12/10/12

METOPAS DO PARTENÓN

CATALOGACIÓN

Recoñecemento da obra. Grupos escultóricos en medio relevo de carácter figurativo, pertencentes ás metopas do Partenón de Atenas, o templo dedicado a Atenea Parthenos, a deusa protectora da cidade á que lle da nome e que se levanta na parte máis relevante da Acrópole. Un total de 92 metopas decoraban o friso, a parte máis relevante do entaboamento da orde dórica. Son pezas duns 1´35 m. de lado, realizadas en mármore, e que, na súa orixe, estaban policromadas.
Autoría. O conxunto escultórico de todo o Partenón (Atenea Parthenos, metopas, friso das Panateneas e os dous frontóns) son obra de Fidias e dos traballadores do seu obradoiro. A morte de Pericles supuxo a caída en desgraza do escultor que foi acusado de quedar con parte do ouro da Atenea Parthenos e, a pesares de demostrar a súa inocencia, acabou sendo encarcerado acusado de impiedade baixo pretexto de ter incluído o seu retrato no escudo da deusa. Rematou por exiliarse en Olimpia, onde para o seu santuario esculpiu unha estatua crisoelefantina colosal de Zeus, considerada unha das sete marabillas do mundo (hoxe perdida).
Estilo e datación. Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno da segunda metade do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.. Son un dos mellores exponentes da escola de escultura ática que floreceu en Atenas a mediados do S.V a.C.
Tema e personaxes representados. Todo o seu contido é de carácter mitolóxico, xa que narra en pequenas escenas as catro grandes loitas míticas: Centauromaquia -entre lapitas e centauros-, Xigantomaquia -os deuses non olímpicos contra os Xigantes-, Amazonomaquia -o pobo helénico contra a invasión das Amazonas- e a Guerra de Troia. Para maior claridade, as catro loitas distribúense separadamente en cada unha das fachadas, de xeito que os lados maiores conteñen mais metopas -32-, como o caso da Centrauromaquia, que os lados menores -14-
Función. Do mesmo modo que os frontóns, teñen función decorativa, xa que se sitúan na parte visible do templo (recordemos que o templo é a casa do deus, non o espazo para o culto). Mais cumpre outras finalidades, dunha banda, o emprego de materiais nobres, servía a amosar a riqueza da polis, e doutra banda, o repertorio iconográfico, servía a enfatizar a superioridade do mundo civilizado que sae victorioso das loitas primixenias.
Técnica. Tecnicamente trátase de altorelevos, na práctica case bulto redondo chegando incluso a superar o marco físico que as delimita. Algúns elemento, como elementos foron tallados separados e logo engadidos.
Localización. A maioría das conservadas, encóntranse no Museo Briánico, outras no Museo da Acrópolis e algunhas repartidas por outros museos.
Non se pode rematar sen aludir á problemática destes mármores, os coñecidos como mármores de Elgin. Lord Elgin, embaixador británico no Imperio Otomano á quen pertencía Grecia, obtivo permiso a primeiros do s. XIX para levar da Acrópole calquera peza que encontrase derrubada. Quería decorar a súa mansión escocesa. Pero ademais de recoller o que estaba no chan arrancou metopas, parte do friso das Panateneas e dos frontóns, xunto con diversos elementos arquitectónicos, para o que houbo que cortar as pezas destruíndo parte do edificio. Posteriores problemas económicos obrigáronlle a vender as pezas ó goberno británico quen, superando certas reticencias no Parlamento, os comprou. Pasaron a ser expostos no Museo Británico, onde permanecen na actualidade pese ás insistentes reclamacións dos gregos (recordar o comentado ó falar do Partenón)

CONTEXTO

Grecia non constituía un estado ................................... (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras obras en vulto redondo do período arcaico, pero desde aí os escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume. Os principais escultores desta etapa son, xunto con Fidias, Mirón e Policleto

ANÁLISE

Do mesmo modo que nos frontóns, o marcado relevo -que ás veces pasa a exento na parte superior-, esa volumetría está determinada pola visión de abaixo-arriba do espectador, é dicir tiñan que ser o suficientemente visibles para acadar o seu significado. Igualmente o marco determina as composicións tendentes a configuracións triangulares.
Diferencia no tratamento dos panos
O conxunto mais recoñecido é a Centauromaquia, 32 metopas que do lado meridional, das que tan só chegaron a nosoutros 18 xunto con algúns fragmentos de outras. Segundo a mitoloxia grega, os centauros foron invitados á boda do rei dos lapitas. Ata daquela, os centauros nunca beberan viño, de maneira que durante o banquete nupcial acabaron bébedos, e amosaron as máis baixas pasións, tratando de violar e raptar á propia noiva e a alguna das outras mulleres. Desencadeouse así unha cruenta loita entre os lapitas, que remataron triunfantes, e os centauros, moitos dos cales morreron.
O cruel enfrontamento nárrase coma se dun comic se tratase, viñeta a viñeta, metopa a metopa, con tan só dúas figuras por peza marioritariamente organizadas en diagonal. Os lapitas figuran espidos (aínda que algúns portan clámide) e empregan escudos circulares. Pola sua parte, os centauros, seres mitolóxicos coa metade do corpo humano e a outra metade cabalo, como correspode á súa natureza semisalvaxe, represéntanse espidos (aínda que nalgunhas ocasións portan peles de animais).
Advírtese que non hai unha completa unidade de estilo, xa que se deben á mán dos diversos artistas do taller de Fidias, correspondendo a éste a supervisión xeral do proxecto.
Para expresar a dureza dos combates, sempre corpo a corpo, empregáse o dinamismo, todas as figuras están dotadas dun gran movemento, reflectido a través dun amplo repertorio de posturas, no que os corpos se entrelazan, e marcados escorzos que aportan vivacidade á representación.
Notable é igualmente resulta a gran riqueza plástica nas texturas, como se observa nos cabelos e nas vestimentas, como capas e peles dos guerreiros, que a través das súas pregas redundan no movemento para apoiar o ritmo da composición. Tanto as pregas como a musculatura están ben marcados, utilizando o principio de “diartrose” que consiste en acentuar con liñas profundas as liñas divisorias de brazos e pernas, así como os pectorais e o pregue inguinal dando lugar a xogos de claroscuro que realzan o volumen das figuras. Nos vestidos das mulleres raptadas cuidáronse o tratamento dos tecidos e os pregues e a anatomía que transparentan.
Fidias mostra unha preocupación por atopar unha beleza espiritual, onde incluso no fragor da batalla, os rostros mostran serenidade e dominio das paixóns, en consonancia co espíritu relixioso e cívico da época. Os rostros dos centauros son mostrados como plenamente humanos, no sentido de que non se lles pode atribuir unha gran ferocidad. Parecería como si o autor deste impresionante conxunto quixera transmitir que o racional e o irracional forman parte, de maneira inseparable, da natureza humana. E por iso tratouse de representar a aqueles salvaxes con certa humanidade. Os rostros masculinos mantéñense nobres e sereos pese ao momento, porque finalmente os lapitas conseguiron vencer aos centauros nun combate que para os gregos simbolizaba o trunfo da civilización sobre a barbarie
Con Fidias chegamos ó momento culminante da escultura clásica, mostrada aqui en todo o seu esplendor. Así o constatan as altísimas cotas acadadas en canto a movemento, ritmo, riqueza plástica e expresiva, innovacións de representación como a técnica dos panos mollados. Antepuxo a búsqueda da beleza interior ou a plenitude espiritual ao uso das proporcións exactas e unha armonía numérica. En definitiva, abre o camiño a un novo tipo de expresión que terá grandes influenzas no postclasicismo en autores como Praxíteles, Lisipo ou Scopas. Onde por un lado buscarase unha beleza máis amable e humana e por outro a expresión do “pathos” ou o sufrimento humano.

CURIOSIDADES: O VALOR DUNHA XARRA
Cando as críticas comezaron a ceibarse sobre Pericles, Fidias correu similar sorte: foi denunciado diante da Asemblea de roubar parte do ouro destinado á estatua da Atenea Parthénos e de blasfemia por esculpirse a si mesmo no escudo da deusa. Se da primeira acusación foi absolto, a segunda rematou nunha condena a nove anos de cárcere. Cumprida a pena, abandona Atenas e marcha a Olimpia para esculpir a estatua de Zeus, unha das sete marabillas do mundo antigo.A obra non chegou ata nós, coñecémola por moedas e polas descricións, sobre todo de Pausanias (Descrición de Grecia V-XI) e de Estrabón. Así din, o primeiro sobre a calidade e o segundo sobre o tamaño: 
[...] Para min, só direi que a habilidade do traballo foi aprobación do mesmo Zeus, despois que Fidias lle deu os últimos toques á súa estatua, pregou a deus que lle dera sinais da súa aprobación, e que entón din que o pavimento do templo foi alcanzado por un raio, onde aínda vemos unha hidria de bronce con tapa. 
Aínda que o templo é moi grande, a estatua de Zeus sentado, case toca o teito coa cabeza. Temos a impresión de que se levantara rompería o teito do templo 
Para realizar a estatua construíuse, ó oeste do templo, un pequeno edificio exclusivamente para o taller de Fidias. Os traballos de escavación en Olimpia sacaron á luz, baixo dunha basílica posterior, o taller do escultor. No interior recuperáronse numerosos utensilios de traballo, xoias, moldes de arxila, residuos de materiais empregados como marfil, un pequeno martelo de bronce para ourivaría,...
Pero a descuberta de maior interese foi un pequeno oinochoe -unha pequena xarra- vernizado en negro cunha inscrición na base: pertenzo a Fidias
Tendo en conta que as descubertas do taller datánse entre o 440 e o 430 a.C., e sabendo que o taller era de Fidias -¡precisamente pola xarra¡-, pódese pois afirmar que a realización da estatua de Zeus é anterior á de Atenea Parthenos, o que se debateu moito tempo entre os arqueólogos.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir