Amosando publicacións coa etiqueta Exposición Universal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposición Universal. Amosar todas as publicacións

29/04/22

París, 1937. Preludios e fugas dunha icona

UNHA EXPOSICIÓN


A Exposition Internationale des Arts et Techniques dans la Vie Moderne de 1937 celebrada en París, tiña como obxectivo mostrar como arte e tecnoloxía non eran campos opostos senón que ían da man, o fermoso e o útil serven ademais para promover a paz.
A situación política en Francia non era fácil, tampouco no resto de Europa. A Fronte Popular no goberno presidido por Léon Blum buscaba subliñar a identidade nacional incorporando as colonias e ao tempo erixirse como país libre á marxe dos extremismos triunfantes en Alemaña (Hitler), Italia (Mussolini) ou a Unión Soviética (Stalin). Fíxose necesaria unha forte inversión económica que foi respaldada polo éxito, inaugurada o 25 de maio (ata o 25 de novembro), contou con máis de 300 pavillóns, 52 países  e máis de 31.000 visitantes.
Francia modificou o espazo erguendo edificios novos que aínda se conservan como Palais Chaillot, o Palais d´Iéna, Palais de Tokyio, Palais de la Découverte. Os pavillóns estranxeiros máis impresionantes pola súa megalomanía e significación foron o da URSS e do Alemaña.
Baixo a premisa de tecnoloxía e arte, houbo pavillóns destinados á aeronáutica, á electricidade, ás obras públicas, aos descubrimentos científicos, mentres que a arte agrupouse nun museo de arte moderna amén da colaboración con obras de integradas nas distintas edificacións.
Na imaxe seguinte recóllese o legado arquitectónico (en verde) e sitúanse algúns dos pavillóns, obra de recoñecidos arquitectos, e as obras artísticas que contiñan.


UN PAVILLÓN

O goberno da República quixo que o Pavillón español servira de testemuña e de propaganda política para atraer o público á causa republicana e contra da guerra que o país estaba sufrir sen contar coa axuda internacional. Curiosamente tamén o goberno de Franco participou na Exposición colocando as súas mostras no Pavillón do Vaticano, situado xustamente enfronte.
O edificio, de traza racionalista case sen paredes, foi obra dos arquitectos  Josep Lluís Sert -discípulo de Le Corbusier-e Luis Lacasa. Constituía unha especie de contenedor de mostras artísticas de vangarda e de carácter reivindicativo. Houbo de levantarse a toda presa nun terreo irregular e con baixo presuposto.

A primeira planta con chan de esparto e acceso por unha escaleira exterior, era a principal, nela expoñíanse a mostra de artes plásticas, as seccións ministeriais e as tradicións populares. A planta inferior contiña un patio, que podía cubrirse electricamente cunha lona, con escenario, unha pequena biblioteca da causa republicana e unha galería co Guernica e a fonte de Calder.

Aínda que a Exposición se inaugurou no mes de maio, o Pavillón español non estivo listo ata o mes de xullo. Derrubouse ao rematar a Exposición, pero no ano 1992 aproveitando os Xogos Olímpicos fíxose unha reconstrución destinada a Centro de Estudos Históricos Internacionais e Biblioteca do Pavillón da República.

UNHA CONTRIBUCIÓN ARTÍSTICA


Dos artistas exilados, non se lobrou a colaboración Dalí. Ademais da exposición plástica houbo proxeccións de Buñuel, concertos, representacións teatrais, danzas rexionais, exposición de libros e artes populares, paneis dos logros ministeriais (educación, agricultura, patrimonio) conferencias ... 
Moi significativos foron as fotomontaxes de Josep Renau, recoñecido cartelista e publicista, e por entón Director Xeral de Belas Artes, foi el quen logrou a participación de Picasso e quen  se encargou do traslado do patrimonio artístico de Madrid a Valencia.

E por todas partes textos reivindicativos. A imaxe e os textos da fachada cambiaban cada quince días.

CONTRIBUCIÓN DE PICASSO

Ademais do Guernica, Picasso cedeu un total de cinco esculturas, catro cabezas de muller e a muller oferente. Desta última fixo despois unha versión en bronce a gran tamaño, que destinou á súa tomba no
Château de Vauvenargues.
Eran obras realizadas no taller de escultura que no 1930 montara en Boisgeloup, que se versionaron en cemento e colocaron no exterior e na exposición interior. Marie-Therese Walter, a súa parella do momento, foi a musa das obras.

Cedeu tamén pequeno e irónico lenzo "Retrato da marquesa do cu cristián botando un peso aos soldados mouros defensores da virxe" e doou as augafortes de "Sono e mentiras de Franco", unha especie de cómic de 18 viñetas. As estampacións venderíanse no Pavillón como axuda ao goberno da república.

UNHA ICONA: PRELUDIO E FUGAS

As relacións de Picasso co goberno da República, presidido por Azaña, eran moi boas como o demostra o ter sido nomeado en setembro do 36 director museo do Prado. Aceptou encantado aínda que realmente nunca chegou a tomar posesión do cargo -tampouco sería despois oficialmente destituído- nin apareceu por alí. Aínda así non foi substituído ata o remate da guerra civil,  cando o ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor, recoñecido retratista, pasou a ocupar o cargo.
En xaneiro do 37 -aínda que os contactos comezaran meses antes-, o goberno, a través de Renau, encargoulle unha obra para o Pavillón. Aceptou o encargo cobrando tan só os gastos derivados.
Pasaba o tempo e Picasso no decidía que obra facer, inicialmente pensou no tema "O taller: o artista e a modelo, pero a noticia na prensa francesa dos bombardeos sobre a poboación vasca de Guernica pola Lexión Cóndor alemá, ao servizo do bando nacional, o 26 de abril vai ser o detonante. A vila non era un obxectivo militar e carecía de defensas antiaéreas polo que a destrución foi máxima. A única intención do ataque foi sementar o terror entre a poboación civil. Aquela masacre foi o punto de partida para executar este gran lenzo no que converte o feito en símbolo da violencia, a destrución e a dor. 
Comezou entón o 1 de maio un traballo intenso con multitude, un total de 45 bosquexos, estudos e apuntamentos en diferentes soportes e con diferentes técnicas, houbo de alugar dúas plantas doutro edificio -e acondicionalo con focos e estufas- dado o gran tamaño do lenzo que non cabía no seu taller e rematar en apenas mes e medio, traballando incluso de noite. Remátao o 4 de xuño. Dora Maar, con quen tiña relación neses tempos, fixo o seguimento fotográfico co que se documenta todo o proceso creativo da obra. Revisamos os estudios de composición, figuras e particulares.

Dora Maar, recoñecida fotógrafa e parella de Picasso, documentou de principio a fin todo o proceso creativo en 24 fotografías -compradas polo goberno español-. A través delas podemos ver as modificacións que vai levando a cabo, como a introdución da lámpada no alto no lugar que antes ocupaba un gran sol e a desaparición do brazo levantado do soldado morto. Colección no Museo Reina Sofía.
Xa entregado o lenzo, aínda continuou, entre xuño e outubro, unha serie de bosquexos e obras sobre as cabezas chorando e a nai con fillo morto, son os denominados postcriptos (post scriptum, continuación). Son pezas ligadas formal e conceptualmente ao Guernica, que formaban parte da doación e que obrigatoriamente  debían ser inseparables do gran lenzo.

Cóntase que durante a ocupación alemá de Paris, un oficial da Gestapo mostroulle unha foto do Guernica a Picasso e preguntoulle "¿Vostede fixo isto?", a o que Picasso respondeu "Non, foron vostedes". Aínda houbo outros feitos bélicos e xenocidas que Picasso levou aos pinceis:
O osario
, en 1944 cando se descubriron as fosas dos campos de concentración nazis, e
A masacre de Corea
, 1951.
Convertida nunha icona contra da guerra, a súa reprodución -total ou parcial-
multiplicouse
en centos de actos reivindicativos en todo o mundo en carteis, pancartas ou murais de art street, ademais de portadas de libros, discos, folletos, tarxetas, selos, adhesivos, chapas ... A ONU, na entrada do Consello de Seguridade, conta cun tapiz na entrada que aparece como fondo cando se fan roldas de prensa, pero en febreiro do 2003, cando o Secretario de Estado dos EEUU, Colin Powell, anunciaba o bombardeo de Iraq,  cubriuse cunha cortina azul có símbolo da ONU. 
Outros "xeitos de fuga" do Guernica son as reinterpretacións que tantos artistas realizaron.



As fugas pasaron tamén a outros ámbitos:



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir