01/12/11

SANTA MARÍA A REAL DE OSEIRA

CATALOGACIÓN

Igrexa pertencente ó mosteiro de Santa María de Oseira (Cea-Ourense), fundado no 1137 e adherido pouco despois ó Císter, que se viña de introducir durante o reinado de Afonso VII. O mosteiro de Oseira, xunto co de Sobrado, son os primeiros mosteiros cistercienses construídos en Galicia, a onde chegaron directamente monxes desde o mesmo Claraval.
Do mosteiro fundacional de Oseira, o único medieval que se conserva é a igrexa, datada a finais do XII ou primeiros do XIII, foi consagrada no 1239.
O conxunto edilicio presenta a estrutura planificada de todos os mosteiros cistercienses, congrega a igrexa, o claustro e demais dependencias propias do mosteiro: sala capitular, refectorio, biblioteca, cociña, dormitorios,...>
Estilisticamente enmarcase na arte románica se ben xa en transición cara ó gótico pois incorpora elementos novidosos como o arco oxival e a bóveda de cruzaría.
Emprega na construción, cantería de granito de grande calidade técnica. O conxunto recibe o nome do Escorial galego.

CONTEXTO

A finais do século XI, o abade beneditino Roberto de Molesmes tentou recuperar os fundamentos espirituais da Orde, que o éxito levara pólos camiños do poder e a riqueza, esquecendo a austeridade preconizada polo fundador San Bieito de Nursia. A tal fin, Roberto retirouse con outros monxes a Citeaux, cerca de Dijon, en Francia, onde fundou unha abadía. O primeiro paso de reforma fracasou pero tempo despois, a primeiros do XII, Bernardo no mosteiro de Claraval deu o pulo definitivo postulando a volta á primitiva humildade en contra da relaxación dos costumes, rexeitando todo luxo e todo boato, a fin de que nada puidera distraer os monxes das súas obrigas, o traballo e a oración. Os monxes brancos expandíronse rapidamente, instalándose principalmente en lugares remotos, dedicados ao traballo agrícola de xeito que tiveron grande relevancia como colonizadores.
A arte ha de cinguirse ao esencialmente funcional suprimindo toda a carga ornamental que chegou a ter a arte románica. Non se trata propiamente dun estilo novo pero si unha nova concepción que se materializa nos mosteiros bieitos dos monxes brancos.
A decadencia do Císter, apegado a unha vida feudal e rural que sen embargo os levou a un grande enriquecemento, ten que ver co desenvolvemento das novas ordes medicantes, franciscanos e dominicos, que situarán os seus conventos no ámbito urbano e que se adaptarán mellor ás novas formas de vida das cidades

ANÁLISE

Presenta planta de cruz latina con tres naves de sete tramos no brazo lonxitudinal e unha soa, de grande anchura e dous tramos, no transepto. A nave central é máis alta e notoriamente máis ancha que as naves laterais que resultan notablemente estreitas.
A cabeceira está moi desenvolvida, consta dunha capela maior semicircular,- en contra da denominada planta bernarda que propugnaba testeiros rectos por seren máis económicos de construír-  precedida de dous tramos rectos e rodeada por un deambulatorio. Esta xirola que está as seguir o modelo da Catedral de Santiago, ábrese ó altar maior por arcos apuntados apeados en grosas columnas dispostas sobre un zócolo e a el dan as cinco absidiolas radiais, orixinalmente de planta semicircular, separadas por  muros baleirados en ventanais.
Na labra dos capiteis, seguindo a norma do ascetismo, prescíndese da figuración –só hai un con cegoñas enfrontadas- e optase polas formas vexetais con follas lisas



Separan as naves piares cruciformes con columnas adosadas a distinta escala. Dúas prolónganse ata os arcos de faixa mentres que outras dúas menores serven de apoio aos arcos formeiros oxivais dobrados.
As cubertas, tanto no eixo lonxitudinal coma no transepto son bóvedas de canón oxivais lixeiramente apuntadas e reforzadas por arcos de faixa; no presbiterio, cruzaría de catro nervios separadas por arcos de faixa, todo en sección oxival; na ábsida, bóveda de cruzaría con oito nervios e sete plementos cóncavos. A solución innovadora das bóvedas de cruzaría, máis económicas de construír, permitiu a obtención de amplos e diáfanos espazos, como vemos nesta nave central e no transepto.
No cruceiro, unha cúpula nervada sobre pendentes con ciborio octogonal, máis tardía.




A luz penetra polas fiestras que se abren no alto da nave central desde o arranque da bóveda, por riba das naves laterais, e no muro desas mesmas naves laterais. Como é tradicional nas igrexas cistercienses, nas xanelas emprega arcos de medio punto.

A estrutura interna reflíctese exteriormente pola gradación dos volumes: unha gran nave central e estreitas naves laterais, unha grande ábside e pequenas absidiolas. O muro reforzase exteriormente, para contrarrestar o empuxe das bóvedas, por medio de contrafortes

Tres portas comunicarían co exterior: no lado Sur, cara ó claustro; no lado Norte, cara o cemiterio dos monxes; nos pés habería unha sinxela portada sen torres -o pobo non entraba na igrexa-, pero hoxe despois do coro alto apoiado en fermosa bóveda de crucería reticulada, realizado no XVI, vemos a grande fachada-telón ó modo barroco, datada a mediados do século XVII.
En conxunto, a obra arquitectónica cisterciense en Oseira mantén unha total economía e pureza de formas basada na liña pero dentro dunha obra de proporcións monumentais.
Coa desamortización de Mendizábal no século XIX, o mosteiro quedou abandonado, entrando nun proceso de ruína que se comezou a solventar coa volta dos monxes  no século XX, iniciouse unh labor de restauración que lle devolveu o seu antigo esplendor.


 
Monasterios cistercienses from Asun on Vimeo.




CURIOSIDADES: MINIMALISMO CISTERCIENSE
A estética cisterciense coa supresión de todo o superfluo, define un estilo minimalista e funcionalista antes de que tales conceptos existiran e se empregaran na historia da arte.
Cando no 1098, vinte e un monxes bieitos, encabezados por Roberto de Molesmes, marcharon a Citeaux -segundo o Exordium Parvum, un lugar case inaccesible a causa do estrume e das espiñas-, non pensaban na arte, mais o espírito ascético e a Apoloxía de Guillerme escrita por Bernardo de Claraval, criticando duramente os cluniacenses, foron suficientes para fracturar o románico dominante, simbolizado por Cluny. Certamente unha vida dura e sacrificada non podía concordar con arquitecturas grandiosas, nin tampouco cos excesos de comida e bebida, coas luxosas vestimentas ou as grandiosas comitivas.Vexamos o espírito rigorista da arquitectura monástica acudindo ós textos.

CARTA DE CARIDADE (1114-1118). Primeiro regulamento da Orde, que impón a norma por igual a todos os mosteiros. Suponse escrita polo terceiro abade da Orde, Estevo Harding. 

IX. Sobre construción de abadías 
2 Tódolos nosos mosteiros fundaranse na honra da Raíña do Ceo e da terra 
3 Ningún se edificará en cidades, aldeas ou castelos. 
4 Non se enviará a unha nova fundación un novo Abade sen a lo menos doce monxes [...]; nin sen terse construído antes estas dependencias: oratorio, refectorio, dormitorio, hospedería e portería; [...].
XXV. O permitido e o prohibido respecto do ouro, a prata, as xoias e a seda. 
2 Os panos dos altares e os vestidos dos ministros no serán de seda, excepto a estola e o manípulo. A casulla será dunha soa cor. 
3 Tódolos ornamentos do mosteiro, os vasos sagrados e demais cousas que se usen, non terán ouro, prata ou xoias; pero o cáliz e a cánula, e só estas dúas cousas, poderán ser de prata ou douradas, pero de ningún modo de ouro. 
XXVI. Esculturas, pinturas e cruces de madeira 
2 Non está permitido ter esculturas en ningún sitio, e pinturas só nas cruces, que elas mesmas serán unicamente de madeira.
APOLOXÍA DE GUILLERME
DE PICTURIS ET SCULPTURIS, AURO ET ARGENTO IN MONASTERIIS 

Capítulo 28 
1 Deixo de lado as inmensas alturas das igrexas, as desmesuradas lonxitudes, as anchuras innecesarias, as suntuosas decoracións, as curiosas pinturas, que fan volver as miradas dos fieis e impiden a súa devoción. Tráenme á memoria o ritual xudaico. 
4 ¿E podemos pretender agora que estas cousas exciten a nosa devoción? ¿Que finalidade perseguiríamos con isto?. ¿Que queden pasmados os necios ou que nos deixen as súas ofrendas os inxenuos?
Quedan cubertas de ouro as reliquias e céganse os ollos, pero ábrense os petos. Exhíbense preciosas imaxes dun santo ou dunha santa, e cren os fieis que é máis poderoso canto máis sobrecargado estea de policromía. Amoréanse os homes para bicalo, invítanlles a depositar a súa ofrenda, quedan pasmados pola arte, pero saen sen admirar a súa santidade. 
E por riba, nin sequera respectamos as imaxes dos santos que pululan ata polo pavimento que pisan os nosos pés. Máis dunha vez se cuspe na boca dun anxo ou se refrega o calzado sobre o rostro dun santo. Se é que chegamos a non poder prescindir de imaxes no chan, ¿por que se han de pintar con tanto esmero? 
Capítulo 29 
1 Pero nos capiteis dos claustros, onde os irmáns fan a súa lectura, ¿qué razón de ser teñen tantos monstros ridículos, tanta beleza deforme e tanta deformidade artística? Eses monos inmundos, eses feros leóns, eses horribles centauros, esas representacións e carautas con corpos de animal e caras de homes, eses tigres con pintas, eses soldados combatendo, eses cazadores con bucinas... Poderás tamén encontrar moitos corpos humanos colgados dunha soa cabeza, e un só tronco para varias cabezas. Aquí un cuadrúpede con cola de serpe, alí un pez con cabeza de cuadrúpede, ou unha besta con dianteiras de cabalo e os cuartos traseiros de cabra montaraz. Ou aquel outro bicho con cornos na cabeza forma de cabalo na outra metade do seu corpo. Por todas partes aparece tan grande e prodixiosa variedade dos máis diversos caprichos, que ós monxes máis lles agrada ler nas mármores que nos códices, e pasar todo o día admirando tanto detalle sen meditar na lei de Deus. ¡Meu Deus! Xa que nos facemos insensibles a tanta necidade, ¿cómo non nos doe tanto dispendio?
¿Verdade que recoñeces cales son capiteis cistercienses?
CAPÍTULOS XERAIS (celebrados ata 1411) 
Os monxes brancos procuraban lugares apartados preto dun río ou manancial, terras virxes que converterían en lugares divinos grazas ó seu traballo e as melloras técnicas por eles introducidas (particular relevancia adquiren as obras hidráulicas como acuedutos, canalizacións, muíños, sistemas de irrigación). O conxunto das dependencias abaciais e as terras de cultivo constitúen un todo pechado dentro de muros. 

- Lugares apartados, os edificios imprescindibles dentro dos muros monacais 
Cap.I. Ningún dos nosos mosteiros debe ser construído en cidades, castelos ou aldeas, senón en lugares apartados do movemento dos homes. 
Cap.XVI. Non se construirán torres de pedra para as campás. Os edificios de extramuros serán derribados. 
Cap.XXI. Non é convínte que fóra da porta do mosteiro se constrúa casa algunha para ser habitada, salvo para os animais, posto que de alí pode nacer un perigo para as almas.
Cap.XXXI. [...] Polo tanto, se alguén se adiantara a construír en contra destes estatutos do capítulo, estes edificios caerán sen ningunha dispensa [...]. 
Cap.XXXII. En canto ás granxas ou outras abadías, distarán entre si polo menos dúas leguas. 
- Contra dos monumentos funerarios 
Cap. V. Nos nosos oratorios non serán sepultados nin reis, nin reinas, nin bispos; se o preferiran, abades ou tamén os anteditos poderán selo nas salas capitulares.
Cap.VIII. As lápidas colocadas sobre os túmulos dos defuntos deberán ser aplanadas a nivel do chan, para que non resulten un estorbo para os transeúntes. 
- Cores, materiais 
Cap.XI. O vidros pintados deberán ser substitutos no prazo de dous anos; en caso contrario o abade, o prior e o celeiro xaxuarán a pan e auga a partir de agora cada sexta feira (cada venres) ata que sexan cambiados. 
Cap.XII Aquel que queira poderá pintar as portas ou as entradas da súa igrexa de cor branca.
Cap.XV. No se terán cruces de ouro que polas súas grandes dimensións non podan ser levadas convenientemente na procesión, nin colocadas no altar. Igualmente as cruces douradas ou prateadas non se farán de gran tamaño. 
Cap.LXXX. As letras deben ser dunha soa cor e sen pintar. Os vidros serán brancos e sen cruces nin pinturas. 
-  Nin esculturas nin pinturas nin ornamentos 
Cap.I. Coa autoridade do capítulo xeral prohíbese que en adiante se fagan na nosa orde pinturas ou esculturas, agás a imaxe de Cristo Salvador, nin variedade de pavimentos, nin excesos nos edificios ou alimentos [...]. 
Cap.V. Os abades da nosa orde, en cuxos oratorios pendan escudos, tomen as medidas necesarias para que sexan retirados canto antes [...]. 
Cap.XXI: Prohibimos que nas nosas igrexas ou en calquera outras dependencias do mosteiro se fagan esculturas ou pinturas, porque mentres se presta atención a semellantes cousas moitas veces se descoida o proveito dunha boa meditación ou a disciplina da seriedade relixiosa. Sen embargo, temos cruces pintadas que son de madeira.
Se ben o tempo introduciu modificacións, o que perviviu foi a disposición das dependencias monacais, organizadas nun plano dominado pola claridade e a orde: o cadro monástico con centro no claustro, habitualmente orientado ó norte. 
Soidade das paraxes
O mesmo módulo cadrado preside as igrexas do plano bernardino. As igrexas abaciais tiñan carácter doméstico, en principio non se admite nin peregrinos nin xentes do pob
Villard de Honnecourt, escribe a carón desta planta: é unha igrexa feita de cadrados para a orde cisterciense
Ollemos a pureza de liñas, a limpeza dos paramentos, as vidreiras sen cor -en grisalla-, as sinxelas lápidas funerarias

As dependencias son indicativas das rutinas diarias: a importancia da lectura no refectorio e austeridade do dormitorio da comunidade.

A chegada a Galicia dos monxes brancos ten lugar no 1142 cando monxes de Clairvaux se asentan no abandonado convento de Sobrado dos Monxes que será a súa primeira fundación na Península Ibérica. A Sobrado seguirán outros mosteiros, entre eles Oseira, Melón, Oia e Armenteira. 
O máis próximo a nos é o de Santa María de Meira, do que se conserva a igrexa de primeiros do XII. Fundado no 1154 nunha paraxe erma por concesión de terreos donados polos condes de Sarria, tivo o seu máximo esplendor no século XVI. A igrexa segue fielmente o modelo bernardino nas abadías de segunda orde -sen deambulatorio como en Fontenay-, cunha ábsida central semicircular enmarcada por catro capelas cuadrangulares. 




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir