Amosando publicacións coa etiqueta Masaccio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Masaccio. Amosar todas as publicacións

08/11/19

MASACCIO 2


EXPULSIÓN DE ADÁN E EVA, CAPELA BRANCACCI


CATALOGACIÓN

O mesmo, cos cambios precisos

CONTEXTO

Trazos do Quattrocento


ANÁLISE

Un dos frescos de maior interese, xunto co Tributo da moeda, da Capela Brancacci en Florencia.
O tema principal do conxunto pictórico é a vida de San Pedro pero tamén se inclúen, como neste caso, escenas tomadas do Xénese.
Como era habitual cada escena queda enmarcada por elementos arquitectónicos pintados, aquí por medio de piares con capiteis corintios.
Estamos diante dos primeiros nus da pintura renacentista. Masaccio representa na historia da arte o achegamento e a conquista da realidade iniciada por Giotto, as figuras son verdadeiros humanos que contaminados polo pecado son expulsados do Paraíso.
Xa desapareceron os fondos dourados, agora unha paisaxe esquemática, reducida a unhas pequenas montañas, constitúe o novo espacio vital para Eva e os seus descendentes, mentres que o Paraíso queda delimitado pola porta con arco de medio punto á esquerda a carón da cal un anxo, espada en man e con xesto enérxico fai cumprir o castigo divino.
O restante fondo azulado supón a eliminación definitiva dos dourados góticos
Estilisticamente recolle as características de Masaccio: claridade compositiva, de xeito que están todos os elementos precisos pero nada distrae a visión, todo o anecdótico está suprimido; estudio da perspectiva lineal, constatable na disposición diagonal da porta ou no contundente escorzo do anxo; creación de espazo por medio das posturas de Adán e Eva, esta máis atrasada aparece menos nítida e cunha disposición mais diagonal, mentres Adán avanza paralelamente ao espectador; sólidos volumes, nitidamente definidos nos seus contornos por medio da cor; luz homoxénea e cenital, xeradora de equilibrio e harmonía, ven da dereita sen producir claroscuros pero proxectando as sombras das dúas figuras sobre o chan.
Pero sen dúbida o trazo principal ven dado pola expresividade: a dor e a vergoña son reais, sen grandes xestos, o sentir e o dramatismo, fanse patentes. Adán, con paso firme, baixa a cabeza e cobre o rostro en ademán desesperado e reflexivo, Eva, con paso fatigoso, tenta cubrir a súa nudez, ergue o rostro e semella lanzar un berro de dor ao tomar consciencia da caída (un patetismo ao modo helenístico que hoxe nos recorda a Laocoonte, por entón aínda non descuberto). Son agora seres humanos que sofren pola separación da terra feliz, nunca ata este momento se representara tan vivamente o drama do xénero humano, máis que culpables. Masaccio preséntaos como vítimas do poder divino.

En canto ao colorido dominan os ocres, nunha gama reducida, polo que o vermello do anxo destaca aínda mais e acentúa o movemento coa sensación de adiantarse.
A presencia divina está só indicada polos raios de luz dourada que atravesan a porta.
Iconograficamente, Eva cubrindo cos seus brazos a pube e os senos hai que poñela en relación coas "venus púdicas" helenísticas.
Sen embargo a súa anatomía resulta imperfecta en contraste coa maior perfección do corpo masculino, de canon estilizado.
Tempo despois, Miguel Anxo pintará mesmo tema no teito da capela Sixtina e a obra de Masaccio subxace coma fonte de admiración.







31/12/11

MASACCIO


TRIBUTO DA MOEDA. CAPELA BRANCACCI. FLORENCIA




CATALOGACIÓN

Pintura ó fresco realizada por Masaccio na primeira metade do século XV, é pois unha obra renacentista do Quattrocento italiano, momento no que a Florencia dos Medici é o principal centro cultural.
A familia Brancacci patróns da capela, encargaron a súa decoración Masolino quen contrata a Masaccio como colaborador, pero cando Masolino marcha, vai ser el quen se encargue de toda a obra ata que a súa temperán morte impediu que a rematara.
O conxunto pictórico que recolle o tema da salvación da Humanidade que Cristo realiza a través de Pedro, cobre as paredes en dous niveis horizontais e, de xeito similar á obra de Giotto na Capela Scrovegni, as composicións enmárcanse como cadros, neste caso delimitadas por unha cornixa horizontal e pilastras verticais.
O Tributo da moeda encontrase no muro lateral esquerdo do altar no nivel superior, a carón da Expulsión de Adán e Eva do Paraíso.
Os frescos da Capela Brancacci, que moitos denomina a Sixtina do Quattrocento, serán tidas en onta polos pintores posteriores, o mesmo Miguel Anxo as terá como referente cando se encargue da bóveda da Capela Sixtina en Roma.

CONTEXTO

...


ANÁLISE

A obra narra o episodio evanxélico no que Cristo, convencido de que “cómpre dar ó César o que é do César”, manda a Pedro que cumpra con esta obrigación, primeiro recollendo o óbolo que hai que pagar da boca dun peixe (aí o milagre) e despois pagándollo ó recadador. A escena, polo tanto, ten tres momentos ben diferenciados e os tres se representan no cadro:
-En primeiro termo, no centro, o momento no que o recadador, de costas, pide o imposto para soster o templo de Xerusalén, e Cristo (a cabeza non é de Masaccio), vestido coas roupas e cores tradicionais, imperativamente manda a Pedro a cumprir con esa obrigación.
-O segundo, á esquerda, cando Pedro, nun escorzo bastante forzado, recolle o óbolo da boca do peixe morto; feito que en si constitúe o milagre dese episodio evanxélico, pero aquí resulta tratado dun xeito bastante marxinal.
-O terceiro, á dereita, cando Pedro paga ó recadador que se encontra ó lado dun poste (orixe do termino imposto).

Mais as tres escenas non seguen unha orde cronolóxica, pois que, como queda dito, o primeiro feito atópase no centro, o segundo á esquerda e o terceiro á dereita.
Esta aparente contradición xa introduce unha linguaxe nova na pintura. Non se trata de exaltar o milagre en si, como sería normal na arte medieval, senón sobre todo de exaltar unha actitude, unha postura ética, nese caso a de Cristo, que manda pagar o imposto e cumprir así coas obrigas cívicas dunha maneira decidida. Estamos pois no fondo diante dunha alegación a prol da obediencia.
Certo é que aínda se conservan trazos da tradición medieval como os nimbos, neste caso a modo de pratos tratados en perspectiva, e o representar ó unísono as distintas escenas dun mesmo feito, pero aquí están ganduxadas por un mesmo significado moral.
Desde o punto de vista plástico tamén a obra resulta revolucionaria. Destaca en primeiro lugar porque fixa a nosa atención no grupo central, que adquire aparencia de masa compacta, de bloque como remarcando o sentido de solidariedade e de unidade dos apóstolos co seu mestre. ¿Mais como é que se adquire esa sensación de núcleo pechado? En primeira instancia a través da súa disposición en semicírculo en torno do mestre e no tratamento dos volumes, que Masaccio resolve de modo similar a Giotto, é dicir, prescindindo do secundario ou anecdótico, outorga ás figuras un tratamento monumental, pesado e con matices «escultóricos». Ademais, a luz incide con toda rotundidade en Cristo e o grupo, reafirmando así o seu protagonismo; sen esquecer a importancia adquirida de novo pola interrelación psicolóxica entre todos os personaxes e de todos co xesto imperativo de Cristo, repetido exactamente por Pedro e inverso no xesto do recador esixindo o pago.


Hai que subliñar tamén a individualizacións dos apóstolos tanto no seu aspecto físico coma nos estados de ánimo, moi notable nas dúas figuras de Pedro.
A fonte de luz, externa ó cadro, procede da dereita, entra diagonalmente, coincidía coa luz natural que entraba por unha fiestra da capela.
E por se isto fose pouco recórrese tamén a unha solución medieval, pero que adquire agora novas intencións: o grupo mostra unha evidente isocefalia, se ben os pés están a distinto nivel. En realidade, o que fixo Masaccio é baixar o punto de vista. Con isto, en última instancia conséguese insistir na idea de unidade e de grupo compacto de todo o conxunto.
As figuras todas están firmemente asentadas no chan a pesares da postura de lixeiro contraposto, en todas hai un eixo vertical central que vai de cabeza a pes, non hai mais movemento que o que ven dado polos xestos e o insinuado polas miradas. A composición é serea con dominio de verticais realzadas polas escasas diagonais da profundidade e matizadas polas leves curvas das montañas
A cor aplicase en gradación dominando a gama fría na parte posterior para favorecer a sensación de distancia. Cores contrastadas e emprego do claroscuro matizan as formas.
Pero, malia o dito, tampouco existe illamento entre as escenas representadas. Pola contra, a escena da dereita coordinase perfectamente coa principal gracias ó efecto de perspectiva lineal logrado polas arquitecturas que enmarcan a escena. De novo, unha arquitectura brunelleschiana serve de marco á acción de Pedro pagando ó recadador, e serve non só para introducir profundidade senón para engarzar esta escena có grupo principal gracias ás liñas que en diagonal nos levan de un a outro para rematar por confluír na cabeza de Cristo. Da mesma maneira, os brazos de Cristo e de Pedro no grupo principal diríxennos visualmente de modo indirecto cara á escena do milagre propiamente dito -o terceiro feito-, situado á esquerda da composición.
A paisaxe do fondo, que tamén nos recorda a Giotto, practicamente deserta, insiste na idea plástica máis característica do seu autor, a rotundidade das formas, moi debuxadas nos fondos, a súa plena volumetría chea de forza expresiva e vigor.
Esta xa é unha pintura humana e non divina. Próbao a importancia dada ó xesto ético de Cristo, exaltando o grupo principal e non o milagre en si, que se representa de forma marxinal. E próbao tamén a variedade de xestos e actitudes dos apóstolos, que lonxe da idealización medieval, semellan homes rudos e vulgares, pero solemnes ao tempo ante o feito moral e ante o milagre divino.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir