07/09/10

ARA PACIS




CATALOGACIÓN


Arquitectura romana, pertence ó s. I a.C. que leva o nome de Ara Pacis ou Altar da paz. Tratase, dun altar a modo de pequeno templo realizado en mármore de Carrara, recuberto de relevos
Cando regresou Augusto das súas campañas en Hispania (contra os vascóns) e na Galia, o Senado decidiu consagrar no Campo de Marte a Ara da Paz, onde sacerdotes, maxistrados e virxes vestais debían realizar un sacrificio anual.
O propio Augusto conta nas Res gestae: "Cando regresei a Roma desde Hispania e a Galia, durante o consulado de Tiberio Nerón e Publio Quintilio, despois de ter solucionado con éxito os asuntos desas provincias, o Senado, para conmemorar o meu retorno, ordenou levantar un altar da paz augústea, para ser consagrado no Campo de Marte, no que se decretou que os maxistrados, os sacerdotes e as virxes vestais fixesen un sacrificio anual"
A súa localización cadra coa do Mausoleo de Augusto e mailo famoso Horologium ou reloxo de sol que utilizaba como agulla un obelisco.
Non hai un autor ou autores recoñecidos, en todo caso, a autoría non ten maior relevancia na arquitectura romana, o relevante é quen encarga as obras, é dicir o Estado, polo que sempre son símbolo do poder imperial ó tempo que se someten ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas
A obra reconstruíuse a partir de restos custodiados en distintos museos, e os encontrados en escavacións no lugar no que se pensaba estivo erixido.

CONTEXTO

Sendo a súa datación o século I a.C., a obra pertence ó período do Imperio creado por Augusto, o seu primeiro emperador (31 a.C.-13 d.C.). Con Augusto comezan as conquistas territoriais que acadará a súa máxima expansión no s. II d.C, recordemos que o Mediterráneo era o Mare Nostrum. A unidade do Imperio ven dada pola romanización que impoñen en todas as terras conquistadas
A nivel artístico, os romanos teñen influencias do pasado ó tempo que suman trazos das zonas ocupadas: dos gregos toman a idealización aínda que con maior tendencia realista (o platonismo é substituído polo aristotelismo), de Oriente, o sentido ornamental e de luxo, dos etruscos, o retrato, o culto ós mortos, o arco de medio punto, o emprego de bóvedas, a orde toscana.
A este eclecticismo engaden a súa personalidade dominada polo sentido práctico. Fan unha arte ó servizo do Estado, que serve como propaganda política. De aí ven o carácter monumental e grandioso das obras; a importancia do retrato, retrato de poder; a planificación urbanística con cidades ex novo de plan ortogonal (ó modo dos planos hipodámicos gregos e dos propios campamentos militares) e as grandes obras de enxeñería: acuedutos, pontes, calzadas,...
O promotor é o Estado e tamén os patricios, mentres que o artista, unha figura anónima, é considerado un mero artesán que domina unhas técnicas.
Na escultura encontramos unha tensión entre dúas tendencias: o admirado clasicismo grego e a tendencia realista e práctica propia- A primeira tendencia leounos a copiar moitas obras clásicas, o que debemos agradecerlles, e tamén a imitalas (por exemplo no Augusto de Prima Porta). Pero o seu espírito quedou plasmado nos relevos, particularmente os históricos narrando feitos bélicos, e nos retratos que inmortalizan tanto figuras relevantes (emperadores, maxistrados, patricios) como xentes de menor influencia ou incluso anónimos.

ANÁLISE

Conforma unha edificación sen cuberta levantada sobre un podium, de planta rectangular, coa ara no centro sobre un pedestal graduado e un recinto murado a rodealo, con dúas entradas, orixinalmente ó Leste e ó Oeste; a principal con escalinata, para os oficiantes, a posterior para as vítimas
O máis destacado é a decoración escultórica que o recubre. Os relevos concéntranse principalmente no muro exterior e tamén na ara de sacrificios. Mestura motivos vexetais (espigas de trigo, mazás, peras, granadas figos, bagas, noces, uvas, froitos silvestres, etc.), temas mitolóxicos e escenas de carácter político, se ben, poderíanse distinguir catro grupos escultóricos
- No exterior, lados norte e sur, dous rexistros separados por unha cenefa de meandros de inspiración helenística: no alto a solemne procesión de inauguración do altar, abaixo un zócalo corrido con decoración vexetal de roleos de acantos (motivos vexetais enrolados) cos seus cualículos (ou talos) entre os que se insiren pequenos animais

- Os lados das portas substitúen o desfile do friso alto por paneis de relevos alegóricos. Na porta dianteira, alegorías do presente: personificación de Roma (a paz) e Tellus (a abundancia). Na porta traseira, alegorías do pasado Rómulo e Remo (fundadores de Roma), e Eneas (ancestro da familia Xulia) facendo un sacrificio xunto có seu fillo Ascanio.

- O friso alto do interior, con bucranios (cranios de boi) e grilandas en alto relevo, que se superpón a un rexistro que imita os cercados de madeira. As dúas partes van separadas por unha cenefa de palmetas

Especialmente interesante, dentro deste recargamento compositivo, é o desfile dos dous frisos superiores externos. Representan, ó xeito das Procesións das Panateneas no Partenón de Atenas, a Augusto encabezando un cortexo onde o acompaña a súa familia ó completo, mecenas, amigos, colaboradores, os membros do Senado, os sacerdotes, os maxistrados, as virxes vestais, etc., Algunhas das figuras son recoñecibles, por exemplo o propio Augusto, coroado con loureiro, ou Agripa, togado e portando un pergamiño na man dereita.
Os retratos, destacan pola súa fidelidade física, logra que sexamos conscientes de estar diante de persoas concretas coas súas fisonomías, pero aínda máis importante é a fondura psicolóxica que transiten

Van de camiño ó sacrificio que honra a paz e os seus deuses Xano e Pax. Ó primeiro ofréceselle un carneiro, ó segundo dous bois. Este desfile conmemora ademais o que se fixo para consagrar este mesmo altar anos antes (o 13 a. C.), cando se construíu o primeiro altar da Paz, aínda provisional.
A solución plástica trata en primeiro termo de encher obsesivamente todo o espazo cun marcado horror vacui, pero cunha técnica narrativa, clara, e rotundo realismo, onde o papel do relevo marca a perspectiva ó tempo que a xerarquía. Así as figuras do primeiro plano, as máis relevantes en importancia, represéntanse en alto relevo mentres que as de segundo e terceiro plano realízanse en medio e baixo relevo, ou quedan só esbozados. Incluso se atreven con marcados escorzos, ben visibles nalgúns dos pes que se dirixen ó espectador ata case desbordar o marco arquitectónico
- Compositivamente neste friso continuo, sen división algunha, dominan as liñas verticais, pois todas as figuras dispóñense maioritariamente paralelas unhas a outras, de xeito que domina un sentido xeral de orde e serenidade, ritmo sosegado e cerimonioso que procura romper con detalles anecdóticos (os nenos que se volven, se miran ou tiran dos mantos dos maiores)

Serve tamén para romper a monotonía as variacións nas actitudes, nas poses, nos xiros de cabezas. Pero todo discorre con elegancia, ordenadamente acorde co protocolo familiar e político da procesión
As togas caen en abundantes pregas que describen curvas que contrastan e atemperan a marcada verticalidade. Estas pregas si teñen o seu antecedente no traballo escultórico de Fidias.

Quedan poucos restos da pintura orixinal que sen dúbida daríanlle vitalidade e favorecería a identificación dos personaxes
Así pois se en principio hai similitudes co desfile das Panateneas, unha vez analizado vemos que defire tanto na composición, como na técnica e como no ritmo, que nada ten que ver có bulir tumultuoso dos cidadáns de Atenas que, a pe ou a cabalo, acudían a levar a la deusa Palas el peplo tecido por las virxes Panateneas. Estamos diante dun estilo totalmente distinto, propiamente romano.
En síntese, aparte da orixinalidade da edificación, os relevos acadan nunha calidade técnica dificilmente igualable ó tempo que son un claro expoñente dos valores da historia e da simboloxía política romana.





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir