Amosando publicacións coa etiqueta Warhol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Warhol. Amosar todas as publicacións

24/06/12

WARHOL, MARILYN MONROE, SOPAS CAMPBELL


POP-ART





CATALOGACIÓN


Serigrafía sobre lenzo, realizada por Andy Warhol nos anos 1960. Warhol é un dos máximos representantes do Pop Art americano, da nova vida dos anos 60 e exemplo da incidencia do mercado e dos medios de comunicación na arte contemporánea.
Aínda que comeza facendo debuxos publicitarios e cadros coa temática do cómic, pronto pasará a pintar personaxes famosos , como é o caso de Marilyn Monroe e obxectos cotiáns, como os coñecidos botes de Sopa Campbell.
A obra pertence pois ás súas series de personaxes famosos e é un das moitas que Warhol realiza sobre Marilyn, posto que a serigrafía é unha técnica que permite a reprodución case infinita da obra.
O Pop Art sería a expresión dun tempo novo no que o consumo, o rock&roll e a cultura xuvenil acadan gran importancia neste momento en detrimento de outras formas de arte mais elitistas e reflexivas.


CONTEXTO


O Pop Art é un movemento artístico que nace a mediados dos anos 50 no Reino Unido (David Hockney) e nos Estados Unidos (Warhol, Lichtenstein, Wasselmann) e que acada moita forza nos anos 60. Ten o seu antecedente directo na obra de Eduardo Paolozzi na obra I was a Rich Man's Plaything (1947), un collage no que mestura obxectos da vida de acotío como representación da sociedade da época. É a primeira vez que aparece a palabra Pop.
Inician un proceso de renovación plástica que trata de responder á excesiva intelectualización da arte e ó seu conseguinte afastamento do público, como sucedía coas elitistas mostras do Expresionismo Abstracto ou do Minimal. Dun xeito irónico, cínico e provocador, os artistas pop cuestionan a sociedade de consumo e poñen en dúbida o lugar da obra de arte, agora un obxecto máis de consumo, efémero e reproducible. Reivindican a arte para a masa, unha arte popular (de aí o termo) que se serva dunha linguaxe que poida chegar a todo o mundo. Non se trataba de indagar no folclore ou na tradición senón de representar as subculturas propias das economías avanzadas eliminando as fronteiras entre a alta e a baixa cultura.
Retoman a figuración, unha figuración obxectiva e simplificada coa que rexuvenecer os contidos agora cheos de espírito xuvenil e divertido. Se viven nunha sociedade de benestar e fortemente consumista, a arte ha representar esa sociedade centrada na vida fácil, sen preocupacións de tipo político ou existencial. Utilizarán todos os recursos que os medios de comunicación de masas poñen á súa disposición: o cómic, a fotografía, o cartel publicitario, a fotonovela, a moda, a música, a televisión; deles extraen as imaxes icónicas da sociedade de consumo e do novo estilo de vida que está nacendo (as estrelas de cine, os produtos comerciais, as piscinas das vivendas burguesas); e repetirán en series os seus produtos de tal modo que a man do artista vai perdendo importancia no canto da produción por medios mecánicos e semimecánicos, como é o caso das serigrafías de Warhol.
Do mesmo modo que para as imaxes, as novidades reflíctense nos materiais -pinturas acrílicas, plásticos- e nas cores fluorescentes e metálicas.
Os obxectos de acotío acadan agora un status artístico que non se entendería sen Duchamp (object trouvé ou obxectos atopados), nin sen os collages e fotomontaxes das primeiras vangardas. É por iso que as obras pop reflicten unha frialdade en consonancia coa simplicidade de contidos, unha superficialidade consciente que Warhol expresaría deste xeito:
Se queredes saber todo o relacionado co suxeito Warhol, mirade simplemente a superficie dos meus lenzos e dos meus filmes e de min mesmo; aí estou! Non hai nada mais detrás.
Aínda sen efectuar unha crítica implícita, algunhas obras pop amosan certa crítica á sociedade de consumo ó presentala fora do seu contexto para que a relación do espectador co produto sorprenda e motive a reflexión sobre a alienación do individuo. O Pop finaliza coa idea de sacralización da obra de arte que xa empezara co Dadaísmo, e expande a arte ao mundo cotián.
Saber da vida da Factory


ANÁLISE


A serigrafía de Marilyn Monroe é unha das obras mais coñecidas de Warhol que reproduce unha fotografía da diva do cine americano e sex-simbol da época. Foi realizada por Warhol cando a actriz xa desaparecera e á que a fama que lle precedería, para o cal Warhol tamén contribuíu coa súa obra, sería moito maior ca que tivera en vida.
Está feita sen prestar atención ao detalle e con cores planas de vivos contrastes cromáticos. A configuración da obra en dous planos, sen profundidade nin perspectiva, remite á linguaxe do mundo do cómic e da publicidade, ao mundo xuvenil e da cultura de masas propias dos anos 60.
Esta obra encádrase nunha serie de cadros que o artista realiza a inicios dos anos 60 de personaxes famosos como James Dean ou Marlon Brando, obxectos do mundo cotián como as botellas de Coca Cola ou os botes de sopas Campbell. Todos eles símbolos da sociedade do momento que mostran a súa superficialidade, a banalidade sen ningún tipo de subxectividade ou reflexión persoal.
A obra pertence a unha serie na que remite o mesmo motivo ata a saciedade, algo que lle permite a técnica da serigrafía que se convertería no seu selo persoal. A Warhol gustáballe a impersonalidade froito deste tipo de traballo semiautomático, pois el chegou a afirmar que o que mais lle gustaría sería acabar convertido nunha máquina. A cara de Marilyn, reproducida infinidade de veces, resaltaba a superficialidade e a banalidade da fama como algo pasaxeiro e no fondo, tráxico. Warhol, que buscaba obsesivamente a fama e que chegaría a ser toda unha estrela en vida no ambiente de Nova York, adoraba todo o que tiña que ver coa fama e a súa fugacidade. Chegaría a afirmar que toda persoa ten dereito a quince minutos de fama.
Así pois, partindo dunha imaxe popular, modificando as cores, acada un resultado visiblemente distinto pero obxectivamente igual.



