29/08/17

TIZIANO, Amor sacro e amor profano




CATALOGACIÓN


Óleo sobre lenzo de gran tamaño pintado por Tiziano Vecellio, coñecido como Tiziano, a primeiros do século XVI cando só contaba con 25 anos de idade. Corresponde ó estilo artístico do Renacemento italiano do Cinquecento, pero dentro da escola de Venecia que desenvolve unha pintura de personalidade propia.
O encargo débese a un político veneciano por mor da súa voda como regalo á noiva. O seu escudo aparece na fonte.
A escena con dúas mulleres, en realidade a mesma, e un neno, ten carácter alegórico con influencia do neoplatonismo, contrapón o amor humano e o amor divino. Sen embargo este non foi o título orixinal da obra, sendo o primeiro, entre outros dos que recibiu, Beleza sen ornamento e beleza ornamentada.
Tiziano comezou a formarse no taller dos irmáns Bellini e logo con Giorgione quen foi fundamental na configuración da súa personalidade artística.
Cun estilo que evolucionou ó longo da súa prolongada traxectoria artística, cultivou todo tipo de temas, mitolóxicos, alegóricos ou relixiosos, pero destaca especialmente nos retratos pois neles logra reflectir tanto os trazos físicos coma os psicolóxicos. Crea ademais un novo modelo de retrato, o de corpo enteiro (á dereita, Carlos V) e retoma o retrato ecuestre no de Carlos V na batalla de Mühlberg. Como retrato de aparato, a figura enmarcase nunha paisaxe ou en ricos interiores que adquiren tanta relevancia como o mesmo retratado, sempre coa finalidade de amosar o seu poder.
A súa paleta evolucionou en composicións máis dinámicas cunha factura cada vez máis solta e pastosa, de manchas, aplicada cunha liberdade cada vez máis expresionista.
Tivo un altísimo recoñecemento social nas cortes europeas, chegando a ser ennobrecido por Carlos V que tamén o nomeou pintor de corte.
Entre as súas obras máis coñecidos, a parte da que estamos a tratar, habería que citar .... a Venus de Urbino.


CONTEXTO


Despois de Florencia e Roma, o centro artística pasa a ser Venecia, especialmente despois do saqueo de Roma no ano 1527. A próspera cidade medrara grazas ó comercio con Oriente con quen mantiña estreitas relacións.
A adopción do estilo do Renacemento foi aquí máis tardía, pero cando o fixo deulle ó estilo un novo esplendor. Na pintura, o estilo veneciano está claramente definido polo protagonismo da cor aplicada con intensidade, luminosidade e moi empastada.
Se os pintores florentinos buscaron o verismo no dominio do debuxo, na perspectiva e no volume, os venecianos comprenderon que a cor era algo mais que un elemento enriquecedor das formas, que era parte da mesma luz e da realidade mesma.
Os fundamentos desta visión hai que buscalos na súa proximidade con Oriente e a arte bizantina. Alí tamén está a orixe da luz cálida e dourada, o gusto polos obxectos e animais exóticos, a plasmación do luxo e da opulencia a través da riqueza das telas ou do brillo dos vidros, a sensualidade dos corpos nus.
Característico resulta así mesmo a introdución de elementos secundarios ou anecdóticos que adquiren ás veces a mesma relevancia que o tema principal. Tanto como a intelixencia da construción interesan as emocións da alma.
Xunto con estas novidades pictóricas, os artistas venecianos perfeccionaron a técnica do óleo e substituíron paulatinamente a táboa como soporte polo lenzo, moito máis dúctil e manexable
O principal representante é sen dúbida Tiziano, sen esquecer a importancia da arquitectura de Palladio e a pintura de Giorgione, Veronés ou Tintoretto, sendo este xa preludio da estética barroca.
A pintura veneciana terá marcada influencia na pintura barroca e particularmente na española do XVII.


ANÁLISE


Sobre unha ampla paisaxe de fondo con luz de solpor, dispostas en primeirísimo plano dúas figuras femininas se apoian sobre unha fonte de pedra en forma que recorda un sarcófago decorado con relevos e o escudo da familia da esposa.
A xove da esquerda ricamente ataviada cun ampuloso traxe branco de mangas vermellas e luvas nas mans, está sentada a carón dun vaso de ouro e xemas preciosas e flores, que representan a codicia e o perecedoiro da vida. A coroa de mirto sobre o cabelo solto e as flores da man poden levar a pensar que representa a noiva. Adopta unha actitude reservada mentres dirixe a mirada ó espectador facéndoo participe dos feitos.
No outro lado, a moza espida e a medias cuberta por un branco lenzo e un manto vermello voado, senta no petril sostendo en alto unha lámpada acesa símbolo da luz, do coñecemento, do racional e do eterno. Con melancolía e comprensión mira desde o alto a muller vestida. A súa posición máis erguida outórgalle maior vitalidade
No centro, Cupido alleo á todo xoga coa auga da fonte, a fonte da vida, se ben nun sarcófago signo de morte. Pode interpretarse como a conexión entre ceo e terra, o divino e o humano, o espiritual e o material, en definitiva o amor dual terreal e divino que move as accións humana.

Na paisaxe da esquerda montañosa e sombría adiviñase unha fortaleza, e preto da muller vestida dúas lebres ou coellos, símbolo da fertilidade. Na dereita unha planicie máis luminosa e bucólica cun lago e unha igrexa, combínanse tres escenas, unha de caza con dous xinetes e uns cans perseguindo unha lebre ou coello; unha escena pastoril cun rabaño e o seu pastor; unha escena de galanteo cunha parella de namorados. Dúas naturezas representativas da sociedade humana e transitoria e da sociedade celestial e duradeira.
Nun marco espacial tan amplo Tiziano non renuncia ó detallismo que se pode observar na roseira da fonte ou nas miúdas flores de mirto da coroa, nin esquece as texturas do mármore, do metal ou das telas.
A composición chea de serenidade expresiva resulta equilibrada no seu desenvolvemento horizontal a modo dun friso. As dúas metades, aínda que non exactamente iguais, están visualmente compensadas e veñen resultar perfectamente simétricas. O eixe central reforzado pola masa arbórea e pola disposición diagonal de ambas mulleres, divide a obra en dúas metades cada unha coa súa figura e a súa propia paisaxe. Diagonais que se repiten noutros elementos -a montaña, a masa arbórea, o brazo da muller vestida,..- pero a horizontalidade central da fonte en primeiro plano e da paisaxe detrás, estabiliza o conxunto.
Agora ben, dentro da harmonía todo son contrastes. Ambas figuras diverxen na disposición de diagonais contrapostas, opóñense no significado e na volumetría, aínda que o peso visual do amplo traxe da esquerda está compensado polo vermello do manto na esquerda. Contrastados son tamén, como xa se indicou, o significado da fonte e os trazos das paisaxes moralizantes da natureza que enmarca a escena.
Desde o fondo unha luminosidade que parte da dereita expándese sobre toda a superficie converténdose xunto coa cor en protagonista da obra, unha cor brillante aplicada en veladuras con ton sobre ton, ó modo veneciano.
Esta interpretación tradicional como amor sacro e profano, segue a ser debatida e sometida a continúas revisións.
Xa nesta obra de xuventude se percibe que, fronte ós pintores do clasicismo renacentista, Tiziano abandona o interese pola perspectiva e o equilibrio da composición que defendía Leonardo, da preferencia á cor e á luz fronte ó debuxo ó modo de Rafael e Miguel Anxo e realza a importancia das paisaxes.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir