Amosando publicacións coa etiqueta orbe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta orbe. Amosar todas as publicacións

10/12/24

NIMBOS, HALOS, ORBES


Auréola, nimbo, halo, con eses atributos recoñécemos as figuras sagradas.
Eses círculos luminosos arredor ou detrás da cabeza non son exclusivos da nosa cultura, tal signo iconográfico ten a súa orixe nun pasado ben lonxano como símbolo de santidade, de heroicidade ou, nalgúns casos, para resaltar a figuras gobernantes.
Inicialmente representouse como disco solar, unha divina radiación
Deusa Isis , Exipto

Palmira. Tríade de deuses

Neptuno

O deus Helios no seu carro
O deus Mitras
Buda

O  romano Sol Invictus
Krishna e a súa esposa

Xustiniano

A iconografía cristián mantivo o nimbo para as santas figuras, estendéndose a partir do século VI


Cristo, principio e fin

Arcanxo San Miguel

Cristo e San Menas (copto)
 

O nimbo ou aureola de santidade adopta a forma circular variando dunha simple liña a un disco auréo. Cristo ten reservada  a aureola crucífera así denominada por ter unha cruz inscrita no círculo ou simples raios dispostos en cruz

Na arte representar o nimbo circular detrás dunha figura en disposición frontal non era ningún problema, pero si era complicado cando a figura estaba de perfil. Así lle quedaron a Giotto: na Virxe e no Neno, os nimbos están detrás da cabeza, nas outras figuras mantivo a forma circular pero os nimbos quedan como se estiveran colocados nun lado. O mesmo pasa na obra de Giovanni di Paolo 


Aínda máis complicado resulta no caso da Última Cena onde Xesús e os discípulos se sitúan arredor dunha mesa. Abaixo, Giotto e Ugolino de Siena, ambos do Trecento. Na fila dianteira, nimbos circulares perfectos, sexa como sexa!
Solución: eliminar os nimbos dos colocados en primeiro plano. Duccio


Se se acomodan todos dun lado, a cousa iría moito mellor. Xa se emprega esta disposición nun mosaico de Monreale do Duecento, e así o fará Andrea del Castagno no século XV, quen os dispón como platiños dourados sobre as cabezas e adaptados a cada figura.


Incluso podemos deixar o nimbo como un sinxelo aro que ademais queda espazo para poñer os nomes de cada quen. Juan de Juanes, s.XVI.

En todos este episodios, Xudas carece de nimbo, pero nalgunhas ocasións leva nimbo negro: Fra Angelico 


Na escultura románica, que a miúdo ocupa espazos mínimos, poden suprimirse os dos discípulos (capitel San Juan de la Peña) ou non (Catedral de Lugo, capitel "pinjante")


En calquera caso, nimbos circulares ou aros mellor ou peor colocados resultan demasiado repetitivos e parecía conveniente marcar diferencias sobre as figuras que os portaban. Contar cunha iconografía clara era importante.

- O triangular resérvase para Deus Pai nas imaxes da Trinidade, Ribera, s.XVII

- Os poligonais acompañan a personaxes do Antigo Testamento, por exemplo para San Xosé ou Isabel e Zacarías, pais de Xoán o Bautista.

- Os cuadrangulares, máis raros, serviron para denotar aquelas figuras de doantes (con San Demetrio no centro, doantes da igrexa de San Demetrio en Tesalónica; o Papa Pascual I seguido de Santa Praxedes e San Pablo) ou persoas contemporáneas que acadarán a santidade, por exemplo papas (Pascual I, Xoán VI ) ou esta Episcopa Teodora, nai de Pascual .

O halo de estrelas reservouse para a Inmaculada Concepción seguindo o Apocalipsis 12:1 "Apareció en el cielo una gran señal: una mujer vestida del sol, con la luna debajo de sus pies, y sobre su cabeza una corona de doce estrellas".
Ribera, Tiépolo


Cando a aureola rodea toda a figura por medio dun óvalo a modo dunha améndoa , falamos de mandorla. Empregouse especialmente para acoller a Cristo en Maxestade.






O uso do halo decaeu na arte occidental, pero aínda podemos encontralo en contextos non relixiosos con outro significado. Van Gogh escribiu:
Quero pintar homes e mulleres con ese algo eterno que o halo adoitaba simbolizar... ¡Ah! Retratos, retratos co pensamento, a alma do home, que é o que creo que debería saír.
É a idea da maxestade do home, o espírito invisible que  reside no seu interior. Faino por medio desas pinceladas que xiran a redor da súa cabeza. Gauguin debuxa un ben definido halo sobre a súa cabeza. 




Agora unha pequena referencia aos orbes.
Un orbe, globo terráqueo rematado cunha cruz, simboliza a autoridade neste caso de Cristo. 
Tamén moitas monarquías teñen o orbe como símbolo de poder, a Coroa española remata nun orbe crucífero. A súa orixe está nos emperadores romanos.
A representación de Cristo có orbe na man esquerda e bendicindo coa dereita acabou por coñecerse como Salvator Mundi. Joos van Cleve, s.XVI.
Tamén serviu na representación da Trindade para simbolizar o poder das tres persoas nunha sobre a terra.
Neste Triunfo da Eucaristía,  Ventura Salimbeni, s.XVI, presenta na parte alta as tres persoas da Trindade, Pai e Fillo pousan sobre o orbe, coa lúa e o sol, os seus cetros de poder o do Fillo rematado nunha cruz vermella símbolo da súa morte.

Curiosamente, esta obra serviu para falar de satélites e de ovnis ou dun oopart (obxecto fora de contexto). Non era, emporiso, unha simboloxía única, o Guercino mostra a Trindade onde Pai e Fillo portan os cetros e o Pai suxeita o orbe coa man esquerda 





 





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir