Amosando publicacións coa etiqueta Maderno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maderno. Amosar todas as publicacións

10/02/12

MADERNO


-FACHADA DA BASÍLICA DE SAN PEDRO DO VATICANO


CATALOGACIÓN


Comezaba o século XVII e a basílica de San Pedro do Vaticano continuaba inconclusa despois de se rematar a cúpula segundo planificicación de Miguel Anxo. Paulo III convoca un concurso de proxectos para por fin á construción, impoñendo a obrigación de prolongar as naves para converter a planta de cruz grega de Miguel Anxo en planta de cruz latina. As razóns desta transformación eran fundamentalmente dúas, por unha parte o espírito contrarreformista que reclamaba naves procesionais con grande capacidade para acoller os fieis, e pola outra parte o desexo de ocupar fisicamente todo o espazo da antiga basílica de Constantino.
Foi elixido o proxecto de Carlo Maderno así que a el lle correspondeu a ingrata labor de transgredir a concepción estética renacentista pois agora a grandiosa cúpula quedaba relegada a un plano posterior deixando de ser o centro da construción.
A obras desenvolvéronse entre 1607-1612, dentro xa do Barroco do XVII, o estilo que viña de iniciarse en Italia desde onde se estendera ó resto de Europa, se ben nesta obra Maderno conserva aínda certos resaibos clasicistas.


CONTEXTO

A arte barroca nace a principios do século XVII en Italia e estendese á primeira metade do XVIII. A denominación de barroco foi dada a posteriori cun sentido despectivo -de barrueco, perla irregular- como se o novo estilo fose unha dexeneración do Renacemento, cando a realidade é que crea unha linguaxe nova que rompe coas fórmulas repetitivas manieristas e coa racionalidade renacentista.
Coincide cunha época de cambios en Europa ós que da resposta artística, fundamentalmente a reafirmación relixiosa do Concilio de Trento, a consolidación dos estados nacionais, a consagración das monarquías absolutas e o desenvolvemento dunha clase social burguesa enriquecida polo comercio e a industria. De aí que conte con clientes distintos e consecuentemente tamén o sexa a súa resposta. A arte ó servizo da Igrexa, coa función de reafirmar a fe e o espírito contrarreformista, desenvolvese nos países católicos (Italia e España cos seus dominios en Flandres); a arte ó servizo das monarquías é unha arte cortesá que se emprega como propaganda do absolutismo e que vemos como exemplo máximo na Francia de Luís XIII e Luís XIV; e por último un barroco burgués e protestante nos Países Baixos.
En todo caso existen trazos comúns que o definen. Na procura da sensación fronte á razón como arte popular e non intelectual rexeita o equilibrio, a proporción, a medida, a serenidade e a beleza ideal, agora busca o movemento, a tensión dramática, a irregularidade, a sorpresa, as formas abertas, a monumentalidade, o desequilibrio e a conxugación de todas as artes
A arquitectura, no caso que nos ocupa ó servizo da Igrexa, non se concibe illada do marco urbano no que se inserta senón como un elemento máis de persuasión dos fieis. Prazas, edificios significativos, fontes, vías de comunicación crean liñas de perspectiva impactante para resaltar a magnificencia da Igrexa e con ela do catolicismo. O grande arquitecto que faga realidade tal planteamento será Bernini, particularmente no urbanismo da Praza de San Pedro.
En canto ós elementos formais domina o dinamismo das liñas curvas sobre a recta, introduce as columnas salomónicas e os estípites, incrementa a ornamentación ata o punto de chegar a ocultar os elementos estruturais, introduce grandes rompementos de gloria nas bóvedas para simular o mundo celestial, e fai dominar os efectos fantásticos de luces e trampantollos.

ANÁLISE

Ademais de prolongar as naves, o proxecto supoñía engadir un nártex sobre o que se configura a fachada principal a modo de pórtico.
Pese que deste xeito a cúpula xa non era a síntese plástica das masas arquitectónicas, certo que a enorme anchura da nave central mantén unha certa sensación de centralidade no interior pero non exterior a visión quedou totalmente trastocada. En calquera caso Maderno tentou ser o máis respectuoso posible co plan miguelaxelesco o que se ve especialmente na estrutura da fachada levantada sobre un basamento con escalinatas.
Deseñou unha fachada monumental de desenvolvemento horizontal, inicialmente con dous campanarios laterais enmarcando a cúpula e que non chegaron a realizarse.

En altura podemos diferenciar dous niveis e tres corpos en anchura, central e laterais.
O nivel inferior que abarca dous pisos, presenta pilastras nos corpos laterais e semicolumnas no central, sempre con capiteis corintios e sempre de orde xigante e sen función tectónica. Para dinamizar o muro xoga coa combinación de entrantes e saíntes, de nichos e vanos, e nestes introduce alternancias entre frontóns curvos e frontóns triangulares. A zona central que se corresponde coa nave principal interior, ven xerarquizada por medio do incremento do volume dos soportes -de pilastras a semicolumnas- e polo ritmo diferencial dos intercolumnios. O eixe central onde se encontra o balcón desde o que o papa imparte a súa bendición, ven coroado por un pequeno frontón triangular
O nivel superior, moi reducido na súa altura para non tapar a visión da cúpula, divídese por medio de pilastras, nos espazos así organizados alternan vanos cadrados e apaisados, estes rematados en frontóns. Culmina no alto unha balaustrada e estatuas que representan a Cristo e ós apóstolos. Todo este ático semella ter como función ser o basamento da cúpula.
Para compensar a reducida altura desta monumental fachada, engadiu un pano mural a cada lado o que da maior anchura, e para compensar os volumes abriu grandes vanos en arcos de medio punto o que diminúe a sensación de masa. Estes dous corpos adiántanse sobre a liña de fachada e de xeito moi barroco non se corresponden có interior.
En conxunto a fachada realizada por Maderno responde a un modelo de beleza aparentemente simple e clasicista, pero é xa barroca en tanto rompe o ritmo continuo ou en tanto carece de concordancia real coa ordenación do interior.









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir