Amosando publicacións coa etiqueta Tiziano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tiziano. Amosar todas as publicacións

29/08/17

TIZIANO, Amor sacro e amor profano




CATALOGACIÓN


Óleo sobre lenzo de gran tamaño pintado por Tiziano Vecellio, coñecido como Tiziano, a primeiros do século XVI cando só contaba con 25 anos de idade. Corresponde ó estilo artístico do Renacemento italiano do Cinquecento, pero dentro da escola de Venecia que desenvolve unha pintura de personalidade propia.
O encargo débese a un político veneciano por mor da súa voda como regalo á noiva. O seu escudo aparece na fonte.
A escena con dúas mulleres, en realidade a mesma, e un neno, ten carácter alegórico con influencia do neoplatonismo, contrapón o amor humano e o amor divino. Sen embargo este non foi o título orixinal da obra, sendo o primeiro, entre outros dos que recibiu, Beleza sen ornamento e beleza ornamentada.
Tiziano comezou a formarse no taller dos irmáns Bellini e logo con Giorgione quen foi fundamental na configuración da súa personalidade artística.
Cun estilo que evolucionou ó longo da súa prolongada traxectoria artística, cultivou todo tipo de temas, mitolóxicos, alegóricos ou relixiosos, pero destaca especialmente nos retratos pois neles logra reflectir tanto os trazos físicos coma os psicolóxicos. Crea ademais un novo modelo de retrato, o de corpo enteiro (á dereita, Carlos V) e retoma o retrato ecuestre no de Carlos V na batalla de Mühlberg. Como retrato de aparato, a figura enmarcase nunha paisaxe ou en ricos interiores que adquiren tanta relevancia como o mesmo retratado, sempre coa finalidade de amosar o seu poder.
A súa paleta evolucionou en composicións máis dinámicas cunha factura cada vez máis solta e pastosa, de manchas, aplicada cunha liberdade cada vez máis expresionista.
Tivo un altísimo recoñecemento social nas cortes europeas, chegando a ser ennobrecido por Carlos V que tamén o nomeou pintor de corte.
Entre as súas obras máis coñecidos, a parte da que estamos a tratar, habería que citar .... a Venus de Urbino.


CONTEXTO


Despois de Florencia e Roma, o centro artística pasa a ser Venecia, especialmente despois do saqueo de Roma no ano 1527. A próspera cidade medrara grazas ó comercio con Oriente con quen mantiña estreitas relacións.
A adopción do estilo do Renacemento foi aquí máis tardía, pero cando o fixo deulle ó estilo un novo esplendor. Na pintura, o estilo veneciano está claramente definido polo protagonismo da cor aplicada con intensidade, luminosidade e moi empastada.
Se os pintores florentinos buscaron o verismo no dominio do debuxo, na perspectiva e no volume, os venecianos comprenderon que a cor era algo mais que un elemento enriquecedor das formas, que era parte da mesma luz e da realidade mesma.
Os fundamentos desta visión hai que buscalos na súa proximidade con Oriente e a arte bizantina. Alí tamén está a orixe da luz cálida e dourada, o gusto polos obxectos e animais exóticos, a plasmación do luxo e da opulencia a través da riqueza das telas ou do brillo dos vidros, a sensualidade dos corpos nus.
Característico resulta así mesmo a introdución de elementos secundarios ou anecdóticos que adquiren ás veces a mesma relevancia que o tema principal. Tanto como a intelixencia da construción interesan as emocións da alma.
Xunto con estas novidades pictóricas, os artistas venecianos perfeccionaron a técnica do óleo e substituíron paulatinamente a táboa como soporte polo lenzo, moito máis dúctil e manexable
O principal representante é sen dúbida Tiziano, sen esquecer a importancia da arquitectura de Palladio e a pintura de Giorgione, Veronés ou Tintoretto, sendo este xa preludio da estética barroca.
A pintura veneciana terá marcada influencia na pintura barroca e particularmente na española do XVII.


ANÁLISE


Sobre unha ampla paisaxe de fondo con luz de solpor, dispostas en primeirísimo plano dúas figuras femininas se apoian sobre unha fonte de pedra en forma que recorda un sarcófago decorado con relevos e o escudo da familia da esposa.
A xove da esquerda ricamente ataviada cun ampuloso traxe branco de mangas vermellas e luvas nas mans, está sentada a carón dun vaso de ouro e xemas preciosas e flores, que representan a codicia e o perecedoiro da vida. A coroa de mirto sobre o cabelo solto e as flores da man poden levar a pensar que representa a noiva. Adopta unha actitude reservada mentres dirixe a mirada ó espectador facéndoo participe dos feitos.
No outro lado, a moza espida e a medias cuberta por un branco lenzo e un manto vermello voado, senta no petril sostendo en alto unha lámpada acesa símbolo da luz, do coñecemento, do racional e do eterno. Con melancolía e comprensión mira desde o alto a muller vestida. A súa posición máis erguida outórgalle maior vitalidade
No centro, Cupido alleo á todo xoga coa auga da fonte, a fonte da vida, se ben nun sarcófago signo de morte. Pode interpretarse como a conexión entre ceo e terra, o divino e o humano, o espiritual e o material, en definitiva o amor dual terreal e divino que move as accións humana.

Na paisaxe da esquerda montañosa e sombría adiviñase unha fortaleza, e preto da muller vestida dúas lebres ou coellos, símbolo da fertilidade. Na dereita unha planicie máis luminosa e bucólica cun lago e unha igrexa, combínanse tres escenas, unha de caza con dous xinetes e uns cans perseguindo unha lebre ou coello; unha escena pastoril cun rabaño e o seu pastor; unha escena de galanteo cunha parella de namorados. Dúas naturezas representativas da sociedade humana e transitoria e da sociedade celestial e duradeira.
Nun marco espacial tan amplo Tiziano non renuncia ó detallismo que se pode observar na roseira da fonte ou nas miúdas flores de mirto da coroa, nin esquece as texturas do mármore, do metal ou das telas.
A composición chea de serenidade expresiva resulta equilibrada no seu desenvolvemento horizontal a modo dun friso. As dúas metades, aínda que non exactamente iguais, están visualmente compensadas e veñen resultar perfectamente simétricas. O eixe central reforzado pola masa arbórea e pola disposición diagonal de ambas mulleres, divide a obra en dúas metades cada unha coa súa figura e a súa propia paisaxe. Diagonais que se repiten noutros elementos -a montaña, a masa arbórea, o brazo da muller vestida,..- pero a horizontalidade central da fonte en primeiro plano e da paisaxe detrás, estabiliza o conxunto.
Agora ben, dentro da harmonía todo son contrastes. Ambas figuras diverxen na disposición de diagonais contrapostas, opóñense no significado e na volumetría, aínda que o peso visual do amplo traxe da esquerda está compensado polo vermello do manto na esquerda. Contrastados son tamén, como xa se indicou, o significado da fonte e os trazos das paisaxes moralizantes da natureza que enmarca a escena.
Desde o fondo unha luminosidade que parte da dereita expándese sobre toda a superficie converténdose xunto coa cor en protagonista da obra, unha cor brillante aplicada en veladuras con ton sobre ton, ó modo veneciano.
Esta interpretación tradicional como amor sacro e profano, segue a ser debatida e sometida a continúas revisións.
Xa nesta obra de xuventude se percibe que, fronte ós pintores do clasicismo renacentista, Tiziano abandona o interese pola perspectiva e o equilibrio da composición que defendía Leonardo, da preferencia á cor e á luz fronte ó debuxo ó modo de Rafael e Miguel Anxo e realza a importancia das paisaxes.






29/01/12

TIZIANO

-VENUS DE URBINO 


CATALOGACIÓN

Autor: Tiziano 
Estilo: pintura Renacemento italiano. Escola veneciana 
Técnica: Óleo sobre lenzo 
Localización: Galería Uffizi. Florencia. Italia 
Cronoloxía: 1538 (S.XVI) 
É o máximo representante do clasicismo do Cinquecento veneciano. Despois de Florencia e Roma, o centro artístico pasa a ser Venecia. A próspera cidade medrara grazas ao comercio con Oriente, con que mantiña estreitas relación. A adopción do Renacemento foi aquí máis tardía, pero cando o fixo deulle ao estilo un novo esplendor. Na pintura, o estilo veneciano estará claramente definido polo protagonismo da cor aplicada con intensidade, luminosidade e moi empastada. O principal represetante será sin duda Tiziano (aínda que o movemento o iniciou o seu mestre Giorgione e él renovou cunhas composicións máis monumentais empregando cores suntuosas e brillantes). Tratou novos temas vinculados á mitoloxía e á alegoría, así como o retrato do que foi un verdadeiro mestre. 
A maior fama de Tiziano estribou nos seus retratos. As grandes Cortes europeas rivalizaban por conseguir contratar ao artista. Fíxose famoso chegando a traballar para os Austrias españois (Carlos I e Felipe II). Abundan modelos iconográficos como retratos de medio corpo ou de corpo enteiro ante fondos neutros ou en escenarios. A aproximación ao manierismo non chegou a imponerse completamente na súa obra, pero sí progresivamente vai facéndose máis libre no uso da cor e a expresión presente nos seus retratos, algo que influirá posteriormente nos pintores barrocos (Velázquez) 

CONTEXTO

(...)

ANÁLISE

Estamos ante unha das obras máis espectaculares de Tiziano, realizada durante a súa estadía na Corte de Urbino, por encargo de Guidobaldo della Rovere, fillo do duque de Urbino. Exisen diversas interpretacións. O cadro tense interpretado como unha alegoría nupcial en clave neoplatónica, un retrato da esposa de Guidobaldo, ou sinxelamente o retrato dunha coñecida cortesana da cidade. Ningunha das interpretacións é universalmente aceptada, o que incrementa o misterio do lenzo. 
A escena está ambientada no interior dunha rica edificación palaciega. A obra representa a unha figura feminina moi sensual que aparece espida nun luxoso leito vermello, cuberta cunha sábana branca.. Somentes ten unha pulseira de brazalete e uns pendentes de lágrima. Na súa man dereita leva un ramillete de flores mentras que coa súa esquerda cobre o seu pubis, que é o centro do cadro.. Os seus cabelos loiros caen sobre os seus hombreiros, creando unha figura de evidente clave erótica. No primeiro plano, a xoven dirixe a súa mirada ao espectador con certa provocación. 
Aos seus pés un canciño descansa plácidamente, unha presenza nada banal xa que o can descarta a posibilidade de asemellar a xoven cunha deusa: faina carnal, humana. A súa simboloxía relaciónase coa fidelidade, aínda que neste caso, que aparece dormido, pódese interpretar como un guiño ao adulterio. 
Ao fondo, nunha estancia contigua, dúas sirvientas rebuscan nun arcón ropero de tipo nupcial. Na dita estancia hai un ventanal que permite ver o exterior e unha árbore.
O realismo da composición ven marcado polo gran detallismo co que o autor plasma cada detalle. A estancia está ricamente decorada, as baldosas coidadosamente colocadas guían a mirada hacia a segunda estancia e a columna do ventanal actúa como punto de fuga. A composición aparece dominada pola figura horizontal da xoven que contrasta coa verticalidade da cortina que pecha o lado dereito e a columna do ventanal. 
A cor, aplicada con gran maestría, fai de Tiziano un dos mellores representantes da escola veneciana. A cor clara e cálida das carnes da xoven, iluminada por un potente foco de luz ,producen unha sensación de sensual indolencia, realzada co contraste co oscuro do fondo e o colchón. Tamén contrasta coa cortinaxe e coa paleta máis fría e escura das sirvientas. Todo fai destacar á xoven espida, disposta nuha elegante liña oblicua. 
A Venus de Urbino alónxase do idealismo característico do Renacemento italiano. Tiziano representa a Venus desperta, consciente e orgullosa da súa beleza e da súa desnudez, ao tempo que pasiva e sumisa. Trataríase dunha representación real dalgunha muller concreta, de carne e óso, nada nela evoca o lado “divino” da deusa. 
Probablemente Tiziano inspirouse na “Venus dormida” de Giorgione, agora situada nun interior. Ademais a súa obra é moito máis contemporánea e desvinculada das premisas renacentistas: a Venus de Giorgione é unha auténtica deusa, mentras que Tiziano plasma a unha muller real. A maestría e calidade da obra farán que sexa modelo e inspiración para Goya e a súa “Maja desnuda” ou a “Olimpia” de Manet 




- CARLOS V NA BATALLA DE MÜHLBERG


CATALOGACIÓN

Óleo sobre lenzo pintado por Tiziano Vecellio, coñecido como Tiziano, a medidos do século XVI sendo unha obra de madurez. Corresponde ó estilo artístico do Renacemento italiano do Cinquecento, pero dentro da escola de Venecia que desenvolve unha pintura de personalidade propia.
Tratase dun retrato ecuestre do Emperador Carlos V, encargada por el mesmo, ou pola súa irmá María de Hungría, un ano despois da vitoria sobre os protestantes unidos na Liga de Smalkalda, en abril de 1547 en Mühlberg.
Como celebración do triunfo da fe católica sobre a protestante, a obra ten carácter propagandístico, ó servizo do poder.
Consérvase no Museo do Prado de Madrid.
Tiziano comezou a formarse no taller dos irmáns Bellini e logo con Giorgione quen foi fundamental na configuración da súa personalidade artística.
Cun estilo que evolucionou ó longo da súa prolongada traxectoria artística, cultivou todo tipo de temas, mitolóxicos, alegóricos ou relixiosos, pero destaca especialmente nos retratos pois neles logra reflectir tanto os trazos físicos coma os psicolóxicos. Crea ademais un novo modelo de retrato, o de corpo enteiro (á dereita, Carlos V) e retoma o retrato ecuestre no de Carlos V na batalla de Mühlberg. Como retrato de aparato, a figura enmarcase nunha paisaxe ou en ricos interiores que adquiren tanta relevancia como o mesmo retratado, sempre coa finalidade de amosar o seu poder.
A súa paleta evolucionou en composicións máis dinámicas cunha factura cada vez máis solta e pastosa, de manchas, aplicada cunha liberdade cada vez máis expresionista.
Tivo un altísimo recoñecemento social nas cortes europeas, chegando a ser ennobrecido por Carlos V que tamén o nomeou pintor de corte.
Entre as súas obras máis coñecidos, a parte da que estamos a tratar, habería que citar .... a Venus de Urbino....

CONTEXTO


Despois de Florencia e Roma, o centro artística pasa a ser Venecia, especialmente tras do saqueo de Roma no ano 1527. A próspera cidade medrara grazas ó comercio con Oriente con quen mantiña estreitas relacións.
A adopción do estilo do Renacemento foi aquí máis tardía, pero cando o fixo deulle ó estilo un novo esplendor. Na pintura, o estilo veneciano está claramente definido polo protagonismo da cor aplicada con intensidade, luminosidade e moi empastada.
Se os pintores florentinos buscaron o verismo no dominio do debuxo, na perspectiva e no volume, os venecianos comprenderon que a cor era algo mais que un elemento enriquecedor das formas, que era parte da mesma luz e da realidade mesma.
Os fundamentos desta visión hai que buscalos na súa proximidade con Oriente e a arte bizantina. Alí tamén está a orixe da luz cálida e dourada, o gusto polos obxectos e animais exóticos, a plasmación do luxo e da opulencia a través da riqueza das telas ou do brillo dos vidros, a sensualidade dos corpos nus.
Característico resulta así mesmo a introdución de elementos secundarios ou anecdóticos que adquiren ás veces a mesma relevancia que o tema principal. Tanto como a intelixencia da construción interesan as emocións da alma.
Xunto con estas novidades pictóricas, os artistas venecianos perfeccionaron a técnica do óleo e substituíron paulatinamente a táboa como soporte polo lenzo, moito máis dúctil e manexable
O principal representante é sen dúbida Tiziano, sen esquecer a importancia da arquitectura de Palladio e a pintura de Giorgione, Veronés ou Tintoretto, sendo este xa preludio da estética barroca.
A pintura veneciana terá marcada influencia na pintura barroca e particularmente na española do XVII.

ANÁLISE

O retrato entronca directamente co mundo clásico romano a través do retrato ecuestre de Maro Aurelio, pero o modelo xa se fora retomado no Renacemento do Quattrocento italiano por Donatello no Gattamelata (que xa tratamos) e por Verrocchio no Colleoni. En todos estes casos tratábase de obras de escultura exenta e con carácter funerario, pero tamén había precedentes pictóricos no Trecento en obras de Simone Martini e de Paolo Uccello
Dende esa tradición clásica presenta a Carlos V coma un emperador romano sumandolle a significación de heroe do catolicismo, un soldado de Cristo que triunfa sobre os protestantes. A función está polo tanto clara, inmortalizar o emperador no momento da súa vitoria e así reforzar o seu prestixio [parece ser que remedando a Xulio César -veni, vidi,vinci-, o Emperador dixo: cheguei, vin e Deus venceu].
Pero a este fin no precisa engadir elementos simbolicamente claros, basta con insinualos. O emperador coa súa armadura (a que verdadeiramente utilizou na batalla e que se conserva no Palacio Real) constitúe por si mesmo a imaxe simbólica. Así o reflicte a súa presenza solitaria, en posición erguida sobre o cabalo, a decidida mirada dirixida á fronte, a firmeza coa que empuña a lanza e o control exercido coas rendas suxeitas na man esquerda sobre o cabalo coa cabeza sometida. Hai pois a enerxía de quen detenta con seguridade o poder pero a ausencia de expresión no rostro resalta a idea dun emperador estoico e pacífico, maxestoso e sereno, aínda coas sinais de cansancio que amosa o seu pálido rostro.
O punto de vista baixo realza a figura soa, recortada sobre a paisaxe boscosa e as ribeiras lamacentas do Elba, que avanza desde a esquerda, a zona máis escura, á dereita, espazo aberto onde domina a luz vermella de solpor que lle da un certo tono de recollemento e tamén de soidade. A clara diagonal da lanza subliña o sentido da composición, unha composición clara e equilibrada.
A luz natural crepuscular domina a escena e crea todo un xogo de contrastes de cores que se alternan con múltiples matices de sombras. A perspectiva aérea fai que se acumulen no fondo as gamas frías de verdes e azuis sobre as que destacan os vermellos da manta do cabalo, da banda do emperador e dos penachos así como os brillos metálicos da armadura de ouro e prata, contrastando co a palidez do rostro do emperador, un home xa enfermo que mantén aínda un punto de determinación e seguridade.
Tiziano aplica a calidade da cor veneciana a grandes pinceladas soltas, con veladuras de capa sobre capa, deixando as formas indefinidas (penachos, árbores) pero cun coidado tratamento de texturas (metal, plumas, pel).
Este retrato ecuestre converteuse en modelo que terá importantes seguidores, desde Rubens (duque de Lerma) a Velázquez (Filipe IV, conde-duque de Olivares, príncipe Baltasar Calos) e Goya (xeneral Palafox, Carlos IV) ata David (Napoleón).




CURIOSIDADES: LENZO DENTRO DO LENZO
A tribuna dos Ufizzi é obra de Johann Zoffany (1733-1810), neoclásico de orixe alemán que basicamente desenvolveu a súa carreira en Inglaterra.
Representa un grupo de aristócratas ingleses admirando as obras acumuladas polos Medici. Trátase dun encargo real, xa que se os reis non podían facer o Grand Tour -viaxe cultural que se puxo de moda entre a aristocracia do séulo XVII-, verían os orixinais conservados en Italia a través da súa representación pictórica.
En primeiro plano, A Venus de Tiziano
Todas as obras que recolle o lenzo, e que van desde a Antigüidade ata o presente, son obras reais propiedade da poderosa familia florentina.
¿Serías capaz de recoñecer algunha delas?




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir