19/01/12

RAFAEL SANZIO- ESCOLA DE ATENAS




CATALOGACIÓN

A escola de Atenas é unha pintura ó fresco realizada nas primeiras décadas do século XVI por Rafael Sanzio na estancia da Signatura, unha das estancias vaticanas na que se encontraba a biblioteca. Foi a primeira que se pintou. Corresponde estilisticamente ó Cinquecento, o período clásico do Renacemento italiano.
Foi Xulio II o que encarga, por recomendación de Bramante, a Rafael volver pintar estas súas estancias privadas, eliminando a decoración anterior para así borrar o recordo do papa Borgia, Alexandre VI, que antes as ocupara.
Son un total de catro as estancias (de Constantino, de Heliodoro, da Signatura y do Incendio do Borgo) a decorar con pinturas ó fresco, dúas foron pintadas en tempos de Xulio II e outras dúas en tempos de León X. Rafael morre antes de rematárense os traballos polo que serán os seus axudante quen os finalicen.
A escola de Atenas é o segundo fresco que se pinta, está situado fronte á Disputa do Sacramento e ven ser o seu complemento. Se a Disputa simbolizaba a verdade revelada, a Escola simboliza a verdade racional ou filosófica, son as dúas caras da verdade. O programa iconográfico foi proporcionado polos humanistas e teólogos da corte pontificia, e está fundamentado no neoplatonismo que intenta conciliar a cultura greco-romana e cristián facendo que temas pagáns teñan carácter moralizante e convivan cos termas relixiosos. O programa completase coas pinturas das bóvedas e do resto dos muros.
Nestes momentos Miguel Anxo está a pintar a Capela Sixtina
...........

CONTEXTO

........


ANÁLISE


A representación adaptase ó gran lenzo do luneto da parede (case 8 m de ancho), de ai a súa forma semicircular na parte alta e o entrante da parte esquerda que corresponde a unha porta.
Os personaxes sitúanse nun marco arquitectónico monumental que responde ás novidades introducidas por Bramante. Configura un grandioso espazo tridimensional no que destaca a grande bóveda de canón de casetóns, en dous tramos separados por un espazo central no que adiviñamos un tambor que sostería unha cúpula. Posiblemente responde a un modelo de planta en cruz grega, planificación centralizada que está a desenvolver Bramante no seu proxecto para a Basílica de San Pedro. Nos muros ábrense nichos que conteñen estatuas, as dúas frontais representan a Palas Atenea con casco, lanza e o escudo coa cabeza da Medusa, á dereita, e a Apolo coa lira, á esquerda, protectores respectivamente do Pensamento e das Artes

Tal arquitectura, verdadeiramente posible, vén simbolizar o "templo a filosofía" no que se distribúen un total de 58 figuras.
O conxunto exemplifica a fusión das tres artes: arquitectura, escultura e pintura.
O punto de vista baixo (liña amarela do horizonte) permite a apertura do fondo ó ceo en tres niveis de alturas, o que aporta a pintura unha grande luminosidade homoxénea. Un foco de luz cenital serve para crear volumes e claroscuro con pouca intensidade de contraste.
Toda a organización está adaptada a unha clara perspectiva lineal con punto de fuga central na man de Platón, coincidente como corresponde coa liña de horizonte.


Compositivamente un eixo axial divide a obra en dúas partes, eixe que pasa entre as dúas figuras centrais que, enmarcadas no arco central case amodo dun arco de triunfo, avanzan conversando: á esquerda, Platón, e á dereita, Aristóteles. Platón leva o Timeo na man e sinala co dedo o mundo das ideas e a indución, mentres Aristóteles sostén a Ética e coa man aberta, unha man ben similar a de Leonardo na Virxe das rochas, sobre o chan, indica o mundo terreal e o pensamento dedutivo. É admirable como soamente por xestos logra Rafael amosar a esencia das doutrinas de ambos filósofos, así como a súa ubicación é indicativa da xerarquía de ambas escolas sobre o resto, de feito Sócrates queda en posición marxinal (non se pode esquecer o dominio do pensamento neoplatónico nesta época). A cada lado distribúense de xeito simétrico e compensado os grupos dos filósofos da Antigüidade, nunha disposición que impulsa a vista cara ó centro. Outras liñas horizontais cortan a verticalidade xeral e as liñas verticais da arquitectura: a que percorre as cabezas do grupo superior dispostas en isocefalia (liña vermella) e as que veñen dadas polos dous niveis do chan, polo lintel sobre o arco e a base da cúpula. A trama de liñas crea toda unha estrutura ortogonal, unha xeometría tan querida polos artistas renacentistas porque organiza o mundo en formas regulares e harmónicas. Moito hai de Leonardo nesta estrutura.
Os dous niveis de superficie quedan conectados por medio da escaleira na que a figura de Dióxenes actúa de elemento de conexión. Pero dentro deste perfecto equilibrio compositivo, Rafael logra dimanizar a escena e romper o estatismo clásico por medio da mobilidade e da variedade de actitudes, expresións e posturas, incluso forzadas ou desequilibradas como no caso de Dióxenes. Certo que tal variedade non resulta da improvisación senón dun estudio previo moi detallado e fondo para cada figura, sabemos que facía centos de debuxos tomados do natural para logo pasalos á pintura. Sen dúbida logra que realmente nos sintamos diante de persoas que conversan, discuten, fan demostracións, escoitan. Os xestos e as miradas conéctaos a todos.
A figuración é realista pero con certa idealización, todos cheos dunha dignidade que semella situalos por riba da vida cotiá como se a súa única preocupación fora a arte, a ciencia e o pensamento. Este tratamento correspondese coa función emblemática da representación.
En canto a cor, aínda que domina a liña, mestura cores frías e cálidas para conseguir novamente a harmonía, porén resulta máis colorista e fogosa do habitual.
Pero a obra contén outra curiosidade, Rafael sérvese de artistas contemporáneos como modelos para representar algúns dos filósofos, así vemos a Leonardo, Bramante, Miguel Anxo e el mesmo. A identificación entre sabios da Antigüidade e artistas renacentistas ten un dobre significado, dunha banda a importancia da Antigüidade clásica para os artistas do Renacemento, doutra banda está a dignificar a arte (tema recorrente que xa vimos e veremos), o artista lonxe de seren simples artesáns resultan considerados intelectuais que profesan unha actividade liberal, equiparables ós grandes sabios do pasado.
Algúns dos filósofos recoñecibles no fresco a parte dos citados: Sócrates cun grupo de xoves, Epicuro cunha coroa de pámpanos, Pitágoras demostrando as súas teorías mentres un membro do grupo sostén unha pizarra coas normas das proporcións musicais, Euclides expón cun compás na man os postulados de xeometría, Zoroastro cunha esfera celeste e Ptolomeo cun globo terráqueo.
Os frescos das estancias vaticanas deron a Rafael a oportunidade de amosar en Roma as súas capacidades e de acadar un prestixio que lle facilitou outros encargos. Concretamente a obra que nos ocupa está considera como o mellor exemplo do clasicismo renacentista.
Mans que explican e mans que escriben

Miradas atentas e miradas inquisitivas








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir