10/06/17

VIGNOLA e DELLA PORTA


IGREXA DO GESÚ DE ROMA

CATALOGACIÓN

A Igrexa do Gesú de Roma foi deseñada por Vignola e comezaron as súas obras en 1568 e se prolongaron ata 1575. Despois da morte de Vignola en 1574, a fachada foi completada polo arquitecto Giacomo della Porta entre 1567 e 1584. 
Pertence polo tanto ó Renacemento, en concreto ó Cinquecento. A obra terá unha enorme transcendencia no futuro xa que se converterá non só no modelo das igrexas da Compañía de Xesús, senón tamén na inspiración para o que serán as futuras igrexas barrocas.

CONTEXTO 

A partir de Trento, as igrexas concíbense como o lugar no que se produce o diálogo entre Deus e os fieis a través da misa, das confesións e dos sermóns. A cubrir esas necesidades vai dar resposta o novo modelo que se exemplifica no Gesú, a igrexa dos xesuítas, a orde mais belixerante en contra do protestantismo :

  • a celebración da misa precisa un espazo amplo que de cabida á eclessia e que os fieis teñan acceso visual ó altar, o lugar no que se produce o milagre. Así, no lugar de plantas centralizadas óptase polas lonxitudinais que marcan claramente a progresión cara ó encontro coa divindade: o altar, foco máximo de interese. Ademais, este tipo de planta deixa claramente marcada a orientación cara ó Leste, tan importante desde os primeiros tempos do cristianismo, e desligábase do mundo renacentista que mestura sen problema cristianismo e ideas neoplatónicas.
  • para reafirmar o valor do sacramento da penitencia -que ata entón se celebraba nas vivendas ou con confesionarios portátiles-, os confesionarios convértense en estruturas fixas con valor ornamental.
  • a prédica era fundamental para a educación relixiosa, por iso debería ter lugar nunha posición relevante -en altura- e próxima -no lateral da nave- para ser ben escoitade e seguir de preto a xestualidade enfática do orador.
  • Pero aínda quedaba un asunto a destacar: os santos. Se a Reforma supuxo unha total iconoclasia, a Contrarreforma tivo que salientar o seu valor como exemplo moralizante e como intermediadores ante Deus. Para darlles culto, distribúense nos laterais capelas independentes que non interrompen a celebración da eucaristía. E, por último, os interiores serán ostentosos, han de provocar emoción, impactar, suspender os sentidos Por iso se recargan de dourados, materiais custosos, efectos lumínicos, abondosas e teatrais decoracións, ... Porque en definitiva, estamos nun espazo á marxe da realidade, pero tamén é o xeito de por de manifesto a Igrexa triunfante. Dende outro punto de vista, a orde da Compañía de Xesús (popularmente coñecida como Xesuíta), fundada por Santo Ignacio de Loiola en 1534, nace coa vocación da defensa da relixión Católica no contexto da Reforma protestante e se converterá en abandeirada da Contrarreforma Católica. Esta orde non deixou de medrar nos anos seguintes ó Concilio de Trento aínda que no futuro vai ter problemas en moitos países debido a un punto moi polémico que é o seu xuramento de fidelidade ó Papa, mesmo por diante da autoridade civil. Isto levará á orde xesuíta a constantes enfrontamentos coas autoridades civís e suporá en diversas etapas a súa expulsión de países como Francia (1762), Portugal (1759) e mesmo España (1767).

    ANÁLISE 

    -Interior
    A obra de Vignola a vemos no interior do edificio e aporta algunhas novidades que a converterán nunha obra de gran influencia no futuro como xa dixemos. 
    A planta resulta unha mistura do vello esquema de plan central có modelo preferido dende o Concilio de Trento, o plan lonxitudinal. Ten planta de cruz latina cunha única nave, anchísima pero curta. A cada lado da nave, unha serie de capelas entre piares, comunicadas internamente, substitúen as tradicionais naves laterais
    O transepto reduce notablemente a anchura dos brazos a fin de non desvirtuar o sentido lonxitudinal e, ao mesmo tempo, dar todo o protagonismo á cúpula do cruceiro.
    Esta nave está cuberta por unha enorme bóveda de canón sen decoración, sostida exteriormente por uns enormes contrafortes ao modo gótico, adoptando Vignola solucións xa esquecidas, necesarios debido tamén ás grandes ventanais que o autor introducirá nesta bóveda. Realmente, a estrutura en alzado recorda ese ambiente, aínda que aquí non sexan tres naves, as semellanzas son notables
    Desaparecen da vista os elementos sustentantes (columnas) que había nas igrexas renacentistas anteriores de plan lonxitudinal. Emprega piastras acanaladas de orde corintio, adosadas aos grosos machóns -similar á solución de Miguel Anxo na basílica do Vaticano- achafranados no cruceiro para soster a cúpula sobre pechinas e pares de  piastras enmarcando as capelas. Bóvedas e cúpula carecían de decoración pero con grandes ventanais que converten esa zona na máis iluminada da Igrexa.  
    O edificio remata no presbiterio elevado sobre un zócolo e cuberto por unha bóveda de cuarto de esfera.



    Na obra atoparemos un equilibrio inestable entre a tendencia lonxitudinal da nave e o impulso ascensional da cúpula mentres o xogo de luces tamén creará outro tipo de tensión no edificio dende unha zona moi iluminada baixo a cúpula e no altar, e unha zona moi escura nas capelas entre piares. Entrambas habería unha zona de transición que será a nave tamén cunha iluminación tenue. A escuridade das capelas será o lugar axeitado para a disposición dos confesionarios ó mesmo tempo que será tamén un lugar de recollemento para levar a cabo o culto aos santos.



    -Exterior

    Como dixemos a fachada é obra de Giacomo della Porta, pero a súa transcendencia será tan importante como a do interior realizado por Vignola, converténdose no modelo para o novo estilo do futuro, o barroco. 
    Está claramente inspirada na de Santa María Novella de Alberti: dous corpos e aletóns, pero engade novidades moi interesantes.
    Está organizada en dous pisos separados por un entaboamento, coroados por un enorme frontón triangular. O piso inferior consta de cinco rúas separadas por unha serie de dobres piastras xigantes de orde corintia e que terá a anchura de todo o interior da Igrexa, no alto un frontón triangular dentro de outro curvo. A gran porta, na rúa central enmarcada entre columnas, coroase cun frontón curvo mentres que as pequenas portas laterais -todas alinteladas-, coroan cun frontón triangular e encima delas unhas fornelas para imaxes relixiosas.
    O segundo andar con tres rúas separadas tamén por pares de piastras, culmina nun grande frontón triangular quebrado sobre un entaboamento. A súa anchura sería exactamente a da nave central.
    Dous grandes aletóns en forma de volutas conectan os dous corpos salvando a diferencia de anchura. Serven tamén a ocultar os contrafortes exteriores.
    En principio, unha organización con elementos clásicos, certo pero alterados: combinación de columnas e piastras, mestura de frontóns curvos e triangulares, orde xigante, frontóns quebrados, maior dinamismo ó incrementar o volume de todos os elementos cara ó centro. En definitiva, amosa unha articulación que abandona a planitude na procura da curva, unha formulación manierista que avanza os principios barrocos.
    O modelo tivo tal éxito que se repetirá ao longo do tempo. En primeiro lugar en Sant'Andrea della Valle, ben similar tanto na planta coma na fachada, e moi especialmente nas igrexas xesuítas de todo o mundo.






      © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

    Subir