31/10/11

SAN MIGUEL DE CELANOVA





CATALOGACIÓN


Obra arquitectónica de carácter relixioso, se ben hai dúbidas da súa función exacta polo que se teñen barallado outras hipóteses: oratorio privado, construción funeraria, albergue de peregrinos ou aloxamento de monxes de paso polo mosteiro.
En calquera caso, a denominada Capela de San Miguel en Celanova (Ourense) está dedicada ao Arcanxo San Gabriel para honra de Froila, irmán de San Rosendo que foi bispo de Mondoñedo e de Santiago, e reformador da vida monástica. Está dentro do xardín do mosteiro bieito de San Salvador, detrás da igrexa abacial.
Constrúese en cantería de granito, empregando tellas na cuberta. No interior encontramos ladrillo recuberto con xeso.
A autoría énos descoñecida.
Pese ás súas pequenas dimensións, tanto en planta -22 m2- coma en alzado –case 6 m-, é o mellor exemplo da arte mozárabe na Galicia do século X e, como tal, clasificable dentro do conxunto da arte prerrománica que inclúe estilos con herdanzas do pasado romano e bizantino ao que se suma o substrato visigodo, o gusto polo ornamental dos pobos bárbaros e a asunción de elementos musulmáns, como veremos nesta obra.

CONTEXTO


Cando os pobos bárbaros invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política a fractura da unidade artística. O período que vai ata o s. XI, no que se inicia a arte románica, vai caracterizarse pola rexionalización da arte, de xeito que son varios os estilos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica.
Desaparecida a monarquía visigoda coa invasión árabe a principios do s. VIII, gran parte da poboación hispano-visigoda quedou baixo o seu dominio aínda conservando a súa relixión e empregando tamén o latín xunto co árabe. Son estes cristiáns, en parte islamizados pola convivencia, e a súa cultura aos que se denomina mozárabes.
Coa Reconquista, a partir dos núcleos de resistencia organizados no norte peninsular (Asturias), moitos daqueles cristiáns mozárabes abandonaron Al-Andalus, fundamentalmente desde a segunda metade do s. IX, para repoboar as terras recuperadas polos reis cristiáns (ao norte do Douro), movidos polas persecucións que se deron en determinados momentos e polas promesas que se lles ofreceron. É por iso que tamén se denomina arte de repoboación.
Durante o s. X, Galicia, integrada dentro da monarquía astur-leonesa, mantén unha actitude máis ben pasiva diante destas novas circunstancias e a calma que aquí se vivía atraeu os mozárabes, pese a que moitos menos que noutras zonas da Meseta norte. Os edificios galegos mozárabes son mais tardíos que os leoneses, o que explicaría a tardía penetración do románico.
Esta arte mozárabe ou de repoboación introduce na arte cristiá occidental, técnicas e formas de orixe árabe.

ANÁLISE


A edificación, realízase en aparello de perpiaños de granito de gran calidade, disposto, aínda que irregularmente, a soga e tizón asentada a oso.
Non presenta a habitual planta basilical da arte mozárabe, senón que resulta cruciforme pola maior anchura do cruceiro, o que favorece a compartimentación de espazos ou, o que é o mesmo, a sucesión de unidades espaciais illadas entre si, unha fragmentación característica que impide abarcar a totalidade do espazo nunha primeira ollada. Domina pois unha configuración común da arquitectura mozárabe: a formulación xeométrica, tanto en planta coma en alzado.
Componse de tres espazos aliñados e claramente diferenciados. O primeiro, rectangular, exerce a función de vestíbulo; un segundo corpo cadrado a modo de nave e destacando en altura polo ciborio (6 m) coma se dun cruceiro se tratase; e a ábsida, cadrada ao exterior e en ferradura no interior, seguindo o modelo propio das igrexas mozárabes. Neste caso, a forma interior resulta un arco de ferradura moi pechado, o que fai que semelle máis o mihrab dunha mesquita que unha ábsida cristiá.
Os tres espazos quedan transmitidos no exterior amosando unha volumetría diferenciada en alzado, así o cruceiro presenta unha altura superior, seguido do corpo do vestíbulo e do corpo da ábsida. A mesma xerarquización se da no ancho de cada corpo e a mesma idea de espazos aditivos se reflicte nas cubertas internas e nos tellados exteriores.
Accédese polo lado sur a través dunha porta lateral alintelada, que impide a visión inmediata do eixe principal do edificio, onde figura a inscrición de dedicación a Froila
As cubertas son diferentes para cada espazo. No vestíbulo emprega bóveda de canón de ferradura apoiada nunha sinxela imposta. O ciborio da nave porta unha bóveda de arestas, realizada en ladrillo pero simulando perpiaños pola pintura, apoiada sobre arcos formeiros murais de ferradura peraltados que apean en modillóns de rolos. Recorrer a unha bóveda de ladrillo que descarga o peso nas esquinas permitiu alixeirar os muros e abrir vanos na parte alta.
O pequeno espazo da ábsida cóbrese cunha bóveda gallonada de oito plementos e sección de ferradura, en ladrillo e xeso, que arranca dunha sinxela imposta na que se abre a estreita fiestra central.
A comunicación entre as tres partes realízase a través de vanos con arcos de ferradura, dobrado o primeiro e enmarcado en alfís o que da á ábsida. Ambos con despece radial das doelas e diferente trasdós-intradós, o que os separa do arco de ferradura visigodo.
A iluminación lógrase a través de estreitos vanos de ladrillo recuberto de xeso, abucinados en arco de ferradura peraltado colocados a niveis distintos en cada corpo. As catro fiestras do cruceiro proporcionan unha excelente iluminación que enfatiza a relevancia deste espazo central.
Fronte á complexidade interna, o exterior resulta máis claro, destacando sobre todo o seu ritmo graduado e a ausencia de fachada, algo propio da arquitectura deste século X.. O muro está reforzado por catro  contrafortes, dous na ábsida e outros dous no cruceiro, que recordan as construcións asturianas anteriores. Remata nas cornixas a modo de listeis de pedra, liso no corpo central, onde apoian os modillóns da bóveda interior, en chafrán na nave e con dentes de serra na ábsida (similar en Santa María de Mixós), un elemento moi característico da decoración en ladrillo califal.
Combina tellados de tellas a dúas e a catro augas, este no ciborio, que apoia nun beirado de grandes laxas de granito sobre modillóns de rolos de gran voo seguindo a tradición cordobesa. Os modillóns, a maioría de oito rolos, están situados entre campos cadrados, de cachotería enfoscada, que recordan as metopas da orde dórica grega. As súas caras laterais están labrados alternativamente con rosetas e rodas helicoidais. Un dos modillóns, no lado norte, amosa unha figura humana, caso único da arte mozárabe.
Finalmente convén facer referencia á existencia dunha grande rocha inmediata que está asociada con rituais precristiáns.
Así pois, estamos diante dunha obra do que algúns denominan arquitectura de fusión, profundamente hispana na súa planificación herdeira da técnica visigoda pero cunha estética visual califal como se amosa no emprego de arcos de ferradura, alfís e modillóns de rolos, así como na concepción espacial. 


Tres corpos en planta, tres volumes en alzado, tres dimensións en anchura = cruciforme.
Porta de aceso lateral alintelada.
Vanos internos: arcos de ferradura dobrados e de ferradura con alfís.
Aleiros en granito sobre modillóns de rolos entre placas a modo de metopas.
Rolos con talla a bisel de rosetas e rodas helicoidais. Apoian nu listel liso.

Dentes de serra no corpo da ábsida. Cornixa achaflanada no pórtico.

Aparello de perpiaños en granito colocados a soga e tizón e asentados a oso.
Contrafortes no corpo da nave para suxeitar a bóveda.
Ciborio con tellado a catro augas; pórtico e ábsida tellados a dúas augas.
Pequenas fiestras en arco de ferradura peraltado; interiormente abucinadas en ladrillo e xeso
Bóveda de arestas en ladrillo, no cruceiro. Apoia en arcos de ferradura murais que arrancan de modillóns de rolos.
Bóveda gallonada na ábsida, en ladrillo recuberto de xeso.
Bóveda de canón no vestíbulo.



Algo mais sobre a arte mozárabe en vídeo








09/11/10

MÚSICA E CORES




Un proxecto dun alumno da Universidade de Waikato, en Nova Zelanda, amosa a combinación de música e cores ou cores e música, segundo queiramos, pero o resultado é certamente fermoso. A narrativa visual denomínase Just Colour e a peza músical é The Sound is Magic de DJ Dreamland.
¿Recordas a conexión que establecía Kandisnsky entre a música e a pintura?. Son artes que, ó final, non están tan lonxe.






O mesmo fai Esteban Diácono coa peza musical de Olafur Arnalds, un músico islandés. Esta montaxe ten como base Eulogy for Evolution (disco de 2007). Hai que relaxarse e disfrutar.






Matthias Dittrich, deseñador alemán, visualiza a música (podemos velo en Narrative 2.0) descopñendo os canais que contén. Mira o exemplo





07/11/10

GOFRADO


É unha especie de relevo realizado por presión sobre papel ou metal, tamén se denomina relevo en seco. Foi empregada para tapas de libros, selos, lacres (troquelado, brocado).
O seu paso á arte contemporánea iníciase a mediados do s. XX, sendo a foorma máis característica a das estampas sen cor.

Á esquerda, un gofrado de Tápies, á dereita nunha estampa xaponesa.















Podes ver este video coa realización dun sinxelo gofrado





TAPICES


Os tapices son tecidos coloreados con escenas ou motivos decorativos. Está pensado para ser colgado polo que, en certo sentido, imita á pintura.
Para elaborar un tapiz, o primeiro é deseñar un tema, debuxalo e colorealo como se dun cadro se tratara, un óleo sobre lenzo que e será a base sobre a que traballe o tecedor. Son os cartóns, recorda os realizados por Goya para a Real Fábrica de Tapices (á dereita, O quitasol).
Abaixo vemos a disposición que terían algúns dos tapices de Goya no comedor do Palacio do Pardo, para os Príncipes de Asturias, o futuro Carlos IV e a súa muller Mª Luisa de Parma.



No tear móntase a urdidoira (os fíos dispostos horizontal ou verticalmente) na que se van intercalando por medio de canillas e en varias pasadas os fíos de cores, alternando con pasadas de algodón que configura a trama) para ir dando forma á composición.
O bosquexo ou cartón colócase detrás da urdidoira e sobre ela se vai traballando, como ves na imaxe inferior.

A Real Fábrica de Tapices en Madrid, fundada en 1721 por Filipe V, emprega o tear de alto lizo, no que a urdidoria está disposta verticalmente. O traballo é sumamente laborioso e lento, o que explica o alto custo.
Se ben a técnica do tapiz ven de moi lonxe, acada gran difusión a partir do gótico no s. XIV., conservamos en España unha obra de grande relevancia o Tapiz da Creación da Catedral de Xirona que data de finais do s. XI ou primeiros do s. XI (clica para velo en grande).
Tempo despois, xa no s. XVI, pasou a empregarse tamén na tapicería.

Abaixo, unha imaxe do cuardo de Carlos IV no Palacio Real cun tapiz de Goya, e tapices no Palacio do Pardo.





E unha revisión  histórica da Real Fábrica de Tapices de Madrid




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir