuga cortada justo antes de comértela". 
"Dadme un manzano en un jardín de los suburbios; ¡Con eso me bastaría! ¡No necesito para nada las cataratas del Niágara!"

Renoir non é xardineiro nin o xardín é tal, aquí as plantas e as herbas crecen libremente, unha vexetación espesa que lle servía como fondo para pintar ó aire libre escenas nas que adoita sempre incluír a figura humana aínda sen darlle especial relevancia ou estudar sobre ela os efectos vibrantes da luz que se filtra entre as follas das árbores, como no este estudio de Torso, efecto sol, pintado neste lugar no 1876.

Gosta tamén pintar coloristas e cargados floreiros
pintar flores me relaja. No tengo la misma tensión que cuando estoy cara a cara con un modelo. Cuando pinto flores, empleo distintos colores y ensayo audazmente sus efectos, sin preocuparme de estropear el lienzo





PISSARRO
Entre as súas variadas residencias dúas serviron para a temática de xardín, horta e flores: Pontoise e Éragny-sur-Epte. Nesta última localidade, onde permaneceu os últimos vinte anos da súa vida, mercou no 1884 unha propiedade grazas a un préstamo de Monet. Conta ó seu fillo Lucien
decidímonos por Éragny-sur-Epte; a casa é magnífica e non cara: mil francos, con xardín e prados
Sen embargo o mais representativo son aquelas obras que presentan a horta e o traballo nela, algo imprescindible nunha ampla familia -oito fillos- sempre escasa de cartos e mais acorde coas súas ideas anarquistas de autosuficiencia (chamouselle o pintor de coles). Os seus lenzos quedan lonxe do ambiente burgués de Monet ou Caillebotte, o seu é a vida do rural
Cando escribe que vai pintar unha serie de obras sobre as maciñeiras en floración -a propiedade chamábase  La Pommeraie- sinala
Son espléndidas ¡pero como de efémeras!


 



Aínda sen ser xardineiros, o marco do xardín foi de interese para os pintores impresionistas e particularmente para as mulleres ás que os prexuízos sociais impedían pintar ó aire libre, por iso se centraron en escenas familiares na intimidade do xardín privado, cando non nos interiores ou nos retratos.
  • BERTHE MORISOT, primeira muller que se uniu ó movemento impresionista

  • EVA GONZALÈS, contou cunha sólida formación e o apoio da súa familia, pero  morreu con 30 anos tras dar a luz o seu primeiro fillo















  • MARY CASSATT, de orixe estadounidense aínda que pasou case toda a súa vida en París

  • MARIE BRACQUEMOND,  cortada no seu desenvolvemento artístico polo seu marido

Para todos, o  xardín foi constitúe o marco ideal para a conversación, a lectura, o repouso, o paseo, a pintura... 










Rematamos con Tullerías, peza de Mussorgsky pertencente á suite Cadros dunha exposición (1874), na que evoca os xogos de nenos no parque das Tullerías









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir