07/09/10

AUGUSTO DE PRIMA PORTA

CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que foi encontrada no 1868 nunha de Livia, a súa esposa, na localidade de Prima Porta, un suburbio preto de Roma.Tratase dunha copia tallada en mármore, mentres que o orixinal estaba fundido en bronce ou en ouro, segundo algúns historiadores.
Presenta a Augusto, a escala superior á normal (altura superior ós 2 m), primeiro Emperador de Roma, nun retrato idealizado, de corpo enteiro e de pe, en actitude de arengar ás tropas
Corresponde á arte romana do s.I a.C.
Non hai un autor ou autores recoñecidos, en todo caso, a autoría non ten maior relevancia na arquitectura romana, o relevante é quen encarga as obras, é dicir o Estado, polo que sempre son símbolo do poder imperial ó tempo que se someten ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas.


CONTEXTO

O mesmo

ANÁLISE

Moito ten que ver a obra co Doríforo de Policleto -aínda que renunciando á nudez-e co clasicismo grego do s. V a.C. (contraposto, idealización, tratamento dos panos) pero as variacións son tamén notables: menor sinuosidade, maior dinamismo, verismo e, sobre todo, unha significación política engadida que a obra de Policleto non tiña.
O retrato ten en Roma unha grande tradición que parte das imagines maiorum, máscaras en cera dos defuntos familiares que se gardaban no fogar. Nelas non existe a idealización grega, hai unha maior conexión co realismo etrusco, pois o que se procura é a identificación do personaxe.
Sen embargo no Imperio impúxose o clasicismo, maior cando se trataba de retratos oficiais dos emperadores, este é o caso da obra que nos ocupa. No Alto Imperio difundíronse novos modelos: o retrato togado, como lexislador; o modelo divinizado con atributos dalgún deus; e o retrato toracato, como cónsul cum imperium.
Este último é o modelo de Augusto de Prima Porta, por iso viste túnica curta, coiraza e manto consular, paludamentum, que vai enrolado na cintura formando amplas e profundas pregas que se continúan na caída dese mesmo lado.
Para resaltar a relevancia do personaxe vai descalzo coma os antigos heroes olímpicos e engade no lado dereito unha figura do pequeno Eros cabalgando un golfiño, símbolo da estirpe de Augusto (Gens Iulia) procedente de Venus a través de Ascanio, o fillo de Eneas. Esta figura de Eros serve tamén para dar estabilidade á obra en mármore, engadido que non tería o orixinal en bronce.
Está pensada para ser vista de fronte, iría diante dun muro, polo que a parte posterior está menos traballada
Compositivamente domina a liña vertical por estar de pe, en actitude estática. Pero o contraposto, con oposición de relaxación entre os membros, dinamiza a figura, creando toda unha serie de contrastes. Se a perna dereita está en tensión, por soportar todo o peso do corpo, recta e co pe firmemente pisando o chan, a perna esquerda está relaxada, en marcada flexión, e retrasada tocando o chan só coas dedas do pe. Paralelamente o brazo dereito alzase e adiantase, o dedo índice sinala ó fronte, e ó alto divindade- mentres o brazo esquerdo se dobra e retrocede -mortalidade-, nesa man portaría o bastón consular. Os movementos de todas as extremidades quedan así equilibrados, o brazo erguido rompe o estatismo e crea profundidade, configurando unha forma máis aberta.


Esta disposición non chega a repercutir claramente nas liñas de cadeiras e ombreiros que se manteñen bastante horizontais acentuando a sensación de solidez e firmeza, reforzada pola cabeza que tampouco chega a xirar.
En canto á actitude, en disposición de arengar as tropas, domina a serenidade e se reafirma a autoridade que, en última instancia era o obxectivo da obra. Nin sequera no rostro, exacto na fisonomía, hai expresión aínda que afonda no carácter psicolóxica, vemos un político seguro de si mesmo pero un home introvertido, melancólico, de mirada sombría, prudente, maxestoso sen estridencias como quen se sabe portador e responsable dunha gloriosa herdanza. Prima o verismo propagandístico que subliña de xeito inequívoco, o carácter divinizado e de poder e que enaltece ó personaxe, algo ben propio do mundo romano.

Se xa os pes descalzos e a presenza de Eros, eran un claro signo de divindade, os relevos da coiraza aluden ás glorias que Augusto deu a Roma: o triunfo das súas lexións e a Pax romana.
No alto (A), o Ceo estende o seu manto sobre o Universo e a Aurora guía a cuadriga do Sol, precedida por lo Rocío (cunha xarriña) e por Fósforo (cunha antorcha), a estrela matutina; abaixo  (B) a Terra, Tellus, con dous nenos e unha cornucópia; no centro (C), Marte representando a Roma e a Loba Capitolina recollen as enseñas dos vencidos partos, corresponde pois a unha escena do Cosmos que ten lugar entre o Ceo e a terra; nos laterais, as terras recén conquistadas e pacificadas : Hispania (D) e Galia (E); e os deusses favoritos de Augusto: Apolo cabalgando un grifo (F) e Diana sobre un cervo (G). O conxunto simbólico entrelaza relixión, política e liñaxe.

Interesante resulta o tratamento das texturas: a lixeireza da túnica, a pesadez do manto, a dureza da coiraza e a brandura da anatomía.
Conserva leves restos da policromía orixinal que permiten deducir as cores empregadas: púrpura, azul, dourado.
En síntese, unha obra significativa da evolución do retrato romano que combina o clasicismo grego na linguaxe formal coa tradición naturalista romana, e que serve para presentar a Augusto como vitorioso, inmortal, garante da orde e representante dos deuses.



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir