Viveiro, Pedro Poderoso, 1548
Esbozo da ponte, levantado en 1702 por Castro Canseco A construción comezara no século XV Á esquerda, a capela da Misericordia |
Lado dereito, Puerta Real de la villa
|
Tras do catastrófico incendio de 1540, o Consistorio encarga unha nova porta no 1554 sufragando o custo cos diñeiros das penas de cámara por caloñas (penas pecuniarias por delitos e faltas) e coas exencións fiscais outorgadas pola monarquía.
Pouco se sabe de Pedro Poderoso, si que non era natural de Viveiro pois o contrato polo seu traballo inclúe o pago de pousada. Tamén descoñecemos se a obra responde a planos propios ou alleos.
Á que un vello documento se refire como "portada de esta villa en la puerta del puente" é unha construción conmemorativa a modo de arco triunfal na honra de Carlos V vinculándoo con Hércules, realizada en cantería de granito.
Estilisticamente responde a formulacións plateresco-manieristas que rompen coa sinxeleza do clasicismo, aínda bebendo de elementos das fortificacións -torreóns, troneiras e almeas-, pero xa sen o carácter funcional daquelas.
De planta rectangular, o alzado frontal presenta tres corpos delimitados por semicolumnas adosadas rematadas en pináculos cónicos, tipo que se repite no eixo central
O primeiro corpo, de carácter cívico, arranca sobre un pequeno basamento en relevo reticulado que recorda o opus reticulatum de Alberti no Palacio Rucellai
Sobre pilastras oitavadas -basa e capitel de imposible identificación dado o deterioro do granito- levántase o acceso a través dun arco de medio punto de grandes doelas e molduras no intradorso, con relevos na clave e nos arranques, apúntase que o da clave correspondería á figura de Hércules apoiado na clava.
As semicolumnas laterais divídense á mesma altura das pilastras, por medio dun capitel similar ó que sustenta o arco. Pola contra, no seu remate carecen de capitel
Nas enxutas do arco, os escudos de Galicia cos cinco copóns (esquerda) e de Viveiro co león sobre ponte de cinco arcos (dereita) encadrados entre molduras, individual a primeira e continua a segunda de separación dos dous corpos, e unhas columniñas abalaustradas nos lados, a modo de capiteis contan con sendos cantharos que se sitúan xa no segundo corpo.
O segundo corpo, dedicado á gloria do emperador, presenta con grande relevancia e no centro, unha estrutura arquitectónica que arranca sobre ménsulas entre as que se sitúa a inscrición conmemorativa: HIZOSE ESTA P[UERTA] SIENDO / CORREGIDOR EL LICENCIADO / CARASA DE TORDESILLAS. Continúa con dúas pilastras con relevos moi perdidos, entre as que se ubica o escudo imperial: aguia bicéfala e coroa imperial, acuartelado cos brasóns de Castela, León, Granada, Aragón, Navarra, Nápoles, Austria, Borgoña, Sicilia Tirol, Bravante e Flandres, bordeado polo Toisón entre as columnas de Hércules.
Un pequeno corpo superior, a modo de friso, entre capiteis apoiados nunha arquitrabe de ovas e frechas da paso ó frontón triangular en cuxo tímpano se insire o busto do emperador con coroa e cetro.
No alto catro bustos, dous a cada lado, de distinta interpretación: para uns serían alusión ás Catro Liñaxes de Viveiro (Páez de Cora, Alfeirán, Vizoso e Gallo, encargados por Don Pelaio de defender a cidade) posuidores de privilexios e dereitos recoñecidos; para outros serían guerreiros defensores da monarquía, personaxes exemplares da Antigüidade, heroes mitolóxicos. A primeira interpretación resulta moi improbable dado que as dúas figuras da esquerda son femininas e as da dereita masculinas.
As semicolumnas que continúan as do nivel inferior contan cunha basa de moldura sogueada e un capitel de molduras cilíndricas
O corpo superior, sobre cornixa moldurada, ven dado por un parapeto aberto en pequenas troneiras en forma de pechadura. Sobre el, un total de seis almeas, igualmente abertas en troneiras -con relevos as centrais-, rematadas en acróteras con bustos de guerreiros as centrais e decoración en filigrana as catro restantes. Rematan as semicolumnas que partían do chan en pináculos ós que se suma un terceiro central.
Nos flancos laterais senllas almeas similares ás frontais e desaugadoiros, en gárgola no lado esquerdo
O paso realízase baixo bóveda de canón que acolle un retablo coa talla de san Roque procedente da Casa Real, residencia dos Corrixidores ata 1876, ano en que foi derrubada da súa ubicación nun dos lados da Praza Maior
A cara interior carente de ornamento, prolóngase lateralmente, de xeito máis notorio na cara sur onde se sitúa unha sinxela porta alintelada e unha escaleira de caracol, é o acceso ata a azotea do alto, hoxe convertida nunha estancia.
Imaxe de San Roque procedente da Casa Real, residencia dos Corrixidores ata 1876, ano en que foi derrubada
foi elixida como sé dos xogos que se celebraban cada catro anos.