- SOPAS CAMPBELL'S



CATALOGACIÓN


Nos anos 60 Warhol adoita pintar produtos de consumo como botellas de Coca-cola ou latas de sopa. Era un produto de consume asequible para todos e que formaba parte da alimentación de acotío nos fogares estadounidenses.
As latas de sopa foron exhibidas por vez primeira en Nova York no ano 1962. Á pregunta do por que do motivo, Warhol contesta "porque acostumo a bebelas. Adoito tomar a mesma comida cada día".
Para Warhol, as latas de Sopas Campbell, eran o produto estadounidense por excelencia: marabillábase de que a sopa, coma a Coca Cola, tivera sempre o mesmo sabor, xa fora consumida por un príncipe ou por un mendigo.
Usando as serigrafías, o artista remite á técnica publicitaria pois as imaxes resultantes apenas mostran variacións entre elas (tan só as resultantes de entintar mais ou menos a tea, da presión ofrecida, das cores empregadas...). El recoñece a influencia que a publicidade e os medios de comunicación teñen sobre nos.
Un total de 32 lenzos sobre o tema.


CONTEXTO

....

ANÁLISE


Warhol eleva o popular e o cotián, un obxecto recoñecible por todos, a categoría artística reproducíndoo en gran formato. Utiliza copias colocadas repetidamente unha á carón doutra,m ou varias repetidas nun mesmo lenzo, o que recorda a monótona colocación do produto nos estantes dos supermercados
Sen embargo, as cores vivas, a ampliación da escala e a unificación por medio dun contorno negro, fortemente marcado, serven para manifestar que as técnicas comerciais e publicitarias que el colle e emprega no mundo artístico non están pensadas para vender produtos, senón para presentalos como obxectos de contemplación. Así, pon sobre a mesa cuestións radicais sobre o valor da arte e o xeito en que é consumida polo espectador.

Tomar da análise da obra anterior, todo aquelo que sexa preciso



Entender o proceso das serigrafías de Warhol - Selecciona e recorta a imaxe tomada dunha reviste, de fotogramas de películas, de publicidade, de fotografías de outros ou súas propias
- Fotografía a imaxe sobre filme transparente e amplíaa, aumentando o contraste de negro e branco. Obtén a imaxe en positivo.
- Nunha impresora industrial transfire o positivo á malla serigráfica, introdúcea nunha emulsión fotosensible. Cando seca, pon a imaxe positivada sobre a malla e exponse á luz moi viva. Así a a imaxe queda fixada ma malla creando unha matriz con áreas abertas polas que se introducirá a tinta.
- Delinea os contornos da imaxe na matriz e transfire eses trazos ó lenzo usando papel carbón (fai as copias que precise)
- Elixe as cores e pinta en grandes áreas, axustado ou non ás liñas de contorno
- Unha vez seca a pintura, coloca a imaxe sobre a matriz de impresión, estende a pintura premendo cunha rasqueta para que a tinta penetre nas áreas abertas.

Reelaborado desde The Warhol:silkscreen printing (preme en create your own silkscreen e fai unha serigrafía )




CURIOSIDADES: VELVET UNDERGROUND, Miguel BOSÉ
A Velvet Underground formouse a finais de 1964 en New York con Lou Reed e John Cale, os mais recoñecidos e principais compositores. O grupo labrou forte reputación na escea underground chamando a atención de Warhol quen se converteu no seu manager coa condición de incluír como cantante a modelo Nico, por entón xa estrela da Factory. Para o seu primeiro LP deseñou a portada có plátano. As discrepancias con Lou Reed sobre o camiño musical a seguir, acabaron poñendo fin a esta relación artística. 
O grupo continuaría a súa andadura con catro discos máis de estudio, pero a progresiva marcha dos seus membros orixinais fixo que se separasen en 1973, con puntuais reunións durante os anos noventa. Aínda que nunca foron un grupo de éxito, comercialmente falando, co paso dos anos son considerados un grupo de culto e músicos de referencia para varias xeracións de artistas. A súas letras arriscadas sobre temas controvertidos, coma as drogas ou o sadomasoquismo, abriron portas para que outros o fixeran. Así mesmo a súa música de tentes experimentais, empregando diferentes tipos de distorsións, cambios de ritmo, incluíndo o ruído, e sempre aberta á innovación axudaron notablemente ó desenvolvemento de xéneros coma o punk rock ou o rock experimental e seguen sendo, aínda hoxe, referencia para un gran número de grupos.   
          


Para o sexto álbum de Miguel Bosé, Made in Spain, publicado no 19983, Warhol realizou a portada con imaxes do cantante en distintas posicións e cores



Outros autores dedicaron pezas musicais ó propio Warhol (ver aquí)








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir