Amosando publicacións coa etiqueta Partenón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Partenón. Amosar todas as publicacións

16/09/19

PARTENÓN




CATALOGACIÓN


Recoñecemento da obra. Estamos diante dunha obra arquitectónica de tipo relixioso, concretamente trátase do templo coñecido como o Partenón por estar dedicado á Atenea Parthenos, a Atenea virxe, a deusa protectora da cidade grega de Atenas, á que lle da nome, capital da homónima poles na rexión da Ática.
Función. Os templos gregos aínda sendo obras de función relixiosa non son recintos de oración, senón o lugar no que habita o deus ou a deusa á que se dedica o edificio. En consecuencia o edificio é de reducidas dimensións e o espazo interior carece de importancia posto que os fieis realizan as prácticas rituais de culto no exterior.
Localización. Erixiuse sobre outro templo anterior na parte mais alta da Acrópole, á que se accede polos Propileos é onde se levantaban tamén outras construcións relixiosas importantes da cidade como os templos de Erecteión e Atenea Niké, ademais da calcoteca (museo do bronce), o santuario de Artemisa Brauronia e o odeón (na ladeira).
Estilo e datación. Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
Materiais. Está realizado en mármore do Pentélico e pedra de Paros.
Autoría. A totalidade da obra, tanto o edificio en si mesmo como a decoración escultórica, estivo baixo a supervisión de Fidias, pero a obra arquitectónica realizada entre o 447 e o 432, débese ós arquitectos Ictino e Calícrates. Este último realizou tamén o templo de Atenea Niké. 
O Partenón é considerado o cumio do clasicismo da arte grega, nel sintetízanse e materialízanse os principios de harmonía, proporción e equilibrio a través das cales se acada a beleza ideal.

CONTEXTO

Grecia non se configurou nunca como un Estado senón que estaba politicamente organizada en poles independentes, a cidade-estado. Nun mundo no que os reis eran deuses, Atenas opta pola democracia (goberno do pobo). Os atenienses non eran súbditos senón cidadáns, homes libres nacidos na poles, e tiñan dereito a participar directamente na xestión da cidade a través da Asemblea, da que están excluídos os estranxeiros, os escravos e as mulleres, e dos tribunais que eran as bases do sistema.O pensamento fundamentase, á diferenza dos seus contemporáneas, no antropocentrismo, o home é a medida de tódalas cousas, dixo o filósofo Protágoras. A relixiosidade non era dogmática, os deuses eran moi humanizados e tampouco había unha clase sacerdotal. Cada poles tiña os seus deuses locais, pero os máis importantes eran patrimonio colectivo do territorio grego, o que se concretaba na existencia de santuarios de peregrinación como Olimpia ou Delfos. No século V, idade de ouro da arte grega, Atenas que controlaba ademais a Liga de Delos e polo tanto as súas riquezas, ocupa unha posición hexemónica. Coa morte de Pericles, entra en decadencia, non houbo dirixente algún capaz de manter a súa supremacía, sendo Esparta a que termine por impoñerse tras das guerras do Peloponeso entre as Ligas de Delos e do Peloponeso. Pero eses mais de 50 anos baixo o mando de Pericles foron tempos de euforia que se plasmaron na restauración da Acrópole, na limitación do poder das oligarquías, no asentamento da democracia e na expansión do modelo a outras cidades.
Se a base artística está na arte prehelénica de Creta e Micenas, Grecia aporta o antropocentrismo, o pensamento crítico como principio reitor do saber e a consecución da beleza ideal (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. No campo da arquitectura estes principios van significar a inexistencia de obras colosais, edificacións públicas construídas a partir de cálculos xeométricos e matemáticos, a configuración das ordes (dórica, xónica e corintia) como canon edilicio, a perfección técnica que se manifesta no perfecto pulimento dos muros e na realización dos reaxustes ópticos precisos para que o edificio resulte perfecto na súa visión, e a concepción escultórica da arquitectura pois está pensada para ser vista e non tanto para ser vivida, é dicir importa o exterior non o interior. Outros dous trazos relevantes a ter en conta son, o seu carácter alintelado, a pesares de coñecer arcos e bóvedas non os empregaron, e a policromía.
A principais construcións foron os templos, como o que aquí tratamos, pero tamén se construíron teatros, ágoras, odeóns, stoas, bouleuterions, estadios, ximnasios e palestras.
A escultura deste período está representada por Mirón, Policleto e Fidias.

ANÁLISE

Antes de pasar á análise particular do Partenón, convén convén facer dúas precisións previas. En primeiro lugar que a forma dos templos gregos non é unha creación ex novo, senón que deriva do mégaron micénico, pero se o mégaron era un palacio, os gregos toman o modelo para convertelo en templo. En segundo lugar, entender que os templos non son construcións illadas, pola contra forman parte dun conxunto que abarca todo o témenos, o espazo sagrada delimitado polo períbolos (neste caso toda a rocha sagrada da Acrópole).
 Esta concepción pervive no mundo grego, sempre máis interesado no conxunto e no valor plástico dos exteriores que na organización ou funcionalidade dos espazos internos, contrariamente do que farán posteriormente os romanos.
 Constrúese en aparello de cantería isódomo unindo os perpiaños por medio de caravillas sen empregar argamasa, as columnas feitas en tambores ensambladas en cola de milano, unha especie de émbolos en madeira.


A orientación Leste-Oeste, sendo o Leste a fachada pola que se accede ó interior, fai que o sol nacente proxectara os seus raios sobre a colosal estatua crisoelefantina de Atenea obra de Fidias.
De planta rectangular con medidas de 69,5x31 m., períptero porque a columnata rodea todo o edificio e octástilo ó contar con 8 columnas nos lados menores. Os lados maiores constan de 17 columnas seguindo o canon de proporcionalidade, o dobre + 1, entre lados curtos e largos.


Xunto coas consabidas dependencias interiores de pronaos ou pórtico, naos coa estatua da deusa e opistódomos -un falso pórtico traseiro-, engadiuse neste caso unha sala a maiores, sala cadrada con teitume plana sostida por catro columnas xónicas (con basa, fuste en estrías mortas e capitel de volutas), o carto das virxes ou parthenon, que ó parecer servía para gardar as doazóns e ó que se accedía desde o opistódomos. 
Outra particularidade é que a naos está dividida en tres naves, a central máis ancha que as laterais, mediante unha columnata en forma de U conformada por columnas superpostas de orde dórica. A súa función é dobre, dunha banda elevar a altura da construción para dar cabida á colosal estatua, e doutra soster o teitume plano dunha anchura importante, 18 m.
En realidade foi a estatua de Atenea a que condicionou toda a construción, obrigando a realizar un edificio de gran tamaño, comparable ó templo de Zeus en Olimpia.
A arquitectura grega segue un módulo de harmonía e proporción que se materializa na existencia das ordes, que toman como unidade de medida o radio do fuste da columna e a partir de aí a proporción aplícase a todas as partes e elementos, de xeito que toda a composición queda normativizada.


O Partenón está construído en orde dórica, unha orde que destaca polo seu carácter severo e poor seren o máis antigo pois ten a súa orixe nos primitivos templos de madeira.
En alzado vemos os seguintes elementos: 
  • a crepidoma, plataforma de tres banzos (estereóbatos, os dous inferiores, e estilóbato o superior), resulta alta para estar en correspondencia co resto do edificio e iso fixo precisa unha rampa de acceso na entrada principal
  • as columnas: sen basa, fuste estriado en arestas vivas e cun lixeiro ancheamento central, o éntase; capitel con colariño que o separa do fuste, equino, moldura circular convexa, e ábaco, peza rectangular
  • entaboamento constituído por un arquitrabe continuo e sen decoración, un friso dividido sucesivamente en triglifos (con molduras verticais rematada sen gotas) e metopas, espazos lisos que reciben decoración en relevo, e a cornixa que sobresae do plano anterior. 
  • Como o tellado é a dúas augas fórmanse nos lados menores sendos frontóns cuxa superficie interna, o tímpano, se decora con programas escultóricos.
A este módulo do canon hai que engadir a proporción áurea, o número phi, a que rexe as relacións entre as partes e o todo, o propio alzado en fachada configura un rectángulo áureo coa divina proporción de phi (1,61). Está seguir o principio pitagórico de que todo é número.


Pero ademais para lograr un escuadramento perfecto da obra empregáronse reaxustes ópticos: 
  • para un total horizontalidade arquéanse os elementos horizontais (entaboamento e crepidoma) pois o ollo humano tende a ver as liñas horizontais con pandeo cara abaixo
  • os fustes das columnas presentan éntase para contrarrestar o efecto de concavidade
  • o peristilo inclinase cara ó interior na súa parte alta para conseguir visión totalmente vertical, os intercolumnios teñen distancias distinta para evitar a sensación de converxencia en altura 
  • as columnas angulares son algo máis grosas pois a luz que reciben tende a adelgazalas.



O obxectivo do arquitecto é dar á súa obra unha aparencia ben proporcionada e recorrer no posible a medios correctivos de ilusión óptica, con vistas a un equilibrio simulado, xa que non de feito, de medidas e proporcións
Heliodoro, Tratado de Óptica, s. III a.C.

En canto ó programa escultórico, moi amplo, incluía os frontóns có nacemento de Atenea e a disputa con Poseidón polo dominio da Ática, as metopas coas loitas dos atenienses con centauros, amazonas e xigantes, e na guerra de Troia. 
Pero este templo presenta outra particularidade, un longo friso que percorre por todo o perímetro exterior do muro interior no que se representa a celebración das festas das Panateneas, cando, cada catro anos, toda a cidade desfilaba tralas doncelas que levaban ó templo o peplo por elas tecido.
A ornamentación incluía algo que hoxe non vemos: a pintura que o recubría. 
Ó longo do tempo, o Partenón viuse transformado primeiro en igrexa bizantina, logo en mesquita turca, pero o maior dano foi cando convertido polos turcos en polvoreira, unha bomba veneciana destruíu gran parte do edificio en 1687. (Ler a historia do edificio)
Por último, comentar o espolio británico das esculturas: a principios do século XIX, Lord Elgin espiu o edificio dos seus relevos. Hoxe poden verse no Museo Británico mentres Grecia reclama a súa devolución.



  • Didáctico vídeo tomado do Museo Británico

CURIOSIDADES: COPIANDO
O Partenón da Acrópole de Atenas non só serviu de inspiración arquitectónica senón que ten copias exactas polo mundo adiante

- Inacabado National Monument, Edimburgo, 1829. Homenaxe aos caídos nas guerras napoleónicas.
- O Walhalla Memorial, Ratisbona, 1842. Iniciativa de Luís I de Baviera para honrar a alemáns dinstinguidos.
- Partenon de Nashville. Réplica para a conmemoración do centenario da unión de Tenesse aos EEUU, 1897



En España, os duques de Santo Mauro contruiron no 1890 o seu propio panteón e capela sobre unha ermida medieval,  preto do seu palacio en Las Fraguas (Cantabria). Actualmente é a igrexa parroquial baixo a advocación de San Xurxo. Mais romano que grego, recibe oapelativo de "partenón cántabro", que deberíamos definir como arquitectura neoclásica (recordar La Madaleine)


E ¡sempre orixinais!, un particular construiu a súa vivenda en Cedrillas (Teruel) talmente coma un partenón -o propietario denominao o Jartenón, polo seu apelido Jarque-. Por suposto trocan os materiais -nada de mármore-, a función obriga a engadir un alto basamento para garaxe, almacén e taller, os tímpanos decóranse con figuras alusivas a un mundo feliz realizadas en arame de ferro,  ... Podíamos engadilo ás obras dos escultecos das que temos falado.








27/10/18

ROCHA SAGRADA E TEMPLO A ATENEA


Na Grecia antiga cada cidade tiña a súa acrópole, literalmente a cidade no alto (do grego ἄκρος πόλις),un lugar naturalmente fortificado que logo será reforzado por murallas e que servía de refuxio en caso de perigo. Sen dúbida que a acrópole máis célebre é a de Atenas considerada desde 1987 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A meseta de afloramento calcario que se ergue no centro da actual cidade de Atenas, estivo ocupada desde os tempos prehistóricos –como o demostra a utilización das covas inferiores no Neolítico e os achados de cerámica-, pero será na época micénica cando realmente se constrúa na terraza superior.
Coñecemos dous templos a Atenea, o Partenón e o de Atenea Niké, pero deixando á marxe o segundo, o Partenón non foi o primeiro templo a Atenea no alto da Acrópole. De feito houbo primeiro un templo a Atenea Polias e logo outro a Atenea Partenos, ambos conviviron durante un tempo, pero o primeiro desapareceu e o segundo transformouse no Partenón clásico.
Revisemos a historia marcando tres fases: período preclásico -incluíndo o período micénico e a Idade Escura-, período clásico e período helenístico. Rematamos coa evolución ata os nosos días.


1. PERÍODO PRECLÁSICO

Entre o 1300 e o 1200, sendo Atenas un dos centros da civilización micénica, a rocha aparece xa fortificada, primeiro só a terraza central e logo todo o perímetro da meseta, con muros ciclópeos de 8 metros de altura seguindo as irregularidades do terreo o que subliñou o carácter de fortaleza que mantivo ó longo dos tempos. Para protexer a entrada ergueuse o bastión suroeste –sobre o que logo asentará o templo de Atenea Niké- configurando a característica entrada retranqueada das fortalezas micénicas.
No seu extremo norte na parte máis elevada construíuse un mégaron como residencia e centro de poder dos reis micénicos. No mesmo palacio se rende culto ós deuses do panteón micénico.
O bastión micénico en primeiron plano

Hipotética reconstrución do mégaron sobre a plataforma central

A chegada dos dorios coas súas armas de ferro alterou a función da rocha, agora o centro político vai pasar á cidade baixa, onde posteriormente se situará a ágora, mentres a cidade alta queda reservada ó culto. Por tanto, desde entón o lugar terá a consideración de rocha sagrada
O tempo modificará a rocha, os edificacións destrúense, sucédense e superpóñense, os seus restos desaparecen ata ser recuperados polas escavacións arqueolóxicas. 
Pero imos centrarnos no tema que nos atinxe, os templos de Atenea Polias e de Atenea Partenos.

TEMPLO DE ATENEA POLIAS 

Coñecido como Vello Templo de Atenea ou Templo arcaico, estivo situado entre o Erecteión e o actual Partenón.

  • TEMPLO I
Durante o período xeométrico, no século VIII a.C., na área do antigo mégaron micénico edifícase un pequeno templo - Homero refírese a un "rico templo"- dedicado a Atenea nos seus epítetos de Polias, protectora da cidade, e Pallas, a virxe guerreira. Albergaba o xoanon en madeira da deusa, unha estatua tan  primitiva que se dicía caída do ceo, é dicir que non era obra da man humana.
Erguíase no lugar da sala do trono do antigo mégaron onde logo se construirá o Erecteión.

  • TEMPLO II
No século VI e por razóns descoñecidas, aquel pequeno templo foi reemprazado en tres fases construtivas, por outro de maiores dimensións, impoñente para a época.
En orixe debeu ser un templo in antis, convertido en períptero ó engadir unha columnata externa. De orde dórica, foi edificado en pedra calcaria agás os novos elementos decorativos dos frontóns, como os da Xigantomaquia, a loita entre os deuses olímpicos e os Xigantes, fillos de Gea. A parte leste contaba con tres dependencias, algo inusual.
Destruído polos persas no 480, os seus alicerces seguen a ser visibles na actualidade.
O templo II (11) erguido na terraza superior. Ó seu lado o olivo sagrado de Atenea (12) e o manancial salgado de Poseidón (13), espazos que ha de preservar a construcción posterior do Erecteión.

Á esquerda, o primeiro templo in antis sobre o que se faría a ampliación a templo perístilo. Á dereita hipotética reconstrución.



Abaixo, fragmento do frontón da Xigantomaquía: Atenea, protexida pola éxida -o escudo de pel de cabra rematado en serpes- ataca a un Xigante.  Nótese o estilo das korai.

TEMPLO DE ATENEA PARTENOS

A construción do novo templo, paralelo ó antigo de Atenea Polias, e agora dedicado a Palas Atenea Partenos, amosaba ós cidadáns a dobre sustancia da deusa: pacifica e guerreira.

  • TEMPLO I
Entre o 570 e o 566, en tempos de Pisístrato, quen instituíu a festa das Panateneas, no lugar no que se ubica o actual Partenón, erixiuse un templo dórico períptero coñecido como Hekatompedon –por medir 100 pés de largo-, (ou tamén Edificio H, Ur-Parthenon, Primitive Parthenon, Bluebeard Temple). Conservanse fragmentos dos frontóns que permiten ver a pintura e o carácter de vulto redondo das esculturas
  • Frontón oeste, ángulos: Heracles vencendo a Tritón e Monstro antropomorfo de tres cabezas e cola de serpe



  • Frontón leste: león/leona evorando touro e serpes protectoras nos ángulos


  • TEMPLO II
Entre o 488 e o 485, despois da vitoria de Maratón, o Hecatompedon foi desmantelado para dar cabida a un edifico máis grande, o denominado Vello Partenón ou Pre-Partenón para o que foi precisoacondicionar o térreo cun forte muro de contención e nivelar a área engadindo uns 8.000 bloques de pedra calcaria.
O edificio foi comezado en pedra calcaria pero despois optouse polo mármore (de aí que se fale de Pre-Partenón I e Pre-Partenón II).
Tratábase dun templo  longo e estreito, períptero, dórico, hexástilo de 6 x 16 columnas, con dobre cella -unha longa  con dúas filas de columnas no extremo leste e outra máis pequena con catro columnas no extremo oeste-, opistodomos e pronaos.
Só coñecemos os seus cimentos, pois mentres os atenienses seguían a traballar no edificio, no 485 a.C. Xerxes sube ó trono e reune un exército ata entón nunca visto para vingar a derrota de Maratón. Agora os esforzos había que centralos no programa de defensa. En consecuencia, a construción deste Vello Partenón detívose.
Efectivamente no 480 os persas cruzan o Helesponto iniciando a II Guerra Médica. Pese a que os gregos lograron retelos brevemente nas Termópilas (recorda "os 300 espartanos"), o avance continuou pola Ática ata apoderarse de Atenas. Certo que os cidadáns foran evacuados, pois Temístocles seguindo o oráculo de Delfos, confiade nas murallas de madeira, interpretou que a pitonisa se refería ós barcos, e ordenou o refuxio en Salamina.
¿Que encontraron os persas na Acrópole? Pois mira a imaxe, isto foi o que destruíron cando Xerxes trás de ocupar a cidade ordenou saqueala e incendiala. Os dous templos de Atenea que acollían a deusa baixo dous dos seus epítotes -Polias e Partenos- foron totalmente arrasados. E tamén a minúscula construción que acollía un altar situado sobre o bastión da entrada.
Reconstrución da Acróple no 480: á esquerda o Vello templo de Atenea, á dereita o Vello Partenón. O acceso realízase polos antigos Propíleos e subsiste o antigo bastión micénico

 
2. PERÍODO CLÁSICO  E HELENÍSTICO

Durante máis de tres décadas a Acrópole permaneceu en ruínas, Temístocles e Cimón comezaran xa a  reforzar os muros, o primeiro no lado norte e o segundo no lado sur. No lado norte aproveitáronse todo tipo de elementos arquitectónicos dos edificios destruídos: tambores de columnas, cornixas, anacos de frisos,..). Mira as imaxes que seguen.


Outros restos da destrución persa -obxectos de culto, ofrendas, estatuas de frontóns, exvotos ...- foron soterrados servindo de material de recheo para aplanar os terreos.
Grazas a isto posteriores traballos de escavación arqueolóxica puideron recuperar moitas destas obras, como o unha estatua de Atenea -á esquerda, sen cabeza-, o Moscóforo, o Efebo Critios e a cabeza dunha koré, que na imaxe vemos mesturadas nos escombros da cimentacion.
Antes da batalla de Platea, os gregos xuraron non reconstruír ningún dos santuarios derrubados polos persas a fin de que as ruínas constituíran para sempre unha testemuña da barbarie dos invasores. Pero por razóns prácticas era preciso restaurar o templo de Atenea Polias pois nel se gardaba o tesouro da cidade.
Sen embargo non será ata mediados do século V cando Pericles, aproveitando a bonanza económica e o tesouro da Confederación da Liga Délica -o que lle valeu as críticas de Tucídides e a este, á postre, o ostracismo-, ordena restaurar e reconstruír a rocha sagrada para maior gloria de Atenas e como mostra do triunfo sobre a barbarie. Certo que a presidencia da comisión financeira da Liga era tamén un amigo de Pericles, o filósofo Sofocles.
E fíxoo cun plan de conxunto, un programa edilicio que hoxe chamaríamos urbanismo, cunha grandiosidade e magnificencia descoñecida ata entón. O eixe principal sería a vía que chega desde o Dípilon - a antiga porta da muralla da cidade- para chegar aos Propíleos e logo subdividirse en dúas, unha cara ó Partenón e outra cara ó Erecteión. O primeiro constitúe a Vía Sacra, un ramal duns 7 metros de ancho polo que discorría o gran desfile das Panateneas.




Os esforzos económicos foron inxentes e a man de obra precisa incluía os máis diversos oficios: canteiros, escultores, pintores, douradores, ferreiros, ourives, tallistas, transportistas,... A maioría eran metecos, os especialistas cobraban un dracma por día, xuntos cos escravos. E todos baixo a dirección artística de Fidias nomeado por Pericles inspector xeral dos traballos.
En tan só vinte anos, a rocha mudou de aspecto. Plutarco sinalou que a velocidade á que progresaban os traballos foi admirable sobre todo porque non se minguaba a calidade do traballo.
Deixouse libre o corazón do outeiro, onde estaba o Vello Templo de Atenea -que pasou a ser venerada no Erecteión-, como significación da nova Atenas democrática fronte á vella dos tiranos, e no seu lugar erixiuse en recordo da batalla de Maratón unha enorme estatua da deusa, a Atenea Promacos -outra cualifación da deusa coa significación de que combate en primeira liña de batalla-. Esta obra perdida de Fidias estaba realizada en bronce e calcúlase que medía uns 15 metros de altura, era a imaxe primeira que se obtiña ó traspasar os propileos. Por representacións en moedas e vasos de cerámica, sabemos que portaría nunha man un escudo e na outra a lanza, nunhas versións coa lanza en alto e noutras interpretacións coa lanza en repouso.

A Acrópole clásica coa monumental estatua de Atenea a carón do Partenón (á esquerda). Segundo Pausanias, os mariñeiros podían ver o helmo refulxente e a punta da súa lanza desde cabo Sunión, a 50 km de distancia

Sen dúbida o templo máis salientable sería o Partenón, o templo de Atenea que ía ter diversas funcións: custodiar o tesouro ateniense, conmemorar os triunfos contra os persas e, principalmente, ser a morada da deusa. En realidade Pericles quixo erguer un monumento político, símbolo da grandeza e da prosperidade de Atenas e do mundo helénico.
Aproveitáronse os cimentos do antigo templo pero houbo que ampliar a explanada polo lado norte, non eran tan longo como o anterior pero si máis ancho. De feito é o templo máis grande terminado, o único enteiramente en mármore, o único con todas as súas metopas decoradas con esculturas, e todo el baseado na proporción áurea.
Con esta grandiosa obra, Pericles quixo construír un monumento político, un símbolo da prosperidade de Atenas, un templo glorificador de Atenea e tamén, amosar o seu papel persoal nesta nova era, unha especie de séculos das luces ateniense. 
Se ben as obras se interromperon coa Guerra do Peloponeso, o torrente de produción continuou para engrandecer a Acrópole neste período clásico. Na parte alta: a entrada monumental dos Propíleos coa Pinacoteca e a Calcoteca, o santuario de Zeus Polieo, o templo de Atenea Niké, o Erecteión, o Pandroseión, o santuario de Artemisa Brauronia, a casa das arrefóras. Na parte baixa: o templo de Démeter Eleusina, o Teatro de Dionisio e o Odeón, o Asclepeion.
O dominio macedonio pouco labor costrutivo levou a cabo, tampouco o espazo libre era moito, pero manifestou o seu respecto pola sagrada rocha e polo prestixio da cidade co incremento de ofrendas -como o pedestal coa cuadriga de Eumenes II-, o mesmo Alexandre Magno, despois da Batalla de Gránico que lle abriu as portas a Asia, mandou 200 escudos, algúns din que eran 300 armaduras, tomados dos inimigos derrotados como ofrenda a Atenea para que colgaran do arquitrabe e das columnas do Partenón.


 Marca circular deixada polos escudos de Alexandre cravados no arquitrabe.
Recostrución idealizada do Partenón no período helenístico cos escudos de Alexandre Magno

Tempo despois comezarían as desfeitas, xa no 294 a. C, cando o macedonio Demetrio II Poliorcetes -asediador de cidades- ocupa Atenas, establece a súa residencia no mesmo templo de Atenea xunto co seu harén. Iso sí, tan só ocupou o parthenón e o opistodomos, deixando libre a naos para non molestar demasiado á deusa.
Foi un déspota feroz que organizaba suntuosos e libertinos banquetes en compañía de afamadas cortesáns. Incluso Plutarco en Vidas paralelas só di: non convén pola honra da cidade, referir polo miúdo tales insolencias.
Durou pouco no poder sendo substituído por Lacares, quen mantivo o mesmo lugar de residencia pero deu un paso máis: espiu a estatua da deusa das placas de ouro, fíxoas anacos e fundiunas para pagar ós seus soldados.



3. OS CAMBIOS A PARTIR DA OCUPACIÓN ROMANA

O sitio das forzas romanas comandadas por Sila durou longos nove meses e a resistencia máis tenaz foi na Acrópole. Finalmente no 86 a.C. rendeuse con consecuencias claras: os defensores foron masacrados, moitos próceres da cidade se suicidaron, e naves cheas de pezas de arte zarparon cara a Roma. Incluso se trouxeron columnas para empregar na reconstrución do Capitolio en Roma.
A “sede de arte” romana era insaciable, máis polo valor económico que polo sentido estético como exemplifica o caso do cónsul Mumio que tras saquear Corinto ameazou ós traballadores encargados do trasporte con que se rompían algo terían que ¡¡reconstruílo!!.
A ocupación manifestouse cunha vigorosa actividade construtiva con finalidade propagandística:
- a carón do Partenón, no lado leste, erixiuse un templo circular en mármore con columnas xónicas, dedicado a Roma e Augusto, datado no 27 a.C.
Reconstrucións do templo romano na Acrópole
Restos do arquitrabe do templo a Roma e Augusto na cara leste do Partenón. A inscrición indica que o templo era unha dedicación dos atenienses a Roma, a deificación grega do poder romano, e a Augusto
 
Capitel xónico do templo romano

- xunto da pinacoteca, no lado noroeste dos Propíleos, aproveitouse o enorme pedestal helenístico -Eumenes II- de case 9 metros de altura, para dedicalo a Agripa, de feito é coñecido como pedestal de Agripa, e dos sucesivos emperadores. Segue a ser visible aínda hoxe contrastando a súa pedra agrisada fronte á brancura do mármore da arquitectura clásica grega.

- No Partenón, Adriano, quen sempre amou Atenas, colocou a súa estatua no interior e Nerón, que tanto admiraba o edificio, engadiu unha inscrición en letras de bronce na súa honra, que cruzaba todo o frontispicio e dicía así:
O Consello do Areópago, o Consello dos Seiscentos e o pobo ateniense honraron o Gran Emperador Nerón Claudio César Augusto Xermánico, fillo de deus. Sendo estratega dos hoplitas por oitava vez así como epimeleta [gobernador] e nomoteta [lexislador], Tiberio Claudio Novio fillo de Filipo e sendo sacerdotisa [de Atenea] Paulina filla de Capitono. 
Por suposto  a inscrición foi eliminada cando se decretou a damnatio memoriae de Nerón, o que podíamos traducir como condena de memoria, é dicir o personaxe pasa a ser considerado inimigo do Estado e polo tanto procedíase a borrar todos os rastros da súa figura e dos seus feitos.

Furados no arquitrabe leste que suxeitaban a inscrición de Nerón (hipótese da ubicación do texto)


A invasión dos hérulos no século III, parece que repercutiu máis fondamente na vila que na Acrópole, pois aquela foi saqueada sen piedade. Pero o certo é que o Partenón perdeu o teito por mor dun incendio, sexa cos hérulos ou cos godos de Alarico, ou ben un incendio fortuíto dunha lámpada segundo di Pausanias.
En calquera caso, a cidade no seu conxunto entrou nunha etapa de decadencia baixo dominio bizantino que comeza có peche das escolas filosóficas decretado por Xustiniano no século VI e se completa coa desacralización dos templos a fin de suprimir toda mostra de paganismo.
O Partenón pasa a ser igrexa dedicada a Santa Sofía, logo a María Madre de Deus e finalmente será consagrada como Catedral de Atenas -baixo o dominio dos francos-. Certo que reconverter o templo, unha casca sen cuberta a estas alturas, era doado, bastaba con introducir unha ábsida semicircular na pronaos do lado oriental, abrir o opistodomos e convertelo en nártex cun campanario nunha esquina, pechar cun muro todo o perístilo, abrir fiestras rompendo o friso e entradas novas con escaleiras cortando a crepidoma e levantar unha cúpula decorada con frescos. ¿Facer un trono para o bispo?, non era preciso, tomouse un asento do teatro de Dioniso.
Por certo que unha mutación ben semellante aínda pervive na Catedral de Ortigia en Sicilia.
Se o edificio foi transformado, moitas das súas esculturas foron directamente eliminadas ou voltas a retallar para evitar todo signo pagán.


Planta do Partenón cristianizado

Hipótese reconstrutiva

A ábsida no lado leste embutida dengtro do perístilo.


 Tras dos bizantinos, no 1205 son os francos os novos donos da cidade, eles e os cataláns despois converterán a Acrópole nunha verdadeira fortaleza. Florentinos e venecianos, en plena expansión comercial polo Mediterráneofarán alí unha corte ducal co seu palacio a modo de belvedere.
- Torre dos Francos, de 26 m. de altura,  no alto da Acrópole, detrais dos templo de Atene Niké. Non foi derrubada ata 1875. As fotografías datan da década de 1870


- Reconstrución do palacio florentino nons Proíleos (Ducado de Atenas)


- Fotografía de 1850, a Acróple aínda semella unha fortaleza medieval.


   
O Partenón deixa de ser cristián cando os turcos otománs, no século XV, converten a igrexa en mesquita. A reforma non esixía moito traballo, bastaba modificar o interior e levantar un minarete. Aforraron esforzos tellando só a parte correspondente ó santuario, de xeito que todo o redor quedaba á intemperie.



Polo demais foron respectuosos cos edificios da Acrópole, utilizáronnos segundo as súas necesidades -o Erecteión foi a residencia do pachá e o seu harén, empregaron perpiaños do templo de Atenea Niké para fortalecer a batería do bastión e construíron vivendas  pero non practicaron a pillaxe nin destruíron o que se mantiña en pé. O debuxo de Jacob Spon  mostra a cidade de Atenas e a Acrópole no século XVII.


O problema foi cando tras caer un raio nos Propíleos, onde se almacenaba a munición, a trasladaron ó Partenón. O risco para o edificio nestes tempos convulsos era claro.
E así foi, durante o asedio veneciano unha bomba caeu sobre el e incendiou a pólvora, o edificio estoupou cun enorme estrondo volando polos aires, os fragmentos chegaron ata fora da Acrópole. O lume estendeuse ás casas do redor e durou dous días.
Era a noite, unha noite de lúa chea, do 26 de setembro de 1687.

Asedio veneciano Explosión do Partenón segundo debuxo de Giacomo Verneda, testemuña da explosión)

Os turcos rendéronse e os venecianos ocuparon o lugar, celebrando unha misa de acción de grazas na mesquita, de novo reconvertida a igrexa. Mais, que quedaba do Partenón?:
- tres das catro paredes estaban practicamente derrubadas
- o teito desapareceu
- a maioría das esculturas do friso caeron
- gran parte das columnas -6 do lado norte e 8 do lado sur- romperon e con elas os arquitrabes
- o interior quedou practicamente destruído
Pese a que estadía veneciana en Atenas durou só uns meses, o interese artístico do xeneral Morosini foi patente. Escribiu ó Senado:
En previsión da retirada de Atenas, ocorréuseme a idea de levar algúns dos ornamentos mais fermosos que puideran dar maior esplendor á República. Con tal propósito, intentei separar da fachada do templo de Minerva, onde se atopan as esculturas máis preciosas, a estatua de Xúpiter e o baixorrelevo que representa dous cabalos magníficos. Pero apenas tiñan comezado as obras, todo se derrubou desde gran altura.
O Senado ditou, cunha ampla maioría, a autorización do retiro e envío a esta República do que xulgue máis importante e máis artisticamente valioso para aumentar noso prestixio. Morosini elixiu as esculturas mellor conservadas do frontón occidental e intentou retiralas, pero no seu informe explica
Realizamos un gran esforzo para arrancar o enorme frontón, pero esboroouse desde a súa colosal altura e é un milagre que non teña ocorrido algunha desgraza a ningún traballador. A razón é que a estrutura foi levantada sen argamasa e as grandes pezas están ensambladas con gran habilidade. A nosa incapacidade para construír andamios, e outros mecanismos necesarios, obrígannos a abandonar calquera esforzo neste sentido. En consecuencia, renunciei tamén a calquera intento de tomar outras pezas esculpidas da decoración do templo. Non obstante, decidín tomar unha leoa de marabillosa beleza artística; incluso se non aparece a súa cabeza, pode ser facilmente substituída con mármore do mesmo tipo que envío xunto coa escultura.
Non só a República pretendeu espoliar todo o que puido, o mesmo fixeron soldados do exército, con ou sen permiso. Moitas das pezas que actualmente habitan museos europeos proceden deste primeiro gran espolio que non foi maior por alta de medios e de tempo.
Retirados os venecianos ó ano seguinte, regresan os turcos. Agora a Acrópole non é máis que un asentamento militar con vivendas e unha nova mesquita, pequena e sen minarete, na casca baleira do Partenón.

Alzado e planta do Partenón coa pequena mesquita no interior


.

Así se mantivo a vella rocha, viaxeiros e arqueólogos comezarían a visitar o recinto. Grazas a eles podemos observar a situación na que se atopaban as construcións e coñecer en debuxo elementos escultóricos perdidos.
- Frontón Oeste e metopas do lado sur segundo debuxos de Jacques Carrey, realizados no 1674. Visitou a Acrópole acompañando ao embaixador francés de Luís XIV.


- A Acróple como un poboado, segundo apuntes dos arqueólogos Stuart e Revett, publicados no 1762 en Antigüidade de Atenas.

Algúns dos relatos destes viaxeiros non deixan de ser curiosos. O inglés John Bacon Sawrey Morritt visitou Grecia a finais do XVIII no marco da Grand Tour -a viaxe formativa que emprendían os nobres británicos-, nunha das súas cartas escribe:
É moi agradable pasear polas rúas. Sobre case todas as portas hai unha estatua ou un baixorrelevo antigo, máis ou menos bo aínda que moi esnaquizado, do modo que nestas terras un encontra unha galería completa de mármores. Uns comprámolos, outros  roubámolos,... Acabamos de xantar e pensamos en dar un paseo ata a cidadela, onde foi o noso asistente grego unirse cos obreiros e está, espero, sacando os centauros e os lápitas [do friso do Partenón ] ... Nada como sacar tallada cando brilla o sol e, cando o comandante teña experimentado o pracer de recibir os nosos cequís durante uns cantos días, creo que negociaremos por boa parte do vello templo. 
Tamén é certo que os residentes da Acrópole non sentían moito pracer vendo os arqueólogos, de feito unha autoridade local comentaba en 1833:
Os arqueólogos van destruír todos os engadidos pintorescos no seu celo por poñer ó descuberto e resturar os antigos monumentos
E xa coñecemos do expolio de Lord Elgin, quen en 1800 desembarca en Atenas como embaixador británico diante da Sublima Porta. Non esquezamos que tamén o apoderado da embaixada francesa recibira estas instrucións:
Lévese todo o que poida. Non descoide ningunha oportunidade de trasladar todo o trasladable que haxa en Atenas e nos seus arredores.
Así que Elgin entrou en competencia cos franceses, apresurándose a fin de mellorar as artes da Gran Bretaña e salvar os elementos escultóricos dos turcos. Comezou por pedir permiso para facer debuxos, sacar moldes e tomar medidas pero logo dun ano conseguirá que lle deixen:
  • entrar libremente dentro das murallas da cidadela e debuxar e sacar moldes de xeso dos templos antigos
  • levantar andamios e cavar onde queiran para descubrir cimentos antigos
  • liberdade para levarse calquera escultura ou inscrición que non interfira coas obras e as murallas da cidadela
Segundo isto non podería arrincar esculturas, só recoller as quebradas, e sen embargo fixérono, incluso planeou desmantelar o Erecteion e levalo a Inglaterra para que todos puideran admirar o fermoso pórtico das doncelas, pero como a Armada británica non tiña un barco coa capacidade necesaria contentáronse con sacar unha das Cariátides e poñer no seu lugar un soporte de ladrillo. Abaixo nunha pintura de 1833, de E. Dodwell, vése o piar que sustitúe unha cariátide.


Do Partenón arrancou 15 metopas, 56 paneis do friso das Panateneas e 12 esculturas do frontón que pervivía, danando de paso gran parte do friso. Todas as pezas, cortadas para facilitar o traslado, foron embarcadas no Pireo, coa mala sorte que un dos barcos se afundiu con partes importantes do friso, para sempre perdidas.
Escadas no Partenón
Esquina sudeste, por Giovanni Battista Lusieri, 1830

Conta o escritor Edward Daniel Clarke que estaba casualmente na Acrópole no mes de setembro de 1802 cando os homes de Elgin espían o Partenón:
Un dos traballadores chegou para informar a Don Battista -o pintor encargado de supervisar o espolio- que ían baixar unha das lousas. Vimos esta excelente mostra de escultura sacada do seu lugar etre os triglifos. Pero unha parte da estrutura de cachotería adxacente afroxou pola maquinaria e de pronto abatéronse masas de marabillosos mármores do monte Pentélico, e os seus fragmentos brancos espallaron cun ruído estrondoso entre as ruínas 

Unha vez en Londres, tentou vender todas as pezas ó Goberno, pedindo diante da Cámara dos Lores 62.440 libras. Non tivo éxito nun primeiro momento, incluso se dixo que non eran obras clásicas orixinais, senón obras romanas de tempos de Adriano. Finalmente conseguiu vendelas por 35.000 libras en 1816 que, de todos os xeitos, era unha cifra colosal para a época e parte da prensa británica verteu fortes críticas en contra da compra.
Fotografía de 1819 coas pezas depositadas no Museo Británico

Debuxo satírico no que a familia de John Bull -personificación de Inglaterra- piden que non merque as "pedras" e que en cambio merque pan
Representacións de viaxeiros:
- Lord Byron, As viaxes de Childe Hariold

- Pintura de E. Dodwell que foi testemuña do espolio



A loita dos gregos pola independencia foi longa, once anos nos que a Acrópole foi sitiada dúas veces, dise que os turcos comezaron a romper os bloques de mármore do Partenón na procura das grapas de metal que os unían, para fundilas e facer balas. É dicir que os edificios continuaron a sufrir as guerras dos homes.
Tras da Guerra de Independencia, o novo rei Otón I no 1834 ordenou reorganizar a Acrópole e construír un palacio real de xeito que a antiga rocha sagrada fose agora símbolo do reino. O encargado foi o arquitecto alemán Schinkel quen, sen visitar a cidade, desenvolveu un proxecto de remodelación que tentaba conciliar as ruínas existentes coas necesidades áulicas. Paralelamente o monarca encargou a remodelación da cidade ó arquitecto von Klenze quen subliñou a necesidade de erradicar todo vestixio da barbarie.
Nos debuxos que seguen podes ver a planificación, conserva os propíleos e o Partenón, pero todo o demais é alterado. Agora o centro convértese nun gran patio en forma de hipódromo ó que se abren as dependencias pacegas situados no leste, e todo se acompañaría dun completo deseño de xardíns.




A obra non chegou a realizarse pero si se tomaron medidas de restauración: derrubouse o minarete, destruíronse os edificios medievais e otománs e comezaron a levarse a cabo as primeiras anastiloses, sobre todo no Partenón e no Erecteion.
Aínda houbo máis desastres, os provocados polos terremotos de 1894, de 1981 e 1999, as erróneas restauración que empregaron grapas de ferro que remataron por oxidarse, os danos da contaminación, ó que hai que sumar os factores de risco sempre presentes: xeadas, erosión, humidade, liques, fungos, microorganismos.
Baixo dun comité internacional de espacialistas as obras de restauración continúan a desenvolverse con criterios científicos o que implica a miúdo destruír -por exemplo eliminar os engadidos de formigón de anteriores restauracións- para volver construír, realizar estudios previos de anastilose -empregar os restos conservados uníndoos a modo de puzzle- ou substituír obras orixinais por copias -caso da Cariátides- procurando ser fieis ós datos e non "inventar" o pasado nunha recreación similar á feita en Cnossos por Evans.
E concluímos facéndonos unha pregunta: ¿que vemos hoxe no  cumio da Acrópole?
Pois realmente pouco do que foi e pouco do que vemos é orixinal, mais pese a todo a Rocha Sagrada segue a impactar cando se visita, evoca na nosa memoria os sons do pasado e continúa sendo o reflexo vivo dunha época, unha estética e un sentimento que constitúe o substrato do  nos presente.


A revisión da historia deste edificio neste vídeo que o director cinematográfico grego Costa Gravas realizou para proxectar no Museo da Acrópole, a onde se espera que os mármores volvan algún día


CURIOSIDADES: A MALDICIÓN DE MINERVAA revisión da historia deste edificio neste vídeo que o director cinematográfico grego Costa Gravas realizou para proxectar no Museo da Acrópole, a onde se espera que os mármores volvan algún día. 
 
Partenon2. from Asun on Vimeo.

O recitado final corresponde ó irónico poema de Lord Byron, quen indignado polo roubo das pezas escultórica, escribiu A maldición de Minerva (1811), que podes ler aquí en inglés (comeza a narración no verso 89). Critica o roubo das esculturas e profetiza a decadencia dos británicos. Remata coa maldición sobre Elgin e os seus descendentes. 

Primero, sobre la cabeza de aquel que cometió este crimen
mi maldición caerá, –sobre el y toda su estirpe: 
sin una chispa de fuego intelectual en ellos
sean todos los hijos tan insensatos como su padre:
y si uno hubiere con seso, que traiga la ignominia sobre su progenie,
de una raza mas brillante, se le considere bastardo:
(…)
Oh, que te repugnen en vida y no perdonen tus cenizas,
!que el odio persiga su sacrílega codicia!
 








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir