07/09/10

ESTATUA ECUESTRE DE MARCO AURELIO

CATALOGACIÓN

Retrato ecuestre, neste caso unha escultura exenta ou en vulto redondo, que representa a un home a cabalo, concretamente a Marco Aurelio, Emperador entre 161 e 180, pertencente á dinastía dos Antoninos e de familia de ascendencia hispana. Pertence pois ó s. II d.C.
As estatuas ecuestres existían, como sabemos por probas documentais, xa desde o período republicano, pero esta é a única que chegou ata nosoutros posiblemente porque durante a Idade Media, cando tantos bronces foron á fundición para reconvertelas en novas estatuas, se confundiu a Marco Aurelio con Constantino, lexitimador do cristianismo polo Edicto de Milán no 313. En calquera caso era un modelo reservado ás autoridades políticas
Tratase dunha obra orixinal e en bo estado de conservación, realizada en bronce fundido por cera perdida, por partes ensambladas e conserva restos do dourado que a recubría. Hoxe encontrase no Museo Capitolino de Roma mentres na Praza do Campidoglio, onde a colocara Miguel Anxo, existe unha replica.

CONTEXTO

O Imperio fundado por Augusto, Emperador entre o 31 a.C. e o 14 d., acadará a súa máxima expansión no s. II d.C, recordemos que o Mediterráneo era o Mare Nostrum. A unidade do Imperio ven dada pola romanización que impoñen en todas as terras conquistadas
Marco Aurelio, pertencente como se indicou ó s. II d.C., foi apodado O Sabio e considerado unha das figuras máis representativas da filosofía estoica. A pesares do seu afán pacificador tivo que reaccionar ante o levantamento dos partos e, de feito pasou a maior parte da súa vida nos campos de batalla. É o derradeiro dos grandes emperadores, tras del comeza unha crise xeral que se estenderá a todo o Imperio no s. III
A nivel artístico, os romanos teñen influencias do pasado ó tempo que suman trazos das zonas ocupadas: dos gregos toman a idealización aínda que con maior tendencia realista (o platonismo é substituído polo aristotelismo), de Oriente, o sentido ornamental e de luxo, dos etruscos, o retrato, o culto ós mortos, o arco de medio punto, o emprego de bóvedas, a orde toscana.
A este eclecticismo engaden a súa personalidade dominada polo sentido práctico. Fan unha arte ó servizo do Estado, que serve como propaganda política. De aí ven o carácter monumental e grandioso das obras; a importancia do retrato, retrato de poder; a planificación urbanística con cidades ex novo de plan ortogonal (ó modo dos planos hipodámicos gregos e dos propios campamentos militares) e as grandes obras de enxeñería: acuedutos, pontes, calzadas,...
O promotor é o Estado e tamén os patricios, mentres que o artista, unha figura anónima, é considerado un mero artesán que domina unhas técnicas.
Na escultura encontramos unha tensión entre dúas tendencias: o admirado clasicismo grego e a tendencia realista e práctica propia. A primeira tendencia levounos a copiar moitas obras clásicas, o que debemos agradecerlles, e tamén a imitalas (por exemplo no Augusto de Prima Porta). Pero o seu espírito quedou plasmado nos relevos, particularmente os históricos narrando feitos bélicos, e nos retratos que inmortalizan tanto figuras relevantes (emperadores, maxistrados, patricios) como xentes de menor influencia ou incluso anónimos.

ANÁLISE

Como moitos outros retratos romanos é un retrato de propaganda política, pero non, como era habitual no caso dos emperadores, con carácter militar, pois Marco Aurelio un convencido pacifista, o que non impediu que dadas as circunstancias pasase a maior parte da súa vida nos campos de batalla
En lugar dos atributos militares indicativos da forza imperial, aparece como un home de razón e, como tal, viste túnica e capa de soldado – paludamentum-, traballadas en suaves pregas, e calza botas de patricio. Montado sobre un robusto cabalo pasa revista ás tropas estendendo o brazo dereito.
O movemento de avance é pausado, ata o cabalo, en actitude rotunda pero non violenta, contribúe a transmitir a idea de poder sereno do home sabio. A pata dianteira alzada, orixinariamente pisaría un rei bárbaro maniatado, claro símbolo do poder de Roma.
Fisicamente o Emperador aparece algo máis fraco que noutros retratos, o cabelo rizado e a barba favorecen os claroscuros, a mirada directa ó fronte na mesma dirección do avance. Psicoloxicamente amosase sereno, rexido polo equilibrio e a mesura, posiblemente canso e desilusionado pero maxestoso. Suma pois o realismo físico, aínda que con certa idealización, coa caracterización anímica.

Igualmente equilibrada resulta a composición cun Marco Aurelio firme e verticalmente disposto no centro, e pechada pola disposición en curva da cabeza e a cola do cabalo


CURIOSIDADES: UN MODELO 
  • Modelo escultórico
Na Antiga Roma houbo outras estatuas ecuestres, a de Marco Aurelio foi a única que sobreviviu e ademais á vista de todos no Campidoglio.
O Quattrocento italiano, e falando só de escultura, recupera o modelo de figura a cabalo con dúas obras importantes: o  Gattamelata de Donatello e o Colleone de Verrocchio. 

Como obra conmemorativo tivo longo percorrido ao longo do tempo para reis, emperadores,  xenerais ou incluso santos (Santiago Matamouros). Tamén a pintura seguiu o modelo, recordemos o Carlos V de Tiziano ou os varios de Velázquez.
Por suposto que Grecia tamén tivo os seus xinetes (de Artemisión, Rampin) pero non enaltecían unha personaxe nin tentaban ser un retrato.
  • Modelo de conduta
Como representante da filosofía estoica, di Herodiano (escritor romano)
Fue el único emperador que hizo creíble su filosofía, no por sus palabras, ni por sus conocimientos doctrinales, sino por la dignidad de su conducta y su prudente forma de vivir.
Do seu libro Meditacións (literalmente Cousas para min mesmo) recollemos estas citas significativas do seu pensamento
Non o fagas, se está mal; non o digas, se non é verdade. 
O mellor modo de defenderse é non facerse igual a eles. 
O que non convén á colmea, tampouco convén á abella. 
Que o futuro non te turbe. En efecto, chegarás a el se é necesario coa mesma razón que agora empregas para o presente. 
Non se hai que enfurecer coas cousas porque a elas non lles importa. Moitas veces é inxusto quen non o fai, non só quen o fai






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir