26/04/25

Deseño téxtil



A conexión da arte e a moda xa vimos como se ten materializado da man de diferentes deseñadores, tratábamos entón o modo no que as obras ou os estilos inspiraban o deseño. Pero hai outras conexións: o artista realiza o deseño gráfico para o tecido. Esta modalidade comezou a primeiros do século XX e mantívose no tempo.

Con motivo da exposición "Textiles de Artista" celebrada na Fundación Barrié de la Maza no ano 2022, facemos unha revisión de esa colaboración entre deseño e industria.
Unha primeira aproximación tivo lugar no taller londinense Omega Workshops, un taller creativo de deseño aplicado a todo tipo de produtos, fundado por Roger Fry, artista e crítico, e onde tamén se integraron Vanessa Bell ou Duncan Grant, todos pertencentes ao grupo de Bloonsbury. 
O taller tiña por obxectivo revalorizar as artes decorativas achegando arte e deseño, ao tempo que aportaba unhas libras aos escasos recursos económicos dos artistas. As obras non se firmaban, só incluían a letra omega, pois o valor da peza estaba na súa estética e non na sinatura  do artista e a súa sona
A súa vida foi curta, creado no 1913, os altos prezos dos produtos e as disensións internas levaron ao peche no 1919 e aínda así deu tempo á creación de todo tipo de artigos de moda e para o fogar (mobles, alfombras, lámpadas, biombos, cerámicas...) cunha estética elegante e cores estridentes de influencia postimpresionista. En palabras de Fry:
Xa é hora de que o espírito de diversión se introduza nos mobles e nos tecidos.
Temos sufrido demasiado tempo o aburrido e estúpidamente serio.



Deseños de Robert Fry


Deseños de Vanessa Bell


Deseños de Duncan Grant

O "rei da moda", Paul Poiret foi o pioneiro en convocar artistas para realizar os deseños téxtiles. El mesmo, mecenas das artes, consideraba que ambos mundos non só eran vasos comunicantes senón que  constituían  unha unidade indisoluble
¿Son parvo cando soño poñer arte nos meus vestidos, un parvo cando digo que a confección é unha arte? Porque sempre amei os pintores e sentinme atraído por eles.


Raoul Dufy
, entre fauvista e cubista, colorista, luminoso e alegre, foi o pioneiro nos anos 20 converténdose nun exitoso deseñador téxtil superando os 5.000 patróns gráficos, planos e abstractos ou figurados. Con Poiret montou unha pequena empresa de estampación de tecidos, La Petite Usine, onde se empregaban selos de madeira para imprimir os deseños. 
Dominan os motivos florais e vexetais de grande tamaño pero tamén se mesturan figuras para crear escenas de caza ou de tenis. Os deseños serviron tanto para a confección de traxes coma para tapicerías ou papel de parede, soportes que permitían maior liberdade temática.


 

Andy Warhol
que comezara como ilustrador de zapatos -como vimos fai anos-, de tarxetas de nadal, obxectos de papelería..., realizou tamén deseños téxtiles  nos anos 50 e primeiros 60. 
Nestes patróns xa asoma o estilo desenfadado, a preferencia polos obxectos decotío, o debuxo de liña borrosa.




Sonia Delaunay
plasmou o seu estilo en patróns xeométricos sen elementos figurativos, no que ela denominou "simultaneísmo"(unha especie de patchword de cores contrastadas), técnica que comezou cunha manta de retallos de tecidos para seu fillo acabado de nacer. Foi unha artista e unha muller singular nun mundo de dominio masculino. Formada na súa Rusia natal, instalouse en París cando na cidade estaban en plena ebulición as vangardas. O seu estilo, ademais da pintura órfica, bebe doutras fontes sexa o dadaísmo, ou a abstracción. Durante a I Guerra Mundial, o matrimonio Sonia e Robert Delaunay, seu marido, instaláronse na Península Ibérica desde onde colaborou nos vestiarios dos Ballets Rusos, pero foi en Madrid onde comezou o éxito como deseñadora de prendas de vestir e complementos, deseños téxtiles e obxectos de decoración. Era moda para unha muller moderna, atrevida que precisa prendas para actividades deportivas, para viaxar ou para ir á praia. Os deseños téxtiles combinaban liñas e formas xeométricas, có tempo pasou a incluír flores e outros elementos esquematizados.


Henry Moore
introduciuse no deseño téxtil nos anos 40 e os primeiros dos 50. Os seus deseños combinaban obxectos non moi usuais en vivas cores pero tamén aparecen formas escultóricas que caracterizan a súa obra.
Na web da Fundación Moore pódese afondar  no seu traballo e as influencias posteriores. En todo caso, os patróns son demostración da súa versatilidade e imaxinación.


Nos Estados Unidos na década dos 50, a firma téxtil Fuller Fabrics Company baixo a consigna "teñamos arte na industria" elixiu cinco artistas distinguidos para colaborar nos deseños de tecidos: Picasso, Miró, Dalí, Chagall e Dufy. O resultado foi a recoñecida Modern Master Series, unha colección que o presidente da empresa, en contacto cos artistas, seleccionou os motivos de obras súas para levalos á estampación  e producilos en masa.

  • Picasso, que tocou todos os paus artísticos, tampouco se resistiu ao deseño de téxtiles. Neles encontramos a maioría de elementos quen tanto repetir: touros e toureiros, naturezas mortas, arlequíns, faunos....


  • Dalí resulta ben recoñecible nos elementos das tramas: ósos, rochas ou teléfonos, dispostos en perspectiva nun pano que denominou "Number Please?"

  • Miró. As formas abstractas e infantís, os signos caligráficos e o emprego de cores primarias, definen o seu estilo.
  • Leger iniciouse no deseño téxtil na década de 1920 acadando grande popularidade tanto nos Estados Unidos como en Europa, as pezas foron moi eloxiados polo uso da cor, pola elegancia e a modernidade das formas xeometrizadas.



  • Chagall aplicou o seu estilo de formas líricas e oníricas en tapices, tecidos e panos de cabeza en seda, roupa do fogar.... As formas de liñas fluídas e curvilíneas e a simplicidade do deseño transmitían alegría, amor, espiritualidade..


Igualmente é preciso destacar o artista pioneiro da arte poo por Eduardo Paolozzi, xunto có fotógrafo Nigel Henderson, fundaron unha empresa de deseño de papeis pintados, cerámicas e téxtiles, Hammer Prints Ltd, moito máis radicais nas súas formas. Os deseños partían de mostras de cultura popular, de fontes etnográfico-científicas ou de obxectos encontrados


Pero tamén de creacións de grandes artistas

Calder
Calder
Matisse
Matisse

Na mesma época dos anos 50 e 60, a compañía británica Harrocks sumouse a integrar deseños de artistas plásticos como Graham Sutherland, e o mesmo Alastair Morton, pioneiro do modernismo en Gran Bretaña, que acabou por se integrarse na empresa téxtil familiar.
Alastair Morton
Alastair Morton
Alastair Morton
Graham Sutherland
Graham Sutherland
Graham Sutherland

Nos anos 80, a colaboración artística continuou e segue ata o presente
  • Howard Hodgkin para Designers Guild
  • Sterling Ruby, artista multidisciplinar, crea  tecidos con técnicas tradicionais de patchwork e colabora con deseñadores de moda. Abaixo: pano, colaboración con Raf Simons.
  • Damien Hirst, panos en colaboración con Alexander McQueen deseñou os famosos panos de caveiras e volvoretas. Con 30 deste panos  realizouse, no 201, para celebrar os 10 anos da icónica colección, a performance coreografiada que ves abaixo.

 



Rematamos coa artista británica, deseñadora de tecidos e de moda, Zandra Rhodes.
É recoñecida polos seus deseños extravagantes e vangardistas, de cores vibrantes, as formas exuberantes, divertidas.
A inspiración está en fontes moi diversas, desde o pop ao punk pasando pola Art Decó ou a cultura xaponesa.
Como unha icona mantense o deseño de barras de labios para a colección de Valentino no 2017. Nesta mesma colección, outra fonte de inspiración foi O Bosco. 











  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir