11/11/12

AS METAMORFOSES ARQUITECTÓNICAS


As ocupación por outros pobos, as guerras, o expolio, os incendios, as reutilizacións ... entre outras foron causa da desaparición e deterioro de moitas das construcións do pasado. Pero curiosamente, as reutilizacións ás veces serviron para que esas obras chegaran ata nosoutros aínda que deterioradas. Ás veces debemos dar grazas pois evitouse a rapiña dos materias para outras construccións.
En moitas ocasións, a Igrexa edificou os seus templos sobre antigos santuarios paganos, o que tiña un dobre significado: suplantación das antigas crenzas e demostración do triunfo da nova relixión.
Posiblemente o caso máis coñecido sexa o da mezquita de Córdoba, inicialmente unha basílica cristiana, convertida no século XIII en Catedral. As reformas e engadidos posteriores -sobre todo os levados a cabo no XVI- deron como resultado a actual imaxe: un edificio dentro de outro


Hai moitos outros casos de adaptación e de reconversión.


- MEGALITISMO CRISTIANIZADO

A miúdo bastaba con engadir unha cruz no alto do menhir, pero hai solucións máis creativas como o que amosan os relevos do menhir de Saint-Uzec na Bretaña francesa

- Menhires e dolmens en cemiterios, pois tamén os particulares aproveitan recursos

- De dolmen a capela como estes exemplos de Portugal

A capela de Santa Cruz en Cangas de Onís levantouse sobre un montículo que alberga un dolmen



-TEMPLO DE ATENEA EN ORTIGIA (Siracusa-Sicilia), de templo a Catedral


Os gregos de Corinto fundaron na actual Siracusa unha colonia, asentándose primeiramente -s.VIII a.C.- na illa de Ortigia (a paleopolis) para pasar logo á zona continental (neápolis).
O gran templo de Atenea levantouse na illa onde no lugar no que se fixera a primitiva fundación no século V a.C. en memoria da vitoria na batalla de Hímera (contra os cartaxineses).
Construído en pedra arenisca revestido con mármore das Cícladas, era un templo de orde dórica, períptero e hexástilo. En contra da norma de harmonía, os laterais contan con 14 columnas.
Pronaos e opistodomos presentan columnas in antis; a naos está bordeada cunha columnata en tres dos seus lados, rodeando a estatua da deusa. 
A maqueta do Museo arqueolóxico pouco di da magnificencia da obra da que ten falado Cicerón aludindo ás portas con decoracións de marfil e ouro, ás táboas de pinturas do interior e ás riquezas que albergaba no interior, ou do escudo dourado de Atenea no frontón.




No século VII os bizantinos, que viñan de ocupar o territorio, tiñan orde de destruír os templos pagáns ou reconvertelos, neste caso por sorte optaron polo segundo o que permitiu a supervivencia do antigo templo. 
Mantendo a estrutura orixinal pero dando maior altura, os muros da naos foron derrubados por medio de oito arcadas sobre piares en cada lado para crear a nave central. Aproveitaron o material sobrante para cerrar o exterior cegando o perístilo. As paredes da pronaos e do opistodomos tamén se suprimiron para formar nesta última a ábsida, o que era preciso para a correcta orientación do cristianismo.
Durante a dominación musulmá adaptouse como mesquita para logo volver a ser igrexa. A derradeira transformación foi a barroca catedral que hoxe visitamos e onde aínda seguen visibles os antigos elementos do templo grego.
Superposición de edificacións en planta e alzado. 


Muros exteriores conservando, en parte, columnas,  a crepidoma cos seus tres banzos e o arquitrabe de triglifos e metopas

A columna angular embutida nos novos muros do mesmo xeito que as demais


Vista do cegado perístilo interior reconvertido en naves laterais

A nave central coas novas arcadas pero conservando as columnas do perístilo correspondentes ó opistodomos



O templo da Concordia Agrigento, igualmente en Sicilia, un perístilo hexástilo canónico de orde dórica, sufriu tamén un proceso de transformación en igrexa no século VI, pero ó ser menos drástica a intervención foi posible recuperalo a mediados do XVIII eliminando o peche perimetral.
O sistema de conversión en igrexa foi igual que o que vimos de sinalar no templo de Atenea. Aínda seguen visibles os muros de arcos levantados para crear as naves






-TEMPLO DE DIANA EN ÉVORA (Portugal), de templo a fortaleza

Trátase dun templo romano ubicado no antigo foro da cidade. Este é o seu estado actual, pero desde que deixou de ser templo pasou por distintas funcións.
Data de finais do século II ou primeiros do III d.C. e aínda conserva parte do podium, unha ducia de columnas, cos seus capiteis corintios, e parte do entaboamento. Pese a que se coñece como templo de Diana, en realidade parece que foi dedicado a Augusto, pero a atribución a Diana no século XVII por mor dunha lenda, impúxose.
Comezou a súa restauración a finais do XIX.





Na Idade Media estivo incorporado á fortaleza da cidade convertido en torre. Como ves na imaxe, mantivéronse as columnas, o basamento e o entaboamento, pero cegáronse os intercolumnios e superpúxose un corpo almeado. O espazo interno destinouse á venda de carne, entre outras funcións.









As imaxes inferiores, grabados do XIX, dannos unha idea da súa utilización. Resulta curioso esa suma de almeas, o peche dos intercolumnios, a porta de arco oxival, ....




- TEMPLO DE DIANA EN MÉRIDA, de templo a palacio



Aínda que así coñecido, parece que estaba dedicado ó culto imperial.
Foi construído a finais do século I a.C. no foro municipal de Emerita Augusta, é dicir o centro da vida social e política da cidade.
Trátase dun templo períptero, hexástilo, con 11  columnas laterais e de orde corintia, que se levanta sobre un alto podio, o témenos delimitado polo períbolo. Estaría recuberto de estuco.



No século XVI aproveitando parte da construción e dos materiais converteuse en palacio dos Conde de los Corbos, coñecida popularmente como Casa de los Milagros. Abaixo podes ver a situación actual, como se edificou a vivenda dentro do templo, deixando espazo para crear un patio interior.



A casa foi expropiada no 1972 e comezou a súa demolición pero logo optouse por mantela como exemplo de obra renacentista.
Engado algunhas imaxes que deixan constancia da grandiosidade e calidade da obra arquitectónica.




- TEMPLO DE VIC (Tarragona)

A cidade íbera de Ausa foi colonizada polos romanos e no século II construíuse este templo. Levántase sobre podio como era habitual, próstilo, hexástilo e con columnas de capiteis corintios. Descoñécese a quen estaba dedicado, posiblemente a Juno ou a Minerva.



Presenta a peculiaridade de empregar o aparello opus africanum, alternando os perpiaños horizontais con cadeas de perpiaños verticais de gran tamaño.


No século XI quedou dentro da estrutura do Castelo dos Montcada. Pasou logo a ser sede administrativa e incluso cárcere.

O que hoxe vemos é unha reconstrución do XIX realizada a partir dos poucos elementos que se encontraron en 1882 entre os escombros do palacio cando este pasou a ser demolido.


- ARCO DE TRIUNFO de ADRIANO(Xerusalén)

Tras destruír a cidade, Adriano levantou un arco de triunfo como entrada ó foro da nova cidade Aelia Capitolina. Un arco de triplo vano como vemos na imaxe inferior, do que tan só se conserva a parte mais escurecida










Pero, ¿como se conservaron estas partes?
Curiosamente unha das arcadas laterais desapareceu, a central quedou medio embutida nas edificacións e utilizada como vivenda, e a outra arcada serviu a ser a ábsida da Igrexa do Ecce Homo, levantada na Vía Dolorosa por onde se considera que pasou Xesús camiño do Calvario.




E sempre se reutilizan pezas soltas (spolia) sexan capiteis, fragmentos de fuste, unha ara romana ou  fragmentos labrados que servirán como soporte do altar ou da imaxe dun santo, como pía bautismal ou da auga bendita, ou directamente para os paramentos.









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir